Sábado, 17 Maio de 2025

Novos cursos da aula UNED do Porriño

A aula UNED do Porriño trae novos cursos, en concreto, agora mesmo están en prazo dous cursos, primeiro un curso de extensión universitaria e logo cursos de verán para este 2023.

Cursos de extensión universitaria

As actividades de extensión universitaria son todos aqueles cursos, xornadas, seminarios, congresos, etc., impartidos baixo a metodoloxía da UNED e encamiñadas á expedición dun diploma ou certificado.

Asistencia presencial: 40 €/persona (gratis para porriñeses)

Lugar e data: do 4 de xullo ao 31 agosto no Multicentro de Torneiros, Ribeira S/N, andar 2, 36410, O Porriño, Pontevedra.

  • Martes: 18:00 – 21:00 ámbito científico-tecnolóxico
  • Mércores: 18:00 – 21:00 ámbito científico-tecnolóxico 
  • Xoves: 18:00 – 21:00 ámbito científico-tecnolóxico
  • Vernes: 18:00 – 21:00 ámbito da comunicación
  • Sábados: 10:00 – 13:00 ámbito social

Inscripción: require inscripción online (máximo 15 matrículas).

Cursos de verán

Os cursos de verán pretenden ampliar os coñecementos e mellorar as competencias de quen os realiza a través dunha programación altamente accesible.

Os lugares de celebración están repartidos por todo o país e en modalidade online, o que permite seguir os nosos cursos dende calquera lugar.

Asistencia presencial ou online: Prezos de matrícula na web

Lugar e data: do 5 ao 7 de xullo no Multicentro de Torneiros, Ribeira S/n, planta 2, 36410, O Porriño, Pontevedra.

  • 5 de xullo de 16:30 a 21:00 h 
  • 6 de xullo de 09:30 a 14:00 h e de 16:30 a 21:00 h
  • 7 de xullo de 09:30 a 11:30 h e de 12:00 a 14:00 h

O curso complétase con catro horas de consulta de materiais e participación activa do estudante no foro do curso virtual.

SmartPeme lanza cinco novos obradoiros para a transformación dixital de pemes e autónomos

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas, enmarcadas na súa carteira de obradoiros e encamiñadas á transformación dixital das pemes e persoas autónomas da provincia. As accións tratarán temas como o Ramsonware e suplantación de identidade en ciberseguridade, o Debuxo 3D con Onshape III – PartStudio III, fabricación dixital a través de Laminador Cura I, obrigacións fiscais dun establecemento comercial ou o aproveitamento do Instagram nas vivendas turísticas.

Hoxe luns 22 de maio, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, Ramsonware e suplantación de identidade”. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer o Ransomware, en que consiste e como afecta, así como presentar as múltiples formas de suplantación de identidade e como protexernos das mesmas.

O martes 23 ás 11:00 terá lugar o obradoiro “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape III – Partstudio III”, onde o  público asistente verase implicado no proceso de fabricación dixital dun xeito teórico e práctico da man de Manuel Freire, co gallo de ser capaz de deseñar unha peza en 3D.

O mércores 24, na quenda de mañá, Paz Ares, Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, impartirá o taller “Obrigacións fiscais dun establecemento comercial” no que afondará no sistema tributario español, os tributos, o seu funcionamento e a súa xestión dende a perspectiva dun establecemento comercial. Na quenda da tarde, Patricia Cabaleiro, Postgraduada en Turismo, impartirá o taller “Como sacarlle partido ao Instagram da miña vivenda turística”, a través do cal se proporcionarán os coñecementos precisos para chegar a máis clientes a través desta rede social.

Finalmente o xoves 25 de maio impartirase o taller “Fabricación dixital. Laminador cura I”, onde Manuel Freire continuará achegando formación mixta  para lograr o deseño dunha peza en 3D.

Ponteareas leva o seu corpus á porta de Vigo

Ponteareas prepárase para celebrar un ano máis o seu Corpus Christi levando a súa festa grande máis alá da vila. Por segundo ano consecutivo, Concello e Asociación de Alfombristas de Ponteareas comezaron unha campaña de promoción para achegar esta festa de Interese Turístico Internacional a Vigo cunha completa exposición no centro comercial Vialia na que a fotografía e a arte efémera camiñan da man. 

“Queremos que o público que aínda non coñeza Ponteareas e o Corpus descubra todo o que podemos ofrecer. Agardamos que esta mostra sirva de aliciente para que todo o mundo se anime a compartir con nós estes días de traballo, goce e arrecendo a flores que todos os veciños vivimos con intensidade”, explicou a concelleira de Turismo e Promoción económica, Eva Gil.

A edil achegouse ata o centro comercial vigués para desfrutar da alfombra floral confeccionada baixo o título ‘Vialia, a porta de Vigo’, unha peza de arte efémero situada preto da entrada principal das instalacións para visibilizala ante a maior parte de público posible. Como ven sendo habitual, as e os alfombristas empregaron materiais secos, buganvílea, tuia verde e outros materiais florais cos que cada ano confeccionan as alfombras que atraen a milleiros de visitantes ás rúas de Ponteareas. Alfombra e exposición estarán en Vialia ata pasada a celebración do Corpus, o vindeiro 11 de xuño.

A exposición complétase coa mostra ‘O Corpus no tempo’, que recolle 20 fotografías das alfombras realizadas en varios tramos en diferentes anos e distintas épocas. Recóllense así novas imaxes das decoracións florais que encheron as rúas ponteareás no día de Corpus Christi a través do tempo, unha tradición que foi imitada por outras localidades ao longo dos anos.

O Concello quere expresar o seu máis sincero agradecemento á Asociación de Alfombristas de Ponteareas “polo seu encomiábel labor na promoción e preservación da nosa arte efémera e pola dedicación incansábel por levar a creatividade, fermosura e tradición das nosas alfombras por todos os recunchos”.

Baiona mostra o seu apoio a Adrián Martíns na súa travesía por España

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, despediu ao aventureiro e primeiro criador de Galicia de pura raza galega de cabalos Garranos, Adrián Martíns, que comezou a súa expedición “Travesía a España  para dar visibilidade aos cabalos salvaxes da Serra da Groba e as enfermidades reumatoides”, partindo desde Baiona, concretamente desde o Paseo Ribeira, acompañado de Galo e Grelo, dous dos seus cabalos desta raza autóctona que cabalga salvaxe polos montes de Baiona, por outro xinete que o acompañará na súa travesía, e Luís Piñeiro, cinematrógrafo, que tamén os acompañará na travesía para grabar un documental sobre este tipo de cabalos e a superación dunha enfermidade coma a artrite reumatoide que padece Martíns. 

“Esta aventura supoñerá a realización de moitos quilómetros entre Baiona e Cádiz. A travesía dividirase en dúas etapas, 450 km máis ou menos,  de vez ata Salamanca  para completar a viaxe no outono, cando o tempo arrefríe, ata Cádiz”, subliñou Martíns.

O xinete detallou que se trata “Dunha viaxe de aventura,  con roupa e tendas de campañas nas mochilas,  sen coche escoba, un pouco “enxebre” que é o que tamén caracteriza a este tipo de cabalos. Cabalos moi adaptados a rodar,segundo as súas palabras, que se sentía moi ilusionado coa  grabación de  toda a vivencia deste viaxe tan especial”.

Segundo as súas estimacións Chegarán a Salamanca entre o sábado ou o domingo facendo unha media de 40 ou 45 quilómetros o día”.

O xinete destacou a colaboración do Concello de Baiona “na viaxe así como a aposta que dende a administración local se fixo a iniciativa Safari Etolóxico de Garranos  e o apoio por dar visialización a este tipo de cabalos autóctonos”.

Adrián Martins e o departamento de Turismo do Concello de Baiona veñen traballando estreitamente na posta en marcha destas inciativas para dar a coñecer a riqueza da fauna e a flora dos montes de Baiona, así como a súa peculiar beleza.

A proposta enviada e formulada por este departamento municipal do Concello de Baiona aos premios “Green Destination 2022 Global Top 100” foi elixida como unha das boas prácticas e exemplo a seguir nos avances do turismo sostible entre os destinos QualityCoast.

O “Safari Etolóxico de Garranos” posto en marcha por Fincas Moreiras en colaboración co Cocello de Baiona recibiu o recoñecemento durante a feira do turismo ITB, que se celebrou en Berlín fai uns meses.

Redondela comeza coa renovación das pistas de pádel

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Deportes que dirixe Nacho González, anuncia o inicio das obras de renovación das 4 pistas de pádel localizadas nas instalacións deportivas da Estrada Campo de Fútbol a partir do 22 de maio e ata o 28 do mesmo mes. Este proxecto entra dentro da Liña 1 d Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra e cos orzamentos aprobados a licitación foi adxudicada á empresa Baygarpor por un importe de 36.179 euros.

En canto ás pistas de tenis, o orzamento está tamén aprobado pola Diputación de Pontevedra por un importe de 42.271 euros, polo que xa está en trámite o proceso de contratación. En total nas dúas actuacións diferenciadas nas pistas de pádel e nas de tenis investiranse 80.000 euros.

Segundo a alcaldesa, Digna Rivas, “esta é unha zona deportiva e de ocio moi importante para a Vila que leva case 10 anos sen unha mellora, ou renovación das pistas desgastadas polo uso e o paso do tempo. É unha prioridade deste goberno ofrecer unha experiencia óptima de lecer e deporte tanto para aquela veciñanza interesada no uso amateur como para os nosos deportistas profesionais”.

Trátase de catro pista de pádel, as cales están definidas principalmente polas superficies sobre as que se desenvolve o xogo. Neste caso actualmente existe unha moqueta de céspede sintético que se pertende renovar, para o que será necesaria a súa  retirada, que levarase a cabo mediante medios manuais. Por último, sobre o pavimento existente, estenderase o céspede sintético. O pavimento elixido corresponde a céspede sintético homologado pola Federación Española  de Pádel, tanto para uso amateur como para uso profesional.

