21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos prepara o quinto Programa Integrado de Emprego

    Mos prepara o quinto Programa Integrado de Emprego

    A cuarta edición, aínda sen rematar, acadou un 63% de inserción laboral dos e das participantes

    O IV Programa Integrado de Emprego de Mos aproxímase ao seu fin –xa que rematará o vindeiro 31 de outubro– coa quinta edición do programa xa en marcha. Segundo hoxe informou a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, xa se solicitou o novo Programa á consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia mediante a presentación do proxecto dotado dunha ampla memoria.

    A edil Julia Loureiro espera unha resolución positiva da administración autonómica respecto do V Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos, entre outros motivos polo feito de que Mos, está adherido á iniciativa “Concellos Doing Bussiness Galicia-Concello Emprendedor” para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia.

    “O V Programa Integrado de Emprego MOS 3.0 pretende ser unha continuidade dos programas integrados de emprego anteriores, cuxo éxito está demostrado, e neste momento é referencia no ámbito no que se desenvolve, sendo coñecido tanto polas empresas do noso entorno, como polas persoas demandantes de emprego. A mellora da empregabilidade e a inserción laboral das persoas desempregadas do noso municipio é un obxectivo prioritario das políticas activas de emprego desenvolvidas dende o Concello de Mos” declaraba esta mañá Loureiro.

    Na quinta edición do Programa Integrado de Emprego MOS 3.0 participarán un total de 100 usuarios dos que 5 serán persoas con discapacidade, 20 menores de 30 anos con cualificación, 5 persoas en risco de exclusión, 25 perceptores de desemprego, subsidios por desemprego ou RAI, 20 menores de 30 anos con baixa cualificación, 15 persoas desempregadas de longa duración e 10 mulleres.

    Neste novo Programa o Concello comprométese a acadar, como mínimo, un 45% de inserción.

    Datos do IV Programa Integrado de Emprego

    No actual IV Programa Integrado de Emprego de Galicia Mos 3.0 participan tamén 100 persoas en situación de desemprego. Subliñar que o 63% das persoas participantes do Programa accedeu ao mercado laboral durante diferentes períodos, estando unha gran maioría traballando na actualidade en diferentes sectores. Por outra banda, facer mención a aquelas persoas participantes (4%) que, como resultado das accións de orientación e formación realizadas, decidiron retomar estudos académicos priorizando este obxectivo sobre a inserción laboral.

    Cómpre tamén facer mención aos convenios de prácticas non laborais asinados con diferentes empresas, a través dos cales nove persoas foron formadas (ou o están sendo) nun posto de traballo de cara a unha inserción laboral.

    Neste momento o Programa atópase na recta final, contando con servizos que están en funcionamento de xeito permanente tales como a Aula Aberta de Informática, a través da cal se ofrece acceso gratuíto a equipamento informático e apoio individualizado prestado por persoal cualificado; a Escola de Emprendemento, que ofrece mentorización e asesoramento a aquelas persoas interesadas en desenvolver unha idea empresarial; e clases preparatorias da E.S.O destinadas a aquelas persoas interesadas na obtención deste título nas convocatorias establecidas oficialmente.

    Ademais no último trimestre impartíronse un total de 5 accións formativas que foron cursos de: limpeza industrial, novas tecnoloxías, formación online en idiomas, innovación, márketing, etc.; avaliación das competencias persoais na busca de emprego e permiso de conducir tipo B.

    As accións próximas a implantar antes do remate do IV Programa Integrado de Emprego son a titulada ‘Cociña creativa ou de autor/a- manipulador/a de alimentos’ cunha duración de 40 horas, que comezará esta semana; así mesmo, está previsto a realización dunha visita ao Polígono Industrial de Porto do Molle para coñecer o Centro de Negocios e por outra banda, o vindeiro día 21 de outubro, terá lugar o Seminario de Mobilidade Transnacional, coa finalidade de dar a coñecer as oportunidades de Emprego no ámbito da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

    O IV Programa Integrado de Emprego conta cunha subvención de 250.000 euros da Xunta de Galicia. Encádrase dentro das políticas activas de emprego que se desenvolven dende o Concello de Mos e móstrase como un catalizador de tódalas “oportunidades” de emprego ás que as persoas en busca activa de emprego poden acceder, así como as empresas que buscan perfís determinados para ás mesmas.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria, cofinancia este programa, orientado a explorar novas alternativas de inserción laboral dos demandantes con especiais dificultades de acceso ao emprego. Dos seus 100 usuarios participantes 6 son persoas desempregadas en risco de exclusión social (incluidas as perceptoras de Risga), 4 persoas con dicapacidade, 35 persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, 25 persoas desempregadas menores de 30 anos cualificadas, 25 persoas desempregadas maiores de 45 anos, e 5 persoas cobrando prestación ou subsidio de desemprego.

    Trátase dun Programa Integrado de Emprego, homoxéneo, global e sistémico que permitiu establecer itinerarios individualizados e integrados de inserción, orientados á mellora da ocupabilidade dos participantes no programa, á mellora das competencias profesionáis, a través de formación adaptada ás necesidades detectadas en colaboración coas empresas colaboradoras do proxecto, ou ben a través de formación transversal e complementaria, que complete o perfil do usuario, derivándoo a un período de prácticas nas empresas, cuxa finalidade é a participación nos procesos selectivos que a empresa esté desenvolvendo e finalmente a inserción.

    Consolídase con esta cuarta edición a actuación de intermediación laboral que dende a concellería de Emprego -a través da Axencia de Colocación- se realiza, e enriquécese con ferramentas novedosas e innovadoras, que apostan totalmente polo contacto directo e continuo co tecido empresarial, perseguindo cubrir as necesidades de persoal, con perfiles profesionais que se axusten ás súas necesidades.

    O orzamento total do proxecto é de: 312.000 €. O equipo directivo está formado por 3 técnicos/as de orientación e prospección laboral e intermediación laboral. Entre outros, o servizo fundamental que ofrece o Programa Integrado de Emprego é atención persoalizada e grupal ás persoas participantes.

    A metodoloxía de traballo está baseada en técnicas de coaching, e serán as persoas desempregadas os propios protagonistas dos seus procesos de empregabilidade. O obxectivo é mellorar a súa empregabilidade dende unha óptica que os sitúa nunha posición activa, comprometida e solidaria ante os grandes retos que impón a situación actual.

    O programa concibe á persoa desempregada como a portadora das competencias necesarias para facer frente á situación, e por elo, aplica un programa de traballo deseñado para potenciar a adquisición, desenvolvemento e/ou descubrimento de ditas competencias. Para logralo, é fundamental o traballo sistemático e organizado dun equipo de desempregados/as de distintas idades e cualificacións, que funcione seguindo un modelo de empresa, baixo a responsabilidade dun profesional competente e especializado neste modelo de intervención. Ademais de atención persoalizada, os/as beneficiarios/as do Programa Integrado de Emprego reciben formación e intermediación laboral coas empresas, así como formación específica establecida coas empresas colaboradoras, co obxectivo de acadar compromisos de inserción.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.