10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasSalceda solicita á Xunta de Galicia un Plan de Emprego que beneficiará...

    Salceda solicita á Xunta de Galicia un Plan de Emprego que beneficiará a 100 persoas desempregadas

    O Concello de Salceda de Caselas ven de solicitar unha subvención de 250.000 € á Xunta de Galicia para poñer en práctica un Programa Integrado de Emprego que beneficiaría a 100 persoas desempregadas do municipio. A alcaldesa accidental e concelleira de Emprego e Formación, Verónica Tourón expresou a súa confianza en que a Xunta “atenda a nosa petición e poidamos poñer en marcha este programa necesario para as persoas demandantes de emprego do noso concello, xa que é un programa integral de formación, prácticas e inserción laboral”.

    O plan que se solicita á administración autonómica acollería persoas desempregadas de sectores diversos: discapacidade, risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, mulleres, etc., presentando un obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 40% das persoas participantes.

    As persoas beneficiarias participarían nun mínimo de cinco accións individuais e tres accións de distinta natureza de xeito activo durante os 12 meses de duración do programa. Ademais da formación que se agrupa en catro itinerarios formativos: Administración e Atención ao cliente, Almacén, Produción Industrial e Hostalería, ademais prácticas en empresas da zona coas que o Concello establecerá convenios de colaboración para cumprir co compromiso de inserción marcado.

    O Concello de Salceda conta cunhas instalacións idóneas para levar a cabo este tipo de programas no Centro de Desenvolvemento Local do Torrón, onde se establecería o programa e as técnicas que atenderían ás 100 persoas participantes. No caso de ser concedida esta iniciativa sumarase ás iniciativas municipais que nos próximos meses porá en marcha a Concellería de Emprego.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.