“Este goberno cumple coas necesidades dos usuarios e usuarias das pistas de pádel, unha das zonas máis utilizadas do municipio. O mantemento das nosas instalacións deportivas son unha prioridade”, conclúe Rivas.

Pistas de tenis

Concello de Redondela poderá anunciar en breves o inicio desta actuación que consisten na pavimentacións das 3 pistas de tenis e na limpeza das mesmas, lixado da superficie existente por medios  mecánicos e a continuación a aplicación dun sistema mediante capas de resinas acrílicas do  tipo sistema tennislife.

A Xunta licita a obra de humanización da contorna da ermida de San Eleuterio en Mos

0

A Xunta de Galicia acaba de licitar por preto de 900.000 euros a obra para a humanización da contorna da ermida de San Eleuterio, en Tameiga (Mos), tal e como recolle o convenio asinado o pasado marzo pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez e a alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo.

Neste caso, as obras, que contan cun prazo de execución previsto de 6 meses, consistirán na remodelación do entorno da ermida de San Eleuterio a través da dotación á área de zonas verdes, na renovación completa do mobiliario urbano e na repavimentación do solo, ademais da protección de todos os elementos culturais como a propia ermida, o cruceiro ou o peto de ánimas.

Nigrán pavimentará os camiños municipais con Plan Concellos

0

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar unha achega da Liña 1 do Plan Concellos por preto de 600.000 € (592.292 €) para Nigrán, que irá destinada á pavimentación de camiños municipais. Tal e como informou en rolda de prensa a presidenta provincial Carmela Silva, con estes recursos o concello vai destinar no 2023 todo o investimento á súa disposición na Liña 1 do plan provincial a traballos de pavimentación en viarios, despois de ter aprobado en marzo outra achega de 135.833 € para costear a mellora de camiños en Chandebrito.

Estes novos recursos permitirán a  Nigrán mellorar o firme de diversos tramos dun total de 33 camiños, entre os que figuran a Rúa da Cova, a Rúa do Outeiro, o Camiño do Monte, Camiño do Pombal, avenida Praia América, Camiño da Igrexa, Camiño Carballal, o a Rúa Pontillón entre outros. Trátanse de camiños municipais que presentan deterioros en diferentes puntos, sendo as fisuras, fochancas, reposicións de gabias e degradación  xeral da capa de rodaxe, as principais patoloxías detectadas. Tamén son camiños que se encontran parcialmente pavimentados ou sen pavimentar. Por outra banda, nun numeroso grupo de viarios municipais a vexetación invadiu as marxes e cunetas.

A actuación que se vai desenvolver na maioría dos camiños consiste na pavimentación, co estendido e compactado dunha capa de 5 cm de mestura bituminosa en quente sobre o firme existente. Igualmente, contémplanse partidas de fresado para a conexión con outros tramos e acceso a vivendas, así como o recalce de tapas de rexistro en calzada mediante formigón.

Verán ‘pasado por auga’ en Ponteareas co Campionato Galego de Augas Abertas e a Travesía a nado Vila do Tea

Verán de competicións de natación en Ponteareas. A alcaldesa, Cristina Fernández, e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, participaron no coloquio de presentación do calendario de probas deportivas que o Club Natación Ponteareas celebrará na contorna natural da Freixa durante os meses estivais. Na presentación nos xardíns da empresa Sestelo estiveron acompañados polo Secretario Xeral de Deporte, José Ramón Lete; pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; polo deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; o vogal da Federación Galega de Natación, Santiago Escudero; o presidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera; e o xerente da DOP Arzúa-Ulloa, Óscar Pérez.

“Para Ponteareas é un orgullo acoller estes dous novos campionatos, uns eventos que non só realza a nosa contorna natural, senón que tamén promoven un estilo de vida saudábel e atraen visitantes de diferentes lugares”, salientou a rexedora. Cristina Fernández destacou que é ademais “unha grande oportunidade para amosar o noso compromiso co deporte e tamén co turismo, xa que estas e todas as probas que celebramos na vila xeran un grande impacto económico e fortalecen a imaxe de Ponteareas”.

A primeira cita será o Campionato Galego de Augas Abertas o sábado 10 de xuño, unha proba que forma parte do circuíto galego de augas abertas e que estreará as competicións de natación no río Tea. Único campionato oficial que aglutina a máis de 230 nadadoras e nadadores da categoría máster e absoluto, este ano o cartel da competición recolle unha clara homenaxe ao Corpus de Ponteareas ao coincidir esta cita cunha das festas máis grandes da vila.

Pola súa banda, o 19 de agosto é a quenda da Travesía a nado Vila do Tea, proba incluída tamén no circuíto galego e no nacional de Copa de España de Augas Abertas 2023. A cita estase a consolidar como unha das citas con máis nivel dentro do circuíto galego, xa que sempre participan destacados deportivas a nivel nacional e internacional.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, eloxiou o gran traballo realizado polo CN Ponteareas na organización destas dúas probas e de todos os campionatos de primeiro nivel que se celebran na vila ao longo do ano. “É un orgullo contar cun club deportivo tan comprometido co noso concello, porque a súa dedicación e esforzo son fundamentais para seguir ofrecendo experiencias deportivas únicas e atractivas para participantes e público e para seguir levando o nome de Ponteareas moi lonxe na natación”, recalcou.

Ponteareas homenaxea o traballo invisible que existe detrás do Corpus no seu cartel de 2023

Ponteareas arranca con forza os preparativos do seu tradicional Corpus Christi. A alcaldesa, Cristina Fernández; a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Eva Gil; e o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, presentaron este xoves xunto ao ilustrador Pablo Prado o cartel que será a imaxe dunha nova edición desta festa tradicional.

“Estamos desexando volver vivir o noso Corpus, unha festividade que destaca polo seu significado histórico e cultural, que nos permite resaltar as nosas tradicións, manter vivo o noso patrimonio cultural, promover o turismo e fomentar unha unión e un traballo colectivo únicos”, salientou Cristina Fernández.

O cartel anunciador foi deseñado polo ilustrador e caricaturista Pablo Prado, gañador de numerosos premios polo seu traballo no eido da banda deseñada, que recolle na súa creación o traballo invisible que hai detrás do Corpus e que por primeira vez representa o labor do deseño das alfombras. “A imaxe busca destacar o nivel de mobilización das persoas da vila, que se xuntan para realizar un traballo colectivo, anónimo e desinteresado co que enchen de cor as nosas rúas”, salienta o autor.

Un sentir que espertou nel sendo cativo grazas ao tesón dunha das súas profesoras, que cada ano levaba ao seu alumnado a ver e experimentar o traballo do desfollado en San Gregorio. “Para min era fascinante ver a esas mulleres de todas as idades, a vitalidade, as risas, o ben que o pasaban e todo o seu saber sobre flores e plantas e que tan ben representa o patrimonio inmaterial do noso Corpus”, subliñou. Esa profesora tamén facía os deseños do seu tramo, un traballo que describía sempre con misterio. Unha das súas propostas é a que aparece no cartel, “un deseño real recollido nunha investigación que fixo a miña nai e unha compañeira en 2009 para o colexio no que son profesoras e que recolleu rexistros gráficos de todo ese traballo previo que me serviu de inspiración”.

Pablo Prado estudou no Garaxe Hermético, a escola profesional de cómic e ilustración de Pontevedra e comezou en 2016 a facer traballos de humor gráfico e caricatura para varios xornais galegos. Foi gañador do premio de banda deseñada do Garaxe Hermético con ‘Nerea e o príncipe da Sorte’, un traballo con guión de Miguel Rojo e publicado pola editorial Xerais. Dende hai anos colabora ademais en proxectos vinculados á loita pola igualdade como a asociación feminista FestiVal das Brétemas ou SOS Racismo Galicia.

Co deseño de Prado, o Concello aposta unha vez máis por creadoras e creadores ponteareáns para o cartel do Corpus Christi, Festa de Interese Turístico Internacional, o que, como salientou a alcaldesa, “é sen dúbida un grande escaparate de todo o talento, creatividade, orixinalidade e calidade que temos a sorte de ter na nosa vila. É unha forma de involucralos e achegalos de forma directa a unha tradición moi arraigada en Ponteareas e que perdurará durante moitos anos da man das novas xeracións”.

O PSdeG-PSOE de Salceda creará un espazo común para a mocidade coa rehabilitación da antiga Cámara Agraria

O PSdeG-PSOE de Salceda de Caselas propón rehabilitar a antiga Cámara Agraria para crear un espazo común para que a mocidade de Salceda de Caselas poida desenvolver diferentes actividades. A antiga Cámara Agraria converterase na Casa da Xuventude que Salceda necesita, un espazo para que a mocidade poida desenvolver a súa creatividade dunha forma lúdica sempre asociada á practica de hábitos saudables e positivos entre as mozas e mozos.

Para dotar de contidos este novo espazo os socialistas e as socialistas de Salceda propoñen tamén un programa de Dinamización Xuvenil con actividades e celebración de eventos ben definido para que a oferta lúdica para a mocidade sexa variada e constante no tempo.

Dentro deste programa inclúense actividades e eventos para “gamers”, actividades relacionadas coa cinema ou con diferentes formas de expresión artística como a pintura, a escultura, a fotografía ou o deseño gráfico. Tamén haberá espazo para por en marcha un club de lectura plurilingüe.

