Sábado, 9 Novembro de 2024

Tapóns, botellas e até unha lámpada: así foi a recollida de residuos na praia dos estudantes do IES Mendiño

Redondela formou parte da XIII Limpeza Simultánea de Praias organizada por Adega, que tivo lugar este luns coa participación do alumnado do IES Mendiño e coa colaboración do Concello de Redondela, que facilitou material para a limpeza e coordinou a recollida dos residuos.

Máis de 80 estudantes de 3º e 4º da ESO, acompañados polo profesorado, percorreron esta mañá a praia da Punta, en Cesantes, para recoller lixo. Entre os residuos atopados había gran cantidade de envases de plástico de diversos tamaños, vasos, tapóns, botellas, aparellos de pesca, vidro, toalliñas, así como outros produtos de hixiene, como compresas, aplicadores de tampóns e incluso unha lámpada de gran tamaño.

Os concelleiros de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, e de Ensino, Iván Valles, estiveron acompañando ao alumnado nesta xornada. Villar explicoulles a procedencia de moitos destes residuos, “que chegan ás praias debido á mala xestión de quen os emprega”.

En ocasións, os restos proveñen da actividade pesqueira, como anacos de aparellos ou elementos soltos das bateas. Noutras, trátase de refugallos domésticos que rematan nos ríos e no mar, xa que en vez de ser depositados nos colectores, algunhas persoas tíranos polo inodoro.

O edil tamén advertiu que o lixo que deixamos no chan pode acabar no mar ao caer nos sumidoiros de augas pluviais ou ao chegar aos ríos. Posteriormente, as correntes mariñas arrastran todos estes residuos ata as praias. Villar lembrou á rapazada “a importancia de usar os colectores adecuados para cada tipo de lixo e evitar sempre deixalo na contorna natural”.