16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaArranca unha nova edición de "Descúbreas"

    Arranca unha nova edición de “Descúbreas”

    A sede de Vigo da Deputación encheuse onte pola tarde de música para dar un espectacular inicio á terceira edición de “Descúbreas”, o programa que impulsan a institución provincial e Regalamúsica para promover a participación das mulleres na industria musical. O público encheu por completo a sala Rosalía de Castro para desfrutar dunha vibrante gala-concerto conducida por Xía Rodríguez  e A Riso (Alba Nogueira), participantes na primeira e segunda edición de “Descúbreas”, na que se puido gozar, por vez primeira e en directo, dos temas que as mozas da segunda edición gravaron durante a súa participación no programa. No transcurso da gala a presidenta Carmela Silva reivindicou a necesidade de “rachar coa fenda de xénero na música” remarcando que “as mulleres son maioría nas escolas e música e conservatorios pero seguen a ter grandes dificultades para construír unha carreira musical”.

    “Descúbreas”, que ten conseguido xa o Premio Martín Códax da Música ao mellor espazo de comunicación e divulgación musical, trátase, en palabras da presidenta provincial, “dun dos proxectos aos que lles teño máis afectos”. Subliñou que “cada vez hai máis mulleres fortes na música e que temos en Galicia, na nosa provincia, mozas con grande éxito nacional e internacional pero aínda é moi insuficiente. Por iso precisamos apostar por este programa, é unha obriga que dentro do relato político as mulleres estean no centro, particularmente na música”. Neste eido remarcou que o obxectivo principal de  “Descúbreas” é romper coas “inxustizas” que existen na industria musical a través “dunha plataforma e un programa de mentorización para oito rapazas que, ademais de participar da formación tamén se relacionan con promotoras e produtoras musicais”. E puxo en valor as sinerxías acadadas nestes anos: “traballamos cos festivais de música para que poidan participar activamente e temos un acordo cos concellos para que as contraten nas actividades culturais que organizan durante todo o ano”.  Tamén felicitou as rapazas polas “marabillosas” pezas presentadas  e animou ao resto de nenas con perspectivas de dedicarse á música “a que participen no programa. Será unha experiencia memorable, na que estarán arroupadas polas e os mellores profesionais do sector”.

    Durante a gala-concerto cinco das oito rapazas que participaron na segunda edición presentaron en vivo por primeira vez os seus temas elaborados durante “Descúbreas”: Ane Swan interpretou ‘Queen among shadows’, A Riso ‘I eu?’, Caro Lemos actuou co seu tema ‘Despiértate’, María Gabeiras presentou ‘Impuntual’ e, finalmente, Sara Casas interpretou ‘Silencio’. Todas elas volveron subir xuntas ao centro da sala Rosalía de Castro para sorprender coa segunda gran sorpresa musical da noite: un retrouso do tema ‘Penélope’ de Guadi Galego en homenaxe á artista, que actuou como madriña do programa ao participar no concerto de despedida da 1ª edición de “Descúbreas” no Castelo de Soutomaior, e cuxa canción ‘Matriarcas’ foi ademais a escollida para a primeira peza colaborativa que o programa elabora todos os anos coas escolas de música da provincia. Ademais Xía Rodríguez e A Riso protagonizaron un dos momentos máis especiais da noite: a súa actuación a dúo co tema ‘Ya no’ da propia Xía Rodríguez.

    Alba, Ane, Caro, María, Sara e Xía non estiveron soas no escenario, senón que estiveron moi ben acompañadas. Catro músicas galegas profesionais moi recoñecidas na industria apoiáronas durante as súas actuacións: a baixista Ana Lucía Pérez, coñecida por ser integrante de bandas como Agoraphobia, a guitarrista Laura Solla, a pianista Lidia Aldao e a batería Marina Acuña. Elas catro foron as encargadas de desvelar, deste xeito, unha novidade deste ano no marco de “Descúbreas”, que segue tecendo redes activistas de sororidade no sector para apoiar as mozas e rapazas que están a dar os primeiros pasos das súas carreiras profesionais. Así, de cara a terceira edición,o programa da Deputación e Regalamúsica contactou con numerosas intérpretes profesionais para conformar unha banda de apoio que acompañará as rapazas mentorizadas, segundo a dispoñibilidade das súas integrantes, durante as súas actuacións.

    Na gala tamén se presentaron as demais novidades do programa a través de breves vídeos explicativos, con iniciativas como a propia banda de apoio ou unha xornada de networking con profesionais do sector. Ademais, nas pezas audiovisuais tamén se lembraron os grandes fitos das pasadas edicións de “Descúbreas”, avanzouse o novo programa de mentorías (cuxas bases se publicarán hoxe xoves no BOPPO) e escoitouse as tres rapazas mentorizadas o ano pasado que non puideron acudir á cita (Sara Baños de Todo Mal, Amparo e Marina Vigo).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.