Verónica Tourón. “A importancia da mocidade como motor de cambio para o noso concello indícanos que debemos propor alternativas de ocio que lles permitan gozar de Salceda sen ten que marchar a outros lugares. Poderán acceder a unha oferta cultural e de ocio que recolla as súas inquedanzas e as novas formas de convivencia creativa e expresión artística que son propias da súa idade”

A Deputación culmina o proceso da transferencia da finca e pazo de Lourizán á Xunta

O pleno da corporación provincial aprobou hoxe por unanimidade de xeito definitivo á transferencia da Finca e do Pazo de Lourizán á Xunta de Galicia. Culmina así un proceso que se iniciou en xullo do pasado 2022 para a cesión á Administración autonómica da propiedade deste espazo, o histórico inmoble e as edificacións que alberga e que a Deputación de Pontevedra tiña adquirido en 1943. O acordo de cesión obriga á Xunta a preservar a integridade e manter a afectación dos inmobles da Finca de Lourizán cos seus fins de servizo público, sen prexuízo de desenvolver neles outras actividades complementarias de finalidade pública, entre elas as turísticas, divulgativas ou recreativas.

O expediente de transmisión da titularidade da finca e das edificacións foi aprobado inicialmente no pleno do 31 de marzo deste 2023, despois de meses de tramitación por parte da Comisión de Seguimento creada por ambas administracións para cumprir o protocolo de intencións asinado en xullo do 2022 entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo. No período de exposición pública do acordo, que rematou a pasada semana, presentouse unha única alegación por parte da APDR (Asociación pola Defensa da Ría), que solicitaba modificar o protocolo para incluír medidas a fin de impedir unha posible privatización do inmoble. A alegación foi desestimada cun informe conxunto dos servizos de Contratación, Secretaría e Intervención que incidía en que non procedía a modificación do protocolo ao non ter este carácter executivo e acreditaba que a titularidade pública queda garantida, xa que o acordo recolle expresamente a obriga da Administración autonómica de manter o fin de servizo público destes bens.

Campamentos para nenos e nenas de Ucraína

Por outra banda, o pleno aprobou tamén unha modificación de crédito por 90.000 € para sumarse á iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína, liderada en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), de apoio ás nenas e nenos dese país coa posta en marcha de campamentos recreativos de verán, para os que a institución provincial porá a disposición as instalacións do Centro Príncipe Felipe. A institución provincial sufragará os custes da estancia da rapazada (de 6 a 17 anos) e a das súas persoas coidadoras, incluíndo seguros médicos, tradutores, vestimenta e as actividades que se realicen durante a mesma. As nenas e nenos participantes convivirán durante un mes no que poderán desfrutar de actividades deportivas e de ocio dentro das propias instalacións, ademais de realizar saídas culturais e de contacto coa natureza. Ademais, a iniciativa contempla que a rapazada ucraína realice obradoiros de coñecemento lingüístico e de valores ambientais e igualdade e disporán tamén de atención psicolóxica.

Antonio Lomba lamenta que Rueda marchase da Guarda sen prometer solucións ás cuestións que o Concello leva pedindo a Xunta dende hai anos

0

Antonio Lomba, candidato socialista á alcadía da Guarda, lamenta que “o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viñera onte ata A Guarda e marchase sen prometer solucións ás cuestións que o concello lle ten plantexadas á Xunta”.

“Seguiremos esperando por parte da Xunta e do candidato do PP vontade política para desbloquear proxectos moi importantes para a Guarda que son competencia do goberno autonómico, rexeitando por exemplo apoiar o acceso sur ao porto, unha infraestrutura fundamental para o noso concello”, lembra Antonio Lomba.

“Non fixeron referencia a ningún dos grandes proxectos para A Guarda que dependen da Xunta; ou o señor Rueda non sabe nada da realidade da Guarda ou non quere adquirir compromisos porque ten datos de que Roberto Carrero non vai a ser o próximo alcalde”, sostén.

“A Guarda avanza grazas aos investimentos da Deputación, do Goberno estatal, dos fondos europeos que conseguimos desde o concello e dos recursos municipais, é inaceptable a ausencia da Xunta para mellorar a Atención Primaria na sanidade, ou para axilizar as obras da autovía a Tui”, engade.

O candidato socialista fai mención a outros proxectos que son competencia da Xunta, “como a senda arredor do Trega para mellorar o tránsito peonil na PO-352 de Camposancos, ou a renovación do embarcadeiro do ferry a Caminha, impracticable desde o ano 2021”.

Por último, Antonio Lomba garante que “serei eu quen xestione diante da Xunta aqueles proxectos que A Guarda necesita, como o veño facendo ata agora”.

Covelo investirá máis de cen mil euros en reparar os danos causados polas inundacións

0

O Concello de Covelo informa que vén de solicitar á Deputación de Pontevedra 111.770,85 € para a execución do proxecto “muros de contención e canalizacións de pluviais para a reparación de danos causados por inundacións”. En concreto, o Concello de Covelo destinará esta subvención á reparación de muros e canalizacións de pluviais na Bugariña, en Carballeda, en Casteláns e en Lourido co obxectivo non só de repoñer o estado das zonas afectadas, tamén de reforzalas e preparalas para afrontar novas inclemencias meteorolóxicas.

Nos primeiros días posteriores ás inundacións, o Concello de Covelo executou con fondos e medios propios distintas intervencións de urxencia en diferentes puntos do concello. Agora investirá 24.154 € na reparación do parque infantil e do torreiro das festas de Lourido que resultaron moi afectados pola auga derrubándose unha boa parte do mesmo. En Casteláns haberá que executar obras por valor de 27.249€ na mellora do camiño de acceso ao cemiterio parroquial. Na Bugariña levantarase un muro de contención caído, entre outros traballos, cun custo total de 9.731 € e en Carballeda, parroquia de Santiago de Covelo, realizaranse traballos de reposición de tubaxes e conducións de augas orzamentados en 7.705 €.

O alcalde, Pablo Castillo, explica que o Concello, consciente da dispersión xeográfica e da nova configuración dos terreos, realiza cada ano investimentos en ferramentas e nova maquinaria para afrontar o mantemento de cunetas, desbroces e camiños municipais pero que cando chegan imprevistos atmosféricos de intensidade superior son insuficientes ao provocar danos de maior envergadura. Por este motivo agradece a colaboración da cidadanía que mantén as súas propiedades e contorna limpas e coidadas xa que así contribúen nun bo aproveitamento dos recursos humanos, materiais e orzamentarios do concello.

Paco Nogueira, protagonista dunha nova actividade de fomento da lectura na biblioteca de Ponteareas

A biblioteca municipal de Ponteareas acolle a vindeira semana unha nova actividade coa que fomentar a lectura entre os máis pequenos e pequenas dun xeito lúdico e atractivo. Ao abeiro do programa ‘Ler Conta Moito’, da Xunta de Galicia, o martes 23 de maio ás 19.00 horas Paco Nogueira chegará á biblioteca co seu espectáculo ‘Brinca vai! De aquí a acolá’ dirixido a cativada de 6 a 11 anos.

Trátase dun espectáculo baseado no libro-CD-DVD ‘Brinca vai!’, editado por Kalandraca Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos. Así nenos e nenas acompañarán ao músico e actor Paco Nogueiras cos seus instrumentos e a súa querida ‘Máquina’ nunha divertidísima viaxe chea de humor, baile e cancións para cantar, rir, danzar ou simplemente escoitar coas mans e as orellas ben abertas.

Nesta viaxe, as alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano e o respecto pola lingua galega serán parte importante da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma de sorriso.

Como destaca o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, coas actividades do programa ‘Ler Conta Moito “búscase promover entre o público dende ben novas e novos non só a lectura, senón tamén a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e a expresión artística”.

As persoas interesadas poden inscribir xa a nenas e nenos a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 986 660 765.

Abel Caballero e Digna Rivas subliñan que “a cooperación beneficia a ambos concellos e que as divisións políticas prexudican”

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibiu onte a visita do seu homólogo de Vigo, Abel Caballero, para realizar un paseo pola vila dos viadutos e subliñar que a colaboración entre os dous municipios será beneficiosa para ambos. Abel Caballero xuntouse tamén cun grupo de militantes e concelleiros/as do PSdeG para felicitar á alcaldesa socialista pola gran campaña e a xestión que leva realizando en Redondela nestes últimos catro anos de mandato, que “ de seguro a levará á reelección”.

Abel Caballero acompañou a Digna durante un paseo con militantes e concelleiros locais, onde aproveitou para felicitar á alcaldesa e candidata socialista pola gran campaña e gran xestión que leva realizando en Redondela estes últimos catro anos de mandant que “de seguro a levará a reelección”

Caballero non perdeu a ocasión de dar a súa opinión sobre a situación política actual do municipio, “fuxir da confrontación entre partidos políticos e centrarse na cooperación que tantos beneficios lle pode dar tanto a Redondela como a Vigo”

Durante a visita abordaron a imperiosa necesidade de que ambos municipios empecen unha nova relación, moito máis estreita pois “non é posible entende Redondela sen Vigo, ao igual que é imposible entender Vigo sen Redondela”, afirma a alcaldesa

“Abel Caballero representa todo aquelo que un alcalde ou alcaldesa debe aspirar a ser. Unha persoa centrada, cabal e que antepón calquera cousa ao ben común do municipio e a xerar un futuro para a veciñanza”, e finaliza, “nos vindeiros catro anos Redondela e Vigo estreitarán lazos para medrar conxuntamente”.

A Deputación adxudica os traballos de recuperación da contorna da antiga Ponte das Achas, na Cañiza, cun investimento de 380.000 euros

0

A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar por 379.285 € as obras de recuperación da contorna da antiga Ponte das Achas no Concello da Cañiza, que suporá a transformación desta área de gran relevancia patrimonial. A actuación, que ten un prazo de execución de seis meses, financiarase a través dun convenio no que a institución provincial aportará o 70 % do investimento e o Concello o 30 % restante, aínda que parte deste orzamento provén dunha achega do Plan Concellos. Trátase dun proxecto que permitirá a total renovación da zona, tal e como destacou a presidenta Carmela Silva, “non só no que se refire á seguridade viaria e á recuperación do espazo público, senón tamén como espazo moi atractivo para que se poida poñer en valor un turismo sostible, vinculado aos núcleos rurais con moita identidade”.

