Luns, 7 Xullo de 2025

Cabaré, humor e acrobacias na Gran Gala de Circo este domingo no auditorio municipal

O auditorio municipal acolle o domingo 30 de agosto ás 20:00 h a representación da obra “Gran Gala de Circo”. Un espectáculo de PistaCatro que se inscribe dentro da fórmula do cabaré colectivo, espectáculos de variedades onde se misturan números de humor, monólogos, acrobacias e pasos de claqué.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, explica que esta é unha das obras programadas no marco do convenio con AGADIC para este segundo semestre do ano co obxectivo de reforzar a programación cultural estable e de calidade ofertada nos últimos anos. O concelleiro invita ao público a gozar deste espectáculo multidisciplinar e variado conducido por divertido e misterioso mestre de cerimonias.

Dentro deste ciclo de actividades programado con AGADIC o público tamén poderá desfrutar do espectáculo “Ser e Terra” de Nova Galega de Danza, da obra “Loló e Mamá” de De Ste Xeito Produccións, da obra “Senior” de Culturactiva e das actuacións de mologuistas como Candido Pazó e Serxio Pazos.

As entradas pódense mercar anticipadamente no auditorio municipal o sábado de 11 a 14 horas ou o domingo dende as 18 horas, tendrán un custo de 5 €.

As instalación municipais de tenis en Areas contan agora con tres pistas dobres

0

Onte tivo lugar a reapertura oficial das pistas municipais de Tenis situadas en Areas tras as obras de remodelación realizadas, que supuxeron un investimento de 53.095,22€ con cargo ao Plan Concellos.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que con esta actuación dáse cumprimento a unha vella demanda do Club Tenis Tui en canto á mellora das instalacións. Avanzou tamén que o gran reto de cara ao futuro é a execución dunha área multideporte nun emprazamento axeitado.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacou a actuación realizada nestas pistas empregadas polo Club Tenis que desenvolve a súa actividade dende 2012 e que conta na actualidade con 60 deportistas federados. Referiuse amais as obras que se están a executar tamén nos pavillóns municipais, no centro municipal de Remo, ou no Campo de Fútbol Álvarez Durán, dentro do obxectivo xeral de reformar as instalacións deportivas municipais.

O presidente do Club Tenis Tui, Pablo García, agradeceu a intervención realizada destacando as características das pistas das que dicía “teñen un bote perfecto”, e engadindo que son “o acicate que nos faltaba”. Ao tempo convidou a practicar esta disciplina deportiva.

A actuación realizada consistiu na ampliación das instalacións co que se pasa a contar con tres pistas dobres, que foron pintadas en resina especial deportiva de 5 capas. Para posibilitar a ampliación foi preciso o traslado dos báculos de iluminación, e está previsto o cambio das luminarias a tecnoloxía led.  Amais foi colocado un novo valado perimetral, e reubicouse a caseta destinada a vestiarios.  Nun futuro próximo está prevista a colocación dun novo módulo para ser empregado coma oficina e almacén.

Retírase unha torre de alta tensión en As Neves

0

Hai unhas semanas, o Goberno municipal das Neves mantivo contacto co xefe do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar da retirada da torre de Fenosa, situada a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e da nova Escola de Educación Infantil.

Tratábase dunha demanda altamente agardada e unha necesidade irrenunciabel nunha zona na que están o pavillón municipal de deportes e dous centros de ensino.

Finalmente, os traballos para quitar a torre están rematados e a mesma xa desapareceu deixando libre toda a área na que se atopaba. Trátase do aparcadoiro, moi transitado durante o curso escolar, que o Concello vén de reformar para facilitar a entrada e saída dos estudantes, tanto dos que se desprazan en bus como dos que o fan nos vehículos familiares. 

Alberto Álvarez Pérez, toma posesión como novo concelleiro do grupo de goberno de Redondela

0

Alberto Álvarez Pérez é, dende onte xoves, novo concelleiro do grupo de goberno do Concello de Redondela logo de tomar posesión da súa acta no Pleno Ordinario da Corporación Municipal.

