A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas vén de amosar o seu apoio á candidatura do mestre ponteareán, Rogelio Groba ao Premio Princesa de Asturias das Artes, un galardón que promove e difunde o patrimonio universal dos valores científicos, culturais e humanísticos. O Premio “sería un extraordinario recoñecemento para unha persoa que, como o mestre Rogelio Groba, manifestou ao longo de toda a súa vida un exhaustivo coñecemento e un profundo amor pola cultura musical, tanto polo seu recoñecemento no plano nacional, como para a difusión da súa riqueza patrimonial no exterior”.
A proposta de presentación desta candidatura por parte da Xunta, “que nos trasladou a Orquestra de Cámara Galega, e a Fundación Rogelio Groba, supón un gran recoñecemento para este Fillo predilecto de Ponteareas, xa que o mestre Groba representa a máxima expresión da creación musical galega co catálogo de obras máis amplo e recoñecido de Galicia e destacado a nivel mundial”, sinala no seu comunicado a Asociación de Alfombristas que lembra que algunhas das súas composicións “foron interpretadas por orquestras de indubidable prestixio, tales como a London Symphony Orchestra, a Orquestra de Cámara de Stuttgart, a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Coro Gätchinger ou London Voices“.
“Eses valores que enxalzamos na figura do mestre Groba e que son tan nosos, forman parte dun patrimonio inmaterial que nos diferencia como fillos de Ponteareas”. Salienta a Asociación que “a música é, do mesmo xeito que as nosas alfombras de flores, unha das credenciais de Ponteareas. Este premio sería tamén un recoñecemento á gran tradición musical de Ponteareas”.
O comunicado da Asociacion de Alfombristas so Corpus Christi de Ponteareas remata convidando a todos os veciños e veciñas “a apoiar de forma activa (asinando a folla de apoio) esta candidatura do mestre Rogelio Groba ao premio Princesa de Asturias das Artes”.