As obras teñen como obxecto a mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil no trazado antigo que discorre sobre a ponte, nun tramo de 560 metros de lonxitude no treito vello da EP-5002, entre o núcleo rural das Achas e o viaduto románico. Neste espazo, abordarase a recuperación da ponte das Achas que pasará de contar con asfalto a un pavimento de granito e das varandas metálicas a un peitoril de pedra de 1,10 metros de altura.

Os traballos tamén dotarán a estrada dunha senda peonil ao longo da marxe dereita, de 2,50 metros de ancho e executada en formigón gris escuro e que transcorrerá desde a zona de convivencia que se acometerá no núcleo das Achas, con plataforma elevada 10 centímetros acabada en formigón gris escuro. O firme no tramo a carón da senda será pavimentado de novo e dotado tamén de drenaxe de augas pluviais. Ademais, todas as canalizacións eléctricas e de telefonía serán soterradas, colocaranse bancos de granito, e disporase nova sinalización horizontal e vertical e unha rede de alumeado máis sostible con luminarias LED. Tamén se ampliará a zona verde e colocarán buxos no linde coa senda.

A Guarda acolle a exposición ‘Mulleres represaliadas no Cárcere de Tui(1936-1939)’

0

Esta Exposición é unha lembranza a todas as mulleres represaliadas e nela encontraremos varias mulleres da Guarda e tamén do Baixo Miño que pasaron polo Cárcere de Tui. A exposición poderá visitarse de forma libre na Casa do Alonso, desde o día 18 ata o 26 de maio en horario de 08:00 a 15:00.

O día 25 de maio ás 20:00 terá lugar unha visita guiada a dita exposición e a presentación do libro “Mulleres Represaliadas no cárcere de Tui” a cargo das persoas autoras da obra: Helena Pousa, Quico Paz Antón e Marga do Val, que explicarán como se fixo todo o traballo de documentación.

Dende o Concello da Guarda agradecese a cesión desta exposición á Concellería de Igualdade do Concello de Tui e ás persoas autoras do libro

O alumno tudense Rodrigo Buján premiado no IV Concurso de Microrrelatos da Red de Juderías de España

0

Rodrigo Buján Fernández, alumno de 2º da ESO do Colexio Maristas Santa María de Tui, é un dos gañadores do IV Concurso de Microrrelatos, convocado pola Red de Juderías de España, no que participou alumnado de 1º e 2º da ESO de toda España.

Proximamente terá lugar o acto de entrega deste premio ao alumno tudense, así como un recoñecemento ao Colexio Maristas Santa María como ‘Colexio Asociado á Red de Juderias de España’.

O relato de Rodrigo Buján será publicado xunto aos 30 seleccionados a nivel nacional nun libro pola Red de Juderías de España.

O Concello de Tui felicita a este alumno polo bo traballo e o esforzo realizados para obter este recoñecemento, e agradece ao Colexio Maristas Santa María o compromiso con este concurso, que ten como obxectivo dar a coñecer o importante legado xudeu que atesouramos en España, e concretamente en Tui, que aínda segue moi descoñecido.

A Red de Juderías de España convocou a cuarta edición do concurso de microrrelatos “Benjamín de Sefarad”, dirixido a escolares españois, co obxectivo de promover o coñecemento do legado xudeu de España.

A temática dos microrrelatos desta edición foi a música. O xurado do certame estivo composto por Jimmy Barnatán, músico, actor e escritor; Coty Aserín, terapeuta, coach e preparadora Xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid e directora do programa de RTVE Shalom; Carmelo Jordá, xornalista e autor de Diarios de Viaxe da Red de Juderías; e Mara Aranda, intérprete, investigadora e directora do Centro Internacional de Música Medieval.

A Real Federación Galega de Motonáutica imparte en Tomiño un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación

0

A Real Federación Galega de Motonáutica en colaboración co Concello de Tomiño e o Club Náutico Inclusivo Baixo Miño impartirá un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación. Este curso celebrarase o vindeiro venres 2 de xuño na contorna do Espazo Fortaleza de Goián e contará con prazas a tarifa reducida para persoas con mobilidade reducida. A data límite para inscribirse será o vindeiro 30 de maio ás 00.00 horas.

O curso consistirá nunha parte teórica e outra práctica, para a que se empregará o pantalán da zona. A actividade contará cunha embarcación adaptada para aquelas persoas inscritas con mobilidade reducida.

A nova titulación coñecida como Licencia de navegación habilita á persoas para o goberno de embarcacións de recreo de ata 6 metros de eslora e unha potencia de motor adecuada á mesma segundo o fabricante, navegación diúrna ata 2 millas de calquera dirección de porto, mariña ou lugar de abrigo, así como o manexo de motos acuáticas de calquera potencia.

Para realizar a inscripción e obter máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 222 440 ou enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected].

Comedia de enredo en Cillarga co grupo de teatro ‘Pena do Equilibrio’ e o programa Cultura24 do Concello de Ponteareas

O programa Cultura24 do Concello de Ponteareas sube o pano unha vez máis esta fin de semana con teatro e humor. Ao abeiro desta iniciativa, o Concello levará este domingo 21 de maio ao centro cultural de Cillarga a obra ‘O tiro pola culata’, unha divertida obra do grupo de teatro afeccionado ‘Pena do Equilibrio’ co que sacar un sorriso a público de todas as idades.

Trátase dunha obra orixinal de Paula Lorenzo Sertaje, unha comedia de enredo na que non faltará a picaresca e onde a realidade sempre é diferente á ficción para facer pasar unha tarde divertida a todas e todos os espectadores. O espectáculo comezará ás 18.00 horas e, como en todas as actuacións organizadas dentro do programa Cultura24, será con entrada de balde ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a achegarse a Cillarga “para gozar dun momento de lecer co Cultura24, un programa que ofrece a todas e todos os ponteareáns un amplo abano de actuacións gratuítas que permiten tamén dinamizar as nosas 24 parroquias, dar visibilidade ás agrupacións musicais, teatrais e culturais da vila e promocionar todo tipo de arte”.

Ponteareas investirá case 1,2 millóns na rehabilitación de inmobles do centro histórico

O Concello de Ponteareas vén de asinar un convenio de colaboración para xestionar os fondos do ‘Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio’, o que permitirá a reforma de inmobles na Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) de Zona Vella, unha denominación que permite ao municipio e á veciñanza ponteareá acceder a fondos europeos para a rehabilitación de edificios residenciais, vivendas e locais comerciais e para a urbanización e reurbanización dos espazos públicos no centro histórico da vila.

Con cargo aos fondos transferidos polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta destinará ata un máximo de 400.000 euros dos custes incluídos no investimento subvencionábel, de case 1,2 millóns de euros. A través desta iniciativa estímase a rehabilitación de 38 vivendas, nas que se calcula que se reducirá o consumo de enerxía primaria non renovábel entre o 30 e o 45%.

“Con este convenio facilítase que veciños e veciñas poidan reformar as súas vivendas e locais e seguir enchendo de vida a vila, o que suporá unha revaloración económica de todos os inmobles e da propia contorna”, asegura a alcaldesa, Cristina Fernández.

A través deste acordo crearase unha oficina de rehabilitación que facilite a xestión e o desenvolvemento das actuacións programadas na ERRP, que xa está en tramitación e en fase próxima á súa publicación e licitación. Esta oficina terá un espazo físico e persoal propio que asesorará e tramitará as axudas de rehabilitación na Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Zona Vella de Ponteareas e na Contorna Residencial de Rehabilitación Programada, así como doutras zonas que poidan ser declaradas no futuro, así como outro tipo de subvencións de rehabilitación de inmobles tanto no centro da vila como nas parroquias.

A rexedora lembra que a rehabilitación destes inmobles “redundará nunha mellora da eficiencia enerxética para conseguir unha Ponteareas máis sostíbel, pero tamén permitirá xunto con outras accións devolver ao centro histórico da vila todo o seu esplendor, dinamizando unha zona emblemática, asentando poboación nela, mellorando a calidade de vida das persoas, favorecendo a creación de emprego e conseguindo un maior dinamismo económico”.

Este programa de rehabilitación de inmobles pode levarse a cabo grazas a que Ponteareas a finais de 2021 aprobou o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Carlos Gómez comprométese a ampliar a escola infantil O Areal con fondos propios “se a Xunta non cumpre con Baiona”

0

O candidato socialista á reelección como alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comprométese “a realizar con fondos municipais no próximo mandato a ampliación da Escola Infantil O Areal se a Xunta non cumpre con Baiona”. “As competencias para facer esta obra son da Xunta, pero levamos anos esperando por un investimento de 250.000 euros para a amplicación da escola infantil, anos de demandas sen éxito ante a Consellería de Educación e a Xefatura Provincial”, apunta o candidato socialista.

“Escoito ao señor Almuiña dicir que Baiona está paralizada, pero o único que está paralizado é o orzamento da Xunta do PP para a nosa vila, cero euros neste 2023”, lamenta Gómez Prado.

“O ensino público de calidade é unha das prioridades da nosa candidatura, así o demostramos neste mandato con actuacións de mantemento en todos os centros e escoitando as demandas da comunidade educativa, moitas veces asumindo competencias impropias”, engade.

Entre as moitas intervencións realizadas nestes catros anos, destaca a renovación dos accesos ás pistas multideportivas do colexio Cova Terreña; houbo tamén actuacións na Escola Infantil O Areal, o CEIP Fontes-Baíña e o CEIP de Belesar.

Covelo pon en valor o serradoiro dos Carranos cunha nova actividade de portas abertas o domingo 21

0

A concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar nunha nova xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 21 de maio e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece rutas, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía e distintas actividades.

A organización oferta a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada e por en valor o patrimonio cultural e natural, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

A inscrición está aberta ata esgotar as prazas.