Residente en Rande, na parroquia de Cedeira e técnico especialista en automoción, sector no que desenvolve a súa vida laboral, Alberto Álvarez, asumirá as responsabilidades de Persoal, Limpeza viaria e Parques e Xardíns.

Non é a primeira vez que Alberto Álvarez é concelleiro do Concello redondelán, aínda que nunca o fixera no grupo de goberno. En marzo de 2019, tomaba posesión da súa acta de concelleiro para entrar a formar parte do grupo municipal socialista, ocupando a vacante que, por motivos laborais, deixaba Mauro Álvarez Castro.

A alcaldesa Digna Rivas, ao igual que os seus compañeiros e compañeiras, non dubida en cualificalo como unha persoa “traballadora, responsable e comprometida coa labor de mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas”.

Finalización da mostra “Miradas na igualdade” na biblioteca de Baiona

0

O pasado día 26 de agosto as artistas implicadas na mostra “Miradas na Igualdade” reuníronse para recoller as pezas que ocupaban os espazo polivalente do andar inferior da biblioteca. Con este feito, ponse fin a unha etapa na que se puña o foco no papel das mulleres de Baiona e da súa contorna.

Esta exposición formaba parte da programación da Primavera Lila que, por mor da pandemia, tivo que transformarse e so puido celebrarse presencialmente a súa presentación. Maila a traxedia da emerxencia sanitaria, leváronse adiante diversas accións grazas ás novas tecnoloxías.

Na mostra “Miradas na Igualdade” participaron as artistas Irene Silva, Lourdes Alonso, Cristina Grande e Olalla Fernández. Se non vistedes aínda as pezas poderedes visitar a exposición de forma virtual a través da canle de Youtube do Concello de Baiona.

Esta exposición volverá a estar disponible para visitar, se a crise sanitaria o permite, o vindeiro mes de novembro.

[su_image_carousel source=”media: 19837,19836,19835,19834″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Cultura 24 percorre diferentes parroquias do concello de Ponteareas

A Concellería de Cultura, dentro do programa Cultura24, leva teatro e música a diferentes parroquias do concello para que toda a familia goce coas agrupacións de teatro e música do noso concello.

Dentro deste programa, pensado para achegar actividades culturais e de lecer ás parroquias, nos vindeiros días están programados os seguintes actos. O domingo 30 de agosto a veciñanza de Xinzo poderá gozar ás 14 horas dun concerto da Banda Xuvenil de Xinzo. Pola tarde, a veciñanza de Moreira pode asistir á actuación da Charanga SDK que ofrecerá un variado repertorio de música popular.

Con estas dúas actividades do programa Cultura24 finalizan as diferentes actuacións que se realizaron durante o mes de agosto en distintas parroquias.

Fernando Groba, concelleiro de Cultura, convida a toda a cidadanía a participar nas actividades que dentro do programa Cultura24 se desenvolven por diferentes puntos do noso concello e que continuarán durante o mes de setembro.

Todas estas actividades son totalmente de balde para o público e se realizan cumprindo co protocolo anti Covid para garantir a seguridade e a saúde do público asistente.

“Vodafone” gañou a nova licitación do Concello do Porriño

A oferta de “Vodafone” foi a mellor valorada entre as empresas de telefonía que presentaron plicas na licitación que ven de resolver e adxudicar a correspondente mesa de contratación celebrada polo Concello.

A mesa, presidida pola alcaldesa e constituída polo secretario, interventora, xefa de contratación e arquitecta municipal decidiu en favor de “Vodafone” que presentou unha oferta por 269.900 euros máis IVE. A plica desta operadora rebaixou o importe inicial da licitación que eran 300.000 € máis IVE.

A adxudicación é por dous anos.

A empresa está obrigada a modernizar as estruturas tecnolóxicas de telefonía (liña de voz , datos e acceso á internet) dos edificios municipais así como os sistemas de hardware da casa consistorial. O Concello esixe á nova adxudicataria, unha conexión á internet moderna e rápida en todos os centros de titularidade municipal coma o Multiusos de Torneiros, Polideportivo, Centro Cultural e nos locais sociais e culturais das parroquias.

