Ata o 14 de marzo está aberto o prazo para que as asociacións da provincia poidan solicitar a súa participación na nova edición do programa da Deputación “En Ruta coa Depo”, que ofrece ás entidades a posibilidade de pasar un día de convivencia pola provincia a elixir entre 33 rutas que transcorren por lugares emblemáticos. Este 2023 as novidades da iniciativa, á que a institución provincial destina un orzamento de preto de 480.000 euros, están na incorporación de dous novos itinerarios, un pola Illa de Tambo e outro, denominado “Galaicos”, que inclúe a visita polas salas arqueolóxicas do Museo de Pontevedra e ao xacemento de Castrolandín en Cuntis, dirixida especificamente para Anpas.
En total, “En Ruta coa Depo”, un dos programas provinciais de maior concorrencia, con 93.000 participantes desde 2016, volve ofrecer un total de 20.000 prazas. Delas, 300 serán gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. O obxectivo é dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo e crear espazos de unión e convivencia, neste caso con especial atención ás persoas con diversidade funcional, a través de 33 rutas divididas en itinerarios temáticos, culturais, marítimos, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. Entre elas, inclúense visitas aos conxuntos históricos de Baiona o Pontevedra, as illas Cíes, Ons e San Simón ou rutas polas pontes do Lérez e o Verdugo, o parque do Río Barosa (Barro), as Torres do Oeste (Catoira) ou As Salinas de Ulló (Vilaboa).
O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús desde os puntos establecidos nos concellos, onde as persoas participantes estarán acompañadas por unha ou un guía de turismo; unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia; e un xantar. As rutas ofertadas están recollidas no catálogo publicado na web www.depo.gal, onde tamén se poden consultar as bases do programa e as condicións de cofinanciamento. As solicitudes das entidades deberán facerse a través da sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal).