Venres, 18 Xullo de 2025

Chegan ao Porriño os pinchos polo Entroido

Un total de 24 establecementos de hostalería participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2023 do Porriño. Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración con AHOSPOR, para poñer en valor a hostalería local, promocionar o comercio e dinamizar a vila aproveitando os días de Entroido.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de cultura, Bienvenido Estévez, a concelleira de Comercio, Antía Carrera, e o presidente de AHOSPOR, José Manuel Fernández, foron os encargados de presentar hoxe esta iniciativa.

“Dende este fin de semana e ata o 25 de febreiro poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros, cada venres e sábado a partir das 19 h”, explicou o concelleiro, Bienvenido Estévez.

“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustadas ao módico prezo de 1 euro”, indicou o presidente da asociación de hostaleiros.

Pola súa banda, o rexedor animou a toda a cidadanía do Porriño, e tamén á veciñanza dos  municipios da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis que cunha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para disfrutar xuntos destas festas á vez que contribuímos a revitalizar a nosa vila e a nosa economía”. O rexedor agradeceu a AHOSPOR unha vez máis o seu dinamismo e iniciativa que contribúen ao desenvolvemento do Porriño.

Establecementos participantes: Adega de Montero, A Francachela, Bar La Guía, Bar Liceum, Bolboreta Café, Cafetería El Pincho, Cafetería El Sol, Cafetería Platinum, Chicoria Alimentación, Cólleo con pinzas, Galibar Centro, Hotel Parque, La Bendecida, La Bici, La Cueva, La de Chato, Mesón Argentino 2, Nómadas, O Lar de Lore, Origen Café, Paso a Nivel, The Classic, Underground, Urban Café.

A Cañiza contará co skatepark e co pumptrack máis completos de Galicoa

0

Unha nova disciplina deportiva que se converterá tamén en reclamo, para uso de todos os veciños e visitantes que decidan apostar por A Cañiza como destino turístico. Os trazados das pistas de skatepark e do pumptrack buscan a integración de todos os usuarios segundo a idade, modalidade e experiencia.

Incluirá elementos innovadores de tal modo que unha persoa menos experimentada poida acadar unha evolución superando diversas etapas dunha forma segura.

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, visitou esta mañá as obras acompañado do deseñador das pistas, Alex Durán, técnico da empresa viguesa CROMOLY S.L., contratada pola mercantil encargada da execución da obra, para dirixir o proxecto.

A superficie de actuación está formada por unha explanada de 3.305 m2 aproximadamente.  Dividida en zona verde (con 744 m2), zona de skatepark (1.820 m2), zona de pumptrack (715 m2) e por último una pequena zona de acceso de 26 m2.

Pistas deportivas de skatepark e pumptrack

O BOWL. A súa forma permite facer unha infinidade de liñas e ten un deseño característico. Cunha profundidade de 1,60 m e radio de curvatura de 2,45 m., se complementa cunha pa central que sobresae un 1 metro de altura e unha extensión en curva, onde a parte mais alta ten 2,45 m. Por fóra o deseño se complementa cun hump que enlaza cara á zona de street.

Contará con diferentes tipos de planos inclinados e ramplas que ofrecerán un amplo abanico de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias, para distintas disciplinas como skate, bmx, scooter e roller. 

O PUMPTRACK está composto por un circuito ondulado con “dubies”, mesetas, curvas e peraltadas. A particularidade é que os usuarios se impulsan con inercias, grazas ás ondulacións que compoñen o carril.

O SKATEPARK está totalmente integrado na zona con taludes ocultos mediante aporte de terras e revexetados para integrar o deseño paisaxísticamente na zona.

A zona street, en formigón pulido en dous cores, gris claro e gris oscuro, terá elementos en outros materiais, como granito gris alba. Nesta zona se integrarán diferentes caixóns, escaleiras, varandas e ramplas, todo elo interconectado coa zona da miniramp e de bowl, de forma que se poida executar un trazado continuo entre elas.

O Festival Taíña de Tomiño celebra o seu 20 aniversario

0

O Festival Taíña celebra este ano o seu 20 aniversario por todo o alto e coa promesa de converterse nunha cita imprescindible do entroido galego. Enmarcado no entroido goianés, este evento está organizado pola Asociación Cultural Taíña, unha plataforma participativa, comprometida e que traballa desinteresadamente dende os seus inicios a prol da cultural e da comunidade e que ano tras ano continúa reinventándose e renovándose xeracionalmente dando conta da sensibilidade e inquietude singular que xorde nesta rexión miñota.

O festival celebrarase o vindeiro sábado 18 de febreiro na praza Pintor Antonio Fernández de Goián a partir das 22.00 horas. Esta nova edición trae consugo un cartel ecléctico e festivo con algúns nomes ben coñecidos da escena galega e estatal. A festa contará cos directos e performance de High Paw, Akazie x Russ (DJ set), The Rapants e Candeleros. As propostas abarcan xéneros musicais diversos, dende o pop/rock con certas tinturas bravú de The Rapants, que estarán presentando o seu novo LP “O corasón como un after”, ata o reggae e R&B da viguesa High Paw.

Unha das actuacións máis especiais será, sen dúbida, a de Candeleros, grupo madrileño que bebe da cumbia, o merengue e o dub, entre outros, influencias que entregan a un exorcismo sonoro. Estes pasaron por festivais como Sonorama Ribera, o Sziget Festival (Budapest) e o Festival BAM (Barcelona). Así como en plataformas como KEXP Radio (Seattle) e SXSW (Austin).

O festival terá como peche ás DJ e produtoras Akazie e Russ, que presentan unha perspectiva da música electrónica deconstruída e experimental que promete baile e groove durante horas.

O Porriño prepárase para o seu entroido multitudinario con 1.400 participantes

No Porriño xa está todo listo para celebrar o Entroido. Tras os últimos anos marcados polas restricións retómanse estas festas cunha celebración multitudinaria que encherá as rúas de cor, música e humor.

A  programación preparada dende a concellería de Festexos, que dirixe Bienvenido Estévez, presentouxe hoxe xunto ao CEIP Xosé Fernández López, xa que será unha alumna deste colexio, Helena Gayoso, de 11 anos de idade, a encargada de ler o pregón xunto aos seus compañeiros dende o balcón da casa consistorial como marca a tradición. O seu deseño foi o gañador do II Concurso Escolar de Carteis convocado dende a concellería de Educación e polo será a imaxe deste Entroido.

Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, a vila superarase este ano congregando a 14 comparsas con 1.400 participantes nos desfiles do sábado 18 e o martes 21, que cos seus disfraces e coreografías farán as delicias do público.  

Non faltarán as tradicionais citas co Xogo da Ola, que este ano chega á súa 79 edición, e co Enterro da Sardiña, que estará precedido polo pertinente velorio no Círculo Recreativo Cultural.

A música xoga un importante papel na programación, xa que ao rematar os desfiles a festa non parará. O sábado actuarán o grupo Broken Peach e o dj urbano con máis sona do momento, Alvama Ice, acompañado por Omy Cid. O martes o fará a Orquestra América. Será na praza Arquitecto Antonio Palacios con entrada gratuíta.

Os máis pequenos tamén terán momentos para eles, con Obradoiros Infantís de Entroido na praza e inchables.

“É o momento de deixar de lado os problemas e preocupacións do cotiá e gozarxuntos do noso entroido, unha festa que no Porriño vivimos con moita intensidade”, explicou o rexedor, que felicitou á pregoeira e convidou a todo o mundo a encher as nosas rúas e disfrutar do que o Entroido porriñés ofrece.

II Concurso Escolar de Carteis de Entroido

A inclusión está moi presente no deseño de Helena Gayoso. Tal e como explicou  “no meu cartel quixen reflectir a idea de que o Entroido do Porriño é para todos e todas, unhas festas das que podemos disfrutar todos por igual”.

O seu cartel, ademais de impoñenrse na súa categoría, foi o elexido polo xurado -formado polo alcalde,  Nuria Vilanova, Juancho, Nito Pereira, Andrea González e Chelo Rodríguez- de entre os máis de 200 que se presentaron.

No concurso tamén resultaron premiados Lara Villanueva (1º Categoría de 6 a 8 anos), Julia Varela (2º Categoría de 6 a 8 anos) , Xoel Conde (3º Categoría de 6 a 8 anos), Mara Vicente (2º Categoría de 9 a 12 anos), María Delgado (3º Categoría de 9 a 12 anos), Laura Puime (1º Categoría de 13 a 16 anos), Sara Romero (2º Categoría de 13 a 16 anos) e Alicia Rodríguez (3º Categoría de 13 a 16 anos).

A Xunta solicita que o galego forme parte da plataforma ‘Online Language Support’ do programa Erasmus+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá en Estrasburgo na sesión do Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo para tratar a inclusión do galego, o catalán e o éuscaro na plataforma Online Language Support (OLS) do programa Erasmus +. Esta aplicación, gratuíta e en liña, ten como finalidade facilitar aos estudantes que se acollen ao programa de mobilidade europea Erasmus e aos participantes do programa europeo de solidariedade (European Solidarity Corps) a aprendizaxe das linguas oficiais da Unión Europea, así como do islandés, macedonio, noruegués, serbio e turco.

O representante da Xunta sinalou que as tres universidades públicas galegas “reciben cada curso algo máis de 1000 alumnos e alumnas para realizar os seus estudos como participantes do programa Erasmus +”.

Neste marco, Valentín García fixo fincapé en que o slogan a través do que se promove Erasmus+ 2021-2027 afirma que este programa “é máis inclusivo, máis dixital e máis ecolóxico”.  “Cómpre que a lingua galega, o código de comunicación dun millón e medio de falantes na actualidade, estea presente na Online Language Support para que as persoas que cursan os seus estudos en Galicia poidan integrarse na nosa sociedade en xeral e na comunidade universitaria en particular”, sinalou.

Ademais, o representante do Goberno galego aproveitou para lembrar que a lingua galega, “que formou parte dun tronco lingüístico común co portugués ata o século XV, é aínda a día de hoxe unha porta de entrada perfecta no amplo mundo da chamada lusofonía, que engloba un total de 250 millóns da falantes en catro continentes”. Deste xeito, “dándolles a posibilidade de aprender o galego, estáselles entregando tamén unha chave para abrir esa porta”, dixo. A solicitude de inclusión das tres linguas cooficiais na OLS foi impulsada pola Xarxa Vives d´Universitats, que engloba 22 universidades de Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e Andorra. Co tempo, foi sumando o apoio de numerosas universidades e gobernos autonómicos do resto do país, incluíndo recentemente a do Ministerio de Universidades do Goberno de España. A decisión final será tomada pola Unión Europea tras un período de reflexión.