O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html

A Guarda festexou por todo o alto o Día das Letras Galegas nunha xornada repleta de música e baile

0

O pasado mércores día 17 de maio o Auditorio de San Benito da Guarda acolleu o tradicional Festival de música e baile, no que as diferentes asociacións da Guarda renderon tributo ao autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego.

Este ano, e ante máis de 700 persoas, o acto contou coa presenza da Agrupación Cultural Guardesa, que abríu o acto lembrando a figura de Francisco Fernández del Riego a través dunha reseña sobre a súa vida adicada a difusión das nosas letras e a nosa lingua.

[su_image_carousel source=”media: 72166,72163,72165,72164″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A continuación interviron os diferentes grupos de música e baile tradicional como o Grupo de gaitas da Terceira Idade, o Grupo de Baile Xamaraina, Grupo de Pandereteiras Vento Mareiro, A Boalleira, Trebón dos Xidos e os grupos de baile Na ribeira do Miño (CEIP A Sangriña), Anduriñas (CEIP As Solanas) e Churumbela. Todos eles tiveoán tamén ocasión de lembrar a memoria do autor homenaxeado a través de pequenas lecturas da súa obra.

Nunha xornada excepcional, A Guarda lembrou a figura do homenaxeado nesta edición 2023, contando cun total de 6 asociacións participantes e 9 grupos de baile e música.

A Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes quixo agradecer publicamente a participación e colaboración desinteresada das diferentes asociacións que no día de onte renderon homenaxe no Día das Letras Galegas coa entrega dun pequeno agasallo que representa a fachada mariñeira da Guarda.

Violeta de Santiago traballará “por un Tomiño que pase das promesas ás realidades” e que “escoite as demandas da veciñanza”

0

Cheo absoluto no Centro Cultural de Figueiró para respaldar a candidatura de Violeta de Santiago á Alcaldía de Tomiño. A candidata prometeu traballar por “un Tomiño das realidades, superando o Tomiño das promesas”. Afirmou que o actual Goberno municipal é “incapaz, está esgotado, é arrogante e padece unha total falta de ideas, que se plasma en obras sen sentido e alleas ás demandas que fai a veciñanza”. A candidata contou co apoio do secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades e tamén coa presencia de Duartes Fernandes e de Renato Domingues, secretarios do Partido Socialista de Vilanova de Cerveira e de Viana do Castelo.

A candidata socialista quixo destacar a loita do Partido Socialista de Tomiño, que dende a oposición estes últimos catro anos, foi capaz de poñerse á fronte para resolver os problemas da xente porque “a uns gústalle levar os méritos e saír nas fotos; outras estamos contentas con traballar para a nosa veciñanza, que non é tonta e sabe quen está ao seu carón”.

Violeta de Santiago durante a súa intervención

De Santiago non quixo esquecerse da Deputación de Pontevedra presidida pola socialista Carmela Silva, “unha Administración que leva investidos en Tomiño máis de 18 millóns de euros nos últimos oito anos, pero que dende o Concello nin se menciona”, nun intento de ocultar que é unha Administración presidida polo Partido Socialista a única que está a investir en Tomiño.

O secretario xeral provincial, David Regades, reivindicou as políticas sociais con selo socialista que se aproban dende o Goberno do Estado e que repercuten na mellora da calidade de vida das veciñas e veciños de Tomiño, “para que sexa un lugar mellor para vivir”. A suba do salario mínimo, das pensións, a creación do Ingreso Mínimo Vital, as becas, a reforma laboral e a lei de vivenda, que impulsará a construción de vivenda protexida, son medidas que impactan na xente de Tomiño, recalcou.

Regades tamén fixo fincapé nas potencialidades de Tomiño, así como no gran abanico de oportunidades que se lle abren grazas a súa proximidade con Portugal para captar fondos europeos para o desenvolvemento de conxunto de ambos países, oportunidades. que “sen ningún tipo de dúbida Violeta saberá aproveitar moi ben”.

Mirta Misa, concelleira polo PSdeG en Tomiño, e Óscar Portas, candidato de Goián, fixeron fincapé na necesidade de renovación e na confianza da veciñanza en Violeta “só fai falta ver este local ateigado” afirmaba Misa. Pero vai máis alá pois “cando un veciño ou veciña ten un problema peta na porta de Violeta, non na do Concello”.

A celebración do Festival Internacional de Títeres obriga ao traslado da Feira de Redondela á fin de semana do 28 de maio

0

O Concello de Redondela vén de dar conta que A Feira, que se tería que celebrar o día 21, trasládase ao 28 de maio dada a súa coincidencia coa celebración do XXIV Festival Internacional de Títeres. Ese día, explica o Concello, “haberá numerosos espectáculos e actuacións por toda a vila que impedirán a correcta instalación dos comerciantes”. O día 28 de maio o horario será o habitual, non haberá máis cambios que esta nova data temporal.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que “a celebración do XXIV Festival Internacional de Títeres é un evento multitudinario para o que se esperan miles de persoas de Redondela e de fóra do municipio, polo que é necesario este cambio de data. Celébrase do 15 ao 21 de maio e dende o Concello desexamos o éxito no desenvolvemento do último día do evento e tamén o correcto funcionamento da feira que é un dos momentos con máis movemento do mes na vila”.

A Cañiza entrega os premios de poesía e relato dos certames literarios ‘Letras Galegas 2023’

0

Dentro dos actos previstos polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas, o alcalde Luis Piña, acompañado do concelleiro de Cultura, Rubén Muiños, fixo entrega este 17 de maio, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, dos diplomas e premios aos catro concursantes gañadores do XXIV Concurso de Poesía e do XXII Concurso de Relatos ou Narraccións Breves, convocados polo Concello da Cañiza.

XXIV Concurso de poesía

1ª Categoría (6 a 12 anos). Premiado con 120€ e diploma: Éric Lorenzo Fernández co poema A Pinga

2ª Categoría (13 a 17 anos). Premiado con 120 € e diploma: Álvaro Machado Puga co poema Que é a poesía?

 XXII Concurso de relatos

1ª Categoría (6 a 12 anos). Premiado con 120 € e diploma: Daniela Lopes González co relato O Lobisome galego.

 2ª Categoría (13 a 17 anos). Premiado con 120 € e diploma: Iria Fernández Giráldez co relato Realidade

O xurado, integrado por un equipo de profesores de galego dos Centros Educativos da Cañiza, valorou os traballos en base aos criterios de creatividade e orixinalidade da obra e a súa forza expresiva.

Unha vez rematada a entrega de premios, o alcalde Luis Piña quixo felicitar a todos os concursantes  pola súa implicación e  por ter contribuido a elevar cada ano o nivel literario destes certames. Piña salientou tamén a orixinalidade de todos os traballos e emprazou aos participantes a volver a presentarse aos concursos de 2024.

O Concello do Rosal abre o prazo de inscrición para o campamento de verán

0

O Concello abriu este mesmo xoves 18 de maio o prazo de inscrición no campamento de verán municipal para nenos e nenas matriculados durante o curso 2022/2023 en educación infantil ou educación primaria que estean empadroados no Rosal ou que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que o obxectivo desta iniciativa “é permitir ás rosaleiras e rosaleiros conciliar a vida familiar e laboral ofertando actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre de rapazas e rapaces tras rematar o período lectivo nunha contorna enriquecedora, fomentando o seu desenvolvemento e crecemento”.

O campamento desenvolverase na Escola de Pancenteo durante os meses de xullo e agosto e contará con 20 prazas de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e outras 10 prazas en horario de 08.00 a 15.00 horas. De todas estas prazas, 3 estarán reservadas de inclusión. O prezo por persoa será de 100 ou 125 euros ao mes, dependendo do horario solicitado na inscrición.

As persoas interesadas en reservar praza poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro venres 2 de xuño presencialmente no Rexistro do Concello de 09.00 a 14.00 horas ou por Sede Electrónica. Entre a documentación a achegar, deberase presentar a solicitude de participación, a autorización de recollida da ou do menor, o cuestionario de saúde e autonomía persoal, a fotocopia do DNI do pai/nai/titor/titora do ou da menor, a fotocopia do libro de familia, a vila laboral actualizada ou certificados específicos de discapacidade da persoa participante, familia monoparental, familia numerosa ou de traballar ou posuír un negocio no Rosal en caso de precisalo.

O Concello elaborará unha listaxe de persoas adxudicatarias das prazas, así como unha listaxe de reserva. No caso de renuncia, a listaxe irá correndo segundo orde numérica.

Carlos Gómez avanza xestións para que a Casa da Navegación de Baiona forme parte da rede de museos estatais

0

Carlos Gómez Prado, candidato socialista á reelección como alcalde de Baiona, avanza que “no próximo mandato queremos que a Casa da Navegación de Baiona forme parte de Rede de Museos Estatais, xa iniciamos as xestións tras as reformas levadas a cabo neste mandato”.

“Xa desde a campaña electoral de 2019 manifestei a miña intención de potenciar a xesta colombina, de poñela en valor con novas iniciativas que beneficien á nosa vila”, explica.

Dentro do proxecto europeo ‘Exploraterra’, encargado de divulgar as grandes travesías transoceánicas peninsulares da historia, a Casa da Navegación conta desde o ano pasado cun novo espazo que ofrece experiencias de realidade virtual aos visitantes. Tamén dentro de ‘Exploraterra’ chegou a renovación do Museo Flotante Carabela La Pinta.

A Rede de Museos Estatais está composta por 16 instalacións xestionadas polo Ministerio de Cultura, como o Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática de Murcia; o Museo Nacional de Cerámica de Valencia, ou o Museo Sefardí de Toledo.

A inclusión da Casa da Navegación nesta rede suporía unha maior proxección nacional, formando parte de actividades e iniciativas conxuntas para todos os museos.