O Concello de Tui acredita as súas instalación para impartir cinco novos certificados de profesionalidade

0

O Concello de Tui vén de recibir a acreditación, por parte da Dirección Xeral de Orientación e Promoción laboral  para poder impartir nas súas instalacións, no Centro Municipal de Formación, cinco novos certificados de profesionalidade.

En concreto trátase de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais; Docencia de formación profesional para o Emprego; Operacións Auxiliares de servizos Administrativos e Xerais  e Organización e Xestión de Almacéns.

Amais o Centro Municipal de Formación recibiu tamén a validación para impartir as competencias claves de Alfabetización Informática: Informática e internet; Competencia Matemática N2; Comunicación en Lingua Castelá N2; Comunicación en Lingua Galega N2; Competencias Clave N2 Sen Idiomas: Comunicación en Lingua Castelá e Competencia Matemática.

Estas novas homologacións súmanse ás xa existentes de Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas; Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas; Montaxe de mobles e elementos de carpintería; Instalación de elementos de carpintería; Operacións de fontanería e calefacción climatización doméstica; Axudante de documentación de medios de comunicación; Venda de servizos e produtos turísticos; Azafata auxiliar de congresos; Colocador de prefabricados lixeiros e Colocador de paneis de cartón xeso e similares.

Dende o Concello de Tui, a través da Concellería de Formación e Emprego, apóstase por ampliar a oferta formativa do Centro Municipal de Formación coa finalidade de impulsar e estender entre as empresas e os traballadores ocupados e desempregados unha formación que mellore a empregabilidade e o desenvolvemento persoal e profesional das persoas traballadoras e que responda as necesidades actuais do mercado laboral.

Ponteareas adxudica 150.000 euros en novas axudas ás traídas veciñais de auga

Foto de arquivo

O Concello de Ponteareas concedeu este xoves 150.000 euros en axudas ás traídas veciñais de 10 parroquias. Así o anunciou o Alcalde Xosé Represas que destacou a labor que realizan as comunidades de augas para que a grande maioría dos veciños e veciñas do rural conten con este servizo básico.

“Con esta nova concesión, que continúa a liña marcada polo actual goberno municipal desde 2015 de colaboración e apoio ás traídas veciñais, 12 traídas realizarán este ano novas obras co apoio do Concello”, manifestou Represas.

Estas subvencións permitirán realizar investimentos de mellora das traídas; en depósitos, renovación de redes de abastecemento, obras en mananciais, así como en actuacións para asegurar a potabilidade e calidade do subministro das augas. As axudas cubren ata o 80% do investimento a realizar cun límite de 18.000 euros por traída.

Nesta convocatoria presentáronse un total de 20 solicitudes e recibirán subvencións 12 traídas das parroquias de Arnoso, Celeiros, Cumiar, Fozara, Guillade, Nogueira, Padróns, Pías, Ribadetea e Xinzo..

O alcalde fixo balance desta liña de subvencións da que xa se beneficiaron un total de 40 traídas veciñais de 19 parroquias, medida que impulsou investimentos por máis de 600.000 euros, dos que a aportación do Concello suma 450.000 euros.

Represas explicou que “as axudas outórganse cos fondos propios do Concello e concédense de forma transparente e en concurrencia libre para as traídas veciñais. O Concello ten a obriga de atender estas peticións porque os colectivos veciñais están a realizar un servizo básico e prioritario”

Xa se superan os 3.000 casos activos en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.139 deles 1.351 son da área da Coruña, 547 da de Lugo, 292 da de Ourense, 187 da de Pontevedra, 189 da área de Vigo, 450 da de Santiago, e 123 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 100 en unidades de hospitalización e 3.027 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.292 persoas curadas, rexistrándose 635 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 322.198.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 19 de agosto, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

O Concello de Baiona realiza traballos de reparación no CEP Sabarís

0

O Concello de Baiona está a realizar traballos de reparación e mellora da fachada do CEP Sabarís, unha actuación que a dirección do colexio trasladoulle ao concelleiro de Educación, Óscar Carreño, e que o Goberno local acomete dentro da liña de colaboración que mantén aberta cos centros educativos do concello.

O responsable da Concellería de Vías e Obras, Óscar Martínez, explica que as obras centraranse, primeiro na reparación da zona que presenta grietas de cara a evitar tanto o deterioro da mesma coma as posibles filtracións de auga. Unha vez rematada esa fase, procederase ao pintado de toda esa fachada.

Pese a que estes traballos de reparación non son unha competencia estritamente municipal, senón que corresponderían á Consellería de Educación, realízanse “porque as necesidades dos veciños e veciñas non entenden de competencia e a nosa obriga, como administración máis achegada á cidadanía é darlle resposta a esas necesidades”, afirma o alcalde Carlos Gómez.

Redondela rehabilitará o edificio do antigo conservatorio dentro dun proxecto global de recuperación do patrimonio histórico e cultural do municipio

0

O Concello de Redondela rehabilitará as antigas dependencias do conservatorio de música, na rúa Isidoro Queimaliños, dentro dun plan global de rehabilitación e recuperación do patrimonio histórico do municipio. As obras, que contarán cun orzamento de preto dos 300.000 euros, incluiríase nas liñas establecidas para a rehabilitación e mellora do patrimonio histórico e cultural e a creación de novos eventos culturais.

Nesa liña, unha vez rematadas as obras, o inmoble acollería, no primeiro andar, as Oficinas de Turismo adaptadas a todas as normativas de accesibilidade, mentres que na planta baixa, habilitaríase un espazo de usos múltiples para desenvolver actividades e eventos co fin de poñer en valor o acervo cultural do municipio.

A maiores da antedita Oficina de Turismo, tamén quedarían situadas no inmoble os servizos de Cultura e Normalización Lingüística.

As obras abranguerán, polo tanto, unha rehabilitación integral do exterior do inmoble incluíndo fachadas, rehabilitación da cuberta e carpintería exterior. Ao mesmo tempo, no que ao interior fai referencia, amais dunha redistribución de espazos, as obras estarán encamiñadas a adaptar o edificio á normativa vixente de accesibilidade e seguridade.

Cómpre salientar que pola rúa Isidoro Queimaliños, onde se atopa o edificio, discorre o Camiño de Santiago e que, o turismo de peregrinos supón, no caso de Redondela, preto do 90 % do fluxo turístico do municipio.

O goberno redondelán lembra que o municipio “conta cun importante patrimonio cultural, que é necesario poñer en valor”. Esa revalorización do patrimonio cultural redondelán, engade Rivas “sirve tanto para as veciñas e veciños, xa que lles permite coñecer mellor a historia do seu municipio, coma iniciativa á hora de xerar sinerxias que atraian a un maior número de visitantes”.

Doutra banda, a rexedora local, sinala que a través deste programa “estanse a poñer en marcha un conxunto de actuacións que recuperen e rehabiliten o patrimonio histórico de Redondela”, un patrimonio, recalca, “que corre un grave perigo de deterioro e, polo tanto de desaparición e que inclúe xacementos arqueolóxicos, casas históricas ou cemiterios de alto valor histórico e patrimonial”. Neste último caso subliña a alcaldesa a importancia da recuperación do Cemiterio de Eidos, “que permite facer un percorrido pola historia de Redondela e das persoas que contribuíron a que o municipio sexa hoxe o que é”.

Tomiño continúa ampliando a súa rede de compostaxe para unha mellora na xestión do lixo

0

O Concello de Tomiño continúa ampliando a súa rede de compostaxe coa entrega este xoves, ao abeiro da segunda fase do Revitaliza da Deputación de Pontevedra, de 30 novos composteiros individuais (COIN) a veciños e veciñas que os tiñan solicitado hai tempo. Con esta segunda remesa xa hai repartidas 60 unidades das 3.000 previstas ata final de ano, acción que se complementará, entre outras, coa instalación de 13 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCCs) e a creación de puntos verdes onde a veciñanza poida depositar restos de poda que serán triturados in situ, deixando o triturado a disposición de quen queira usalo nos seus composteiros como estruturante.

Como explicou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, o obxectivo da posta en marcha de todas estas accións é contribuír á redución do lixo que xera o municipio, cun transporte e tratamento que implica elevados custes, non soamente económicos, senón tamén medioambientais. Deste xeito, Tomiño busca consolidar un cambio de modelo na xestión do lixo que o converta nun municipio máis sustentable.

O 90% do lixo, ao contedor verde

As e os técnicos do programa reuníronse cos novos compostadores e compostadoras no Pavillón da Carballa para aclarar dúbidas e explicar o sistema de xestión de residuos que está levando a cabo na actualidade SOGAMA, dando a coñecer tamén datos sobre Tomiño tan destacables coma que o 90% do lixo que se tira vai ao colector verde, xerando un gasto inasumible para o Concello, xa que segue habendo déficit entre a taxa recadada e o que custa o servizo. Durante a reunión a concelleira quixo agradecer tamén o interese e a disposición da veciñanza por contribuír de xeito activo á redución do lixo que xera o municipio.

Xunto cos composteiros individuais, os veciños e veciñas recibiron tamén os complementos precisos: termómetro, aireador e un manual de compostaxe. As e os técnicos encargaranse de facer un seguimento periódico para axudar á veciñanza a que obteña un compost de calidade.

Dado o interese que está suscitando esta entrega de veciños interesados en anotarse, dende o Departamento de Medio Ambiente informan que non é imprescindible mais,  para facilitar e axilizar a convocatoria a estas reunións, está a disposición na web do Concello un documento a través do que as persoas poden deixar os seus datos. Soamente haberá que cubrir o documento cos datos persoais e envialo despois ó mestre composteiro ([email protected]). Este documento deberá asinarse cando se recolla o composteiro.

Profesionalización dos traballadores do sector limpeza na era da Covid-19

0

O actual Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 3.0 (V Edición), subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e promovido pola Concellería de Promoción económica, desenrolo empresarial e emprego do Concello de Mos que dirixe a edil Julia Loureiro, busca e estuda as mellores e máis eficaces estratexias de inserción laboral para os diferentes perfís profesionais do 100 usuarios/as participantes cos que conta.

Dado que o sector da limpeza está a ver incrementada exponencialmente a demanda de traballadores/as cualificados con motivo da actual crise sanitaria da Covid-19 (na que os labores de limpeza e desinfeccións son fundamentais e intensifícanse, multiplicándose en número e frecuencia), o Concello de Mos ven de poñer en marcha a través do seu V Programa Integrado de Emprego o curso para obter a acreditación oficial do certificado de profesionalidade en limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais.

O contido formativo do curso que está a ser impartido actualmente inclúe materias de: limpeza, tratamento e mantenemento de chans, paredes e teitos en edificios e locais; limpeza de mobiliario interior; limpeza de cristais en edifcios e locais; e técnicas e procedementos de limpeza con utilización de maquinaria.

A acción formativa inclúe tamén un módulo de prácticas profesionais non laborais no centro homologado de EDUCATIC.

Estanse a beneficiar deste curso un total de 15 alumnos e alumnas pertencentes ao V Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos, entre os cales hai 14 mulleres e un home con idades comprendidas entre 40 os e os 60 anos.

O curso comezou o pasado 10 de agosto e prolongarase ata o 17 de outubro sumando un total de 230 horas, das cales 150 son teóricas e 80 horas de práctica en empresas.

O Concello de Nigrán e Revolto Artesán Galego, ofrecen un mercado de coleccionismo e antigüidades este fin de semana na Ramallosa

0

O Concello de Nigrán e a asociación Revolto Artesán Galego ofrecen esta fin de semana durante todo o día un mercado de coleccionismo e antigüidades na Alameda de A Ramallosa cumprindo co protocolo covid-19 e coa animación de DJ Gramola de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A maiores, os nenos entre 6 e 10 anos poderán anotarse a obradoiros de manualidades de 17:00 a 18:00 horas inscribíndose antes no mail [email protected].

Mañá sábado 29, no barrio do Sancho en Nigrán, o Rey Midas presenta o espectáculo ‘De principio a fin’

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial do verán, acolle este sábado 29 de agosto, ás 19:00 horas no barrio de Sancho (Panxón), a estrea do último espectáculo do mago Rey Midas ‘De principio a fin’ con motivo da festa de ‘San Juan Degollado’.