Ponteareas inicia as obras dun novo parque na rúa Sarmiento Rivera

As obras do novo parque, situado na rúa Sarmiento Rivera, iniciáronse esta semana cos traballos de roce e selección do arborado, así como co baleirado da construción que será obxecto de rehabilitación para uso público.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; o primeiro e segunda tenente de alcaldesa, Roberto Mera e Chus Garrote; e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, visitaron as obras do futuro parque, que terá preto de 3.000 metros cadrados. A rexedora salientou que esta actuación “é un exemplo da planificación e rigor co que actúa o goberno municipal. Anunciamos o pasado ano que se faría o parque e xa están as obras en marcha para finalizalas en aproximadamente dous meses”. A segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote salientou que “as obras non teñen ningún custo para o Concello grazas á aprobación do PXOM, que logramos tras 20 anos de parálise”.

A creación do parque irá acompañada da humanización da rúa Curuxeira que une a rúa Sarmiento Rivera coa rúa Redondela.

O parque contará con moito arborado de gran porte, ao aproveitarse unha parte importante das árbores xa existentes. Segundo explica o goberno municipal do BNG-PSOE, realizouse un completo informe técnico forestal que determinou que árbores se podían conservar polo seu estado ou interese e cales debían cortarse polo seu mal estado, perigosidade ou exceso de densidade. Ademais, determinouse tamén o transplante dalgúns exemplares situados fóra do ámbito do parque e a plantación de novas árbores.

Arranca unha nova edición de “Descúbreas”

A sede de Vigo da Deputación encheuse onte pola tarde de música para dar un espectacular inicio á terceira edición de “Descúbreas”, o programa que impulsan a institución provincial e Regalamúsica para promover a participación das mulleres na industria musical. O público encheu por completo a sala Rosalía de Castro para desfrutar dunha vibrante gala-concerto conducida por Xía Rodríguez  e A Riso (Alba Nogueira), participantes na primeira e segunda edición de “Descúbreas”, na que se puido gozar, por vez primeira e en directo, dos temas que as mozas da segunda edición gravaron durante a súa participación no programa. No transcurso da gala a presidenta Carmela Silva reivindicou a necesidade de “rachar coa fenda de xénero na música” remarcando que “as mulleres son maioría nas escolas e música e conservatorios pero seguen a ter grandes dificultades para construír unha carreira musical”.

“Descúbreas”, que ten conseguido xa o Premio Martín Códax da Música ao mellor espazo de comunicación e divulgación musical, trátase, en palabras da presidenta provincial, “dun dos proxectos aos que lles teño máis afectos”. Subliñou que “cada vez hai máis mulleres fortes na música e que temos en Galicia, na nosa provincia, mozas con grande éxito nacional e internacional pero aínda é moi insuficiente. Por iso precisamos apostar por este programa, é unha obriga que dentro do relato político as mulleres estean no centro, particularmente na música”. Neste eido remarcou que o obxectivo principal de  “Descúbreas” é romper coas “inxustizas” que existen na industria musical a través “dunha plataforma e un programa de mentorización para oito rapazas que, ademais de participar da formación tamén se relacionan con promotoras e produtoras musicais”. E puxo en valor as sinerxías acadadas nestes anos: “traballamos cos festivais de música para que poidan participar activamente e temos un acordo cos concellos para que as contraten nas actividades culturais que organizan durante todo o ano”.  Tamén felicitou as rapazas polas “marabillosas” pezas presentadas  e animou ao resto de nenas con perspectivas de dedicarse á música “a que participen no programa. Será unha experiencia memorable, na que estarán arroupadas polas e os mellores profesionais do sector”.

Durante a gala-concerto cinco das oito rapazas que participaron na segunda edición presentaron en vivo por primeira vez os seus temas elaborados durante “Descúbreas”: Ane Swan interpretou ‘Queen among shadows’, A Riso ‘I eu?’, Caro Lemos actuou co seu tema ‘Despiértate’, María Gabeiras presentou ‘Impuntual’ e, finalmente, Sara Casas interpretou ‘Silencio’. Todas elas volveron subir xuntas ao centro da sala Rosalía de Castro para sorprender coa segunda gran sorpresa musical da noite: un retrouso do tema ‘Penélope’ de Guadi Galego en homenaxe á artista, que actuou como madriña do programa ao participar no concerto de despedida da 1ª edición de “Descúbreas” no Castelo de Soutomaior, e cuxa canción ‘Matriarcas’ foi ademais a escollida para a primeira peza colaborativa que o programa elabora todos os anos coas escolas de música da provincia. Ademais Xía Rodríguez e A Riso protagonizaron un dos momentos máis especiais da noite: a súa actuación a dúo co tema ‘Ya no’ da propia Xía Rodríguez.

Alba, Ane, Caro, María, Sara e Xía non estiveron soas no escenario, senón que estiveron moi ben acompañadas. Catro músicas galegas profesionais moi recoñecidas na industria apoiáronas durante as súas actuacións: a baixista Ana Lucía Pérez, coñecida por ser integrante de bandas como Agoraphobia, a guitarrista Laura Solla, a pianista Lidia Aldao e a batería Marina Acuña. Elas catro foron as encargadas de desvelar, deste xeito, unha novidade deste ano no marco de “Descúbreas”, que segue tecendo redes activistas de sororidade no sector para apoiar as mozas e rapazas que están a dar os primeiros pasos das súas carreiras profesionais. Así, de cara a terceira edición,o programa da Deputación e Regalamúsica contactou con numerosas intérpretes profesionais para conformar unha banda de apoio que acompañará as rapazas mentorizadas, segundo a dispoñibilidade das súas integrantes, durante as súas actuacións.

Na gala tamén se presentaron as demais novidades do programa a través de breves vídeos explicativos, con iniciativas como a propia banda de apoio ou unha xornada de networking con profesionais do sector. Ademais, nas pezas audiovisuais tamén se lembraron os grandes fitos das pasadas edicións de “Descúbreas”, avanzouse o novo programa de mentorías (cuxas bases se publicarán hoxe xoves no BOPPO) e escoitouse as tres rapazas mentorizadas o ano pasado que non puideron acudir á cita (Sara Baños de Todo Mal, Amparo e Marina Vigo).

Baiona acolle o Torneo Senior de Flag Football

0

O vindeiro domingo, 19 de febreiro, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, e o recién creado club local de Baiona, ”Os Conquerors”, disputarán no campo de fútbol “O Aral” do seu primeiro Torneo Senior de Flag Football (Fútbol Americano sen contacto).

De carácter amigable, esta competición contará coa participación de Santiago Black-Ravens, Canteiros de Pontevedra, Hammers Academy de Porto e os propios Baiona Conquerors.

O campo abrirá as súas portas ás 14:00 e a entrada será gratuíta.

Ponteareas chega ao Entroido doando sangue

O Entroido chega a Ponteareas cunha nova visita dunha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, que estará na vila os días 16 e 17 de febreiro a disposición de todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. Como vén sendo habitual, o autobús estará situado na Avenida de Galicia, na parte traseira da Casa do Concello, hoxe xoves 16 en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 21.00 horas e o venres 17 só en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas. Para maior axilidade recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

É importante lembrar que poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento. A concelleira de Saúde, a tamén alcaldesa Cristina Fernández, lembra que cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que recolle unha sangue que despois é procesada e analizada nas dependencias centrais. Só deste xeito é posíbel enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de persoas doentes os 365 días do ano

Arbo celebra o entroido cun desfile de comparsas

0

O Concello de Arbo convoca, dentro das actividades programadas para o “Entroido 2023”, un Desfile de Comparsas para o vindeiro día 19 de febreiro. As persoas que desexen participar deberán anotarse nas oficinas do concello ou a través do persoal municipal identificado (ata unha hora antes do inicio do desfile).

Para as comparsas de 15 ou máis membros, establécense 4 premios. A que obteña maior puntuación recibirá un premio de 450 euros. A segunda , un premio de 225 euros. A terceira un premio de 100 euros e a cuarta percibirá un premio de 50 euros.

Para as comparsas de 5 a 14 membros establécense tamén 4 premios. A que obteña maior puntuación recibirá un premio de 130 euros. A segunda, un premio de 70 euros. A terceira un premio de 30 euros e a cuarta recibirá tamén un premio de 30 euros.

Para as comparsas infantís (15 ou máis membros menores de 12 anos) establécense, de igual xeito, 4 premios. A que obteña maior puntuación recibirá un premio de 140 euros. A segunda, un premio de 70 euros. A terceira e a cuarta recibirán un premio de 30 euros cada unha.

Por último, para a mellor máscara estableceranse tamén 4 premios. Un primeiro premio de 70 euros. O segundo será de 35 euros. O terceiro e cuarto premio será agraciado con 20 euros para cada un.

O desfile sairá ás 17.30 horas da Carballeira de Turbela. Ano tras ano, o percorrido ata a Praza do Concello é todo un éxito, contando con distintos espectáculos protagonizados polas comparsas e os colaboradores. Na lista de participantes sempre hai anotadas formacións chegadas doutros concellos limítrofes e mesmo de Portugal.  

As subvencións Ágora da Deputación alcanzan ao 77 % dos concellos da provincia

“A recuperación do espazo público está na axenda política local da provincia”. Así o manifestou o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos provincial, Uxío Benítez, ao  expoñer os datos das subvencións Ágora concedidas aos concellos para realizar actuacións de transformación urbana e gañar espazos para as persoas.

Segundo destacou, os números amosan unha tendencia moi clara dos gobernos locais, que están a apostar por planificar a recuperación do seu espazo público. Na terceira e última convocatoria, explicou, solicitáronse axudas para redactar 93 proxectos por parte de 37 concellos Ágora, unha cifra que esgota o orzamento de 900.000 dispoñible. Neste sentido, Benítez destacou que se ampliará a partida noutros 550.000 euros para atender todas as peticións.

“A convocatoria e o programa están a ser un éxito. A cifra de proxectos presentados foi un récord e impos suplementar o crédito para financiar todas as actuacións. Isto é síntoma de que Ágora conseguiu que recuperar o espazo público sexa máis fácil. Estamos a crear un efecto bola de neve e a converternos nun dos territorios nos que máis importancia se dá ao espazo público”, insistiu.

Como datos globais, Benítez explicou que grazas ás axudas Ágora nos últimos dous anos estanse a impulsar 207 actuacións en 47 concellos da provincia sumando todas as convocatorias. As subvencións, así, chegaron ao 77% dos concellos da provincia, unha cifra que sube ata o 80% ao ter en conta que hai que deixar de lado a Pontevedra e Vigo por ter máis de 50.000 habitantes e non ser potenciais beneficiarios.

