O Ateneo Amado Garra acusou ao Goberno Local de “instrumentalizar e utilizar sen ética” a un grupo de artistas seleccionados para a Residencia de Artistas, “todos de fóra de Ponteareas agás un”, subliñan, para ir contra o Centro Cívico e impedir que o edificio rehabilitado na Praza Maior estea a disposición de toda a xente, da mocidade e das asociacións.
“Son empregados como verdadeiros escudos humanos polo goberno local fronte á demanda social unánime de Ponteareas para que o Centro Cívico sexa a Casa Cultural do centro urbano e non un hostal para uns poucos”, explicou o presidente do Ateneo, Roberto Mera.
O Ateneo enviou un escrito ao grupo de artistas seleccionado explicándolles os antecedentes relativos ao edificio rehabilitado na Praza Maior, o destino previsto no proxecto anterior, tamén a nivel cultural e artístico, e a decisión do actual Goberno local de convertelo nun aloxamento para o grupo de artistas seleccionado.
O Ateneo aclara tamén nese escrito que “non estamos en contra da existencia dunha Residencia de Artistas en Ponteareas, ao contrario, todo o que sexa promover as artes e a cultura ten o noso apoio e respaldo, o que non admitimos é que a Residencia de Artistas se utilice para privar a toda a poboación do primeiro espazo sociocultural co que Ponteareas ía contar no centro urbano. A Residencia de Artistas debe crearse noutro lugar diferente”, explican.