Un ano máis, o Concello de Tomiño financia un amplo programa de actividades extraescolares de balde ao longo de todo o curso, nos distintos centros educativos do municipio. Tras o receso vacacional, reanudáronse as actividades extraescolares, de carácter gratuíto, para o alumnado de educación infantil e primaria.
Este curso 2019-2020, a oferta inclúe inglés, multideporte, lingua de signos, zumba e os obradoiros ‘Imaxinacción’ e ‘Emociónate’. Esta actividade é unha nova proposta para o alumnado de educación infantil, na que se traballa a intelixencia emocional, abordando de forma lúdica, contidos relacionados co autocoñecemento, a autoestima, a xestión das emocións, especialmente da frustración; o autocontrol, o traballo colaborativo e as habilidades sociais.
Deste xeito, máis de 350 escolares asistirán a estas actividades, para as que, nalgunhas disciplinas, foi necesario facer varios grupos debido á gran demanda de inscricións, que superaban o número máximo disposto para cada actividade.
O programa é unha iniciativa da Concellería de Educación que xestiona Cristina Martínez e para a selección das actividades, tivéronse en conta as características de cada centro, a acollida entre o alumnado –mínimo de 10 persoas interesadas por actividade–, e tamén a vontade de incentivar a empregabilidade e o emprendemento, polo que se contactou con profesionais da zona directamente e non con empresas.
O programa de actividades esténdese entre os meses de outubro de 2018 e xuño de 2019, e representa un investimento superior a 15.000 euros.
Cristina Martínez, concelleira de Educación, salienta o afán de brindar cada ano as actividades extraescolares “que os propios colexios solicitan”, pero ao mesmo tempo, ofrecer unha proposta “equilibrada e novidosa, rica en valores coma a cooperación, a tolerancia, e fomentando ademais a igualdade de xénero e de oportunidades”.
“Este programa –sinala Martínez– tenta ofrecer accións formativas en igualdade, co propósito de que todo o alumnado poida asistir ás clases que elixa, sen que o custe das mesmas, sexa un impedimento para aprender e integrarse”.