En canto a investimento total, na primeira convocatoria inxectáranse 2,35 millóns de euros, que impulsaran 38 actuacións (7 obras e 31 proxectos) en 38 concellos; na segunda convocatoria 1,96 millóns de euros destinados a 76 proxectos en 26 concellos; e outros 900.213 euros, aos que se sumarán os 550.000 euros extra. Xa se está a traballar, ademais, nunha futura nova edición das subvencións.

En canto ao tipo de proxectos subvencionados, Benítez resaltou que moitos concellos apostaron por proxectos de grandes actuacións (que recibían a contía máxima da subvención) e outros por actuacións máis modestas en pequenas prazas ou contornas rurais nas que se crearon espazos de convivencia, algo que demostra, segundo dixo, “que o modelo Ágora non é só de aplicación urbana”.

Subliñou que, en todos os casos, os proxectos solicitantes cumpren cos requerimentos de supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista  (sendas) todas teñen unha superficie mínima de 100 metros lineais e un largo mínimo de 2,5 metros.

Por comarcas, no Salnés financiáronse coas ‘Subvencións Ágora’ ata agora 27 proxectos de seis concellos (Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía, Meaño, Meis e O Grove), no Morrazo 18 proxectos de cinco concellos (Bueu, Moaña, Marín, Cangas e Vilaboa), na área de Vigo 30 proxectos de cinco concellos (Soutomaior, Redondela Mos, Porriño e Pazos), na comarca de Caldas 14 proxectos de seis concellos (Portas, Catoira, Moraña, Caldas, Valga e Pontecesures), no Val Miñor 16 proxectos en catro concellos (Baiona, Nigrán, Gondomar, Oia), no Baixo Miño 43 proxectos –o maior número da provincia- en cinco concellos (Rosal, Tui, A Guarda, Tomiño e Salceda), na comarca de Pontevedra 14 proxectos en tres concellos (Poio, Ponte Caldelas e Cerdedo Cotobade), no Deza Tabeirós 13 proxectos en cinco concellos (Silleda, Vila de Cruces, A Estrada e Lalín e Agolada, que se adheriron nos últimos meses), e no Condado Paradanta 31 proxectos en oito concellos (Ponteareas, Arbo, Mondariz Balneario, Mondariz, Salvaterra, Cañiza, Covelo e As Neves).

 “Nós estamos a axudar a impulsar o modelo e os proxectos, a axudar tecnicamente na súa concepción e tamén a financiar, xa que moitos reciben outras axudas da Deputación, non só de Ágora, senón tamén a través do Plan Concellos, ReaCPON e outros. Tamén damos asesoramento para acceder a outras liñas de financiamento europeo e de onde se poidan sumar máis cartos”, subliñou o deputado.

Así, mesmo, e  lembrando que o obxectivo de Ágora foi dende o inicio crear un “movemento” arredor da recuperación do espazo público para convertelo en elemento central na axenda dos concellos, destacou que tamén se puxeron a disposición ferramentas formativas (Facultade Ágora), de asesoramento, ou divulgativas (#FotoÁgora), entre outras.

O Programa Integradode Emprego de Mos acada xa a súa oitaba edición

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, visitaron ,na Axencia de Colocación do Concello de Mos, aos participantes no Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos que comezou o pasado novembro e que acada xa a súa oitava edición, que conta con subvención auntonómica da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que aporta 250.000 euros do total de 314.465,41 euros que custa o proxecto. O importe restante é cofinanciado pola administración local mosense.

A visita das representantes municipais produciuse con motivo da Ponencia de Manuel Conde “Cómo transformar-te desde la adversidad. Ponte un sueño y ¡HAZ QUE PASE! Mis 5 revelaciones inspiradas en EDISON”. Esta charla reuniu por primeira vez, na Axencia de Colocación de Mos, a todos os 100 usuarios do Programa Integrado de Emprego desde o seu inicio no mes de novembro.

A conferencia abordou claves para a busca activa de emprego centradas en conceptos como que o éxito non está na meta, senón en non desanimarse nunca, que os erros son como os tropezos dos nenos, os penúltimos; que a intuición é unha xoia de valor incalculable. Tratou tamén sobre como elixo vivir o que me sucede e sobre que quen destrúe os soños alleos é porque non soubo lograr os propios.

Manuel Conce é fundador – director da Editorial Supérate. Formado en Intelixencia Emocional Nivel I e II. Adestrador Nacional de Fútbol. Autor de diversos libros de Transformación Interior. E conferenciante tanto a nivel Nacional como Internacional.

Os colectivos que participan nesta Edición VIII (2022-2023) do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos son: Persoas desempregadas con discapacidade (5). Persoas desempregadas en risco de exclusión social (incluidas as perceptoras de Risga) (5). Persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación (20). Persoas desempregadas menores de 30 anos cualificadas (20). Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios de desemprego ou renda de inserción activa de inserción (RAI) (25). Mulleres desempregadas (20). Persoas desempregadas maiores de 45 anos (5). TOTAL 100.

Obxectivo final do programa

  • A mellora da empregabilidade das persoas participantes.
  • Ser un instrumento útil para as empresas, traducido na adecuación dos perfís profesionáis para unha posible incorporación ás suas empresas.
  • A inserción dun mínimo dun 45% das persoas participantes.

Medidas de apoio ao participante: as persoas participantes reciben unha axuda de 7 €/día por participar nas acciós que se establezan nos seus itinerarios de inserción e medidas de conciliación, se as necesitan.

Máis de 900 persoas participarán en Tui no Concurso Desfile de Entroido

0

O Concello de Tui retoma con forza a súa programación de Entroido coa celebración da trixésimo cuarta edición do Concurso Desfile de Comparsas que terá lugar o próximo martes 21 de febreiro, xornada festiva local na cidade.

As 12 comparsas que participarán este ano desfilarán con 15 carrozas e percorrerán dende as 17.30h da tarde as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. En total, máis de 900 participantes e 45 músicos que amenizarán o percorrido polo centro urbano de Tui aos milleiros de veciños e veciñas que se acheguen a vivir o Entroido tudense.

Tres son as categorías nas que competirán as comparsas neste desfile. Na de Fantasía participarán a Asociación Comparsa Terra de Condes de Redondela e tamén a Asociación Cultural Paradela de Gondomar. Na categoría sen acompañamento musical desfilarán a Asociación Cultural Parada do Miñor de Nigrán, a Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo en Salceda, a Asociación A Pandilla de Pontecaldelas, a Asociación Cultural de Pontellas do Porriño e a Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar. Por último, na categoría con acompañamento musical, participarán a Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei, a charanga tudense Cantos Somos, a Asociación Cultural Arume de Malvas, a Asociación en Loureiro coma sempre de Salceda e a Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño.

En total, haberá 5.600 euros en premios e trofeos aos que poderán optar todas estas asociacións festivas. Logo do seu desfile, e mentres o xurado delibera estes sete premios en liza, seguirá amenizando a festa a Orquestra Miramar.

Debido á celebración deste desfile, haberá un dispositivo especial de tráfico. Deste xeito estará prohibido o estacionamento e a circulación nas rúas do percorrido o propio martes entre ás 14 h e ás 21 h. Amais, as rúas Augusto González Besada e Calvo Sotelo serán de dobre sentido de circulación entre as 14h e as 21h, polo que estará prohibido o estacionamento dende as 10h até as 21h dese mesmo martes nestas rúas. Por último, no aparcamento municipal, na traseira do edificio Francisco Sánchez, haberá unha zona delimitada onde non se poderá estacionar dende as 14h do luns 20 até as 8 da mañá do mércores 22 debido á colocación do escenario da orquestra.

O alumnado do obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós’ fórmase en linguaxe de signos

A nova edición do obradoiro de emprego dual ‘Coidar de Nós’, do Concello de Ponteareas, segue traballando a prol da inclusión, non soamente laboral dos seus veciños, senón tamén social. Por primeira vez, o alumnado da especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e institucións sociais recibe formación específica en linguaxe de signos.

“Ademais de completar a aprendizaxe do alumnado, con esta iniciativa buscamos poder superar a barreira de comunicación coas persoas xordas ou con outras patoloxías coas que traballan as e os participantes no obradoiro de emprego, xa que moitas destas persoas teñen unha situación de desamparo no ámbito sociosanitario”, explica a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

Fernández salienta que a través desta formación dáse un paso máis para poder lograr a igualdade efectiva entre persoas usuarias e profesionais “cumprindo así coa atención as necesidades comunicativas que poden presentarse nunha situación de asistencia sociosanitaria, tanto na diagnose como durante os procesos terapéuticos”.

Trátase dunha innovadora formación de 20 horas que xa se está a impartir no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo e na Residencia Santa Ana do Concello de Ponteareas por unha docente experta.

Co obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós V’, dende o Goberno municipal do BNG-PSOE trabállase para favorecer a inclusión no mundo laboral da veciñanza ponteareá, mellorando a súa empregabilidade en sectores con alta demanda na vila e na contorna. Nesta quinta edición do programa 20 persoas accederon a este obradoiro de emprego dual nas especialidades de atención sociosanitaria ou albanelería, accedendo a un contrato de formación en alternancia a xornada completa durante 12 meses. Ademais, neste período tamén se contrataron a seis traballadores e traballadoras para formar o equipo técnico docente que imparte a formación.

O obradoiro dual de emprego conta cun investimento de arredor de 50.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de 504.000 euros pola Xunta de Galicia a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade.

Conta atrás para o Entroido guardés 2023

0

Entre o 18 e o 21 de febreiro a Guarda acollerá os festexos de Entroido que foron pensados co espírito festivo que corresponde a estas datas e todo tipo de gustos e idades.  A música, o humor e as propostas infantís serán os ingredientes principais destas datas.

Sábado de Entroido, carreira e concerto

A programación comezará o Sábado 18  ás 18:00 h coa celebración da carreira de Entroido, que cun pequeno percorrido de tan só 4km. está pensada para a participación de tódolos públicos. As inscricións están abertas ata o xoves a través de https://www.deporticket.com/web-evento/8054-a-carreira-do-entroido.

Será pola noite cando comece a festa co Concerto do grupo guardés “Castro Y los Escoltas” ás 23:30 h, ao que lle seguirá a sesión de DJ WASS.

Neste concerto poderemos ver e escoitar á banda guardesa liderada por Miguel Castro, membro de The Pretty Shirts que aparece agora cun proxecto mais persoal acompañado de Álvaro Vázquez (baixo e coros) e  Alexandre Boamorte (batería), integrantes tamén de bandas ben coñecidas no Sur de Pontevedra como Gold & Colt ou  Pegas Negras. A formación ven de gravar e presentar o seu primeiro traballo en Baixo Miño Studios con Xonix Records cun  estilo musical que abrangue dende o rock clásico ata o soul e outros sons máis densos.

