Martes, 6 Maio de 2025

En marcha as obras para transformar o centro do Porriño cun gran parque

O Concello do Porriño iniciou este luns un ambicioso proxecto de transformación urbana co comezo das obras para a creación dun novo espazo público entre as rúas Antonio Palacios e Pío XII. Estes traballos, que inclúen a humanización da Rúa Pío XII, representan a primeira fase da construción dun gran espazo libre de lecer destinado a revitalizar o centro urbano e promover un urbanismo máis amable e accesible.

O obxectivo principal deste proxecto é dar uso á mazá interior delimitada polas rúas Antonio Palacios, Avenida Domingo Bueno e Rúa Pío XII.

O novo deseño prevé a creación dun parque completamente aberto, onde os distintos usos e espazos estean interconectados. Incluiranse áreas de lecer, descanso, reunión e convivencia, con bancadas integradas e bancos, incrementarase a vexetación e crearanse zonas de sombra que fomenten o uso da área.  

Ademais, melloraranse as características de acabado e circulación da Rúa Pío XII utilizando pavimento pétreo que continúe coa estética do parque. A actuación nesta rúa incluirá a renovación de todas as redes de servizo como abastecemento, saneamento, gas ou iluminación pública.

Unha das metas máis relevantes deste proxecto é recuperar a rúa como un lugar de socialización, garantindo a seguridade de peóns e ciclistas. Para iso, a Rúa Pío XII integrarase plenamente no parque, favorecendo a comunicación peonil co centro da vila e mellorando unha área que actualmente presenta malas condicións.

Entre as distintas zonas que se proxectan, destaca un parque infantil, que se redeseñará cunha xeometría circular en diálogo co resto da estética. Incorporaranse elementos de xogo en harmonía coa arboleda existente, creando unha contorna segura e atractiva para os máis pequenos.

“Este proxecto non só transformará a paisaxe urbana, senón que tamén creará un espazo inclusivo e dinámico, onde os cidadáns poidan gozar dunha contorna máis saudable e socialmente activa. Estou seguro que se converterá nun punto de encontro para toda a veciñanza”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O rexedor explicou que “as obras desenvolveranse buscando o menor perxuízo posible, sobre todo tendo en conta que coincide coas datas de Nadal, polo que estableceremos alternativas de circulación para que o noso comercio non se vexa afectado”.

Lorenzo concluíu explicando que as xestións para a segunda fase o proxecto están moi avanzadas. “Estamos ultimando a adquisición dos terreos necesarios para executar estas obras e aproveito para reiterar o meu agradecemento aos propietarios pola súa disposición á facilitar ao Concello que este gran parque sexa pronto unha realidade”.

Coidadobastón! de Redondela, premio de teatro de Xuventude Crea

0

A Xunta de Galicia deu a coñecer este luns os grupos gañadores da especialidade de teatro do certame Xuventude Crea 2024, despois das representacións que tiveron lugar durante a fin de semana no Salón Teatro de Santiago. Na fase final desta categoría o xurado outorgou o primeiro premio na modalidade Amador a Luscofusco, de Rianxo (A Coruña), coa obra Fraktal, e no apartado Pro a Coidadobastón!, de Redondela, coa función Recordari.

Ademais, na sección Amador recoñeceuse co segundo premio a LaBarata producións, de Santiago de Compostela, que representou Ingobernábeis (Apto/non apto), e co terceiro a O Cadro, de Taboadela (Ourense), coa peza A puta namorada. Así mesmo, conseguiron o segundo e terceiro posto na modalidade Pro a compañía t.E.T.a, de Ourense, co espectáculo Que importante é e que pouco se fala, e Nauta Teatro, de Teo (A Coruña), con Ephímeros, respectivamente. Nesta última tamén recibiu unha mención de honra o grupo Ancoraxe, de Narón (A Coruña), coa peza Novecento.

Cómpre lembrar que a división nestes dous apartados da categoría de teatro é unha das novidades que incorporou o Xuventude Crea 2024 con repecto ás súas 14 edicións anteriores. Así, os grupos xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros, puideron participar na modalidade Amador, mentres que as compañías de nova creación, profesionais emerxentes ou grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia fixérono na de Pro.

Os primeiros premios de cada unha das seccións están dotados de 2.000€, os segundos levan 1.500€ e os terceiros 1.000€. Ademais do incentivo económico, o certame ofrece a oportunidade de visibilización dos traballos presentados, ao que se suma a colaboración do Centro Dramático Galego, que poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras no apartado Pro impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.

Os galardoados recibirán as distincións xunto co resto dos premiados nas distintas especialidades do certame, 16 en total, nunha gala final que terá lugar a mediados de decembro.

Tapóns, botellas e até unha lámpada: así foi a recollida de residuos na praia dos estudantes do IES Mendiño

0

Redondela formou parte da XIII Limpeza Simultánea de Praias organizada por Adega, que tivo lugar este luns coa participación do alumnado do IES Mendiño e coa colaboración do Concello de Redondela, que facilitou material para a limpeza e coordinou a recollida dos residuos.

Máis de 80 estudantes de 3º e 4º da ESO, acompañados polo profesorado, percorreron esta mañá a praia da Punta, en Cesantes, para recoller lixo. Entre os residuos atopados había gran cantidade de envases de plástico de diversos tamaños, vasos, tapóns, botellas, aparellos de pesca, vidro, toalliñas, así como outros produtos de hixiene, como compresas, aplicadores de tampóns e incluso unha lámpada de gran tamaño.

Os concelleiros de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, e de Ensino, Iván Valles, estiveron acompañando ao alumnado nesta xornada. Villar explicoulles a procedencia de moitos destes residuos, “que chegan ás praias debido á mala xestión de quen os emprega”.

En ocasións, os restos proveñen da actividade pesqueira, como anacos de aparellos ou elementos soltos das bateas. Noutras, trátase de refugallos domésticos que rematan nos ríos e no mar, xa que en vez de ser depositados nos colectores, algunhas persoas tíranos polo inodoro.

O edil tamén advertiu que o lixo que deixamos no chan pode acabar no mar ao caer nos sumidoiros de augas pluviais ou ao chegar aos ríos. Posteriormente, as correntes mariñas arrastran todos estes residuos ata as praias. Villar lembrou á rapazada “a importancia de usar os colectores adecuados para cada tipo de lixo e evitar sempre deixalo na contorna natural”.

A aula da UNED de Tui acolle un seminario sobre a escritura na Idade Media no marco de Galicia e Portugal

0

A Aula Uned de Tui acollerá o próximo venres 8 e sábado 9 de novembro o seminario especializado “Escribir en la frontera entre Galicia y Portugal en la Edad Media: protagonistas, lugares y productos”. O mesmo reunirá na cidade a un escollido grupo de especialistas de España e Portugal.

Este seminario está dirixido por Adrián Ares Legaspi, profesor contratado doutor no departamento de Historia Medieval e Ciencias e Técnicas Historiográficas da UNED, quen sinala que “na Idade Media, a diocese de Tui estendeuse no seu límite sur ata o río Limia, facendo fronteira, en territorio portugués, coa arquidiocese de Braga. Desta forma, as relacións políticas, sociais e económicas entre estes dous espazos, así como na parte oriental desta fronteira, xerou unha continua trasfega de individuos entre os dous reinos, o contacto entre linguas ou a influencia entre múltiples factores culturais. Un destes elementos foi a escritura”.

Precisamente esta actividade abordará as similitudes e diferenzas que se produciron na elaboración de documentos, libros e inscricións na Baixa Idade Media entre o norte de Portugal e sur de Galicia, exemplificadas nas escrituras empregadas nas cidades do Porto e Braga, Valença, Tui ou A Guarda ou en mosteiros como os de Santa María de Oia ou Melón. No mesmo poderase descubrir quen foron os individuos que escribiron nestes contextos, en que lugares se confeccionaron os documentos e libros, os espazos destinados aos epígrafes, os tipos de documentos e códices elaborados e os seus compoñentes materiais ou outros feitos históricos e institucionais que determinaron as tarefas de escrituración. En definitiva, aínda que con características propias en cada zona, escribir a ambos os dous lados do río Miño converteuse nunha actividade común que traspasou a fronteira entre Galicia e Portugal.

Este seminario contará coa participación de María Cristina Cunha da Facultade de Letras da Universidade de Porto;  Mário Sérgio da Silva Farelo do Instituto de Ciências Sociais da Universidade do Minho; Maria João Oliveira e Silva da Faculdade de Letras da Universidade do Porto; Irene Pereira García do departamento de Historia Medieval e Ciencias eTécnicas Historiográficas da UNED; Sandra Piñeiro Pedreira da Universidade de Santiago de Compostela; Ricardo Seabra da Universidade Autónoma de Lisboa e  Ana Suárez González profesora da Universidade de Santiago de Compostela.

O curso ten por obxectivo por unha banda coñecer a cultura escrita do noroeste da Península Ibérica, comparando a escritura utilizada no sur de Galicia (diocese de Tui e Ourense) e o norte de Portugal (diocese de Braga e Porto). Por outra banda abordará o estudo dos documentos, libros e epígrafes producidos na Idade Media neste espazo, prestando atención á súa escritura, a súa decoración, os soportes utilizados…  Tamén o seminario afondará no estudo dos individuos que se encargaron das diversas tarefas que comprenderon a confección de libros, documentos e epígrafes: escribáns, secretarios, rexistradores e selladores, iluminadores etc. Outro dos obxectivos é o estudo dos lugares de confección de documentos, libros e epígrafes, abarcando a cidade de Tui e outras localidades como A Guarda ou Valença, as escribanías episcopais de Tui ou Braga, os mosteiros de Santa María de Oia e de Melón. Por último esta actividade busca coñecer as influencias gráficas, lingüísticas e culturais que se producen entre Galicia e Portugal nun espazo de fronteira durante a Idade Media.

As persoas interesadas poden ampliar a información, acceder ao programa completo e inscribirse en https://extension.uned.es/actividad/idactividad/39085. A  participación pode realizarse de forma presencial, en liña tanto en directo coma en diferido. A matrícula ten un prezo de 27 €, sendo gratuíta para as persoas empadroadas no concello de Tui.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, salienta que “este curso afonda no papel de Tui como elemento artellador deste espazo transfronteirizo dende época medieval”.  Subliña a concelleira “a importante achega que representa para Tui a Aula Uned, que imparte na nosa cidade os grados de Psicoloxía e Turismo, así como o curso de acceso e ofrece ata 20 cursos de variada temática que enriquecen a oferta de educación, formación e cultura da nosa cidade”.

O Concello de Redondela aproba un plan de axuste para reducir gastos

0

O Pleno Municipal de Redondela aprobou onte, co voto en contra do Partido Popular, o plan de axuste proposto pola Alcaldía que vai garantir o equilibrio orzamentario. Este plan de axuste iníciao o Ministerio de Hacienda polo incumprimento do prazo de pago a provedores.

Segundo defende o Goberno local, o retraso no pago tivo lugar por mor dunha “grave avaría informática” do servizo de Intervención, e non pola falta de solvencia económica do Concello de Redondela. A avaría provocou a perda de datos e un atraso na xestión das facturas, tal como demostran os informes da Axencia Estatal de Protección de Datos.

