Volven os “cocidos cañicenses”, unha das citas obridagas coa gastronomía de inverno da Cañiza promovida, impulsada e organizada conxuntamente polo concello e polos hostaleiros locais que comeza con forza a partires do 28 de outubro.
Na apertura desta nova tempada o rexedor da Cañiza, Luis Piña, resaltou “a forza gastronómica que dende hai máis de medio século caracteriza á Cañiza. Un papel que ten un forte arraigo na cociña popular e os históricos cocidos con produtos do porco e da horta como ingredientes principais e que na nosa zona, sobre todo na época da postguerra, permitiu alimentar a moitas das nosas familias. Hoxe o Cocido cañicense é un referente como tamén o é o xamón que celebramos todos os 15 de agosto”.
Os hostaleiros da Cañiza organizan esta nova tempada, esmerándose en cociñar este prato tradicional preparado con chourizo de cebola e de carne, fuciño, rabo, orella, cacheira, lacón, touciño e costela de porco completado con pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo. Todo iso acompañado con pan rústico e pan de millo ou “Bica” e regado polos extraordinarios caldos brancos e tintos, a gusto do cliente, da denominación de orixen Rías Baixas, tamén da Cañiza.
Antes ou despois deste prato ofrecerase un caldo servido en tazón. E como en toda boa comida, non pode faltar a sobremesa. Arroz con leite ou leite frita e café.
O Concello recomenda chamar por teléfono para reservar. Os prezos non están unificados xa que cada local ofrece variantes e formas distintas de servilo.
RESTAURANTES:
Os do Resero: 986652431
Area CID: 986652369
Eligio: 986651047
Pirri- ELI: 986156247
Piri Piri: 609325332
Arela: 608727766
Eido do Monte: 607812201
Pincho da Avoa: 986 65 13 99