A festa tralo concerto continuará cunha sesión de DJ a cargo de Diego Wass.

Domingo, festa para tódolos veciños

A tarde do domingo é por tradición o momento do “baile na Alameda” e a  diversión en familia, polo que a programación nesta tarde ten dous ingredientes principais: De 17 a 18h. a actuación do clásico clown “O PALLASO POPÍN” que con mais de 30 anos de experiencia abrirá a tarde cun show no que non faltarán o descaro, a desfachatez, as ocurrencias e algo de improvisación para asegurar as risas de pequenas e maiores. E de 18h. A 20h. O Concerto Grupo Crónicas Pop  que fará un repaso dos grandes éxitos do pop español dende os 80’s ata hoxe para animar á festa e ao baile a tódolos presentes.

Luns, maxia e xogos para os máis pequenos

Continúa a programación o luns 20 pensando nos mais pequenos da casa cun espectáculo de Maxia, a cargo do Mago Cali, un dos magos mais destacados da escena galega que combina a maxia co humor, a realidade coa fantasía garantizando un show dinámico e divertido

Mais como a esencia do Entroido se define pola música, tralo espectáculo a Charanga Cantos Somos continuará amenizando a festa co seu repertorio animoso e festivo ben coñecido por todos.

Martes de Entroido, desfile e baile fin de festa

O Desfile do Martes de Entroido pechará esta variada programación da man dos Grupos, Comparsas e Carrozas participantes. Como ven sendo habitual o desfile comezará ás 17:30h. na rúa Porto Rico, continuando por Rúa Galicia ata Rosalía de Castro e Alameda.

Este desfile será acompañado pola batucada viguesa BATE NO COBRE quen ao remate do desfile continuará amenizando a festa na Alameda.

NOTA: O recinto da alameda contará con Carpa polo que a programación non sufrirá cambios en caso de choiva. Non obstante, en caso de choiva para o martes, o desfile sí sería aprazado en función da previsión máis favorable.

Xa están abertas as inscricións para o V Trail Orixes Mondariz

0

O vindeiro 6 de maio terá lugar a quinta edición do Trail Orixes Mondariz, unha carreira a pé polos montes de Mondariz, Fornelos de Montes e Covelo organizada polo Concello de Mondariz coa estreita colaboración da Asociación Deportiva Mondariz. O prazo de inscrición comeza este 15 de febreiro, ás 20:00 horas, e estará aberto até o 1 de maio, ás 23:59 horas, na plataforma www.empa-t.com.

A gran novidade desta edición é a introdución das categorías non competitivas de Andaina, de 13 km, e Pequetrail, con tres distancias para nenos e nenas de 3 a 14 anos de idade. Estas súmanse ás categorías da última edición do Trail Orixes Mondariz, celebrada o ano pasado: Minitrail, de 14 km; Trail, de 25 km; Maratón, de 40 km; e Ultra, de 60 km. Entre as seis categorías suman 750 prazas: 100 para Pequetrail, 100 para Andaina, 200 para Minitrail, 150 para Trail, 100 para Maratón e 100 para Ultra.

Unha vez superada a data de inscrición ou esgotadas as prazas de cada categoría pecharanse as inscricións. As persoas inscritas no Trail Orixes Mondariz 2023 terán dereito a avituallamentos durante a carreira e na meta, un agasallo conmemorativo, asistencia sanitaria durante o transcurso da proba, duchas e zona do corredor, con bar, petiscos e música. 

Nesta quinta edición, o percorrido volverá ser circular, con saída e chegada na praza de España de Mondariz. Discorrerá por Riofrío, Aboal, Festín, Gargamala, Caxil, Vidueiros, Foxo do Lobo de Estacas, Lago de Piñeiro, Caxil (Mosteiro de San Xoan), Sabaxáns, Cernadela e Mondariz, con diversos controis que están especificados nas bases de participación. O día 5 de maio convocarase ás persoas participantes a unha charla técnica.

A nova categoría non competitiva de Andaina compartirá percorrido e horario de saída co Minitrail, recortando a distancia en 1 km, aproximadamente. O Pequetrail, destinado aos máis cativos, contará con tres distancias en trazado semiurbano: Xabarín, de 1.500m, para nenos e nenas de 10 a 13 anos; Raposo, de 800m, para idades de entre 6 e 9 anos; e Esquío, de 100m, para meniños e meniñas de 3 a 5 anos. A inscrición nesta nova categoría será gratuíta.

Tomiño acolle a entrega dos III Premios Xardín Galego

0

Gran nivel de participación na terceira edición dos Premios Xardín Galego que cada ano conceden a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR) e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) para recoñecer e difundir actuacións exemplares en traballos de xardinería pública e privada, poñendo en valor o sector, promovendo a innovación e promocionar a xardinaría.  

O xardín privado no Grove deseñado por Anxo Otero foi elixido polo xurado como gañador desta terceira edición pola prioridade absoluta da riqueza e a exuberancia vexetal con resultados extraordinarios, “un magnífico proxecto en toda a súa concepción e desenvolvemento”. O seu crecemento e a enorme variedade das imaxes presentadas amosa a beleza de cada un dos recunchos deste espazo no que o autor escolleu unha extraordinaria selección de especies e de composición. Como destacaron os membros do xurado, neste proxecto “un deseño inicialmente sinxelo obtén un resultado sorprendente grazas á axeitada elección de especies e a un deseño de plantación naturalista”.

Rosa Aricia Rodríguez obtivo o segundo posto coa súa proposta para un xardín en Vilela, en Verín, “un proxecto que roza a perfección en todos os sentidos, pola espectacular elección de especies, a espectacular proposta de deseño e orixinalidade no proceso creativo e pola marabillosa composición vexetal”. O xurado resaltou a combinación de forma equilibrada de técnicas de construción de xardíns modernos e dun deseño naturalista, o que deu como resultado un xardín “que nun principio podería resultar convencional pero que se ve agradablemente enriquecido pola combinación de especies”.

O terceiro premio desta nova edición dos galardóns de acuBam e AGAEXAR recaeu en Pintega Xardíns polo seu xardín vertical na nova sede da Zona Franca de Vigo. Esta proposta acadou o terceiro posto pola súa “boa mostra de xardín vertical cunha correcta selección de especies e cunha moi boa composición vexetal que ofrece un conxunto harmónico. É unha proposta esteticamente impecable na que a técnica e a tecnoloxía adquiren un gran protagonismo”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez; o presidente de AGAEXAR, Víctor Pérez; autores das propostas gañadoras así como o resto de empresas e persoas autónomas participantes no certame estiveron no acto de entrega de premios que se celebrou este mércores no salón de plenos do Concello de Tomiño. A entrega arrancou cunha interesante charla do fundador e CEO de Fliwer, Marc Capilla, que explicou ao público asistente como as novas tecnoloxías van revolucionar o mercado da xardinaría e da agricultura, os beneficios que lles poden achegar ou como comezar a implantalo coa axuda dos fondos europeos Next Generation para a dixitalización.

Durante o acto tamén se presentou a cuarta edición dos Premios Xardín Galego, nos que de novo valoraranse os traballos que dean prioridade ao uso de material vexetal fronte a materiais inertes, nos que teña preferencia o material vexetal producido en Galicia, os criterios de sustentabilidade aplicados á obra, así como a creatividade, a orixinalidade, a composición vexetal, a combinación de especies ou a textura e a cor. As persoas interesadas poderán presentar os seus traballos ata o vindeiro 31 de marzo de 2023.

A Deputación presenta o novo portal web da Fina Mouriscade

A Deputación de Pontevedra vén de presentar o novo sitio web da Finca Mouriscade, totalmente redeseñado para ofrecer unha imaxe máis utilizable, accesible, áxil e doada de consultar. O sitio web ten formato responsive, adaptado ás pantallas de todos os dispositivos tanto de escritorio como móbiles, e entre os seus obxectivos principais está o de aumentar a transparencia da información pública relativa a Mouriscade. A renovada web, que vén de ser presentada polo deputado Manuel González e o persoal do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación, xa fora avanzada pola presidenta, Carmela Silva, na reunión que mantivo en xaneiro co comité informativo de Mouriscade, composto polas alcaldías da comarca de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

A principal novidade do novo sitio web é a plataforma de venda de embrións producidos en Mouriscade, que a Deputación busca que cheguen a todas as ganderías da provincia. Deste xeito, a venda producirase dun xeito moito máis transparente e áxil, co que se busca que todo o sector gandeiro da provincia teña a mesma capacidade e accesibilidade á hora de mercar os embrións. As persoas rexistradas na base de datos de Mouriscade recibirán unha notificación o día anterior ao momento no que a Deputación poña á venda eses embrións e poderán seleccionar directamente o exemplar cuxos embrións desexan adquirir. Unha vez merquen o material xenético, e sempre que o soliciten a través da web, o persoal técnico de Mouriscade trasladarase ás súas explotacións para implantalos, empregando para iso o laboratorio móbil que está a piques de estar operativo.

En canto á sección dedicada ao laboratorio, a información das mostras enviadas é moito máis doada de consultar ao axilizarse o procedemento de consulta de resultados, que será accesible en tempo real desde calquera dispositivo. Nos vindeiros meses tamén se incorporará outra novidade neste apartado: unha libraría de composición de alimentos que ofrecerá unha base de datos estatísticos do laboratorio, con rexistros desde 2001, que contará cos parámetros máis comúns na análise de alimentos. Por iso, será de grande utilidade para a interpretación de resultados e investigación. No novo sitio web de Mouriscade tamén se incluirán, a título informativo, datos referentes a outras instalacións e infraestruturas de Mouriscade como a súa planta de biogás ou as terras de cultivo da finca.

Tui conta con cinco novos axentes de Policía Local

0

A plantilla da Policía Local de Tui vén de ser reforzada coa incorporación de cinco axentes que veñen de completar a súa formación dun ano na Academia Galega de Seguridade. Son catro homes e unha muller, sendo a primeira vez na historia que Tui conta cunha muller coma funcionaria da Policía Local.    

Este mediodía foron recibidos na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e polo concelleiro de Persoal e Seguridade, José Ramón Magán, que lles deron á benvida ao Concello de Tui.

O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, destacou coma a incorporación destes axentes supón un incremento do 50% da plantilla da Policía Local o que dicía “permitirá prestar un mellor servizo á cidadanía e recuperar parcialmente a quenda de noite”.

Tamén hoxe foi recibido polo alcalde e polo concelleiro de Persoal o novo funcionario Ramón Nogueira González, que a semana pasada tomaba posesión coma funcionario de carreira no posto de auxiliar de arquivo e biblioteca municipal tras aprobar o proceso selectivo da Oferta de Emprego Público de 2019.