O prestidixitador realizará un show baseado nos mesmos números das videochamadas que fixo aos nenos que estiveron de aniversario durante o confinamento e aos que o Concello agasallou deste xeito. Tras máis de ‘150 aniversarios de balcón’ organizados polo Concello durante o estado de alarma, moitos nenos quedaron coas ganas de ver o show en directo, tanto os que o disfrutaron mediante videochamada como os que non. O Rey Midas pecha así a súa xira de verán polas parroquias ofrecendo este último espectáculo.

Soutomaior acolle un concerto de Óscar Ibáñez & Tribo e Mondariz unha exposición de cestería

“Musigal”, o programa cultural da Deputación de Pontevedra, continúa espallando a música galega cun concerto que se desenvolverá este sábado 29 de agosto ás 22.30 horas na Alameda Talo Río, no concello de Soutomaior. Nel participará o grupo Óscar Ibáñez & Tribo, o expoñente do folk galego capitaneado polo gaiteiro natural de Poio, Óscar Ibáñez.

A Deputación de Pontevedra tamén ten programadas varias exposicións que poden visitarse estes días. “Tecendo a natureza” é unha mostra que pon en valor a tradición da cestería a través das obras do último mestre cesteiro galego nesa modalidade, Enrique Táboas.

A exposición pode visitarse ata o 30 de agosto na Praza de Abastos de Mondariz. Pola súa banda, a sede de Vigo da Deputación acolle a exhibición “8M. A palabra empoderada das mulleres”, unha obra colectiva de reivindicación feminista que poderá visitarse ata o 1 de setembro. Amais, no concello de Lalín o ente provincial expón ata o 6 de setembro a mostra “Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza”, que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no Pazo de Liñares ata o 6 de setembro.

O goberno municipal acada respaldo do pleno para iniciar a contratación do servizo de recollida de lixo e a xestión do punto limpo

O goberno municipal do Porriño acadou o respaldo da maioría da corporación para iniciar o expediente de contratación do servizo de recollida e transporte do lixo. O novo contrato que comeza a prepararse contempla tamén que o futuro adxudicatario se faga cargo doutros residuos domésticos e asimilables así como da xestión do ”Punto Limpo” do concello, segundo explicou Sergio Casal, concelleiro de Limpeza que defendeu a proposta.

O acordo acadouse con cinco votos a favor (os catro concelleiros do PSOE, e Manuel Carrera da UDDL), o voto en contra de Blanca Francés, de EU SON e as abstencións do BNG e do PP. Previamente desestimouse unha enmenda do PP que pretendía deixar o asunto enriba da mesa.

No transcurso deste pleno ordinario de agosto, acordouse por unanimidade respaldar unha moción de EU SON en apoio do comercio de proximidade mediante unha campaña de cheques regalo e outras iniciativas para dinamizar o pequeno comercio. Tamén por unanimidade toda a corporación porriñesa acordou aprobar definitivamente a ordenanza reguladora do uso da lingua galega desestimando as alegacións presentadas ao anterior acordo.

Mañá venres xornada de parkour e concerto de Robertoliveira

O programa do verán en Ponteareas ‘Mocidade Viva’ continúa. Se tes máis de 12 anos de idade, anímate a participar nesta programación.

Mañá venres 28 de agosto haberá unha nova xornada de parkour. O encontro terá lugar ás 20:00 horas, no parque Ferro-Ucha. As anteriores xornadas do programa foron todo un éxito e tiveron unha alta participación. Por iso, a Concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, organiza un novo obradoiro.

Neste obradoiro contará con exhibicións nas que os e as participantes poderán amosar as habilidades adquiridas no campionato que se desenvolverá durante esta xornada.

Ademais, o mesmo venres 28 será tamén unha noite de percusión, co novidoso espectáculo de Robertoliveira. A Concellería de Cultura, dirixida por Fernando Groba, convida a toda a cidadanía a gozar do concerto ás 23 horas na Praza Maior.

Totalmente de balde e dentro do ciclo de “Noites ao Vivo” poderemos gozar deste percusionista dedicado á música contemporánea centrado na interpretación de novas obras con técnicas novidosas, recursos instrumentais renovados e aspectos escénicos inusuais. Roberto colabora activamente con compositores das novas xeracións para contribuir ao desenvolvemento da literatura para a percusión.

