13.5 C
Pontevedra
Sábado, 18 de Maio de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Concellería de Ensino planifica cos equipos directivos o inicio do curso...

    A Concellería de Ensino planifica cos equipos directivos o inicio do curso escolar en Ponteareas ante a COVID19

    Ofrecerase o servizo de aula matinal e de comedor escolar garantindo as distancias sociais e seguridade sanitaria

    A Concellería de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, convocou ás direccións de todos os centros educativos,conservatorio e da escola infantil a unha reunión participativa na que abordar o comezo do curso. Os e as responsables dos centros educativos puideron solventar as dúbidas que tiñan sobre aplicación da normativa COVID19, contactos sanitarios para casos de alumnado afectado, maior protección para o profesorado, etc. Coincidindo deste xeito coa Concellaría de Ensino en que sería beneficioso para a organización do curso a redución da ratio nas aulas, o desdobre das mesmas, dispoñer de máis profesorado e máis recursos para aquel alumnado que así o precise logo da situación vivida no último trimestre.

    “Non podemos entender que a día de hoxe a Xunta de Galicia non teña tomado medidas claras que garantan a seguridade sanitaria nas aulas e promovan o distanciamento interpersoal. Ante esta carencia de decisións e de apoio, dende o Concello acompañaremos aos centros para axudar na medida das nosas posibilidades ao mesmo tempo que esiximos da Xunta financiamento para a implementación das medidas que a administración autonómica non asume, a pesar de ser da súa competencia”, explica Cristina F. Davila.

    No Pleno celebrado no pasado mes de xullo, a Corporación Municipal xa aprobou unha iniciativa do BNG defendida pola propia concelleira, na que se reclamaban actuacións inmediatas por parte da Xunta de Galicia na que se garantiran a saúde do alumnado e na que participaron tamén representantes da FANPO (Federación de ANPAS de Centros de Ensino Públicos das Comarcas do Condado-Paradanta e Louriña).

    No encontro celebrado no salón de plenos da Casa do Concello estiveron presentes o coordinador de enfermería e a responsable do centro de saúde local, Alfonso Porto e Raquel Plana ademais da concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera e do concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

    As directivas dos centros; Escola Infantil, conservatorio, CRA, CEIPs, CPRs, IES e CIFP A Granxa, manifestaron a súa fonda preocupación ante a situación que se pode vivir nas aulas e ante a falta de recursos anti COVID-19 dos que dispoñen.

    A concelleira de Ensino adiantou que se celebrará unha xornada formativa para todas as comisións COVID-19 dos centros educativos locais. Estas comisións, unha vez recibida a información, estarán encargadas de difundila nos seus respectivos centros. Nesta xornada colaborará o centro de saúde local e terá lugar o vindeiro 21 de setembro.

    Cristina F. Davila informou que ademais se reforzará o servizo de limpeza nos centros para garantir que se produzan varias limpezas e desinfeccións ao longo da mañá insistindo no puntos de maior contacto (barandas, pomos, baños, pasamáns…).

    O servizo de conciliación da aula matinal ofrecerase no horario habitual dende as 07:30 horas ata a hora de comezo da actividade lectiva así como o servizo de comedor sempre seguindo as normas de seguridade sanitaria. As familias interesadas serán previamente informadas sobre o novo protocolo e tamén para solventar dúbidas.

    Respecto ás actividades extraescolares aclarouse que quedarán nas mans dos propios centros autorizar ou non o uso de espazos para as mesmas tendo que facerse responsables da desinfección as/os organizadoras/es de cada actividade extraescolar.

    O concelleiro de mobilidade trasladou á comunidade educativa o obxectivo de promover a mobilidade a pé e en bici para acceder aos centros de ensino a través de diferentes medidas, como o establecemento de camiños escolares seguros que se implementarán durante este curso. Mera lembrou que “na vila as distancias non superan os 10 minutos camiñando entre os puntos máis distantes, o que fai innecesario o uso do vehículo a motor para achegarse aos centros de ensino do casco urbano”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.