Con cargo ao fondos propios do Concello abonáronse este verán 2,7 millóns de euros en facturas pendentes e máis de 4,3 millóns de gastos correntes. Con todo, Facenda incluíu a Redondela no mecanismo de pago a provedores por entender que non se cumprira o promedio de pago. Este mecanismo obrigou ao Concello a incluír ata o 16 de setembro todas as facturas pendentes de pago e envialas o Ministerio. Trátase de facturas de entre xuño e setembro  “que non houbo tempo material de tramitar en tempo e forma”. A maioría son facturas de gastos correntes, como as da compañía eléctrica, que ascenden en total a 767.000 euros. O Ministerio xa procedeu o 18 de outubro ao pagamento adiantado destas facturas e o Concello solicitará un crédito para a sua devolución.

O plan de axuste, aprobado cos votos dos grupos municipais do goberno, PSdG-PSOE e AER, e co apoio do BNG, busca equilibrar os servizos municipais deficitarios e rebaixar gastos. A adhesión do Concello de Redondela ao acordo da FEMP permitirá rebaixar a factura eléctrica en máis de 300.000 euros ao ano. A parte máis impopular se corresponderá co aumento da taxa de

A alcaldesa, Digna Rivas, agradece “o compromiso e responsabilidade” grupo municipal do BNG ao apoiar esta proposta “que permitirá seguir ofrecendo o mellor servizo público á veciñanza”. Rivas puxo tamén en valor a labor dos departamentos de Intervención e Tesourería neste último ano e agradeceu a súa implicación e esforzo “para que todo isto se puidese facer en tempo en forma, facendo un traballo impecable”.

A rexedora sinala que a situación económica do Concello de Redondela “non ten nada que ver coa de outros municipios obrigados a facer un plan de axuste, xa que no noso caso o atraso nos pagos vén derivado dunha grave avaría informática, e non da falta de liquidez”. As contas de Redondela están saneadas e nos últimos tres anos o remanente de Tesourería superou os tres millóns de euros.

Salceda subvenciona con máis de 126.000 € ao tecido asociativo e colectivos locais

O Concello de Salceda de Caselas vén de asinar os convenios cos 32 colectivos que contan con subvención nominativa nos Orzamentos Municipais, por un importe total de 126.751,40 euros.

Así, 18 asociacións culturais recibirán unha achega de 35.800 euros, seis clubes deportivos recibirán 65.051,40 euros e dúas entidades de benestar social contarán cunha aportación do Concello de 18.000 euros. Amais, dous centros de ensino terán unha subvención de 4.600 euros. Tamén forman parte destas achegas a asociación de comerciantes ACISA, a agrupación da Protección Civil e unha entidade ecoloxista.

No eido cultural subvenciónanse os diferentes centros culturais das parroquias (900€), os dous coros existentes no municipio (700€), o entroido centenario de Castro Barreiro e A Feira (1600€), as asociacións veciñais (400€) ou a Asociación de Amigos/as da Música que engloba a escola de música e as diferentes bandas (infantil, xuvenil e cultural), e que neste caso recibe a maior axuda no eido cultural por importe de 22.000€.

No caso do deporte subvenciónase ao Caselas FC (18.000€), ás Escolas Deportivas de Salceda (22.551,40€), á Escola Deportiva Denis Suárez (15.000€), aos clubs de balonmán e baloncesto Caselas (4.550€), e ao Club Ciclista Aragonta (400€).

Os centros de ensino público reciben tamén axuda do Concello para a realización das súas actividades complementarias, e que neste caso son o CRA Raíña Aragonta (1.000€), o CEP Altamira (1.200€) e o IES Pedras Rubias (2.400€).

Ademais hai outras entidades con subvención nominativa do Concello como a asociación de Persoas Xubiladas (3.000€), AFAGA (15.000€), ACISA (900€) ACDE Treze Catorze (900€) e a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil (1.500€).

“Temos o privilexio de contar con unha sociedade activa da que nos sentimos moi orgullosas e que contribúe a que Salceda teña unha programación rica e variada ao longo de todo o ano. Este ano puxemos en marcha a plataforma Salceda Móvese que contribúe na difusión de todas estas actividades, e que está a ser un éxito”, explica a rexedora local, Loli Castiñeira.

Baiona énchese de actividades para loitar contra a violencia de xénero

0

No marco da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Baiona lanzou o programa “Baiona Lila”, unha serie de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes de novembro. O obxectivo desta campaña é visibilizar a problemática da violencia de xénero e sensibilizar á poboación, co fin de avanzar cara a unha Baiona libre de violencia contra as mulleres.

O programa inclúe unha ampla variedade de actividades dirixidas a todas as idades, desde nenos e nenas de tan só 3 anos ata persoas de maior idade, asegurando que a mensaxe chegue a toda a comunidade. Estas actividades levaranse a cabo nos centros educativos públicos do municipio, así como en diferentes espazos culturais de Baiona, coa intención de involucrar a todos os veciños e veciñas nesta loita común.

Entre as actividades máis destacadas inclúense obradoiros para mulleres enfocados no coidado persoal, obradoiros sobre educación sexual para adolescentes, actividades lúdicas como obradoiros de globoflexia para os máis pequenos, a cargo de Barafunda, e propostas culturais urbanas como graffiti e rap impartidos por Vella Escola. Ademais, organizaranse scape rooms educativos que convidan á reflexión sobre a violencia de xénero, contacontos para sensibilizar aos máis novos e unha representación teatral a cargo da compañía A Panadaría coa súa obra “As que Limpan”, que aborda o tema da desigualdade dun xeito cercano e comprensible.

O Circo de Pinocho chega este Nadal a Tomiño cun espectáculo cheo de fantasía

0

O Nadal arrancará en Tomiño cunha boa dose de maxia, fantasía e ilusión. Por primeira vez, o Concello acolle o Circo de Pinocho, un espectáculo dirixido por Educateatro Producións que desembarcará en decembro no municipio para ofrecer ao público a oportunidade de gozar dun espectáculo único que mestura o mellor do teatro musical cos números circenses de sempre sen ter que desprazarse fóra de Tomiño.

Do 6 ao 8 de decembro, Tomiño acollerá catro sesións deste espectáculo nunha carpa climatizada na Avenida de Gondomar para que o público poida gozar da experiencia con todo o confort necesario. Para facer esta actividade o máis inclusiva posible, o Circo de Pinocho contará o domingo 8 ás 12 h cunha función con maior presenza lumínica e con redución de ruído para falcilitar que as persoas con hipersensibilidade auditiva ou calquera outro trastorno que produza problemas sensoriais poidan desfrutar tamén do espectáculo.

As funcións serán o venres 6 ás 18.30 horas, o sábado 7 ás 17.00 h e o domingo 8 haberá sesión dobre con funcións ás 12.00 e ás 17.00 horas.

A alcaldesa, Sandra González, subliña a importancia de traer este tipo de actividades ao concello para o desfrute da veciñanza. “O circo é unha das formas máis antigas de arte e diversión, e contar con espectáculos de calidade como este é un verdadeiro privilexio para Tomiño. Queremos que todos os veciños e veciñas, cativada e maiores, teñan a oportunidade de vivir a maxia do circo e aprender a través da cultura”, sinala.

O Circo de Pinocho conquistará ao público coa historia de Pinocho, que tras ser convertido nun neno de verdade pola Fada Mimadriña cumpre o seu soño de montar un circo. Xunto a personaxes entrañables como Geppeto, convertido a pallaso, ou Pepiño Griño, o mestre de cerimonias, o público será testemuña dun espectáculo con trapecistas, acróbatas, malabaristas e equilibristas. Pero a historia dá un xiro inesperado cando un feitizo fai que Pinocho volva ser de madeira e a Fada Mimadriña desapareza tras ser raptada pola malvada Chinche Chinchón.

Un espectáculo para todos os públicos perfecto para desfrutar en familia dunha montaxe que mestura diversión, aprendizaxe e cultura. As entradas xa están á venda en liña e tamén estarán dispoñibles unha hora antes de cada función no hall do circo. Ademais, o espectáculo contará con prezos especiais o venres 6 de decembro, Día do Espectador, con entradas a 10€ máis gastos de xestión, e o domingo 8 na sesión matinal das 12.00 horas, cun desconto de 3€ en cada entrada. 

O PSdeG de Ponteareas carga contra os orzamentos da Xunta: “Son inaceptables para a nosa localidade”

O grupo municipal do PSdeG de Ponteareas expresou a súa profunda “preocupación” pola “insuficiencia” dos orzamentos presentados pola Xunta de Galicia para o próximo ano.

Segundo o PSdeG, estes orzamentos non inclúen partidas específicas e suficientes para investimentos cruciais en Ponteareas, como son o saneamento, a vivenda, o parque empresarial, así como proxectos prometidos e vendidos dende o PP, como son o novo centro de saúde ou unha nova escola infantil municipal.

A portavoz do PSdeG de Ponteareas, Vanesa Fernández, sinalou que “é inaceptable que a Xunta de Galicia non cumpra nin tan sequera cos seus propios anuncios propagandísticos de investimentos na nosa localidade, como o novo centro de saúde e a escola infantil, xa que estes non contan con ningunha partida especifica no orzamento presentado”. Os socialistas lamentan que “tan só” aparece o millón de euros comprometido xa na licitación da execución da primeira fase do saneamento en Ribadetea, “nin un euro máis”.

O PSdeG de Ponteareas insta á Xunta a revisar e modificar os orzamentos para incluír as partidas necesarias que garantan a realización destes investimentos prometidos. “Non é serio que o PP pretenda seguir tomándolle o pelo as veciñas e veciños de Ponteareas cuns orzamentos vergoñentos que non compren cuns investimentos mínimos nun dos concellos máis grandes da provincia de Pontevedra” . “Onde está o saneamento de toda Ponteareas prometido por Nava Castro?” engadiu Vanesa Fernández.

Por último a portavoz municipal, Vanesa Fernández, manifesta que “para os socialistas de Ponteareas, as prioridades son o saneamento, a vivenda e o desenvolvemento e legalización do chan industrial como un elemento xerador de emprego, así como que a Xunta de Galicia asumas as competencias impropias asumidas polo concello como son o conservatorio de música, a residencia de maiores ou o SAF“.

Nigrán promoverá a igualdade e dereitos da infancia no sur de Mozambique

0

A solidariedade internacional do Concello de Nigrán mídese nunha porcentaxe totalmente única en Galicia e moi pouco común en toda España. Así, o 0,6% do orzamento municipal destinarase este ano 2024 a cooperación ao desenvolvemento, achegándose así ao compromiso marcado por lei de que as administracións adiquen antes do ano 2030 o 0,7%. En concreto, o Concello ven de anunciar que proporcionará 20.000 € para un proxecto de igualdade destinado ás crianzas do rural en Mozambique e, a estes cartos, hai que sumar os 30.000 € do remanente consignados o mes pasado para construír unha escola en Guinea-Bissau e 10.000 € para achegar o abastecemento de auga a unha aldea remota de Cabo Verde. En total, a localidade adicará 72.000 € este ano a diferentes iniciativas de axuda ao desenvolvemento, todo a través do Fondo Galego, entidade que o alcalde de Nigrán, Juan González, preside.

