Loito no xornalismo galego. O histórico e querido xornalista vigués Alfredo Estévez Suárez faleceu este pasado luns aos 68 anos froito dunha rápida enfermidade, a pesar do seu optimismo vital e os seus numerosos proxectos persoais que tiña en marcha despois de xubilarse.
Alfredo Estévez será lembrado sen dúbida por ser un deses xornalistas rara avis que non gozan do ego propio, senón que sempre preferiu ocupar un discreto segundo plano deixando o protagonismo a outros.
Coñecedor como ninguén da actualidade das comarcas, desenvolveu a súa carreira en medios como Radio Noroeste ou na Radio e Televisión Municipal de Ponteareas e posteriormente, en 2012, fundou Comarcas na Rede.
Sempre optimista, asumiu con naturalidade a chegada da maldita enfermidade que lle tocou, pero que non conseguiu quitarlle nin o sorriso nin as ganas de vivir. Unha conversa con Alfredo era unha lección de xornalismo local. Así o sabían os seus coñecidos máis privilexiados que, gozando da súa compaña cun café, podían revivir os acontecementos máis relevantes da área metropolitana. Porque en todos eles estivo Alfredo, micrófono en man ou caderno e bolígrafo, para contalos.
Ademais de narrador das noticias que marcan a historia dun territorio, tamén soubo ser un gran emprendedor, creando Comarcas na Rede, un dixital que fixo o que moi poucos fan: poñer o foco na información hiperlocal, na dos veciños e veciñas das aldeas esquecidas por moitos.
Pero ademais da súa faceta profesional, o oco deixado por este xornalista non recoñecido o suficiente, será enorme. Alfredo ensinaba que o verdadeiro triunfo vital está no persoal. A súa muller e as súas dúas fillas puideron gozar da súa compañía, ademais dos seus dous netos, aos que as vicisitudes da vida quitáronlle demasiado pronto a un entregado avó.
Precisamente aos xornalistas máis novos ensinoulles que o camiño está nas viaxes que se fan coa familia e amigos. Nas horas navegando pola Ría de Vigo ou nos veráns apracibles en Nigrán xunto aos seres queridos. Ou simplemente cun café no serán dun venres para quitarse a presión laboral de toda unha semana.
Alfredo será sempre un exemplo para os futuros xornalistas. E tamén para afrontar a vida. Optimismo e alegría foron o seu sinal de identidade. Agora, son o seu legado para amigos, familia e xornalistas que tras coñecelo sabemos que era un auténtico mestre. Deses que non busca o recoñecemento público porque a súa satisfacción é cumprir co seu traballo.
Até sempre, Alfredo.
O funeral por Alfredo Estévez terá lugar este martes 27 de agosto, ás 16:00 horas na capela do tanatorio de Emorvisa (Pereiró – Vigo).