A Deputación lanza o programa “En ruta coa Depo” con 33 itinerarios

Ata o 14 de marzo está aberto o prazo para que as asociacións da provincia poidan solicitar a súa participación na nova edición do programa da Deputación “En Ruta coa Depo”, que ofrece ás entidades a posibilidade de pasar un día de convivencia pola provincia a elixir entre 33 rutas que transcorren por lugares emblemáticos. Este 2023 as novidades da iniciativa, á que a institución provincial destina un orzamento de preto de 480.000 euros, están na incorporación de dous novos itinerarios, un pola Illa de Tambo e outro, denominado “Galaicos”, que inclúe a visita polas salas arqueolóxicas do Museo de Pontevedra e ao xacemento de Castrolandín en Cuntis, dirixida especificamente para Anpas.

En total, “En Ruta coa Depo”, un dos programas provinciais de maior concorrencia, con 93.000 participantes desde 2016, volve ofrecer un total de 20.000 prazas. Delas, 300 serán gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. O obxectivo é dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo e crear espazos de unión e convivencia, neste caso con especial atención ás persoas con diversidade funcional, a través de 33 rutas divididas en itinerarios temáticos, culturais, marítimos, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. Entre elas, inclúense visitas aos conxuntos históricos de Baiona o Pontevedra, as illas Cíes, Ons e San Simón ou rutas polas pontes do Lérez e o Verdugo, o parque do Río Barosa (Barro), as Torres do Oeste (Catoira) ou As Salinas de Ulló (Vilaboa).  

O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús desde os puntos establecidos nos concellos, onde as persoas participantes estarán acompañadas por unha ou un guía de turismo; unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia; e un xantar. As rutas ofertadas están recollidas no catálogo publicado na web www.depo.gal, onde tamén se poden consultar as bases do programa e as condicións de cofinanciamento. As solicitudes das entidades deberán facerse a través da sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal).

O Ministerio licita obras de saneamento ligadas á ampliación da depuradora de Ponteareas

O Ministerio para a Transición Ecolóxica sacou a licitación a execución das obras de mellora dos interceptores xerais de Ponteareas, unhas obras de saneamento que forman parte do proxecto de ampliación da depuradora da Moscadeira. As obras licítanse por un importe de 5 millóns de euros e o prazo de execución máximo é de 18 meses. Trátase da primeira licitación dunha parte das obras para a ampliación da depuradora, logo de terse contratado nos meses anteriores traballos de carácter técnico.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que en breve se licitarán o resto das obras e amosouse moi satisfeita “porque entramos xa na fase de adxudicar obras para unha actuación histórica e fundamental para rematar coas verteduras ao Tea e poder facer o saneamento nas parroquias que carecen del”. Cristina Fernández salientou que “o goberno do Estado cumpre co comprometido con Ponteareas, no marco dun diálogo permanente e positivo entre o Concello e o Ministerio”.

A rexedora lembrou que “mentres non se amplíe a depuradora que verte dende a súa inauguración en 1995, temos prohibido realizar novas obras de saneamento no rural. Con esta licitación dáse un gran paso para poder superar ese impedimento e poder, por fin, comezar o saneamento das parroquias que non contan con el”. Cristina Fernández salientou a capacidade do goberno local para resolver nestes catro anos dous problemas históricos como o PXOM, tras 20 anos de retraso, e a depuradora tras case 30.

Estas obras de saneamento ligadas á ampliación da depuradora están cofinanciadas ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014 – 2020.

Redondela presenta o proxecto “A Cápsula do tempo” para o impulso do galego

0

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, dirixido pola alcaldesa Digna Rivas, presenta “A Cápsula do tempo”, un proxecto pioneiro que non se atopa en ningún outro municipio da contorna e que ten a intención de impulsar o uso do galego na infancia. “Esta iniciativa é unha idea orixinal da Concellería de Normalización Lingüística dirixida ás escolas de Educación Infantil que pretende inculcar o uso da lingua galega entre os cativos e cativas de 3 anos en adiante, para que crezan con ela e evitar a súa desaparición”, explica Rivas.

Este é resultado dun traballo colectivo entre o Servizo de Normalización e os equipos de dinamización dos centros escolares públicos de Redondela aos que Rivas “agradece a súa colaboración e participación, así como o interese dos equipos directivos dos distintos colexios que solicitaron participar”.

“A Cápsula do tempo” está composta por unha caixa de agasallo na que se poden atopar libros que fomentan o uso do galego, unha bolsiña da merenda, lapis de cores ou unha fiambreira. “Todoseles s obxectos útiles, que poidan usar na súa vida cotiá os veciños e veciñas de Redondela”, explica Rivas.

Dentro dos libros escollidos atópase os contos de Kalandraka cos cales aprenderlles palabras en galego; un libro  dirxido aos pais e nais, didáctico, divertido, fácil de ler, no cal através de 7 anécdotas se tratan cuestións sobre a situación social da lingua galega e os beneficios da educación bilingüe; e a “obra estrela” que sería A Cápsula do tempo que segundo Rivas, “acompañará aos vosos fillos e fillas en cada curso. Estes completarán o exercicio que se lle pide nel e quedará gardado na escola para convertense nunha auténtica capsula do tempo. Cando rematen o período escolar, en 6º de primaria, no acto de despedida entregaráselles a cada un o seu libro que será un recordo vivo do paso pola escola e tamén da súa relación coa lingua galega”.

Rivas engade que “esta iniciativa ten a intención de contrarrestar a perda de galego falantes, unha realidade constatada dende hai anos. Non quere dicir que vaia a desaparecer pero si que se reducirá en espazos e na vida socia- lCando sexan as enquisas lingüísticas, dádelle unha oportunidade o galego e marcádeo para solicitar que sexa a lingua vehicular nas aulas. Coa vosa axuda, poderemos dicir a toda Galicia que Redondela aposta en firme polo galego”.

Dende o departeamento de NL queren alentar a ser conscientes “do patrimonio inmaterial que posuímos que é único no mundo. Unha lingua cunha literatura que se estuda en numerosas universidades, dende Estados Unidos até Inglaterra, de Francia a Xapón. Rosalía de Castro é obxecto de teses en distintas linguas. E todo isto témolo nós e de nós depende o seu futuro. A lingua non depende só das decisións da Administración senón do conxunto do pobo de Galicia, das institucións e das familias”.

O velatorio do Enterro da Sardiña do Porriño volve ao Círculo Recreativo Cultural

O Círculo Recreativo Cultural do Porriño (CRC) celebra o Entroido a partir deste sábado cunha morea de actividades pensadas para todas as idades. A nova xunta directiva, presidida por Abel Gallego, programou bailes de disfraces para adultos e cativos e recupera o tradicional velatorio do Enterro da Sardiña e o Baile de Piñata.

“A pesar de entrar no cargo hai menos de dúas semanas e a sabendas de que tiñamos moi pouco tempo, non podíamos deixar ás socias e socios sen unha celebración así”, comenta Abel Gallego. “Ademais, para o Círculo o entroido é moi importante. Pouca xente sabe que se O Porriño celebra o Entroido cun desfile de comparsas polas rúas, con coplas e cun Enterro da Sardiña, foi grazas a que a xunta directiva do ano 1987 tivo a idea de recuperar esa tradición que había décadas que non se celebraba na vila. Se no Porriño hai Entroido é grazas ao Círculo e iso confirma que o CRC foi sempre un dinamizador da vida social, deportiva e cultural do pobo e que boa parte das súas ideas e actividades trascenderon sempre ás súas instalacións”.

O entroido no Círculo arrancará este sábado cun baile de disfraces para adultos que contará coa actuación en directo do Grupo Cibeles. Durante o baile, que dará comezo ás 12:00 h, terá lugar un concurso que premiará os mellores disfraces da noite. O domingo será a quenda dos máis pequenos coa “Festa infantil de Entroido”, recomendada para cativos de entre 3 e 12 anos. Dende as 16:30 h, as nenas e nenos poderán gozar de actividades de animación, obradoiros de máscaras de Entroido, xogos, bailes e concursos.

O mércores 22, o salón do CRC volverá a ser o lugar no que se vele a Sardiña, tal e como se fixo dende hai más de 30 anos, e dende o que partirá o enterro para percorrer despois as rúas da vila.

O sábado 25, recupérase o tradicional “Baile de piñata”, que contará coa sesión do DJ Mess&Less. Para esta ocasión, a nova xunta directiva decidiu activar o concepto “Círculo Aberto”, a través da cal un socio poderá acudir ao baile acompañado dun non socio.

O “Círculo aberto”, que se aplicará a diversas actividades durante todo o ano, entra dentro
da campaña de captación de socias e socios que o CRC vén de poñer en marcha.

Mondariz, preocupado pola afectación do plan de humanización de Mondariz Balneario

0

O Concello de Mondariz enviou esta semana unha solicitude de información ao veciño Concello de Mondariz Balneario para avaliar a afectación que pode ter o proxecto de recuperación do espazo público na contorna dos hoteis de Mondariz Balneario na vía de acceso principal á parroquia de Vilar pola estrada provincial EP-4401.

“Para Mondariz é sumamente importante coñecer as solucións de acceso á EP 4401, xa que por esta estrada provincial accédese directamente á parroquia de Vilar e parte da parroquia de Riofrío, onde se atopan servizos municipais como a Escola de Música, a piscina e o punto verde municipal”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

O Concello de Mondariz solicita información sobre as solucións de mobilidade e tamén reclama que se lle faga partícipe deste proxecto, para garantir o acceso á EP 4401 de vehículos relacionados cos servizos públicos, bombeiros, ambulancias e mesmo autobuses.

“O proxecto de recuperación do espazo público na contorna dos hoteis de Mondariz Balneario desenvólvese ao abeiro do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. En Mondariz tamén estamos promovendo proxectos semellantes e compartimos a filosofía de humanizar o espazo público, pero é necesario compartir información e dialogar para evitar efectos colaterais indesexables”, sinala Barros.

Wilco, primeira confirmación do festival dos pazos de Nigrán

0

Espazo Fest, o festival que se desenvolve en varios pazos do Concello de Nigrán, e polo que pasaron máis de 6.000 espectadores o ano pasado, celebrará a súa terceira edición este verán. Unha nova edición da que polo de agora só se coñece o nome da primeira banda confirmada: Wilco. Os estadounidenses actuarán o vindeiro 20 de agosto no fermoso Pazo de Urzáiz, e esta actuación non será a única. Nas vindeiras semanas anunciaranse máis artistas de renome que encherán de música os Pazos de Nigrán entre xullo de agosto.