“Estamos orgullosos de ser líderes en cooperación internacional e queremos chegar o vindeiro ano ao 0,7%, ogallá sirvamos de exemplo para outros municipios porque todos xuntos si que podemos paliar as desigualdades no planeta”, sinala o rexedor, quen durante toda esta semana estivo en Mozambique liderando unha delegación do Fondo Galego cuxa misión era, precisamente, definir as novas liñas de apoio neste país africano e lusófono. Neste sentido, o alcalde decantouse por un proxecto de igualdade da Fundación Encontro (entidade que xestiona a Casa do Gaiato, orfanato situado ao sur de Maputo e no que conviven 150 crianzas sen familia, moitos seropositivos, e a quen o Concello de Nigrán subministrou este ano unha bomba de impulsión para poder regar os seus cultivos e garantir así a colleita da que se alimentan).

O Fondo Galego leva desde 2015 apoiando proxectos impulsados pola Fundación Encontro, momento no que se retomou a cooperación directa co país despois de 9 anos de parón. Agora o Concello de Nigrán investirá 20.000 € a través do Fondo para un proxecto deste entidade sen ánimo de lucro de promoción dos dereitos da infancia entre 10.000 menores dos distritos rurais de Boane e Namaacha (provincia de Maputo). Esta iniciativa ten por obxectivo contribuír ao cumprimento dos dereitos básicos de educación e saúde de nenos e nenas, priorizando a retención das nenas na pre-escola e escola primaria nas comunidades de Massaca, Mahanhane, Mahelane e Changuelane, unha área rural do sur de Mozambique.

“As nenas deixan de ir a escola en canto teñen a regra e o matrimonio infantil está á orde do día, é habitual que as casen con homes maiores. Así que se trata de educar a toda a comunidade para mudar esta realidade”, explica a técnica do Fondo desplazada na misión a Mozambique. Ademais, intervirase na Escola Primaria Comunitaria Padre José Maria de Massaca, sumándose así os 1.000 nenos e nenas beneficiadas. Estes centros ofrecen asistencia educativa, apoio alimentario, formación ás nais, así como asistencia sanitaria a nivel dos berçarios (garderías) existentes nos centros. Todo ese traballo facilita a escolarización de nenos e nenas e garante a súa seguridade alimentaria. A través deste proxecto preténdese poñer énfase na educación desde a primeira infancia transmitindo habilidades para a vida (comunicación, empatía, autoconfianza, resolución de conflitos, autonomía e traballo en equipo), para o que se realizaría tamén unha formación ao profesorado, coidadoras e activistas (817) sobre valores para unha vida saudable, con respecto e libre de violencia a través de actividades lúdicas e deportivas. Estas accións serían efectuadas nos espazos de recreo dos centros ao temop que serán rehabilitados os parques dos catro centros de ensino. Por tanto, o proxecto ao que se vincula directamente o Concello de Nigrán trata de reducir a vulnerabilidade das nenas e nenos e promover actitudes favorables á igualdade e equidade de xénero.

“A valoración dos proxectos desenvolvidos polo Fondo a través da Fundación Encontro é moi positiva, por iso queremos continuar apoiando as súas iniciativas, e, neste caso, nada nos sensibiliza máis como Concello que o traballo a prol da infancia, eles serán os que constrúan en poucos anos un Mozambique máis xusto e igualitario, por iso é un orgullo para Nigrán liderar este proxecto”, resume o alcalde, quen xa visitara o país en 2018.

O Rosal organiza obradoiros para todas as idades no outono

0

O outono trae consigo unha nova oportunidade para explorar a creatividade no Rosal. O Concello pon en marcha os Obradoiros de Outono, unha serie de talleres para todas as idades que se realizarán os sábados do mes de novembro.

Catro propostas organizadas dende a OMIX que comezarán o 9 de novembro coas kokedamas como protagonistas da man de Willi Melguizo para continuar o 16 de novembro co obradoiro Pinta a túa cerámica da man de Conchi Garrido. O sábado 23 de novembro o público participante poderá achegarse á artesanía en coiro guiado por Medialúa e o 30 de novembro porase o broche final a todo un mes de actividades co taller de introdución á banda deseñada con Xosé Tomás.

O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, explicou que “o noso obxectivo é ofrecer alternativas culturais e formativas que permitan á xuventude e á veciñanza en xeral explorar novas habilidades e divertirse aprendendo”. Organizados pola OMIX do Rosal, aínda que os obradoiros están abertos a todos os públicos o Concello dará prioridade ás e aos menores de 30 anos. “Queremos que a mocidade teña un espazo propio, onde non só poidan participar e desfrutar de actividades de calidade, senón tamén descubrir novas paixóns”, engadiu o edil.

Os talleres terán un prezo reducido e irase publicando a información relativa a modo de inscrición, horarios, lugares de celebración e custe nas vindeiras semanas na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello.

Redondela celebra a súa décima “Motocallada” da man do Moto Club

0

O Concello de Redondela acolleu a presentación da X Motocallada que organiza o Moto Club Redondela coa colaboración da Concellería de Deportes. Ao acto asistiron a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Deportes Iván Valles, xunto ao presidente do Moto Club Carlos Figueroa, a tesoureira Irene Couñago e a secretaria Catalina Besada.

A cita, unha das de máis sona da provincia, será o vindeiro domingo 27 no Campo da Feira de Redondela. Un ano máis agárdase que centos de moteiros e moteiras se concentren desde as 10:00 horas no recinto. Ás 11:30 horas dará inicio a ruta pola comarca e de regreso á carpa no campo da feira comezará a degustación de callos, empanada e bebida a prezos populares.

A biblioteca municipal de Baiona premia aos seus mellores lectores

0

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, fixeron entrega dun lote de libros en recoñecemento a cada un dos lectores e lectoras máis activos no ano 2024, nas súas distintas categorías. Ademais, cada un deles pasa a ser socio de honra en cada unha das categorías.

Na categoría de infantil (de 0 a 13 anos), Breixo Rodríguez do Caño (120 préstamos). Na categoría de adulto (de 14 a 18 anos) Leo Cabral Leyenda (103 préstamos) e na categoría de adulto a partir de 18 anos, Ricardo Blach Rodríguez (98 préstamos).

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinala as distintas iniciativas que dende a concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, se levan a cabo co obxectivo de fomentar os hábitos de lectura dirixidos a todas as idades. E proba diso, sinalou, a entrega destes recoñecementos aos “grandes lectores de Baiona”.

A Biblioteca Municipal de Baiona recoñeceu aos lectores e lectoras máis asiduos, atendendo aos datos que rexistraron os seus arquivos estatísticos nun acto para conmemorar o Día das Bibliotecas.

Tras o acto de entrega e tamén co motivo deste día especial, os máis pequenos puideron disfrutar dun bonito contacontos. Caxoto foi o encargado de ofrecer unha función chea de animais, pequenas historias e cancións para recrear o día a día na granxa de Xan.

A Biblioteca Municipal de Tui premiada no concurso María Moliner do Ministerio de Cultura 

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de ser galardoada no Concurso de Proxectos da Campaña de Animación Lectora “María Moliner” 2024, na súa 24ª edición. Este prestixioso concurso, promovido polo Ministerio de Cultura e Deporte, premia os mellores proxectos dirixidos a toda a veciñanza, con especial atención a colectivos con dificultades para acceder á lectura, levados a cabo por bibliotecas públicas en municipios con menos de 50.000 habitantes.

O proxecto “Tui en letras” desenvolvido pola biblioteca tudense foi recoñecido pola súa contribución á promoción da lectura e a cultura consolidando á Biblioteca como un centro cultural activo, fomentando a participación en actividades que enriquezan a vida social e cultural de Tui.  Así a Biblioteca Municipal de Tui leva a cabo, dende hai máis de quince anos, o programa de actividades “Tui en letras” coincidindo coa celebración do “Día do libro”, 23 de abril, e “Día das Letras Galegas”, 17 de maio. Varias citas periódicas e outras actividades temporais centran este programa  “Tui Le”, no que participan todas as bibliotecas escolares do noso municipio (ata 12 centros) así como a Biblioteca Municipal de Valença. Desde hai 25 anos celébrase, coincidindo co “Día das Letras Galegas”, a Feira do Libro en Galego na que participan as librerías da nosa  localidade e que conta con actividades de animación. Completa o programa un amplo abano de actividades de animación á lectura, promoción  da lectura pública e extensión bibliotecaria.

Este premio María Moliner está dotado con 2.777.77 euros, que  a Biblioteca  destinará á adquisición de libros e publicacións, que continuarán enriquecendo o seu fondo bibliográfico e garantindo un acceso continuo á lectura para toda a comunidade.

A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, manifesta que “este recoñecemento resalta o compromiso da Biblioteca de Tui coa promoción da lectura, e a súa dedicación para fortalecer os lazos culturais e sociais, consolidando o seu papel como un centro cultural activo e de referencia”. A concellería amosa o seu agradecemento á poboación xa que  “a súa implicación e participación foi clave para o éxito deste proxecto”.

A Cañiza inaugura a tempada dos “cocidos cañicenses”

Volven os “cocidos cañicenses”, unha das citas obridagas coa gastronomía de inverno da Cañiza promovida, impulsada e organizada conxuntamente polo concello e polos hostaleiros locais que comeza con forza a partires do 28 de outubro.

Na apertura desta nova tempada o rexedor da Cañiza, Luis Piña, resaltou “a forza gastronómica que dende hai máis de medio século caracteriza á Cañiza. Un papel que ten un forte arraigo na cociña popular e os históricos cocidos con produtos do porco e da horta como ingredientes principais e que na nosa zona, sobre todo na época da postguerra, permitiu alimentar a moitas das nosas familias. Hoxe o Cocido cañicense é un referente como tamén o é o xamón que celebramos todos os 15 de agosto”.

Os hostaleiros da Cañiza organizan esta nova tempada, esmerándose en cociñar este prato tradicional preparado con chourizo de cebola e de carne, fuciño, rabo,  orella,  cacheira,  lacón,  touciño e costela de  porco completado con pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo. Todo iso acompañado con pan rústico e pan de millo ou  “Bica” e regado polos extraordinarios caldos brancos  e tintos, a gusto do cliente, da denominación de orixen Rías Baixas, tamén da Cañiza.

Antes ou despois deste prato ofrecerase un  caldo servido en  tazón. E como en toda boa comida, non pode faltar a sobremesa. Arroz con leite ou leite frita e café.

O Concello recomenda chamar por teléfono para reservar. Os prezos non están unificados xa que cada local ofrece variantes e formas distintas de servilo.

RESTAURANTES:

Os do Resero: 986652431

Area CID: 986652369

Eligio: 986651047

Pirri- ELI: 986156247

Piri Piri: 609325332

Arela: 608727766

Eido do Monte: 607812201

Pincho da Avoa: 986 65 13 99

O Porriño convértese nun “túnel do terror” por Samaín

O Porriño transformarase nun escenario de auténtico terror coa celebración do Samaín, unha noite na que os espíritos vagan e as criaturas da escuridade cobran vida.

