O Concello de Salceda de Caselas vén de asinar os convenios cos 32 colectivos que contan con subvención nominativa nos Orzamentos Municipais, por un importe total de 126.751,40 euros.
Así, 18 asociacións culturais recibirán unha achega de 35.800 euros, seis clubes deportivos recibirán 65.051,40 euros e dúas entidades de benestar social contarán cunha aportación do Concello de 18.000 euros. Amais, dous centros de ensino terán unha subvención de 4.600 euros. Tamén forman parte destas achegas a asociación de comerciantes ACISA, a agrupación da Protección Civil e unha entidade ecoloxista.
No eido cultural subvenciónanse os diferentes centros culturais das parroquias (900€), os dous coros existentes no municipio (700€), o entroido centenario de Castro Barreiro e A Feira (1600€), as asociacións veciñais (400€) ou a Asociación de Amigos/as da Música que engloba a escola de música e as diferentes bandas (infantil, xuvenil e cultural), e que neste caso recibe a maior axuda no eido cultural por importe de 22.000€.
No caso do deporte subvenciónase ao Caselas FC (18.000€), ás Escolas Deportivas de Salceda (22.551,40€), á Escola Deportiva Denis Suárez (15.000€), aos clubs de balonmán e baloncesto Caselas (4.550€), e ao Club Ciclista Aragonta (400€).
Os centros de ensino público reciben tamén axuda do Concello para a realización das súas actividades complementarias, e que neste caso son o CRA Raíña Aragonta (1.000€), o CEP Altamira (1.200€) e o IES Pedras Rubias (2.400€).
Ademais hai outras entidades con subvención nominativa do Concello como a asociación de Persoas Xubiladas (3.000€), AFAGA (15.000€), ACISA (900€) ACDE Treze Catorze (900€) e a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil (1.500€).
“Temos o privilexio de contar con unha sociedade activa da que nos sentimos moi orgullosas e que contribúe a que Salceda teña unha programación rica e variada ao longo de todo o ano. Este ano puxemos en marcha a plataforma Salceda Móvese que contribúe na difusión de todas estas actividades, e que está a ser un éxito”, explica a rexedora local, Loli Castiñeira.