Xa sexa no ruído ou no silencio. No suave tacto dunha guitarra acústica ou na explosión eléctrica. No son inconfundible do rock americano máis característico ou no aroma do mellor pop. Na intimidade dun rumoreo country folk ou no cántico unido dos himnos colectivos. No pasado glorioso dunha carreira que alcanzou o seu clímax absoluto con “Being there”, “Yankee Hotel Foxtrot” e “A ghost is born”, ou na volta á raíz de soportal e tabaco mascado do magnífico novo traballo, “Cruel country”, Wilco porán en práctica no Pazo de Urzáiz esa teoría que Jeff Tweddy deixa patente na nota de prensa deste álbum: “No pasado, sempre foi valioso e liberador para nós afastarnos da etiqueta country. Axudounos a crecer e manter as nosas mentes abertas á inspiración que vén de preto e de lonxe”.

Parece que despois de 25 anos desde o seu debut como Wilco, os estadounidenses decidiron volver ás súas orixes e abrazar a música tradicional sen complexos. Aquela necesidade de fuxir da etiqueta country que tanto lles molestaba, aquela procura incesante da experimentación que lles converteu no que son, é agora unha oportunidade para facer as paces coa tradición. Esta nova versión de Wilco, outra máis dun camiño que xa opta a lendas da música americana, parece a ocasión inestimable para poder degustalos este verán dentro dun evento tan máxico como Espazo Fest.

Espazo Fest, ou como converter música e patrimonio en maxia

Espazo Fest non e un simple festival. Trátase de unir pasado, presente e futuro xuntando o patrimonio natural e cultural dos Pazos de Nigrán coa maxia da música en directo. Espacios normalmente pechados ao público, convértense nun lugar de comunión das artes, coa degustación de gastronomía seleccionada e o coñecemento do patrimonio e dos espazos botánicos. Nesta nova edición, o festival volve contar co patrocinio do Concello de Nigrán, e Cervezas Alhambra, quen por terceiro ano consecutivo volve prestar o seu apoio a este evento que terá lugar en espazos máxicos e singulares como os Pazos de Nigrán entre xullo e agosto de 2023.

As entradas para o concerto de Wilco no Pazo de Urzáiz o vindeiro 20 de agosto xa están dispoñibles a través de www.teuticket.com cunha oferta de saída de 30€ (+g.x.) as 1000 primeiras e a 35€ (+g.x.) as restantes.

A Xunta informa en Arbo das medidas fronte á flavescencia dourada da vide

0

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse con viticultores e demais interesados en Arbo e O Rosal para informalos das medidas de apoio que adopta a Xunta para facer fronte á Flavescencia Dourada da vide.

Provocada polo organismo Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus), detectouse a súa presenza en plantas illadas nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves. Todos eles forman parte da zona demarcada de Flavescencia Dourada de 2,5 quilómetros con respecto á fronteira con Portugal, onde se detectara a doenza con anterioridade. Con todo, a zona demarcada onde se adoptan medidas en Galicia esténdese tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.

Medidas

Así, dentro da zona demarcada os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ. Se non é posible, deberá realizarse nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.

Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Acontece o mesmo no caso de zonas abandonadas.

No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección oficial. A maiores, deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico. No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas.

Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.

Teatro Ghazafelhos volve este venres a Tui con ‘As pitas baixo a choiva’

0

Teatro Ghazafelhos visita de novo o Teatro Municipal de Tui este venres, 17 de febreiro, ás 19.30 h coa obra ‘As pitas baixo a choiva’, un espectáculo con guión e dirección de Pepablo Patinho baseado nun relato de Ricardo Carvalho Calero.

Nesta obra para público familiar, Ludivina e Terejía son as dúas pitas protagonistas que viven no curral de Barreira. Están agardando a visita de Ricardiño, o neno que vai ás veces xogar con eles. Pero temen que ese día chova, pois cando isto ocorre, Ricardiño tolea e perségueas até pechalas no curral. Agora, coa axuda do Galo Chafarís e o raposo Rosende, tentarán que o neno deixe de tolear coa choiva e poida xogar con elas.

O elenco da obra está formado por Pablo Sánchez, Jorge Casas, Montse Piñón e Pepablo Patinho.

Teatro Ghazafelhos creou en 2006 da man de Montse Piñón e Pepablo Patinho, especializándose en obras teatrais para público familiar. Céntranse no traballo de monicreques, animación e teatro actoral.

“As pitas baixo a choiva” está recomendada a partir de 3 anos e ten unha duración de 60 minutos. As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 4 e 3 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de o carné xove,  carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos.

Toda a información desta programación teatral en Tui pódese consultar nas redes do concello e tamén na web tui.gal.

Javier Bas promete un GES que o se propio partido votou en contra en xaneiro de 2022

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, cualificou hoxe de “vergoñento e indignante” a promesa electoral do PP de implantar o GES Redondela-Mos se volve a alcaldía. Lembra Rivas que o o Grupo municipal popular “votou en contra no pleno de xaneiro de 2022 á posta en marcha do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) Redondela-Mos, iniciativa levada a pleno polo grupo de goberno socialista e que o Concello de Mos xa aprobara no seu respectivo pleno municipal”.

“O PP local demostrou, e xa con total claridade, que lle importa máis desgastar a este Goberno por calquera medio, aínda que sexan falsidades, que a propia seguridade das veciñas e veciños de Redondela ás que deixou sen un servizo de emerxencias cando tivo a oportunidade de levarse a cabo”.

Rivas considera “unha paradoxa” que os populares de Bas “en prensa e nas redes sociais plantexen o GES como proposta electoral e acusen a este Goberno de inactividade, cando o tivemos sobre a mesa en varias ocasións e votaron en contra da súa implantación”. Isto, di a rexedora local “non so contradí un plan do seu propio partido na Xunta, senón que demostra a súa falsidade sen medo a mentir á cidadanía”.

O Goberno socialista que encabeza Digna Rivas lembra, que dende a súa chegada ao Concello “a creación dun servizo de emerxencias que cubrira as necesidades de Redondela foi, e segue a ser unha prioridade”. Tanto é así que teñen as instalacións preparadas para acoller o GES e que poida traballar en condicións óptimas”. As mencionadas instalacións atopanse detrás do Pavillón A Marisma, onde está asentado o SEIS de Redondela.

Javier Bas prometía en 2011 un servizo de emerxencias 24 horas ante a manifestación e folga de fame que levaron a cabo os extraballadores de Grumir. Rivas denuncia que “Bas tivo a oportunidade de cumplir as súas promesas durante os seus 8 anos de mandato. Agora, volve a facer o mesmo demostrando que non se pode confirar nas súas promesas electorais”. O Goberno socialista de Redondela “en tres anos, leva feito máis por dotar ao municipio dun servizo de emerxencias, que o PP nos oito anos que gobernou con anterioridade”, afirma a alcaldesa.

Digna Rivas asegurou á veciñanza que “o Goberno utilizará todos os medios que ten ao seu alcance para que Redondela teña o Servizo de Emerxencias do que o PP os privou nos últimos anos” e advirte a veciñanza que “non crea mentiras nin promesas que xa demostraron ser falsas”.

A antiga escola unitaria de Vilasobroso convertirase no epicentro social e cultural da parroquia

0

Xa queda menos para que a antiga escola unitaria de Vilasobroso se converta nun edificio multiusos do que poidan desfrutar todos os veciños e veciñas de Mondariz. O deputado provincial Santos Héctor, o alcalde de Mondariz, Emilio Barros, e o alcalde pedáneo de Vilasobroso, Alexandre Estévez, visitaron as obras de reforma deste centro unitario, que estarán rematadas nos vindeiros meses e que contan cun orzamento de 361.959 euros, dos que 302.647 proveñen do FEDER 2014-2020 a través da convocatoria de axudas do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE), e o importe restante repártese entre a Deputación (5 %) e o Concello de Mondariz (15 %).

Construído na metade do século pasado como escola unitaria, o edificio foi acollendo diversos usos ao longo dos últimos tempos. A través deste proxecto de rehabilitación preténdese recuperalo para convertelo nun edificio destinado a ser o epicentro social e cultural dunha parroquia clave da historia de Galicia e cun gran dinamismo social. Todo elo apostando pola eficiencia enerxética, mellorando nun 50% os valores de consumo de enerxía e emisións de CO2 actuais.

As actuacións céntranse nos elementos da envolvente: cubertas, fachadas, carpinterías exteriores, soleiras e o sistema de drenaxes perimetrais. Así, estase a renovar e illar completamente a cuberta incorporando novos sistemas de evacuación de pluviais e a actuar no interior mediante revestimentos que permitan o seu acondicionamento.  Da mesma maneira, estase a actuar nas soleiras, que se van sanear xerando unha cámara ventilada e protexida do radon, acabando con novos pavimentos de tarima de madeira sobre o illamento. Ademais, renóvanse a totalidade das carpinterías exteriores con elementos acorde ás demandas enerxéticas e acabados en madeira de eucalipto, e os dous soportais que xa existían incorpóranse á estrutura do edificio. Por outra banda, vanse realizar pequenas actuacións sobre os ocos da fachada sur para mellorar a accesibilidade e renovaranse os acabados interiores, demolendo tabiques e incorporando outros novos. Tamén se engade ao interior do edificio un novo falso teito con illamento, así como unha preinstalación de saneamento e instalación eléctrica.

Aberta a inscrición para os cursos de lingua galega preparatorios dos certificados Celga

O Concello de Ponteareas informa da apertura da nova convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para obter a certificación dos Celga 2, Celga 3 e Celga 4, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Estes curso, que serán gratuítos, desenvolveranse en liña e tamén de forma presencial. As persoas que desexen participar en calquera destes cursos deberán cubrir a solicitude de inscrición a través da páxina web https://formacion-lingua.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 3 de marzo de 2023.

Todas as persoas interesadas que precisen máis información sobre calquera destes cursos pode dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas para recibir información detallada sobre estas accións formativas.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a sumarse a esta nova convocatoria de formación e destaca a importancia destes cursos, xa que supoñen “unha grande oportunidade para mellorar no uso da nosa lingua e poder obter un título imprescindíbel para acceder, por exemplo, a un proceso de oposición en Galicia”.

Salceda, tres desfiles no mellor entroido da contorna

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación do Entroido 2023, un ano no que se recuperan os actos tradicionais e máis importantes da celebración, logo de dous anos marcados pola Covid-19. A presentación contou coa presenza de Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, e Alex Rodríguez, concelleiro de Cultura, acompañados de representantes de ámbolos dous barrios (Raquel Rodríguez e Melucha Vázquez pola Feira e Rocío Troncoso e Andrea polo Barreiro), que non perderon oportunidade de defender o seu como o Entroido máis apaixonante e o único capaz de unir a todo un barrio independentemente dos gustos ou intereses.