A xornada do 21 comezará coa tradicional exposición de calacús, onde os pequenos artistas dos colexios, e tamén os usuarios e usuarias de Aceesca e Afaga, puxeron o seu enxeño e creatividade. O resultado, máis de 500 calacús que adornarán o centro da vila. Desde a Fonte do Cristo ata o final do barrio de San Benito, estas terroríficas obras de arte iluminarán as rúas coa súa sinistra beleza.

Pero iso non é todo. Na véspera do día de Todos os Santos, a Casa do concello converterase nun auténtico castelo do terror. Criaturas horripilantes tomarán o control, desafiando aos máis valentes a entrar e enfrontarse aos seus peores pesadelos.

Desde as 17:00 ata as 19:45 horas, o Concello encherase de risas e berros no túnel do terror infantil, e despois, na praza os nenos e nenas poderán mover os osiños co arrepiante espectáculo “A bailar esqueletes”. Aqueles pequenos que se atrevan a participar recibirán un agasallo como recoñecemento á súa valentía.

A partir das 20:15 horas, o túnel do terror intensificarase para recibir aos maiores, prometendo unha experiencia aínda máis aterradora. Advertimos que será peor! E para aliviar un pouco a tensión, a noite culminará cunha sesión DJ na praza, onde todos poderán deixar atrás o medo e gozar da música.

O ‘Ateneo Amado Garra’ acusa ao Goberno de Ponteareas de “utilizar” a artistas para “ir contra” o Centro Cívico

O Ateneo Amado Garra acusou ao Goberno Local de “instrumentalizar e utilizar sen ética” a un grupo de artistas seleccionados para a Residencia de Artistas, “todos de fóra de Ponteareas agás un”, subliñan, para ir contra o Centro Cívico e impedir que o edificio rehabilitado na Praza Maior estea a disposición de toda a xente, da mocidade e das asociacións.

“Son empregados como verdadeiros escudos humanos polo goberno local fronte á demanda social unánime de Ponteareas para que o Centro Cívico sexa a Casa Cultural do centro urbano e non un hostal para uns poucos”, explicou o presidente do Ateneo, Roberto Mera.

O Ateneo enviou un escrito ao grupo de artistas seleccionado explicándolles os antecedentes relativos ao edificio rehabilitado na Praza Maior, o destino previsto no proxecto anterior, tamén a nivel cultural e artístico, e a decisión do actual Goberno local de convertelo nun aloxamento para o grupo de artistas seleccionado.

O Ateneo aclara tamén nese escrito que “non estamos en contra da existencia dunha Residencia de Artistas en Ponteareas, ao contrario, todo o que sexa promover as artes e a cultura ten o noso apoio e respaldo, o que non admitimos é que a Residencia de Artistas se utilice para privar a toda a poboación do primeiro espazo sociocultural co que Ponteareas ía contar no centro urbano. A Residencia de Artistas debe crearse noutro lugar diferente”, explican.

Tui celebra o Samaín cun roteiro nocturno

Un roteiro nocturno polo conxunto histórico é unha das propostas que haberá en Tui para celebrar o Samaín. O concello de Tui organiza esta actividade para o próximo xoves, 31 de outubro, de nove da noite a unha da madrugada ofrecendo aos participantes a oportunidade de descubrir os segredos agochados polas rúas empedradas e os túneles desta zona da cidade, redescubrindo Tui dende unha perspectiva distinta.   

O percorrido comezará na Praza da Inmaculada, en grupos de 10 persoas que irán partindo cada cinco minutos. Ao longo da andaina poderanse cruzarán con misteriosos personaxes que, ademais de contar as súas historias de vida, poden provocar algún susto inesperado.

A participación é gratuíta pero é preciso inscrición previa no formulario web (clic aquí) elixindo o horario para realizar a andaina. As prazas son limitadas.

Logo do percorrido as persoas participantes poderán gozar na praza de San Fernando dunha chocolatada coa que rematará de xeito doce unha noite chea de misterio.

Loito pola morte de Alfredo Estévez, fundador de Comarcas na Rede

0

Loito no xornalismo galego. O histórico e querido xornalista vigués Alfredo Estévez Suárez faleceu este pasado luns aos 68 anos froito dunha rápida enfermidade, a pesar do seu optimismo vital e os seus numerosos proxectos persoais que tiña en marcha despois de xubilarse.

Alfredo Estévez será lembrado sen dúbida por ser un deses xornalistas rara avis que non gozan do ego propio, senón que sempre preferiu ocupar un discreto segundo plano deixando o protagonismo a outros.

Coñecedor como ninguén da actualidade das comarcas, desenvolveu a súa carreira en medios como Radio Noroeste ou na Radio e Televisión Municipal de Ponteareas e posteriormente, en 2012, fundou Comarcas na Rede.

Sempre optimista, asumiu con naturalidade a chegada da maldita enfermidade que lle tocou, pero que non conseguiu quitarlle nin o sorriso nin as ganas de vivir. Unha conversa con Alfredo era unha lección de xornalismo local. Así o sabían os seus coñecidos máis privilexiados que, gozando da súa compaña cun café, podían revivir os acontecementos máis relevantes da área metropolitana. Porque en todos eles estivo Alfredo, micrófono en man ou caderno e bolígrafo, para contalos.

Ademais de narrador das noticias que marcan a historia dun territorio, tamén soubo ser un gran emprendedor, creando Comarcas na Rede, un dixital que fixo o que moi poucos fan: poñer o foco na información hiperlocal, na dos veciños e veciñas das aldeas esquecidas por moitos.

Pero ademais da súa faceta profesional, o oco deixado por este xornalista non recoñecido o suficiente, será enorme. Alfredo ensinaba que o verdadeiro triunfo vital está no persoal. A súa muller e as súas dúas fillas puideron gozar da súa compañía, ademais dos seus dous netos, aos que as vicisitudes da vida quitáronlle demasiado pronto a un entregado avó.

Precisamente aos xornalistas máis novos ensinoulles que o camiño está nas viaxes que se fan coa familia e amigos. Nas horas navegando pola Ría de Vigo ou nos veráns apracibles en Nigrán xunto aos seres queridos. Ou simplemente cun café no serán dun venres para quitarse a presión laboral de toda unha semana.

Alfredo será sempre un exemplo para os futuros xornalistas. E tamén para afrontar a vida. Optimismo e alegría foron o seu sinal de identidade. Agora, son o seu legado para amigos, familia e xornalistas que tras coñecelo sabemos que era un auténtico mestre. Deses que non busca o recoñecemento público porque a súa satisfacción é cumprir co seu traballo.

Até sempre, Alfredo.

O funeral por Alfredo Estévez terá lugar este martes 27 de agosto, ás 16:00 horas na capela do tanatorio de Emorvisa (Pereiró – Vigo).

A Cañiza celebra con éxito o Curro do Pedroso co futuro asegurado

Éxito na celebración do Curro do Pedroso, unha festa de forte caracter enxebre que recupera a tradición cabalar nacida no primerio domingo de agosto de 1994 da man dun cañicense de Oroso, Castor Pablo Rodríguez Pérez.

A Cañiza celebrou o pasado 4 de agosto a celebración, que comezou ben cedo, ás 7:00 horas, coa subida ao Curro na busca dos rabaños.

Durante todo do día os asistentes poideron comer, beber, facerse con lembranzas e posar en photocall e sobre todo disfrutar dos cabalos: nas montañas e no propio recinto.

Como todo curro que se preze, se sanearon os animais, colocaron os microchips e se desenvolveron “compras e vendas”  entre os gandeiros. Todo isto nun ambiente amenizado con música tradicional e boa gastronomía da que deron boa conta os centos de veciños e visitantes. 

Ademáis, o artista Bruxo Queiman foi o mestre de cerimonias desta nova edición. Encargado de guiar a todos os presentes por cada momento da xornada. Este curro tamén contou con outro invitado de excepción: un representante do Curro de Sabucedo que quixo apoiar coa súa presenza o noso evento.

Dende o Concello, o alcalde Luis Piña volveu a felicitar “ao grupo de homes e mulleres que forman parte da Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil, organizadores do Curro, nesta nova edición. Felicitación extensiva tamén e ao resto dos colaboradores que fixeron posible que a xornada do domingo volvera a saldarse con doble éxito: de organización e participación”. Piña destacou “un evento que volveu a converterse nunha xuntanza de confraternidade” . 

O rexedor volveu a manifestar o “apoio incondicional e compromiso de colaboración do Concello da Cañiza con este Curro, en futuras edicións,  así como con todas aquelas iniciativas que se sumen aos activos turísticos da Cañiza, e que redunden en beneficio do noso Municipio”.

A Guarda reduce durante o mes de xullo as visitas guiadas ao Monte Trega: novos horarios

A Guarda reducirá este mes de xullo, en plena época estival, as visitas ao castro do Monte Trega. A medida, explican dende o Concello, vén derivada da “indisposición” dunha das persoas que se encargaba de facer as guías.

Polo tanto ata final de mes os horarios serán os seguintes:

· martes ás 12:00, 13:00, 18:00 e 19:00

· mércores e venres ás 18:00 e 19:00

· xoves de 12:00 e ás 13:00 horas

Durante a fin de semana non haberá visitas, agás o domingo 21 que se realizarán visitas pola tarde ás 18:00 e ás 19:00 horas.

O punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal e a visita recorre menos dun quilómetro polas diferentes áreas escavadas durante os últimos cen anos, incluíndo a zona norte coas vivendas reconstruídas e a muralla ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño. Sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega.

Estas visitas guiadas non precisan reserva previa e son gratuítas pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.

No mes de setembro regresarán as visitas guiadas regulares aos fins de semana ás 12:00 horas. Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690 01 70 38 ou un mail a [email protected].

O Paseo da Xunqueira será de uso exclusivo para peóns polas tardes

O Paseo da Xunqueira terá horario limitado para o tráfico rodado a partires de mañá venres, día 18 de xullo, e durante todo o verán. A rúa pecharase á circulación polas tardes, desde as 19.00 horas e ata a medianoite, no tramo comprendido entre a Praza II República e a rúa Miña.

Este espazo duns 200 metros nas inmediacións da Pista da Xunqueira é moi frecuentado por familias e nenos, especialmente durante as competicións deportivas de verán. Rita Pérez Táboas, concelleira de Interior, explica que co peche ao tráfico durante as tardes “facilitamos a mobilidade do numeroso público que se achega a esta zona e melloramos a seguridade dos peóns”. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que esta medida que agora se pon en marcha é un compromiso do goberno municipal “para crer espazos máis amables para a cidadanía, dando prioridade aos peóns nos lugares onde é posible”.

O uso peonil neste tramo do Paseo da Xunqueira en horario de tarde súmase á peonalización da rúa Padre Sarmiento realizada no pasado mes de maio. Con esta limitación parcial ao tráfico o goberno local “continúa coa transformación iniciada no marco da mobilidade sostible e da recuperación de espazos públicos para a cidadanía”. Facer unha vila con menos tráfico nos lugares onde é posible, neste caso nunha franxa horaria concreta, “supón reducir a contaminación e o ruído, o que redunda nunha maior calidade de vida para a veciñanza”, explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar.

