16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz, preocupado pola afectación do plan de humanización de Mondariz Balneario

    Mondariz, preocupado pola afectación do plan de humanización de Mondariz Balneario

    O Concello de Mondariz enviou esta semana unha solicitude de información ao veciño Concello de Mondariz Balneario para avaliar a afectación que pode ter o proxecto de recuperación do espazo público na contorna dos hoteis de Mondariz Balneario na vía de acceso principal á parroquia de Vilar pola estrada provincial EP-4401.

    “Para Mondariz é sumamente importante coñecer as solucións de acceso á EP 4401, xa que por esta estrada provincial accédese directamente á parroquia de Vilar e parte da parroquia de Riofrío, onde se atopan servizos municipais como a Escola de Música, a piscina e o punto verde municipal”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    O Concello de Mondariz solicita información sobre as solucións de mobilidade e tamén reclama que se lle faga partícipe deste proxecto, para garantir o acceso á EP 4401 de vehículos relacionados cos servizos públicos, bombeiros, ambulancias e mesmo autobuses.

    “O proxecto de recuperación do espazo público na contorna dos hoteis de Mondariz Balneario desenvólvese ao abeiro do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. En Mondariz tamén estamos promovendo proxectos semellantes e compartimos a filosofía de humanizar o espazo público, pero é necesario compartir información e dialogar para evitar efectos colaterais indesexables”, sinala Barros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.