“Atopo moita receptividade e interese neste tema en todas as institucións, xa está en marcha ademais a Asociación de Cidades Colombinas, un proxecto intenacional co obxectivo de ser Patrimonio da Humanidade, conectando os pobos colombinos de España, Sudamérica e África. Con este proxecto ambicioso dotaremos de contido real o irmandamento”, remata Gómez Prado.

A Confraría Santa Tecla da Guarda convoca unha concentración contra a eólica mariña

Baixo o lema “O vento é gratis, a eólica mariña non” a Confraría Santa Tecla da Guarda convoca esta concentración para esixir a paralización dos proxectos de éolica mariña que pretenden instalar nas costas da Guarda, Oia, O Rosal e mesmo Baiona. A recente aprobación dos POEM prioriza a produción industrial de enerxía fronte á protección da biodiversidade e a actividade pesqueira.

Tal e como promulga o Manifesto de Burela, que a confraría “subscribe totalmente”, as persoas que viven do mar somos as máis interesadas en defender os ecosistemas mariños, “que contribúen á xeración de emprego e creación de riqueza en vilas costeiras”. Crendo firmemente na necesidade frear os devastadores efectos do cambio climático, desde Santa Tecla apostan “por unha transición enerxética xusta, compatible con actividades sustentables, que garanten a soberanía alimentaria e crean identidade, como é o caso da pesca”.

Por estas razóns, desde unha comunidade pesqueira tradicional como é A Guarda, queren manifestar o seu firme rexeitamento a este tipo de proxectos e esixen ao MITECO, “a retirada dos POEM e a paralización de calquera proxecto de eólica mariña”. A Confraría Santa Tecla urxe a “acometer estudios científicos independentes e rigorosos sobre a afectación xerada por muíños e liñas de evacuación nas especies mariñas e o conxunto do ecosistema” e lembra que a recente admisión a trámite no Tribunal Supremo do recurso presentado polas Confrarías, “debería facer reflexionar á ministra Ribera para decretar a paralización cautelar de calquera proxecto, pola irreversibilidade dos danos que se poden causar”.

Doutra banda exisen do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, “unha oposición frontal a plans de saqueo dos nosos recursos pesqueiros”, polo que instan ao ministro Planas “a antepoñer a soberanía alimentaria fronte á especulación enerxética”.

Da administración autonómica pide a confraría “un posicionamento claro na defensa do sector pesqueiro” e adiantan o rexeitamento aos anuncios “sobre eventuais fondos de compensación para paliar os prexuízos da eólica mariña, que implican per se un perigo real de afectación á pesca”. Reclaman que o presidente da Xunta “exerza como tal” e non de comercial do lobby enerxético.

Por último a confraría Santa Tecla quere transmitir á cidadanía da franxa costeira do sur de Galicia e Norte de Portugal “que este non é un problema que só afecta ás xentes do mar” xa que a instalación dun macropolígono de enerxía eólica “terá tamén repercusión en terra, afectando principalmente a concellos como A Guarda, Oia ou O Rosal, por onde previsiblemente discorreran as liñas de alta tensión para a evacuación da enerxía eléctrica, creando unha verdadeira “autoestrada” que fragmentará a paisaxe ao longo do seu trazado”.

Por isto, apelan tamén a colectivos ecoloxistas, ambientalistas e organizacións sociais e veciñais “a unirse ao sector pesqueiro nesta loita, porque o mar e a paisaxe do sur das Cíes ao Trega perténcenos a todas e todos”.

‘Estrada Estilismos Home’, ‘Viveiros Canedo’ e ‘Bar Alimentación Fozara’, gañadores dos premios «Ponteareas, Lingua e Empresa»

Ponteareas recoñece un ano máis ás persoas ou empresas que, día a día, achegan a lingua galega dun xeito normalizado ás persoas consumidoras e “contribúen deste xeito ao aumento e mellora do uso social do galego no sector empresarial”. Así o recordou a alcaldesa, Cristina Fernández, durante a entrega dos premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa 2022’ durante a celebración no auditorio municipal da Gala da Lingua celebrada este 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Un galardón co que destacar o labor pola lingua feita por tres empresas da vila que este ano acadou Antonio Martínez Groba, de Estrada Estilismo Home, na categoría de ‘Traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas’, polo uso do galego dende hai máis de 30 anos “tanto de xeito oral como facendo visíbel o idioma no rotulado do seu establecemento, nas tarxetas de visita, nos vales de agasallo e en todo tipo de publicidade da súa empresa”, segundo explicou a rexedora.

Na categoría de ‘Uso continuado da lingua galega’, o premio foi para Viveiros Canedo SL pola utilización do galego na súa actividade dende o ano 2004 ata a actualidade, “tanto na comunicación interna como externa, ofertando positivamente produtos e orzamentos e facturas en galego, así como o seu uso no nome da empresa, na cartelería, no rotulado exterior, nas furgonetas e na publicidade de todo tipo, tanto en prensa como en radio, así como polo uso do galego nas redes sociais e na súa páxina web”, como resaltou o concelleiro de Lingua, Fernando Groba. Recolleron o galardón Marisol Lorenzo e Julia Rodríguez.

Pola súa banda, Gumersinda Bugarín Codeseda, de Bar Alimentación Fozara, foi recoñecida na categoría ‘Incorporación recente ao uso da lingua galega’ por ser un establecemento de alimentación que, ademais de usar o galego na comunicación interna e externa e na súa cartelería, “incorporou de xeito decidido a lingua galega ás súas redes sociais nas que publicita o negocio e os seus produtos na lingua normal de uso no seu comercio, o galego, escollendo de xeito consciente a nosa lingua para achegarse á clientela”, destacou o edil. Recolleu o galardón Verónica Taboada.

As empresas gañadoras recibiron unha escultura exclusiva do artista ponteareán Silverio Rivas creada para estes galardóns. Cristina Fernández trasladou os parabéns do Concelllo a todas e todos os gañadores, xa que “actitudes tan positivas como esta teñen unha grande importancia para o prestixio social da nosa lingua no ámbito socioeconómico, achegando aos veciños e veciñas ao galego e xerando unha maior receptividade ao seu uso na sociedade”.

A Gala da Lingua estivo conducida polo actor Avelino González e contou coa actuación musical de Malvela, un dos grupos de música tradicional galega máis populares, prestixiosos e emblemáticos de Galicia, que fixeron gozar ao público con novas composicións, coplas populares e pezas tradicionais adaptadas á realidade cotiá.

Arbo pon en valor a figura de José Gil, pioneiro do cine

0

Arbo acolle este venres e sábado varias actividades para difundir a figura de José Gil (As Neves, 1870-1937), precursor do cinema en Galicia. Os actos darán comezo o venres 19 de maio no auditorio do Centro Multiusos donde o alumnado do CEIP Antonio Carpintero visitara o cinemóbil nº 3 e pola tarde haberá proxeccións de balde para o público en xeral.

O sábado a partir das 10:00 horas na Praza do Concello realizaranse visitas ao cinemobil nº 3 e a Banda de Música de Arbo ofrecerá un concerto “para narrar a historia do cine a través das bandas sonoras”.

JOSÉ GIL (Rubiós, As Neves, 1870-Vigo, 1937) é o grande pioneiro do cinema en Galicia, a figura máis destacada, por percorrido profesional e intensidade do seu labor e traballo a prol da fotografía e o cine, nos inicios dunha arte que habería de mudar o mundo.   

Arbo é un concello limítrofe coas Neves, municipio de nacemento de José Gil. De seguro que frecuentou festas e romarías das parroquias arbesas nos seus anos mozos, pois ademais ambos concellos estaban conectados polo ferrocarril.  Podemos velo nalgunhas imaxes publicadas nos primeiros números da revista Vida Gallega, como a reportaxe gráfica sobre o aniversario da derrota francesa na ponte de Mourentán. Tamén ficou constancia gráfica da expectación entre a veciñanza cando chegou no seu Ford para fotografar e filmar a festa dos emigrantes, momentos oportunamente inmortalizados en Vida Gallega” (1914). Nese mesmo ano estaba a preparar a filmación dun proxecto sobre a lamprea en Arbo, do que non tivemos máis referencias.

Antonio Lomba considera “unha prioridade” a renovación integral da piscina municipal da Guarda no vindeiro mandato

0

A Guarda é un concello referente en materia deportiva no eido das infraestruturas, no apoio aos clubs, entidades e deportistas, na celebración de eventos e por contar cun importante e variado movemento asociacionista que, da man do actual grupo de goberno socialista, dinamiza a vila.

Para continuar con este importante labor, Antonio Lomba, candidato do PSdeG á reelección como alcalde nas municipais do 28 de maio, propón novas medidas no seu programa encamiñadas a mellorar as diferentes instalacións municipais, así como a construción dunha pista de Pump Truck na zona do porto.

Unha das principais actuacións que prevén acometer os socialistas no próximo mandato é a renovación integral da Piscina Municipal, para a que xa presentaron un proxecto de reforma e rehabilitación enerxética aos fondos Next Generation da Unión Europea. O orzamento desta importante obra, que prevé un aforro de máis do 78% da enerxía que se consume, ascendía a 2,3 millóns de euros.

Na partida contémplanse, entre outras cousas, unha nova iluminación LED, a ampliación do ximnasio e o spa, abrir un novo vaso para os nenos e nenas, unha sala de usos múltiples, xunto á mellora dos equipos e da estética do edificio e o seu entorno.

“Trátase dun proxecto ambicioso que permitirá a modernización e a renovación integral da piscina, facéndoa máis eficiente e accesible. Supón unha obra moi necesaria porque é unha instalación clave para a nosa veciñanza á hora de practicar deporte, pero tamén un recurso importante de cara ao mantemento e a mellora da saúde”, subliña Antonio Lomba.