Cinema solidario ao aire libre en Redondela

O Concello de Redondela organiza este xoves, 18 de xullo, unha proxección de cinema ao aire libre de carácter solidario.

A cita, que comezará ás 19:30 horas na fachada principal da Casa do Concello, está organizada xunto á ONG Solidariedade Internacional de Galicia, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A actividade consiste na proxección de varias curtametraxes vencelladas ao proxecto de cooperación que Solidariedade Internacional de Galicia está a desenvolver en Guatemala, co financiamento do Fondo Galego.

Ao rematar as proxeccións haberá tempo de comentar e debater sobre diferentes aspectos relacionados co proxecto e mais coas curtametraxes: soberanía alimentaria, seguridade e hixiene alimentarias ou o dereito a unha vivenda digna, en relación cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

Esta actividade busca “ocupar o espazo público para favorecer a accesibilidade do conxunto da poboación coas accións de cooperación, de sensibilización e de concienciación social”.

O mércores 17 Baiona desviará o tráfico rodado pola festas da Virxe do Camo

0

O Concello de Baiona, a través da Xefatura da Policía Local, realizará o mércores 17 de xullo pola noite, un corte de tráfico e desvíos con motivo da actuación de Orquestra Panorama ás 23:00 horas nas festas en honra á Virxe do Carmen. O corte de tráfico levará a cabo no intervalo horario das 22:00 horas do 17 ata as 02:30 horas do día 18 de xullo.

O corte ABSOLUTO do tráfico rodado na PO-552, a travesía que cruza a vila, será desde a rotonda do Porto Pesqueiro (PK. 16’400) ata a rotonda do “Villa Rosa”. Este tramo da vía converterase en peonil durante a actuación do orquestra para dar maior seguridade ao público asistente ao evento.

O operativo de PRE-SINALIZACIÓN na PO-552 con desvíos alternativos será en dirección VIGO– BAIONA:

  • Na rotonda da autoestrada en Sabarís
  • Na rotonda do “Persígueme”
  • Na rotonda de “Puga” En dirección A Guarda – BAIONA:
  • Na rotonda de Baredo
  • Na rotonda do “Villa Rosa”
  • A desviación da circulación de vehículos durante o período sinalado efectuarase polos viais da EP 2201(subida a Baíña), EP 2202 (subida á Virxe da Roca), EP 2203 (subida a Baredo) e viais secundarios.

Desde o Concello de Baiona faise un chamamento á colaboración da veciñanza e de todas aquelas persoas que se acheguen a Baiona para gozar das festas en honra da Virxe do Carmen para que o operativo de tráfico desenvólvase da mellor forma posible, solicítase prudencia á hora de circular pola zona e pídense desculpas ás persoas afectadas polas molestias que poidan ocasionar o operativo.

Este corte é necesario para garantir a seguridade das persoas asistentes á verbena xa que se prevé unha gran afluencia de público e debemos velar pola seguridade nas nosas rúas.

Salvaterra de Miño presenta a programación do Verán Cultural 2024

O Concello de Salvaterra de Miño vén de presentar o ‘Verán Cultural 2024’, unha programación dirixida a todo o público dende máis maiores ata os máis pequenos e pequenas que contan coma sempre cun apartado especial.

O inicio da programación máis esperada do ano terá lugar o 27 de xullo co concerto de Carlos Núñez que volve un ano máis a Salvaterra de Miño dentro da súa xira Lugares Máxicos. As entradas están á venda no Museo da Ciencia do Viño e na web ataquilla.com

Dentro do calendario para o verán non podían faltar festas tan importantes e destacadas como O Mundo a Danzar, O Son da Muralla ou Imos de Guateque; que continúan crecendo en público ano tras ano e que son un atractivo dentro e fora do noso Concello.

A Festa do Viño do Condado do Tea chega a súa sesaxésima quinta edición onde destacan as catas populares, o Túnel do Viño, a gastronomía e os concertos con nomes destacados como Luar na Lubre, De Vacas ou Roi Casal.

Nos próximos días chegará as casas toda a programación detallada do Verán Cultural de Salvaterra de Miño pero xa adiantamos aquí as datas:

  • Sábado 27 xullo
    • Concerto Carlos Núñez
  • Luns 29 xullo
    • Festa da Espuma e Animación musical
  • Mércores 31 xullo
    • Festa Hinchables de auga
  • Xoves 1 agosto
    • Baile Moderno
  • Venres 2 de agosto
    • Festival Folclórico A.C. Pontenova
  • Sábado 3 agosto
    • O Son da Muralla
  • Luns 5 agosto
    • O Mundo a Danzar
  • Mércores 7 agosto
    • Concerto da Orquestra Clásica de Vigo

Covelo axudará á conciliación laboral e familar no mes de setembro

0

O Concello de Covelo informa que antes do 20 de agosto as familias interesadas deberán reservar praza na actividade de conciliación “Crianza en comunidade” que organiza para o mes de setembro o servizo municipal de conciliación financiado con fondos finalistas do Estado procedentes do Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables da Secretaría Xeral de Igualdade.

Esta actividade desenvolverase no mes de setembro en horario de mañá e de tarde para nenas e nenos de 3 a 13 anos. Así, os días non lectivos 2, 3, 4, 5 e 6 de setembro o servizo desenvolverase en horario de 09:00 a 14:00 horas no edificio multiúsos do Concello de Covelo. En horario de tarde terá lugar dende o 2 de setembro de luns a xoves, ámbolos dous incluídos, de 16:00 a 19:00 horas no CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo.

O Concello informa que se ofrecerá tamén aula matinal e tardía e a posibilidade de facer uso deste servizo de conciliación familiar e laboral en días soltos respectando sempre as condicións marcadas no programa.

As familias interesadas deberán contactar co Concello no número de teléfono 986 65 00 27 extensión 3. As bases poden consultarse na páxina web do Concello ou premendo nesta ligazón.

O Gaiás inaugura unha exposición internacional que cuestiona clixés sobre a cultura viquinga e achega pezas nunca antes exibidas en España

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou o pasado xoves na Cidade da Cultura Unha vida viquinga, unha exposición internacional que cuestiona grandes clixés da cultura popular sobre a Era Viquinga e amosa en Galicia pezas históricas e arqueolóxicas de museos nacionais de Suecia, Dinamarca e Francia nunca antes exhibidas en España.

    O titular de Cultura da Xunta de Galicia lembrou que se trata “dunha das maiores exposicións realizadas en España sobre cultura viquinga”, agradecendo a colaboración e confianza dos prestixiosos museos internacionais que ceden fondos para a mostra, “especialmente aos seis museos distintos de Suecia e Dinamarca, que custodian valiosas coleccións de referencia internacional sobre a Era Viquinga”.

    O relato da exposición artéllase ao redor do que poderían ser os períodos vitais dunha persoa durante a época viquinga e trata tamén as diferentes campañas de exploración, incursións e relacións comerciais que se estableceron en diferentes puntos de Europa, entre os que se inclúe o noroeste peninsular. Neste sentido, lembrou López Campos, “o paso dos viquingos por Galicia deixou unha fonda pegada na nosa cultura inmaterial, en forma de relatos históricos pero tamén lendas, mitos… e afondar no coñecemento deste pobo é tamén un xeito de coñecer mellor unha parte da nosa historia”.

    A mostra achégase así a pezas como unha placa granítica atopada na ermida das torres do Oeste de Catoira, onde se pode ler unha inscrición de protección contra as incursións viquingas, ou un pequeno fragmento dunha das moitas vieiras atopadas na zona portuaria da cidade sueca de Sigtuna, posiblemente relacionadas con peregrinacións a Santiago de Compostela durante o século XII. Tamén se pode contemplar no Gaiás o báculo do bispo Gonzalo de Mondoñedo, de quen conta a lenda que afundiu case ao completo unha gran frota viquinga fronte á Mariña lucense; ou o manuscrito Corpus Pelagianum, custodiado na Biblioteca Nacional de España, onde se relata como cen navíos viquingos entraron pola ría de Arousa e avanzaron por Galicia, dando morte en batalla ao bispo de Compostela Sisnando II e chegando ata o Cebreiro.

    [su_image_carousel source=”media: 83640,83639,83637″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

    Recreación dun barco viquingo

    Encadrada na programación de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o CulturON, a exposición inclúe tamén unha instalación de gran formato: a recreación a tamaño real dunha embarcación viquinga de máis de 17 metros de lonxitude, deseñada polo premiado estudio galego Cenlitros, apostando polo cartón como material dado o carácter efémero dunha exposición temporal.

    Esta recreación está baseada no skudelev 5, un barco real do que se recuperaron os seus restos arqueolóxicos nos anos 60 no fiorde de Roskilde, en Dinamarca, e que hoxe se conserva no Vikingeskibs Museet, o museo de barcos Viquingos desa cidade danesa. Para a súa recreación, fabricada con 584 pezas de cartón ensambladas manualmente, contouse coa asesoría do especialista Tom Nicolajsen, do Vikingeskibs Museet.

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presentou esta exposición como unha mostra da “capacidade dos profesionais galegos para traballar con institucións do máis alto nivel, acadando recoñecemento tamén no eido internacional”. Aludía así por exemplo á colaboración na mostra do ilustrador e debuxante de cómic David Rubín, finalista ao Premio Nacional de Cómic e candidato a en 2018 a catro premios Eisner (os alcumados Oscar do mundo da banda deseñada).

    Rubín asina as animacións en gran formato que as persoas visitantes poderán contemplar na sala, e que inclúen unha curta de catro minutos inspirada nun dos máis famosos poemas en nórdico antigo, que relata, con voz da actriz Soledad Felloza, a creación e fin do mundo segundo a mitoloxía viquinga. Ademais do traballo do ilustrador ourensán e do estudio Cenlitros, a exposición conta tamén co deseñador coruñés David Carballal, encargado da gráfica de sala e o deseño de catálogo.

    Comisariado e comité científico

    Unha vida viquinga está comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos pola Universidade de Aberdeen, Irene García Losquiño (Elche, 1984), investigadora da USC e unha das maiores especialistas de España en cultura viquinga. García Losquiño propón nesta exposición un enfoque novidoso e inclusivo “que foxe dos tópicos bélicos asociados a este pobo, sen obvialos, pero achegándose tamén a temas como a vida familiar, os xogos, o comercio, a mestura con outras culturas e, en definitiva, aquelas caras máis esquecidas normalmente pola Historia: as das mulleres, os nenos, ou os escravos”, explicou no acto de apertura.

    Ademais, o proxecto expositivo chega co respaldo dun comité científico internacional con algunhas das autoridades máis respectadas neste campo, entre as que se inclúen o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala, Neil Price, coñecido tamén pola súa participación como presentador da serie documental Real Vikings —da produtora do exitoso drama televisivo Vikings—.

    Cóntase tamén coa colaboración da profesora da Universidade de Uppsala e investigadora senior no proxecto The Viking Phenomenon, Charlotte Hendenstierna-Jonson, a catedrática de Arqueoloxía Medieval da University of Highlands and Islands, Alexandra Sanmark, ou investigadores da Universidade de Santiago de Compostela como Rosa María Rodríguez Porto e José Carlos Sánchez Pardo, especialistas na presenza e influencia da cultura viquinga na península ibérica.