O Entroido 2023 recupera os tres desfiles. O venres 17, o desfile infantil protagonizado polos centros escolares voltará encher de ledicia e cor as rúas do casco urbano de Salceda, dende os máis cativos e cativas das Escolas Infantís ata o alumnado da ESO e bacharelato do IES Pedras Rubias. O domingo 19 chegará a hora do desfile organizado dende a Concellería de Cultura que dirixe Álex Rodríguez, na que ven sendo xa a súa vixésimo cuarta edición, que contará este ano con 9 agrupacións e máis de 1200 persoas participando, nun día no que todo apunta a que Salceda recibirá a milleiros de persoas para presenciar o Entroido. E xa o derradeiro desfile será o martes, onde o centenario enfrontamento entre o Castro Barreiro e a Feira se citarán na Praza do Concello para amosar as súas carrozas e comparsas, unha cita que se leva celebrando cando menos dende hai 135 anos.

Dende o ano 2018 a Feira vén representando ademais o que xa se coñece como “entroido histórico”, coa presentación do seu rancho de entroido formado por seis danzantes e dúas damas, que aparecen rodeados dos cabaleiros, encargados de abrir espazo entre o público para que o rancho poida realizar as súas danzas. Este ano, serán tres as ubicacións onde actuará o Rancho, no Parque Raíña Aragonta, na Praza da Devesa, e na Praza do Concello. Ademais, contará tamén coa participación do Rancho Infantil de Entroido, asegurando así a continuación desta mostra de Patrimonio Inmaterial.

O Entroido son unhas datas nas que Salceda de Caselas recibirá a visita de milleiros de persoas para presenciar os diferentes actos e desfiles. Como novidade este ano, retransmitiranse por Youtube os desfiles de Domingo e Martes, así como a actuación do Rancho de Entroido da Feira.

A programación complétase co sábado, no que haberá actividades infantís e o tradicional Concerto de Entroido da Banda Cultural de Salceda. O día pecharase coa actuación da orquestra Saudade. Precisamente esta é unha das novidades do 2023, trasladando a verbena do domingo ao sábado. Así, o domingo completarase coa Discoteca Móbil Gramola Tour Track, que amenizará as coplas e a festa posterior ao Desfile de Carrozas e Comparsas. As verbenas voltarán tamén aos barrios do Castro Barreiro e da Feira, o luns 18 e martes 19, logo de seren anuladas os pasados anos polas restriccións da pandemia.

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “Chega o Entroido e con el a cita máis importante do ano na que sen dúbida, é a festa con máis arraigo na veciñanza. É un orgullo poder retomar os “tres entroidos nun”; o entroido infantil con máis de 1300 nenos e nenas de 0 a 16 anos desfilando pola vila, o entroido institucional con máis de 1200 participantes no XXIV desfile de carrozas e comparsas do domingo que cada ano reúne a milleiros de persoas no público, e o entroido tradicional co histórico enfrontamento entre Castro Barreiro e Feira.”

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “Desexo que a veciñanza poida este ano gozar xunto coas súas familias e as súas amizades do noso Entroido, unha das festas máis importantes para o noso concello. Invitar á xente de fora de Salceda a que nos visite a que desfrute connosco dun dos carnavais máis senlleiros de Galicia e que aproveite para coñecer o noso pobo, a nosa gastronomía, a nosa cultura e tradicións”.

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2023

Venres 17 de febreiro

  • 11:00 Desfile de entroido dos centros escolares.
    • Escola Infantil Xoaniña
    • Escola Infantil A Galiña Azul
    • CRA Raíña Aragonta
    • Cep Altamira
    • IES Pedras Rubias

Sábado 18 de febreiro

  • 16:00 Obradoiros infantís. Parque Raíña Aragonta
  • 20:30 Concerto de Entroido da Banda Cultural de Salceda. Auditorio Municipal.
  • 22.30 Verbena a cargo da Orquestra Saudade

Domingo 19 de febreiro

  • 12:00 Rancho de Entroido da Feira acompañado dos Cabaleiros.
    • 12.00 Parque Raíña Aragonta
    • 12.30 Praza da Devesa
    • 13.00 Praza do Concello
      • Retransmisión en directo a través de youtube.
  • 17:00 XXIV Desfile de Carrozas e Comparsas. Saída da Praza da Devesa
    • Retransmisión en directo a través de youtube.
  • 19:00 Concurso de coplas de Entroido. Praza do Concello.
  • 20:00 Discoteca Móbil A Gramola Tour Track

Luns 20 e martes 21 de febreiro

  • Centenario enfrontamento entre os barrios de A Feira e Castro Barreiro, con verbenas no dous lados.

Martes 22 de febreiro

  • 17:00 Presentación das Carrozas e Comparsas do Castro Barreiro e da Feira na Praza do Concello, e ás 19:00 no cruceiro da Fontedapedra.
    • Retransmisión en directo a través de youtube.

Case 200 estudantes asistiron hoxe á segunda proxección do programa “O cine nas aulas”

0

Un total de 198 alumnos e alumnas e docentes de 4º de ESO do IES San Paio, do Colexio Maristas Santa María e do Seminario Menor San Paio asistiron esta mañá á proxección da segunda película do programa “O Cine nas Aulas”, no Teatro Municipal de Tui.

Con esta película traballarán sobre valores de igualdade, respecto ás persoas e non agresión baixo ningún concepto; drogas e submisión química.

O cine ten un indubidable atractivo para o público obxectivo deste programa, que é a mocidade. Pero, neste caso, non debe ser entendido como un mero divertimento, senón como a oportunidade de captar a atención dos máis novos e novas, apoiar a súa capacidade de reflexión e favorecer a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta.

A metodoloxía do curso é que o alumnado traballe o tema da prevención a partir das películas. Todo o material complementario que se lle facilita, serve como soporte para tratar as diversas temáticas transversais que aparecen en cada guía, xa que se considera que o cinema pode resultar un recurso de primeira magnitude para implementar todo iso, e que pode facilitar, ademais, profundar noutros ámbitos transversais que resulten do interese de cada docente.

Iniciada a obra de mellora da intersección do Alto de San Cosme cunha rotonda

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou de que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia iniciou a pasada semana a obra de adecuación da intersección de San Cosme, na contorna do PK 7+600 na Estrada PO-331 Porriño-Gondomar, facendo un investimento por parte da administración autonómica de 47.968,53 €.

As obras consisten, básicamente, na remodelación da intersección existente á altura do PK 7+600 da estrada PO-331, implantando no seu lugar unha glorieta. Proxéctase unha glorieta de planta elíptica, de radio mínimo 12,50 metros.

En canto á súa configuración, dispoñerase un único carril de 6 metros de ancho, con beiravías tanto exterior como interior de ata un metro de ancho. A continuación deste, cara ao centro, exponse a execución dun gorjal de dous metros de ancho, empedrado, de maneira que poida ser puntualmente ocupado polos vehículos. O illote central, de 15 metros de ancho e 30 metros de longo, aproximadamente estará delimitado por un bordo remontable, a continuación do cal se dispoñerá unha coroa de formigón dun metro e, na parte interior, un recheo de formigón cun espesor medio de 20 cm.

Para a execución da glorieta definida anteriormente, será necesario demoler previamente os illotes existentes, así como a zona central na cal se instalará a nova. Parte da superficie demolida que ocupaban os actuais illotes será acondicionada mediante a reposición de firme, con capas de mesturas bituminosa. Por último, executarase o acondicionamento da sinalización tanto horizontal como vertical da zona, adecuando esta a a nova configuración da intersección. Inclúese tamén a colocación dos carteis de orientación necesarios para indicar os destinos na estrada PO-331. Dispoñerase dunha sinalización provisional durante as obras que advirta aos usuarios da execución destas.

Estímase que para esta obra é necesario e suficiente un prazo de execución de seis meses.

COGAMI promove a autonomía das persoas con discapacidade coa campaña “#SOMOSCOGAMI”

A participación das persoas con discapacidade na sociedade é clave e, para que se produza, teñen que dispoñer de autonomía persoal. Ser unha persoa autónoma facilita vivir unha vida máis independente, con maior liberdade na toma de decisións e na condución do  propio proxecto de vida. Para poder acadala, é necesario contar con apoio e acompañamento na propia contorna e dispoñer de acceso aos recursos necesarios.

a autonomía non sempre é posible dentro do grupo social das persoas con discapacidade. En palabras de Juani Tubío, a coordinadora da área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI, “séguese avanzando moi pouquiño a pouco. É necesario deseñar os recursos poñendo o foco na atención integral centrada na persoa a nivel comunitario, para que poida vivir onde decida a propia persoa cos apoios que precisa. Hai que adaptar o sistema ás necesidades das persoas e non que as persoas se adapten ao sistema”.

Durante o ano 2022, esta área realizou 5.000 actuacións, dende visitas domiciliarias ata acompañamentos na tramitación de xestións da Administración, entrevistas e seguimentos da persoa. Destas, máis de 400 foron intervencións encamiñadas a fomentar o empoderamento, a promoción da autonomía e independencia, nas que resultaron beneficiarias 210 persoas do ámbito rural, 220 mulleres participaron en programas para diminuír a discriminación e prexuízos que as privan de exercer os seus dereitos, e 7 menores recibiron atención a través de intervencións dirixidas á integración educativa obrigatoria.

“Cabe destacar que hai factores moi importantes de especial risco de exclusión a ter en conta, como vivir no rural, ser muller, ter unha discapacidade, baixa cualificación ou carecer de transporte adaptado, dando lugar a situacións moi complexas de vulnerabilidade. Dende COGAMI desenvolvemos programas específicos para intentar paliar estas situacións”, explica Juani Tubío.

Para lograr a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade, dende a área que coordina Juani Tubío realizan accións prelaborais a través de itinerarios personalizados orientados a persoas en idade laboral, para impulsar a motivación persoal, o empoderamento, mellorar as habilidades sociais ademais de dinamizar, informar e formar en  alfabetización dixital.

Todos estes programas que desenvolve a área de Promoción da Autonomía Persoal contaron coa financiación da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF daquelas persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, coñecido como X Solidaria, e da Secretaría Xeral de Igualdade, ademais das deputacións provinciais e concellos, entre outras.

Campaña #SOMOSCOGAMI

Dende COGAMI queren dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. Queren facer unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9 % do total da poboación.

No mes de febreiro reivindican a autonomía persoal a través do lema Somos Participación, para visibilizar a importancia da autonomía das persoas de cara a unha vida máis independente, como se pode ver a través desta peza audiovisual.

As inscricións para a Carreira de Entroido 2023 na Guarda rematan este xoves

0

A Guarda acolle este sábado día 18 de febreiro de 2023 a Carreira de Entroido, un evento deportivo  que terá comezo ás 18:00h con saída e chegada na Alameda da Guarda e que contará cun percorrido aproximado de 4 quilómetros.