Os socialistas tamén reformarán as actuais instalacións do campo de fútbol, coa creación dun novo espazo para vestiarios, ximnasio e zona de actividades e reunións, continuarán mellorando o parque deportivo do Codesal, e acondicionarán a pista de baloncesto no Centro Cultural

Delfín Domínguez percorre con Carmela Silva o Camiño Escolar Seguro de Ponteareas

O candidato socialista á Alcaldía de Ponteareas, Delfín Domínguez, amosouse orgulloso do apoio que as Administracións presididas polo Partido Socialista están prestando a Ponteareas. Nunha visita ao Camiño Escolar Seguro ao colexio Ramiro Sabell, no que a Deputación investiu case un millón de euros, destacou a mellora nos servizos, equipamentos e dotacións municipais realizados ao longo do último mandato e a necesidade de apostar polo proxecto do PSdeG-PSOE para acelerar o ritmo nos próximos catro anos e a partir do próximo 28M.

Delfín Domínguez afirmou que “camiñar por este itinerario peonil, de 1,1 Km, que o PP tratou de bloquear votando en contra da modificación do proxecto no Pleno da Deputación, é un acto de reivindicación da Ponteareas que queremos, e a mellor demostración de quen aposta polo noso concello”. Unha obra “que dá servizo non só ao colexio, senón tamén ao aos IES Val do Tea Pedra da Auga e do Barral, ademais de a toda a veciñanza de Ponteareas”. O candidato socialista lembrou que a Deputación está tamén a piques de executar a urbanización do tramo urbano da estrada de saída e entrada dende As Neves e Arbo, demostrando así que “Ponteareas sempre pode contar coa Deputación que preside unha muller socialista, como Carmela Silva”.

O PP e ACIP, son a mesma cousa e son o pasado

Delfín Domínguez concluíu que nestas Municipais “Ponteareas xógase o seu futuro”. “A Ponteareas séntanlle ben os gobernos do PSOE, porque cada vez que gobernamos as e os socialistas na Deputación, na Xunta ou no Estado hai investimentos significativos en Ponteareas”. Enfronte, recordou, hai un PP e unha ACIP que definiu como “a mesma cousa e a volta ao pasado que ambas siglas comparten”. “Reaparecen, cos mesmos rostros, para prometer cousas idénticas ás que incumpriron cando gobernaron” e, por iso, pediu á veciñanza que non se esqueza de que a candidata do PP é a responsable dun estancamento urbanístico de Ponteareas que durou demasiado tempo e freou o crecemento, “ata que moi recentemente conseguimos, por fin, desatascar o Plan de Urbanismo”.

Carmela Silva coincidiu en que sempre son as Administracións gobernadas polo Partido Socialista as que fan que Ponteareas avance, como evidencian os proxectos para a Variante, o enlace coa N-120 ou a licitación das obras da depuradora da Moscadeira e a rede de saneamento. Ademais puxo en valor os máis de 17,6 millóns de euros achegados pola Deputación nos últimos 8 anos para financiar non só obras, senón tamén actividades municipais e mesmo para a contratación de persoas desempregadas polo Concello. “Da Xunta chegaron case cero euros; un auténtico escándalo democrático”, afirmou.

Carmela Silva amosouse orgullosa “dun legado con nomes e apelidos que esta Deputación deixa en Ponteareas” con obras como a reurbanización da contorna da piscina e o centro de saúde, as melloras urbanas, a renovación das redes de iluminación con tecnoloxía led “e esta aposta contundente por unha mobilidade sostible e segura que chamamos itinerario seguro ao colexio Ramiro Sabell, pero é unha auténtica transformación urbana de boa parte do centro de Ponteareas”.

O BNG do Porriño recrimina a PP e PSOE que fagan política partidista coa supreción do paso a nivel

Nos últimos estudos encargados polo Ministerio de Fomento e ADIF, o Goberno de Estado valoraba soterrar un pequeno tramo da vía, que eliminaría o paso a nivel pero mantería a barreira que supón a día de hoxe o paso do tren polo centro da vila. “Unha posición que vén de confirmar o delegado do Goberno na súa recente visita ao Porriño, na que manifestou a intención do PSOE de seguir defendendo unha solución parcial”, sinalou o candidato do BNG, Pedro Pereira.

Alejandro Lorenzo tampouco reclamou no ano e medio que leva de Alcalde un proxecto máis ambicioso “Comprometeuse no pleno a solicitar unha reunión de todos os grupos da corporación con ADIF e incumpriu”, declarou Pereira, para quen o PP deixa claro o pouco interese que ten en avanzar na resolución desta histórica demanda veciñal.

O BNG defende unha actuación que elimine o paso a nivel pero que á vez sirva para conectar o casco urbano co espazo verde do Louro e con Torneiros, gañando ademais un gran espazo público en superficie sobre a vía soterrada. “Non existen problemas técnicos que impidan levar a cabo esta proposta. Trátase exclusivamente de falta de vontade política por parte dos sucesivos gobernos do Estado. PP e PSOE deberían explicar á veciñanza o porqué da súa posición. O Bloque defende a mesma solución para a vía do tren fale no Porriño ou en Madrid”, sinalou Pereira, lembrando as iniciativas presentadas polo Bloque no Concello e no Congreso defendendo unha solución que non hipoteque o futuro do Porriño.

“Se lideramos o goberno a partir do 28 de maio, demandaremos un soterramento da vía do tren máis amplo. ADIF debe planificar unha obra desta importancia atendendo as necesidades do Porriño e investir os recursos públicos necesarios. O BNG atende só o interese da veciñanza e está libre das ataduras que tanto PP como PSOE teñen cos seus gobernos en Madrid”, sinalou Pedro Pereira, que anunciou que o BNG non descarta unha campaña de mobilización entre a veciñanza para defender os intereses do Porriño como pobo.

A veciñanza de Ponteareas xa goza dun novo parque público na Avenida Sarmiento Rivera

Ponteareas conta cun novo espazo público para goce da veciñanza. Xa está aberto ao público o novo parque público de case 3.000 metros cadrados na Avenida Sarmiento Rivera, un novo lugar de lecer con zonas verdes e axardinadas, arborado, mobiliario urbano como bancos, iluminación e zonas de paseo, ademais dun grande estanque con fontes.

“É un novo espazo do que podemos desfrutar en Ponteareas cun ambiente agradábel e acolledor, con arborado de gran porte e de interese botánico que enriquece a biodiversidade e ofrece unha contorna natural única para todas e todos os ponteareáns. Un lugar de lecer verde, pensado para as persoas, que fan a vila máis saudable e sostible e comprometida na loita contra o cambio climático”, destacou a alcaldesa, Cristina Fernández.

A zona conta ademais cunha antiga edificación de 160 metros cadrados rehabilitada que será destinada a novo equipamento municipal. Xunto con este espazo tamén se acondicionou para uso peonil e ciclábel a rúa Curuxeira, que se ambientou ademais coa colocación de novas xardineiras e coa creación dun mural da artista gráfica Tamara Baz.

As obras de creación deste novo espazo non tiveron custe para o Concello de Ponteareas, xa que se trataba dunha obriga dos propietarios dos terreos recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para poder desenvolver o resto da área con usos comerciais. Os promotores cederon o parque en propiedade a favor do Concello. Este é o primeiro dos moitos espazos dos que poderá desfrutar a veciñanza de Ponteareas grazas á aprobación a finais de 2021 do Plan Xeral.

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui conta cunha alta taxa de inserción laboral

0

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui acadou xa o 46 % de insercións laborais entre as 100 persoas participantes nos cinco primeiros meses de actividade. Supérase así xa o obxectivo fixado do 45 % de inserción ao remate do programa previsto para dentro de seis meses.

Dende que comezou en xaneiro ten realizado unha intensa actividade impartindo 28 accións formativas en competencias dixitais, coaching, preparación de entrevistas, atención ao cliente, manipulación de alimentos, xestión de almacén, atención ao cliente en aloxamentos turísticos… A isto suman a realización de entrevistas personalizadas coas 100 persoas participantes, estableceron convenios de prácticas con 5 empresas, realizaron accións de prospección e intermediación laboral con máis de 40 empresas, e tramitaron máis de 180 ofertas.

Das 46 persoas que lograron dende xaneiro un posto de traballo, destacan dende o Programa Integrado de Emprego, o 60% están a traballar en empresas ubicadas en Tui, destacando a concelleira de Formación e Emprego, Ana Nuñez que “o tecido empresarial tudense está sendo o principal recrutador de persoal”. Engade, Ana Nuñez que “este dato implica unha mellora da calidade de vida das persoas que se incorporan ao mercado laboral así como un fortalecemento das empresas tudenses que están creando emprego con  talento local”.

Dende o Programa Integrado de Emprego apuntan que algunhas das empresas comprometidas na contratación de persoal e socialmente responsables co emprego local son  Valver, Naldo Costas, Ideas Peregrinas, Hotel Alfonso I, Restaurante El Niño Trasto, Pepco, Joyería Time Road, Moveratus, Restaurante La de Manu, Amoralia, Talleres Seixal, Equigalia, Bar O Descansiño ou a Residencia Paz e Ben. Tamén cabe destacar a colaboración doutras como Coplegal, Serveo, Albo ou Externa ETT.

Por outra parte a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, destaca como “a cercanía dos postos de traballo co domicilio das persoas traballadoras, mellora significativamente a súa satisfacción laboral e as posibilidades de conciliar a súa vida familiar e laboral”.

Os colectivos aos que pertencen as persoas do programa de Emprego, son moi variados, pero cabe destacar que un 65 % son mulleres. A incorporación ao mercado laboral de persoas migrantes ou pertencentes a etnias minoritarias é outro dos éxitos do programa que demostra que tras o esforzo e unha boa actitude se atopa sempre o resultado.

O programa integrado continua a súa andadura e prepara o inicio  dunha nova actividade formativa. Será un curso de “Atención ao cliente para supermercados e estacións de servicio”, co fin de mellorar a empregabilidade e xerar novas oportunidades laborais ás persoas que aínda non acadaron un posto de traballo.