    O director de Turismo da Xunta reinaugura o spa do Balneario de Mondariz

    O director xeral de Turismo da Xunta, Xosé Manuel Merelles reinaugurou o spa do Balneario de Mondariz en presenza do presidente do Balneario de Mondariz, Javier Solano; o xerente Ricardo Fuciños; o actual equipo directivo; a responsable de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; alcaldes e convidados. Unha segunda vida para o multipremiado spa que estrea instalacións a partir dunha realidade que prima as novas tecnoloxías, novas tendencias en balneoterapia e innovadores espazos que buscan o benestar para partir da auga.

    En palabras de Ricardo Fuciños “A obra supuxo todo un reto. Reto de obra, realizouse en tan só dous meses e medio, reto de innovación, incorporando novos servizos ao spa que foi estreado no 2005; e retos de futuro ao cumprir se 30 anos da recuperación da vila termal e apostar por seguir liderando o sector”. Pola súa banda Javier Solano fixo un pequeno percorrido por esta realidade que hoxe é o Balneario de Mondariz, lembrando que nos seus inicios ninguén cría no proxecto de adaptar o termalismo tradicional ao século XXI fose unha aposta de éxito e que, co paso do tempo, quedou claro que é a base do turismo de saúde e benestar que hoxe é unha parte moi importante do sector turístico.

    Javier Solano, Xosé Manuel Merelles e Ricardo Fouciños na fachada do Palacio da Auga

    Xosé Manuel Merelles, director xeral de Turismo da Xunta, finalizou as intervencións comentando que “Galicia é a terra da auga e que a nosa riqueza termal non posicionou a nivel internacional como un destino obrigado”, destacando a aposta do executivo galego polo sector dos balnearios”.

    O circuíto termal galego que en España abriu a moda dos spas nos establecementos balnearios, o Palacio da auga de Balneario de Mondariz, vive unha segunda vida ao estrear instalacións a partir dunha realidade que prima as novas tecnoloxías, novas tendencias en balneoterapia e innovadores espazos que buscan o benestar para partir da auga. Unha remodelación que supuxo case tres meses de traballos.

    Unha nova zona de camas de hidromasaxe, pescozos de cisne, chorros jet con tres alturas, un cogomelo no centro do circuíto, que completa a gran fervenza descontracturante, banco lumbar aire-auga, jacuzzis en varios espazos, geiser plantar, así como un espazo destinado a nadar contracorriente que se engade ao río central xa existente.

    Vista noturna do novo Palacio del Agua

    O spa Palacio da auga dispón de máis de 3.000 metros cadrados divididos nunha piscina central interactiva, zonas de descanso, de servizos complementarios como saunas e pediluvio e unha piscina zen ao aire libre con vistas á Fonte de Gándara.

    Balneario de Mondariz, 150 anos de saúde termal

    Mondariz cumpriu o pasado ano 150 anos dedicados á saúde termal e como referente europeo no turismo de saúde e coa satisfacción de que a súa importancia foi tal que son o único caso no mundo que, por necesidades do establecemento termal, orixinou en 1924, un novo municipio con autonomía propia e co seu nome Mondariz Balneario como aceno,
    Pero como conseguiu ser Balneario de Mondariz coñecido, hai dous séculos, en toda Europa e marcar unha historia chea de importantes acontecementos?

    A Belle *Époque marcou unha época nos veraneos de saúde dos españois e europeos máis elegantes que tiñan no Balneario de Mondariz un destino. Mondariz sempre foi sempre sinónimo de saúde, de encontro e vacacións nos seus tres séculos de vida. Unha vila termal que defende os intereses de todos os españois como propios. Facendo internacional o carácter acolledor dos galegos.

    Falar de Galicia é falar da Terra da auga: mar, ríos e augas mineromedicinales que converten o noroeste español en todo un destino de benestar que ten no termalismo unha tradición centenaria que lles fai únicos. Mondariz, un balneario que nace a mediados dos séculos XIX e principios do XX é desde sempre o referente europeo do Salutem per Aqua, partir das propiedades dos seus mananciais.

    O termalismo tradicional dos “aguïstas” da Belle *Époque que trouxo a Galicia a personaxes como Isaac Peral, John Rockefeller II, Isabel de Borbón, o arcebispo de Westminster, Miguel Primo de Rivera ou o sultán Muley Haffid e o infante Augusto de Bragança a coidar a súa saúde deu paso no século XXI a toda unha industria turística galega a partir do culto ao corpo e a necesidade de buscar a fonte da eterna .

    E é que as augas mineromedicinales do Balneario de Mondariz pola súa composición bicarbonatadas, carbogaseosas e ferruginosas son únicas en España á hora de loitar contra o envellecemento, tanto a nivel físico como estético. Unha realidade recentemente destacada por un estudo realizado por hidrólogos que recoñecen a calidade das augas termais pontevedresas e que teñen nesta vila termal a referencia do termalismo. Unxas augas tamén recomendadas para patoloxías crónicas (reumatolóxicas, respiratorias, dermatolóxicas, dixestivas) que teñen un efecto ralentizante do envellecemento grazas ao seu efecto antioxidante e antiinflamatorio e axudan á reactivación da capacidade física e psíquica das persoas maiores e mellorando a súa autoestima).

    Mondariz, unha auga mineromedicinal con historia

    Mondariz, é unha auga mineromedicinal con historia a partir dunha vila termal que continúa hoxe en activo grazas á recuperación da súa actividade e dos seus edificios por parte dun grupo de empresarios liderados polo coruñés Javier Solano Rodríguez-Losada, labor recoñecido por numerosos premios dun proxecto que xa dura tres séculos de apoio á medicina natural, proxecto baseado no poder das augas mineromedicinales da vila termal galega.

    A súa casa de baños foi construída en 1880 e a partir de aí o Gran Hotel que, en 1900, rivalizou cos grandes balnearios de Baden-Baden, en Alemaña, e Bath, en Londres. O nivel dos termalístas que acudían cada verán a Mondariz, chegou a converter o Gran Hotel nun centro social, político e cultural internacional do que deron conta Emilia Pardo Bazán, José Echagaray ou Galdós nos seus escritos.

    Festas amenizadas polo cuarteto Bacarat, chegado cada ano expresamente de París; reunións politícas entre as que destaca a celebrada, en agosto de 1929, polo xefe do Goberno español, Miguel Primo de Rivera, e o primeiro ministro de Portugal, Arthur Ivens Feraz aos que se uniu posteriormente o novísimo John Rockefeller III, herdeiro da maior fortuna dos Estados Unidos, son algúns dos exemplos. Unha actividade que aínda hoxe mantéñense coa visita de personalidades de diferentes sectores que chegan a Mondariz a gozar dun lugar de lenda.

    Unha época de esplendor que deu paso a un centro moderno cun balneario á carta, un circuíto termal baseado na tradición Celta e o Palacio da auga, un spa de 3.000 metros cadrados de piscina interactiva e un campo de golf de 18 foxos, así como unha zona dedicada aos máis pequenos, Mondariz Kids, para que eles gocen mentres os seus pais descansa. Unha xestión propia por parte dos propietarios que desenvolven varias liñas de negocio: hostalería, termal e golf.

    Ponteareas prepárase para unha nova xornada de ‘Ponte en Xogo’

    O Concello de Ponteareas convida a participar nunha nova xornada de “Ponte en Xogo”. O Concelleiro de Xuventude que dirixe Cristian Montes  salienta que esta actividade promove o xogo presencial con xogos de mesa que permiten a interacción entre xogadoras e xogadores.

    De 18:00 h a 22:00 h horas o Café Invernalia acollerá esta cuarta xornada. A xuventude que precise máis información pode pedila no número de teléfono 687 764 516

    A Deputación destina preto de 12.000 para melloras no campo de fútbol da Mata e o pavillón municipal do Rosal

    0

    A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega para o Concello do Rosal de preto de 12.000 euros, cos que poderá adquirir novas porterías para o campo de fútbol da Mata e o pavillón municipal e que complementan outros preto de 34.000 euros que concedeu tamén a institución provincial para situar un videomarcador neste último recinto. Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

    Cos recursos que acaba de aprobar a institución provincial para o Rosal, o concello poderá mellorar ámbalas dúas dotacións deportivas adquirindo novas porterías, tanto de fútbol como de balonmán.  Para o campo de fútbol da Mata adquirirá un xogo de porterías de fútbol 7 e  outro de fútbol 5, ambos coas súas correspondentes redes. No caso do pavillón municipal, O Rosal comprará un xogo de porterías de balonmán tamén con rede. Todas as porterías contan con tecnoloxía que garante a súa estabilidade, o que reduce o risco de lesións, evita o dano da área de xogo, incrementa a súa duración, aumenta a confianza dos xogadores, proporciona unha mellor experiencia para os espectadores e da cumprimento aos estándares de seguridade.

    Ata o momento, o Goberno provincial mobilizou ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas preto de 3,8 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para O Rosal, para A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, A Lama, Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

    O CRC do Porriño celebra os ‘XXXVII Premios Círculo’, galardóns de referencia na comarca da Louriña

    ​O Círculo Recreativo Cultural do Porriño (CRC) celebra o sábado 6 de xullo a súa noite grande, o evento dos Premios Círculo que este ano alcanza a XXXVII edición. Uns galardóns de referencia dende hai case 40 anos na comarca que recoñecen o labor de porriñesas e porriñeses destacados en diferentes disciplinas ou persoeiros vinculados á esta institución da comarca da Louriña. 

    ​Este ano, o Premio Círculo ao Deporte recaeu no adestrador porriñés do Celta de Vigo, Claudio Giráldez. Como futbolista, Claudio, que se iniciou no Porriño Industrial, pasou polas canteiras do Real Madrid Club de Fútbol e do Club Atlético de Madrid co que chegou a xogar nas súas filiais, antes de volver a Galicia onde xogaría nas filas do Pontevedra CF, CD Ourense, CoruxoFC e Porriño Industrial, antes de retirarse en 2014. Como adestrador, tamén comezou na casa, no Porriño, e logo pasou ao club vigués ata conseguir chegar ao más alto como adestrador do primeiro equipo.

    ​O Premio Círculo á Música recoñece a traxectoria do porriñés Álvaro Vieito.

    Álvaro, considerado un dos músicos de jazz máis importantes de Galicia, formouse, entre outras academias, na New School University of New York for Jazz and Contemporary Music. Acompañou no escenario a algúns dos mellores músicos de jazz de España e leva preto de 15 anos xirando polos festivaismáis relevantes deste estilo do mundo. É un músico recoñecido e premiado, por exemplo: foi seleccionado polo XIII Internacional Jazz Meeting 2006 en Louisville (Kentucky-USA) ou quedou finalista de ‘nSaio no Camiño2008’ con LobaLú.  

    ​O CRC recoñece co Premio Círculo á Cultura á escritora Clara do Roxo.