A proba é gratuíta, pero é preciso realizar inscrición, que están abertas ata este xoves a través da web https://www.deporticket.com/web-evento/8054-a-carreira-do-entroido.

Os nados no 2015 e posteriores deberán de ir acompañados dun adulto.

O evento está organizado por noko360 e o Concello da Guarda.

Ponteareas comezará as obras de drenaxe en Ponte Xil

O Goberno municipal do BNG-PSOE saca a licitación os traballos de drenaxe transversal na estrada municipal situada en Ponte Xil, na parroquia de Guillade, unha zona que sufriu graves danos tras unhas choivas de forte intensidade no ano 2021 que provocaron unha avenida de auga e o desbordamento dun regato que atravesa a estrada, imposibilitando a circulación de tráfico rodado e deixando incomunicados algúns núcleos de poboación.

“As últimas choivas do Nadal de 2022 empeorou unha situación que xa era perigosa tras a rotura das tubaxes de formigón que non permitían drenar o suficientemente o afluente do Uma”, salienta a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote. A edil recalca que “esta situación estase dando ademais noutros sitios polo incremento de temporais e de chuvias torrenciais, o que sumado á unha tubaxe insuficiente provocou esta problemática”. A concelleira agradece ademais “a paciencia da veciñanza da zona no prazo de realización desta obra dada a súa complexidade”.

As obras, que xa contan coa autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, saen a licitación por case 67.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. Terán un prazo de execución de dous meses e permitirán construír un novo pontón que substitúa as tubaxes actuais, renovando todo o tramo do camiño afectado.

Para realizar esta renovación será necesario demoler todo o tramo afectado, polo que se realizará un desvío provisional do leito do río. O obxectivo é renovar o paso actual para volver poñer en servizo a estrada municipal, mellorando a seguridade viaria do camiño, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos veciños.

O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 20 de febreiro.

Pedro Pereira será o candidato do BNG no Porriño

A asemblea local do BNG no Porriño escolleu por unanimidade a Pedro Pereira como o candidato a alcalde para as eleccións municipais de maio do 2023.

“Temos un proxecto ambicioso, pensamos no Porriño en grande, coas persoas no centro, e Pedro é a persoa máis acaída para liderar o proxecto. Ten un profundo coñecemento da administración local, capacidade de traballo e de diálogo, e unha solvencia demostrada na xestión que mesmo recoñecen os nosos adversarios políticos. Protagonista da transformación urbana do Porriño coa súa aposta polas peonalizacións, sempre ten na cabeza O Porriño do futuro”, declarou a responsable local, Míriam Martínez.

“Quero poñer de novo o Concello ao servizo da xente, das maiorías sociais. Encóntrome nun momento óptimo de madurez política e síntome capacitado para afrontar o gran reto de chegar á alcaldía. Asumo con orgullo esta responsabilidade e agradezo a confianza dos compañeiros”, afirmou Pedro Pereira, que asegurou que como alcalde defenderá sempre os intereses do Porriño “por riba de todo e sen ataduras”.

“Estamos no mellor momento da historia do BNG, temos o mellor candidato e queremos acoller e recuperar o voto desencantado da esquerda. Aspiramos a todo, somos unha forza política sólida, rigorosa e con equipo”, concluíu a responsable local do Bloque.

Remata o curso de Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente

Baixo o título “Reto demográfico: emprendemento e servizos de calidade para o desenvolvemento do medio rural”, o Salón de Plenos do Pazo provincial de Deputación acolleu ea xornada final do curso de Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente, na que participaron a presidenta, Carmela Silva, e o recoñecido xornalista e director do curso e de Next Educación, Manuel Campo Vidal. Este programa, que se desenvolveu con grande éxito e con máis de medio centenar de participantes da provincia, xurdiu ante a necesidade de desenvolver oportunidades nas contornas rurais que se constrúan sobre fortalezas e activos existentes. “O rural non só ten futuro, senón que o que ten é extraordinario”, sinalou Carmela Silva, quen reivindicou “investir e apostar para facer que ese territorio rural se volva intelixente: promover a formación, que haxa axentes que lideren os cambios e que poidan crear proxectos que fomenten a actividade, o crecemento económico e o emprego”.

Manuel Campo Vidal afondou na situación na que se atopa o mundo rural na actualidade, nun momento que considera “un punto de inflexión no seu desenvolvemento”. Desta maneira, anunciou que o Goberno español vén de adxudicar o programa UNICO Demanda Rural en exclusiva a Hispasat. Os 76,3 millóns de euros que recibe a empresa maiorista, que conta con 12 distribuidores no Estado, permitirán garantir o acceso a internet banda ancha de, polo menos, 100 Mbps nas zonas rurais, a través de subvencións que cobren o custe da instalación, así como “unha subvención permanente de 20 euros mensuais” para que o prezo da fibra óptica no rural se iguale ao das contornas urbanas o que suporá, dixo, “un cambio espectacular”.

Ademais, este “punto de inflexión” no que se atopa o mundo rural vén definido pola posta en marcha no 2020 da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, “que cada vez ten máis peso e proxectos en marcha”, ou as medidas definidas polo Goberno ante o reto demográfico. Manuel Campo Vidal tamén fixo fincapé na súa conferencia na importancia que teñen os emprendedores no rural e as súas condicións para desenvolver o seu traballo. “Se teñen conectividade garantida, unha mínima formación en sostibilidade e en cuestións enerxéticas, por exemplo para desenvolver comunidades enerxéticas locais ou producir electricidade para o autoconsumo e hai unha coordinación de todas as administracións, temos os elementos precisos para que se produza un cambio e xa están sentadas as bases”, explicou o director de Next Educación.

A presidenta Carmela Silva incidiu na necesidade de que haxa instrumentos para que a xente “poida vivir con todas as garantías, desde logo a conectividade e tamén servizos ou equipamentos, así como redes intelixentes que permitan crear novas actividades económicas ou modernizar os sectores produtivos que xa están asentados nese rural”. Deste xeito, fixo un repaso por algúns dos programas que a institución ten en marcha en materia de emprendemento e atención á cidadanía no rural, especialmente nos municipios de menos de 5.000 habitantes de reto demográfico. É o caso de “Acelera pyme rural”, co que poranse en marcha dúas oficinas en Cambados e Tui para axudar á dixitalización das pemes do rural e dar solución a “un dos seus grandes retos da contorna rural da provincia: a fenda dixital das pemes con respecto ás urbanas”; “Da túa man rural”, para visibilizar o pequeno comercio local adaptándoo aos novos hábitos de consumo en Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures, ou o “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade no medio rural na provincia de Pontevedra”, que busca mellorar o acceso e emprego dos servizos electrónicos no rural, enfocado ás persoas maiores e especialmente mulleres, na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Moraña e Forcarei.

Coa xornada “Reto demográfico: emprendemento e servizos de calidade para o desenvolvemento do medio rural” púxose o broche de ouro ao curso de Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente, impulsado pola Cátedra de Despoboamento do Centro de Educación Superior Next Educación. Ao longo deste curso abordáronse, a través de seminarios web e conversacións en directo co profesorado experto, cuestións como o concepto innovador de Territorio Rural Intelixente, o novo modelo de planificación, os ecosistemas innovadores e as infraestruturas básicas de Territorio Intelixente, o novo modelo de actuación, a innovación social e o medio rural, o impulso ás pemes e a reconversión territorial, as boas prácticas de desenvolvemento ou as claves para a comunicación eficaz.

Volve o Entroido a Salvaterra de Miño

Imaxe de arquivo do entroido 2018

Salvaterra volta á normalidade e ías súas tradicións e festexos logo da pandemia. Este ano recupera a festividade do Entroido xa de xeito completo, para a ledicia de todos os veciños da vila.

A partires do venres 17 de febreiro, e ata o sábado 25, levarase a cabo a programación do Entroido e do tradicional Enterro da Lamprea.

O venres 17, ás 10:30 horas, será o desfile de Entroido dos Centros Educativos de Salvaterra, dende a praza do Concello ata o Auditorio do Parque Público A Canuda.

O martes 21, a partires das 19:30, terá lugar no Salón da Casa de Cultura de Salvaterra, o Festival Infantil de Entroido, con música, chocolate e rosca.

E xa para por o broche de ouro a este festexo tan tradicional no pobo, o sábado 25 de febreiro ás 17:00 será o enterro da defunta Lamprea, onde se pode participar formando parte da comitiva do enterro.

A Cañiza mellora o convenio de colaboración con Avelaíña

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, manifestou esta mañá “a satisfacción de continuar traballando con esta Asociación que leva dende o ano 2016 traballando neste concello, no primeiro andar do Edificio Multiusos, a través do Programa Achego aproximando a atención á saúde mental e proporcionando o apoio necesario a moitos cidadáns”.

Con máis de 25 anos de experiencia, Avelaiña colabora na Cañiza atendendo aos veciños e aos seus familiares, dentro programa “Achego” e o “servizo de información e asesoramento en saúde mental”. Un servizo que ten como finalidade procurar a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias.

Para A Cañiza supón a aportación de 1.093,70 euros máis, desagregados en 600 € de cuota fixa e outra variable de 493,70€. Estas dúas cantidades veñen a sumarse aos 1.825,49 € do convenio inicial, resultando un total de subvención anual de 2.919,19 euros.

Funcionamento de Avelaíña

Ademais, sempre que os profesionais valoren a necesidade, algúns usuarios do Centro da Cañiza se derivan á sede de Ponteareas que da unha cobertura mais ampla aos dous principais servizos de Avelaíña na Comarca de O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas.

Estes servizos son o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) inaugurado no mes de marzo de 2022, de atención diurna, con 30 prazas concertadas co SERGAS e dirixido a persoas con trastorno mental grave, de idades comprendidas entre os 16 e os 60 anos.  30 prazas das cales 6 están ocupadas por persoas da Cañiza, o que supón un 20% do total.

E o outro servizo, igualmente importante é o desenvolvido a través do Programa Achego. Un programa de atención comunitaria á saúde mental, no rural, que comezou a súa andadura no ano 2016.

Nas Unidades de Apoio Comunitario (UAC) do programa, con sede en Ponteareas e na Cañiza, ofrece un servizo de información e asesoramento en saúde mental aberto a toda a poboación.  No pasado 2022 atenderon na Cañiza a 9 veciños.

Conta ademais cun servizo de Apoio Integral en saúde mental (psicoloxía, traballo social, educación social), atención de proximidade (para aquelas persoas que teñan dificultades para asistir á UAC) e accións socioeducativas de prevención e promoción da saúde mental.