Domingo, 9 Febreiro de 2025

A Guarda reduce durante o mes de xullo as visitas guiadas ao Monte Trega: novos horarios

A Guarda reducirá este mes de xullo, en plena época estival, as visitas ao castro do Monte Trega. A medida, explican dende o Concello, vén derivada da “indisposición” dunha das persoas que se encargaba de facer as guías.

Polo tanto ata final de mes os horarios serán os seguintes:

· martes ás 12:00, 13:00, 18:00 e 19:00

· mércores e venres ás 18:00 e 19:00

· xoves de 12:00 e ás 13:00 horas

Durante a fin de semana non haberá visitas, agás o domingo 21 que se realizarán visitas pola tarde ás 18:00 e ás 19:00 horas.

O punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal e a visita recorre menos dun quilómetro polas diferentes áreas escavadas durante os últimos cen anos, incluíndo a zona norte coas vivendas reconstruídas e a muralla ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño. Sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega.

Estas visitas guiadas non precisan reserva previa e son gratuítas pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.

No mes de setembro regresarán as visitas guiadas regulares aos fins de semana ás 12:00 horas. Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690 01 70 38 ou un mail a [email protected].