    Clara ten unha ampla e recoñecida traxectoria no eido literario galego, tanto nanarrativa para adultos como no ámbito da literatura infantil e xuvenil. É unha das grandes mestras do relato curto en Galicia e iso valeulle moitos premios. Máis de 15 recoñecementos literarios (Premio Manuel Murguía, finalista do Premio Torrente Ballester de Novela…) confirman o poder desta autora de libros tan aplaudidos como “Sombras no Ensanche”, “Actrices secundarias” ou“A princesiña que conduciu unha locomotora”.

    ​O Premio Círculo Mención Especial reaceu na científica porriñesa Verónica Salgueiriño.

    É Catedrática da Física Aplicada da Universidade de Vigo e lidera o grupo de investigación de Materiais Magnéticos. Despois de realizar estancias posdoutorais na Universität Duisburg-Essen (Alemaña) e na Arizona State University (EEUU), incorporouse ao Grupo Nanomag da Universidade de Santiago de Compostela. En marzo de 2009 incorporousexa á Universidade de Vigo. A súa investigación céntrasena síntese de nanomateriais, estudo das propiedades magnéticas de nanopartículas e nanocristais e o desenvolvemento de nanoestruturas magnéticas para o seuuso en hipertermia e administración controlada de fármacos para loitar contra enfermidades coma, por exemplo, o cancro.

    ​Para finalizar, o Premio Círculo Recordo lembrará a figura de Julio Gilsanz, recentemente falecido.

    Gilsanz foi peza fundamental para o auxe do balonmán feminino no Porriño e en Ponteareas. Foi xogador na súa época moza no C.R.C Xoane e xa posteriormente adestrador do C.R.C Terrazos Riego xunto ao seu irmán “Sagui” polo que pasaron varias xeracións de xogadoras que lograron chegar á división de honra. Tamén adestrou ao BalonmánPonteareas e formou parte dos inicios do Club Ciclista Spol. Tamén foi xogador e directivo do Porriño Industrial FC. Máis tarde, volvería ao deporte no Club Balonmano Porriño.

    ​A gala de Premios Círculo terá lugar o próximo sábado día 6 de xullo nas instalacións do propio CRC, que este ano cumpren 60 anos dende a súa inauguración. Para poder asistir á entrega dos Premios, á cea e gozar das sorpresas da noite, os socios, as socias e acompañantes dos premiados poden anotarse na conserxería ata o luns 1 de xullo.

    O rueiro do Rosal terá nome de muller

    0

    No Rosal, as mulleres tomarán as rúas… e o rueiro. O alumnado de 4º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier visitou o Concello cunha importante proposta baixo o brazo: que a igualdade chegue ao mapa de rúas do municipio. Tras facer o ano pasado un estudo sobre as rúas e edificios do Rosal, a rapazada detectou que sempre se usaban nomes masculinos, agás no caso de María Zambrano. Por iso, neste curso decidiron poñer en marcha unha iniciativa para visibilizar o importante papel das mulleres rosaleiras ao longo da historia e poñer no mapa novos referentes femininos.  

    Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “é moi importante recoñecer o labor de todas aquelas mulleres dos barrios que coas súas accións dende o anonimato deron pasos cara á igualdade e cara ao avance social. E por suposto é un orgullo ver como as novas xeracións retoman ese testemuño e son capaces de levar a cabo un traballo de investigación extraordinario para conseguilo”. 

    Este proxecto, que contou coa implicación activa do equipo docente e dos propios alumnos e alumnas, ten como obxectivo equilibrar a balanza da representación histórica nos espazos públicos do Rosal. O Concello levará esta iniciativa ao Grupo de Participación Infantil e Xuvenil para estudar as propostas realizadas e ver como transformar o traballo feito en nomes reais nas rúas do municipio.

    Entre as mulleres propostas destacan figuras locais como María Concepción Fernández Delgado e María José Casares, mestras no CPI Manuel Suárez Marquier recordadas polo seu compromiso e dedicación; a profesora da escola unitaria de San Xoán de Tabagón Rocío García, que ensinaba a nenos e nenas das formas máis divertidas; ou Xulia Suárez, a matrona de Oia, defensora activa dos dereitos das mulleres durante o franquismo e acompañante de moitas nais rosaleiras no proceso de xestación e crianza dos seus fillos e fillas. 

    Non podían faltar entre as propostas para formar parte do rueiro rosaleiro os nomes de Marcola González, unha das protagonistas do proxecto de patrimonio inmaterial do Concello ‘Memoria Viva’; Elda González, que realizou un importante labor social durante as épocas de maiores penurias económicas; á modista Domitila González, que ensinou a bordar a moitas mozas do Rosal; Rufina Domínguez, que loitou a favor da II República e escondeu na súa casa ao último alcalde republicano do Rosal ou Arminda Gómez, a primeira muller que en plena posguerra se atreveu a poñer pantalóns, revelándose contra o sistema establecido e polo que foi represaliada e estivo presa varios anos.

    Como sinalou a alcaldesa, “este traballo é un exemplo de como a educación pode transformar a nosa sociedade. É un grande orgullo ver á mocidade do noso municipio traballando por un futuro máis xusto e igualitario”.

    Antonio Palacios, gran protagonista do desafío de ‘Eureka Reto Rural’ no Porriño

    O novo desafío de ‘EurekaReto Rural’ ten nome e apelido: Antonio Palacios. O arquitecto será o gran protagonista do escape room do Porriño, escenario da sexta proba desta iniciativa posta en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, un produto turístico diferente e orixinal co que achegar ao público ao territorio a través de xogos de escapismo temáticos ao aire libre, de forma dixital, de balde e para todos os públicos.

    Este sábado 22 de xuño o centro do Porriño acollerá un encontro no que todas as persoas participantes poderán coñecer un pouco máis sobre a figura de Antonio Palacios coincidindo cos 150 anos do seu nacemento. Recoñecido a nivel nacional polo seu gran traballo, Palacios é un dos arquitectos máis ilustres de Galicia e artífice do cambio urbanístico do Madrid de primeira metade do século XX. As e os participantes percorrerán as rúas porriñesas para achegarse á vida, obra e ata aos monumentos dun personaxe moi vinculado  ás canteiras e gran amante da súa terra.

    O escape room partirá ás 10.30 horas da Praza do Concello do Porriño nunha ruta circular de dificultade moderada e accesiblepara todos os públicos. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. 

    Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, convidou a todas as persoas a participar nestes xogos de escapismo ao aire libre, “que está a piques de chegar ao seu ecuador cun desafío que demostra como nunca como un produto turístico innovador como Eureka Reto Rural pode ofrecer unha oportunidade única para que as e os participantes conecten coa historia do noso territorio, celebrando e descubrindo a nosa valiosa herdanza cultural e patrimonial”.

    Como destaca o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, “Antonio Palacios foi moito máis ca un arquitecto, foi un ilustre porriñés que se atreveu a soñar ao grande e conseguiu consolidarse como un referente da arquitectura española do século XX. Foi alguén que deseñou unha Galicia moderna e un Madrid maxestuoso que respectaba o tradicional mentres se abría ao futuro. E o mesmo fixo na súa vila natal, deixándonos un valioso patrimonio que este ano, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento e o centenario dunha das súas grandes obras, a nosa Casa do Concello, queremos poñer en valor.  Este xogo é unha oportunidade perfecta para descubrir O Porriño a través de Palacios e tamén para coñecer un pouquiño máis a súa vida e obra, por iso agradezo a EuRural e Xeodestino esta iniciativa e convido a todo o mundo a asumir o reto e xogar con nós!”.

    As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles serán:

    • 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
    • 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
    • 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
    • 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
    • 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
    • 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
    • 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.
    • 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.

    Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

    ‘Mondariz Concilia Xove 2024’, programa de actividades de aventura para a mocidade no verán

    0

    O Concello de Mondariz organiza por primeira vez para os meses de xullo e agosto, un programa de actividades de aventura que se desenvolverá na Praia Fluvial do Val e a súa contorna. Este programa está dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 a 16 anos.

    O obxectivo do “Concilia Xove 2024” é que a mocidade de Mondariz goce do seu tempo de lecer dunha forma diferente á habitual durante as vacacións de verán, coñecendo novas amizades, descubrindo deportes refrescantes e aprendendo sobre a riqueza natural do entorno.

    As actividades son moi variadas:

    • Kaiak activo: actividades acuáticas con kaiak, paddle, pelotas e outros materiais.
    • Ximcana de probas variadas.
    • Orientación.
    • Recoñecemento de rastro e pegadas.
    • Limpeza do río en Kaiak
    • Acampada nocturna (BUSHCRAFT: supervivencia)

    O horario no que se desenvolverá o Concilia Xove 2024 será os martes e xoves de 10.30 a 13.30 horas, a excepción das acampadas (Bushcraft), que terán un horario de entrada ás 20.00 horas e saída as 13.30 horas.

    A actividade comezará o día 2 de xullo e rematará o 29 de agosto e as prazas son limitadas. O prazo de inscrición comezará ás 00.00 horas do xoves 13 de xuño e rematará ás 14.00 horas do martes 26 de xuño.

    As inscricións poderán presentarse presencialmente no Rexistro Xeral do Concello de Mondariz en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, ou a sede electrónica a través do formulario específico da denominado “Inscrición Concilia Xove 2024”, adxuntando a documentación correspondente.

    Se queres consultar as bases podes facelo desde hoxe entrando neste enlace, tamén estará á vosa disposición a ficha de inscrición (ANEXO I).

    Para máis información as persoas interesadas poden dirixirse á OMIX Mondariz de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas; nos teléfonos: 986 664 306 /680 964 461 ou no correo electrónico: [email protected]

    A reforma do Campo de Fútbol de Chapela inclúe novo céspede e melloras na iluminación

    0

    A renovación do Campo de Fútbol Municipal de Chapela xa está e marcha. As obras inclúen a substitución do céspede artificial en todo o terreo de xogo, en total 6.000 metros cadrados. A nova superficie será de céspede artificial de última xeración, lastrado con area de sílice e caucho. O concelleiro de deportes, Iván Valles, explica que coa reforma consérvanse as dimensións actuais do campo de fútbol 11 e dos dous campos de fútbol 8, coa marcaxe correspondente “de xeito que servirá como ata o de agora para a práctica de fútbol 11 no lado longo e con dous campos de fútbol 8 no lado curto, para que se poidan xogar dous partidos ao mesmo tempo”.

    A obra inclúe tamén a substitución dos proxectores de luz actuais por uns de tipo LED “o que supón a mellora da eficiencia enerxética ao tempo que cumprimos coas condicións lumínicas para o xogo”, sinala Valles. Tamén se renovarán os canóns de rego por uns novos, así como as redes da porterías de fútbol 11.

    A alcaldesa, Digna Rivas, explica que esta reforma é posible grazas ao acordo subscrito o pasado ano entre o Concello e a Comunidade de Montes de Chapela, que cedeu os terreos e agora son propiedade municipal. O campo de fútbol presentaba un importante deterioro, “polo que era moi necesario acometer esta obra”, sinala Rivas.

    A rexedora, que visitou as obras co edil de Deportes e o presidente do CF Chapela, Jose Benito Hermida, lembrou que era o seu compromiso para este mandato realizar o cambio de céspede en Chapela coa primeira subvención que recibisen para dotacións deportivas “e así o estamos a facer”.