Cómpre lembrar que no Centro Municipal de Formación, situado en Guillarei, préstase atención personalizada a persoas desempregadas a través do Servizo Municipal de Orientación e Emprego. Este centro municipal ten na actualidade plena ocupación das súas instalación xa que amais do Programa Integrado de Emprego e do Servizo Municipal de Orientación e Emprego acolle tamén o Obradoiro de Emprego Senda do río Furnia, entre outras iniciativas. 

Comezan as obras de mellora do serradoiro dos Carranos

0

O Concello de Covelo contratou os traballos de mellora do serradoiro dos Carranos por un importe de 30.000 € financiados ao 100 % co apoio da Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. Nos vindeiros días comezarán as obras de acondicionamento exterior centradas nunha profunda limpeza en seco e desinfección das fachadas, tratamento das mesmas con dúas mans de produtos específicos, recolocación e reposición dunha das partes da cuberta e substitución e colocación dunha baranda de apoio para a subida á levada.

O alcalde, Pablo Castillo, manifesta que se trata dunha intervención importante para a conservación dun dos espazos de máis atractivo do concello que contribúe na dinamización da economía ao atraer visitantes, non só dentro das rutas guiadas programadas polo Concello, tamén persoas que veñen de xeito individual a contemplar este legado da arquitectura industrial de principos do século XX.

Rehabilitado no ano 2005 polo Concello, na actualidade, ten as fachadas de madeira en moi mal estado de conservación. As edificacións, con táboas de madeira de castaño autóctono, precisan con urxencia dunha limpeza, desinfección e tratamento funxicida. Tamen será necesario retellar nos edificios principais do secadoiro, onde se ubica a actual aula da natureza, e serradoiro, adicado hoxe en día a museo etnográfico, debido a que os listóns de madeira cederon e entra auga da choiva polas tellas planas.

O serradoiro dos Carranos foi erguido pola familia Vales no ano 1922, sobre os peares dun vello muíño, e a súa principal tarefa foi a fabricación de carros, aínda que o seu obxectivo final era a transformación

da madeira. Atópase á beira do río Vixiáns, afluente do río Tea, incluído na “Rede Natura 2000” da Unión Europea.

Este serradoiro ten un interese etnográfico moi importante pois a enerxía que se precisaba para o motor das instalacións industriais é movida pola forza da auga. A estrutura e composición da serra hidráulica é moi probable que fose similar á dos modelos aplicados na Europa do Medievo. O proceso de conversión da enerxía hidráulica en movemento de pezas mecánicas era o mesmo que no dos muíños, pero, neste caso, os rodos e as poleas permiten accionar a serra metálica en vez das pedras molares. Aserrábanse así as diferentes madeiras destinadas unhas a construción, e outras a construción de carros.

Augas arriba construíuse unha presa para embalse da auga e así poder regular o caudal. Dende a poza ata o serradoiro, a auga conducíase por unha levada pasando por unha “noria de canxilóns”, e así facía xirar o rodezo ou rodo que, mediante un sistema de poleas, transmitía a enerxía á serra.

O novo contrato do servizo de recollida de lixo en Mos entrará en vigor o vindeiro 1 de xuño

0

Desde o Concello de Mos infórmase de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia desestimou os recursos especiais en materia de contratación interpostos polo concelleiro do BNG e pola empresa URBASER, contra o acordo de adxudicación da contratación dun servizo de recollida transporte e xestión de residuos sólidos urbanos (Fracción Organica e selectiva) e a limpeza viaria no Concello de Mos, que fora adxudicado a FCC en Pleno do pasado 27 de marzo. Deste xeito o novo contrato de recollida do lixo en Mos xa poderá facerse efectivo e entrar en vigor dende o vindeiro 1 de xuño.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGal) en sesión celebrada no día 4 de maio, adoptou, por unanimidade, a resolución de desestimar o recurso interposto polo concelleiro do BNG, e fixo o mesmo o 10 de maio no caso do recurso interposto por URBASER SA.

O Pleno do Concello de Mos aprobaba o pasado 27 de marzo co voto favorable da maioría de membros da Corporación Municipal (votaron todos a favor agás GañaMos e BNG en contra) a adxudicación do novo contrato administrativo de Servizos de recollida, transporte e xestión de residuos sólidos urbanos.

O importe do contrato da recollida de lixo increméntase anualmente nun 70% sen que implique suba da taxa, conxelada desde 2012 (fai máis de 10 anos), para a veciñanza. A contratación dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria, adxudícase polo máximo legal de 5 anos.

Outra novidade do novo contrato é que a duración anteriormente era de 3 anos, prorrogables ata en 2 ocasións por un ano máis. Agora o contrato adxudicarase polos 5 anos, que son o máximo legal, por considerarse unha fórmula máis resolutiva desde o punto de vista da xestión municipal e de custes, evitando trámites (prórrogas).

O aumento do prezo do contrato, non implica repercusión no cobro da taxa aos veciños, que seguirán a pagar o mesmo.

Este notable aumento ven motivado pola subida actual de custes, pola nova lei de residuos a nivel nacional (Lei 7/2022, do 8 abril, de residuos e chans contaminados) e nova lei de residuos galega (Lei 6/2021, do 17 de febreiro); e, sobre todo, polas importantes melloras incluídas no contrato, que se reflicten no aumento das fraccións, o incremento das zonas de limpeza viaria, o investimento en nova maquinaria e a renovación do parque de contedores.

Este novo servizo de recollida de Residuos urbanos aumenta nun 70% respecto ao anterior, alcalzando case o millón de euros, 983.555,77 € (IVE incluído), para ser exactos.

Este incremento do orzamento destinado ao contrato da recollida de lixo implica importantes melloras do servizo:

As melloras da recollida de carga lateral consisten en: Nova imaxe dos servizos de recollida aplicando na medida do posible a recollida mediante carga lateral, que será máis próxima a todos os usuarios. Campaña inicial de reforzo nos tres primeiros meses de servizo. Desaparece a recollida de carga superior. Grao de redución de molestias á cidadanía mediante este sistema de carga lateral, polo incremento de volume dos contedores, como polo emprego do pedal e amortiguador para favorecer así o depósito dos residuos. Este sistema mellorará os cocientes de reciclaxe e por tanto os ingresos municipais, dado que o modelo proposto xera uns maiores ingresos por parte dos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada (ECOEMBES, ECOVIDRIO, etc). Racionalización de espazos e localizacións de recollida de residuos. Completaranse e crearanse novas áreas de achega ata alcanzar un total de 100, distribuídas por todo o termo municipal. Ditas áreas contarán con contedores de envases, papel-cartón, vidro, orgánica e resto. Mantense a recollida de carga traseira en zonas rurais de difícil accesibilidade. Servizo de recolleita “porta a porta” a establecementos hostaleiros e comercios, co fin de cubrir a totalidade de papel-cartón e orgánica.

As melloras da recollida de novas fraccións son: Debido á entrada en vigor da nova Lei de residuos a nivel nacional (Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados), ademais da recollida de fracciónelas vidro, envases lixeiros e cartón/papel, procederase á recollida de bioresiduos de orixe doméstica, aceites de cociña usados, pilas e acumularores e residuos téxtiles. Dada a urxencia do cumprimento dos requisitos legais actuais para a posta en servizo da recollida da fracción biorresiduos, procederase á súa implantación nas áreas de achega. Realizarase unha campaña de información e comunicación ambiental en todo o municipio, para dar a coñecer este novo servizo. Subministración de 500 composteiros individuais máis aos existentes, para reforzar o modelo de xestión da materia orgánica.

As melloras no servizo de limpeza viaria supoñen: Incremento de zonas de limpeza engadíndose novas zonas de limpeza viaria, ás xa existentes, entre elas todas as zonas humanizadas recentemente, entre as que se destacan as Beirarrúas en Estrada Louriñó-Sobráns (Guizán), as Beirarrúas de Veigadaña ata CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos), Estrada da Vía, zona humanizada en Cela-Igrexa e Pazo de Mos (nova zona humanizada). Aumento da frecuencia e reforzo nos servizos de limpeza viaria, debido á dispoñibilidade de maior persoal, creando brigadas multidisciplinares, que apoiarán aos equipos establecidos, mellorando así a dispoñibilidade de limpeza ante urxencias, prestando servizos as 24 horas (quendas mañá, tarde e noite). Carriños de varrido manual pregables, vehículos auxiliares motorizados, varredora dotada de terceiro brazo, equipo de baldeo mecánico dotado con cisterna baldeadora, furgón hidrolimpador, hidrolimpador portátil, etc. Incremento número papeleiras. Limpeza intensiva de choque ao comezo do contrato. Servizo de limpeza en todos os domingos e festivos. Programa de limpeza viaria que diminúe as molestias do ruído empregando maquinaria con equipamento redutor do mesmo. Horarios de traballo adaptados á contorna e casuística de cada unha das zonas para limpar.

As melloras en investimento en nova maquinaria/vehículos supón: Investimento en novos vehículos e maquinaria provistos de insonorización do chasis, para diminuír ao máximo as molestias aos veciños.

E, por último, a renovación parque contedores existentes implica as seguintes melloras: Renovación do parque de contedores existentes adaptados á carga lateral. Creación de novas áreas de achega. E incremento de frecuencias de lavado de contedores respecto a as actuais.

A nova empresa concesionaria é FCC.

A Xunta destaca o traballo de Avempo coas persoas con esclerose múltiple

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou o traballo que realiza a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo). Así o sinalou tras reunirse con responsables desta entidade para coñecer os programas e propostas que teñen en marcha.

González Abeijón considerou fundamental o labor que realiza Avempo para que as persoas que padecen esta enfermidade e as súas familias teñan o apoio e a información que necesitan. Ademais, os usuarios desta asociación acceden a unha atención integral a través dos servizos que ofrece, tales como fisioterapia, logopedia, psicoloxía ou terapia ocupacional, entre outros.