    O financiamento da obra corre a cargo do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra. O contrato foi adxudicado a Obras y Pavimentos Especiales, SA, por un importe de 259.473,28 euros. O prazo para a execución da obra é de dous meses, polo que o campo estará listo para o comezo da próxima pretempada.

    Luis López resalta o legado de “construtores cidadáns” que Antonio Palacios deixou no Porriño

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o labor dos “construtores” que recibiron este sábado no Porriño os primeiros premios Antonio Palacios concedidos a persoas que destacaron pola súa aportación, no eido da cultura, o deporte, o social ou a empresa; a construír unha provincia máis forte e, en consecuencia, a honrar o legado do arquitecto Antonio Palacios, un dos máis destacados arquitectos do século XX en España e que deseñou edificios nobles como o madrileño Palacio de Cibeles ou a casa consistorial do municipio onde naceu, O Porriño. “Nesta provincia, a de Antonio Palacios, celebramos o labor de todos os ‘arquitectos’, eses veciños, populares ou anónimos, que constrúen cada día unha provincia que vai a máis”, agradeceu o mandatario provincial.

    O presidente puxo en valor a traxectoria e labor de entidades como as Rondallas de Pontelas e Santa Eulalia de Atios, referentes da cultura; do Club Balonmán Porriño, exemplo de deportividade; de Almanaque Agrícola ou Zendal, polo seu labor social e empresarial; ou de persoas sen as que “viviriamos nun lugar peor” como o historiados xa falecido Xosé Ramón Iglesias. Neste sentido, Luis López recoñeceu que os edificios que erguen administracións como a Deputación “non serían máis que cáscaras baleiras sen persoas coma vós que os xustifican e os enchen de vida”.

    Ademais de recoñecer a transcendencia da obra de Palacios no Porriño e no conxunto da provincia, Luis López tamén quixo valorar o peso que este municipio ten no territorio. “Un Concello que participa con éxito na industria automobilística, farmacéutica ou na loxística”, subliñou o dirixente provincial, quen tamén tivo palabras de agarimo para o alcalde e deputado, Alejandro Lorenzo. “É outro arquitecto que ergue os mellores edificios da política local. Sobre os alicerces de cercanía, da humildade e de xornadas maratonianas de traballo, edifica un proxecto político nacido da xente e que explica a impresionante transformación do Porriño nestes anos. É un auténtico exemplo do mellor municipalismo”, afirmou o dirixente quen tamén valorou o traballo do conselleiro de Cultura e exdeputado provincial José López Campos, presente na entrega de premios.

    Despois de lembrar o fito que motivou a cerimonia para esta primeira entrega de premios Antonio Palacios, que é o cumprimento do 150 aniversario do nacemento do arquitecto e o centenario da construción da casa consistorial que leva o seu selo, Luis López quixo destacar e agradecer o labor dos premiados e de toda a cidadanía do Porriño. “Antonio Palacios deixou un bo legado de construtores”, concluíu.

    A primeira promoción de bacharelato de Salceda gradúase no Pazo Pegullal

    O Pazo Pegullal foi o marco escollido para a celebración da graduación da primeira promoción de bacharelato de Salceda na tarde do venres 14, un acto sen dúbida inesquecible para os 49 rapaces e rapazas que celebraron o remate dos seus estudos de bacharelato no IES Pedras Rubias. O acto tiña sen dúbida un carácter especial, por ser esta a primeira promoción en rematar os seus estudos de bacharelato en Salceda tras a súa implantación no curso 2022/2023. Na mente do alumnado, ao igual que na do profesorado, estaba sen dúbida a mágoa por non poder ter estreado o novo edificio que se está a rematar de construir para acoller as vindeiras promocións, pero tamén o orgullo de ser a primeira promoción de bacharelato do municipio.

    Foi un acto emotivo, pero ante todo un acto divertido, pensado por e para o alumnado, que gozou coas intervención dos seus mestres e mestras, pero tamén dos seus compañeiros e compañeiras, amenizando ademais a velada con música en directo a cargo de Breogán, Sara, Javi e Alba, estudantes do mesmo instituto.

    No acto, ademais de premiar a promoción de bacharelato, recoñecéronse tamén os mellores expedientes académicos do curso, e entregáronse diferentes agasallos ao profesorado, equipo directivo e alumnado.

    Máis de 300 persoas participaron no evento no entorno incomparable do Pazo Pegullal, que a súa propietaria Charo Andrade puxo a disposición do centro de xeito desinteresado a través da petición feita por parte da Alcaldesa, Loli Castiñeira. O equipo de goberno (MS) xunto con representantes da corporación de PP e PSOE quixeron tamén estar presentes, respostando deste xeito o convite feito dende o propio IES Pedras Rubias.

    A directora do centro, Chefa Espiñeira, felicitou a esta primeira promoción de bacharelato, lembrando que foron anos difíciles con unha pandemia por medio, polo que estaba se cabe máis orgullosa desta promoción. A directora quixo agradecer tamén ao equipo de goberno pola súa involucración na organización do evento, así como á totalidade da corporación por implicarse durante anos na loita por conseguir a implantación do bacharelato no municipio.

    Espazo Crianza, un ano de aprendizaxe e apoio para as familias do Rosal

    0

    Fin de curso por todo o alto do Espazo Crianza. O Rosal celebrou unha exitosa tarde de convivencia e lecer con todas as persoas participantes no Espazo Crianza, un lugar de encontro posto en marcha polo concello para acompañar a mulleres embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses na crianza de nenos e nenas.

    Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “é un orgullo ver o éxito deste programa. A alta participación que cada ano ten o Espazo Crianza demostra o fundamental e necesario que é tecer unha rede de apoio e información ás familias nunha etapa tan crucial como é a da crianza dos seus fillos e fillas”.

    Nesta edición, 15 xestantes e 16 bebés acompañados dos seus proxenitores estiveron guiados pola matrona Diana Ayude, que se centrou en crear un lugar de encontro e acompañamento a todas e todos os participantes, abordando diversas temáticas a través de contidos teóricos, dinámicas de grupo e prácticas adaptadas ás necesidades das familias.

    No grupo de ‘Acompañamento na xestación consciente’ as 15 participantes afondaron na preparación para un parto feliz, falando dos cambios físicos e psicolóxicos que se producen durante o embarazo ou dos postparto en compañía, con exercicios para un embarazo activo e un parto consciente, aprendendo posturas facilitadoras e métodos de alivio da dor,

    Pola súa banda, 16 bebés e as súas familias traballaron nunha crianza respectuosa na que nais e pais aprenderon a entender as necesidades de nenos e nenas. Abordáronse temas como as primeiras horas de vida, as probas de cribado dos primeiros días, os hábitos hixiénicos, a alimentación do bebé ou a estimulación para o seu desenvolvemento.

    Con este programa, o Concello continúa apostando por iniciativas que melloren a calidade de vida das familias rosaleiras e reitera o seu compromiso de seguir achegando recursos e espazos que favorezan unha crianza respectuosa e informada.

    Aberta a inscrición do Campus Multideporte de Covelo para infancia e mocidade de 6 a 15 anos

    0

    Co obxectivo de axudar na conciliación familiar e laboral e ofrecer á infancia e mocidade tempo de lecer de calidade o goberno de Covelo pon en marcha o I Campus Multideporte para nenas e nenos de 6 a 15 anos, ambas idades incluídas. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 14 de xuño.

    O l Campus Multideporte terá lugar dende o día 25 de xuño ao día 1de xullo do presente ano en horario de 10:00 a 14:00 horas. Para quese densenvolva esta iniciativa terá que haber un número mínimo de 15 persoas participantes e un máximo de 27 persoas.

    As persoas empadroadas no Concello de Covelo pagarán 10€ e as non empadroadas 20€, tal e como establece a ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación de actividades lúdicas, recreativas, culturais, formativas e deportivas. A lista de admitidos publicarase o 18 de xuño e as datas para o pagamento serán do 19 ao 21 de xuño.

    Infancia e mocidade gozarán das actividades deportivas como o tenis, fútbol, fútbol sala, padel, basket e a xornada no centro Ecuestre de Paraños.

    As persoas que desexen máis información sobre o Campus Multideporte e/ou a documentación a aportar, poden poñerse en contacto cos Servizos Sociais municipais no teléfono: 986 650 027, ext.3.

    A metodoloxía empregada será activa, participativa, comunicativa, lúdica e educativa impartida por medio de actividades que fomenten valores positivos e adecuadas ás idades das persoas participantes. Afinalidade deste proxecto é promover a creación dun grupo e a integración de todas as persoas participantes no mesmo, realizandoactividades que faciliten e favorezan a conexión do grupo e o traballo en equipo

    O campus multideporte finánciase pola Deputación de Pontevedra “Plan Máis Provincia liña 2” por un importe de 3.150,42 €.

    Redondela demanda á Xunta o arranxo urxente da avenida Mendiño e Avenida de Vigo

    0

    O goberno local urxe as obras de humanización da avenida Mendiño en Redondela e a segunda fase da avenida de Vigo en Chapela, comprometidas pola Xunta de Galicia desde 2019. Trátasede dúas estradas de competencia autonómica e que contan cun elevado tránsito diario, tanto de vehículos como de peóns.

    No caso da avenida Mendiño a alcaldesa, Digna Rivas, advirte que se trata dunha actuación que deberesolverse de maneira “urxente”, xa que esta vía presenta un grave deterioro “tanto no firme para o tráfico rodado como nas beirarrúas, que supoñen un risco constante para centos de peóns”.

    A avenida Mendiño conecta o centro davila co porto de Cesantes e a praia, e alberga servizoscomo o Centro de Saúde, colexios, institutos e instalaciónsdeportivas.

    O mal estado das beirarrúas obrigou ao Concello a renovar no último ano “máis de 500 lousas do pavimento que estaban rotas polo perigo que supón para os peóns, malia non ser unha competencia municipal”, explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar.

    As queixas da veciñanza no Concello polas deficiencias desta estrada son constantes “e tentamos arranxalo na medida das nosas posibilidades, pero esa vía é competencia da Xunta, que ten que dar unha solución”, lembra Villar.

    O edil lembra que desde novembro do ano pasado, cando se celebrou en Santiago unha reunión coa que era conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o Concello “segue á espera dunha resposta sobre os proxectos que son de titularidade autonómica”.

    No caso da avenida de Vigo o Concello demanda que a Xunta cumpra co seu compromiso de acometer a segunda fase da humanización ata o Alto da Encarnación, anunciado en 2019.

    Tamén son necesarias obras dereparación na primeira fase, onde hai zonas xa humanizadas que presentan afundimentos no firme, e ramplas metálicas para salvar desniveis que están moi deterioradas “e supoñen un perigo para vehículos e peóns”.

    Outra vía autonómica que precisa de reparacións urxentes é a PO-250 ao seu paso por Reboreda, onde son necesarias obras de mantemento nas beirarrúas que se atopan en malestado e con falta de limpeza.

    Desde o Concello lamentan que non houbese “ningún avance por parte da Xunta de Galicia” e solicitan unha reunión coa nova conselleira do ramo, María Martínez Allegue, para lembrarlle estes compromisos.