A praza de Avelino Vicente congrega o Mercado Artesanal os dous próximos venres e sábados

0

Como a peche ao verán a Concellería de Desenvolvemento Local da Guarda organiza o Mercado Artesanal que terá lugar na Praza de Avelino Vicente durante os venres e sábados desta última fin de semana de agosto e a primeira de setembro.

O horario de apertura deste mercado artesanal é para o venres e o sábado de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:30h.

A finalidade deste mercado é ofrecer unha oportunidade ao sector de artesanía e produtos locais especialmente golpeado durante este verano pola crisis sanitaria

Neste mercado van asistir artesáns da Guarda e da nosa contorna onde ofrecerán as súas elaboracións en bordado, marroquinería, complementos ou mesmo decoración.

Tamén participarán asociacións e entidades de acción social que tanta axuda prestaron e prestan durante a pandemia.

Nestas últimas datas do verán este mercado artesanal e a programación procurase que sexa un atractivo máis entre os veciños e visitantes gocen do noso comercio e cultura.

Conferencia “Música no final do Camiño” de Juan Pedro Durán Alonso o martes 1 en Tui

0

O próximo martes, 1 de setembro, ás 20 h terá lugar na Área Panorámica a conferencia “Música no final do Camiño” a cargo de Juan Pedro Durán Alonso. Forma parte do Ciclo Facer Camiño, actividade complementaria da exposición itinerante de mesmo nome, coordinada pola Academia Galega de Belas Artes, coa colaboración da Xunta de Galicia  e que se pode visitar na Sala Municipal de Exposición en Tui estes días.

O compositor e académico Juan Pedro Durán Alonso disertará sobre “Música no final do Camiño”, e ao remate da conferencia está previsto un coloquio sobre a cultura do Camiño a Compostela que contará coa participación do historiador da Arte e académico Felipe-Senén López Gómez.

As obras realizadas nos CEIP de Atios e Antonio Palacios no Porriño, son supervisadas por Educación

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional representada polo seu xefe territorial, César Pérez Ares, supervisou onte as obras acometidas polo departamento autonómico nos CEIP de Atios e o Antonio Palacios, ambos na localidade pontevedresa de O Porriño, cunha inversión que supera os 50.000 euros.

No primeiro caso, falou da adaptación da antiga casa do conserxe en dúas aulas que darán resposta ás necesidades previstas ante o desdobramento de unidades (grupos de clase). Unha actuación valorada en 48.390,07 euros.

En canto ao CEIP Antonio Palacios, o representante do Executivo autonómico en materia de Educación na provincia referiuse as malas condicións nas que se encontraba o muro exterior que foi reparado por completo. Unha obra cuxo custe ascendeu a 12.000 euros. 

Asemade, o xefe territorial  aproveitou a visita para comprobar in situ o plan organizativo que está levando a cabo o equipo directivo destes colexios de acordo co Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021, elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade. Así, autorizou a flexibilidade horaria proposta polos centros escolares, a desescalada de entradas e saídas e o uso de espazos comúns co obxectivo de cumprir coas indicacións das autoridades sanitarias. 

Segundo dixo, ambos contan cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos,  os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.

CEIP Atios

Con todo, Pérez Ares lembrou que o propio Protocolo xa especifica que todas as medidas nel recollidas poden ser obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais. Polo tanto estas medidas iranse actualizando cando sexa necesario, se os cambios na situación epidemiolóxica así o requiren e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

A finalidade, tal e como destacou, non é outra que garantir un inicio de curso seguro a nivel sanitario e dentro da máxima normalidade posible no marco actual. E neste contexto, aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos pais e nais de cara o comezo das clases, pois sinalou que a implicación e organización dos equipos directivos dos centros “está a ser exemplar”.

A Xunta abre a convocatoria dunha nova liña de subvencións para o sector escénico cunha dotación de 500.000 euros

A Xunta puxo en marcha onte, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, unha nova liña de subvencións para o impulso ao sector escénico, a través da que se investirán 500.000 euros nas compañías e nas salas de exhibición para o fomento de residencias artísticas. Trátase dunha das medidas específicas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico co obxectivo de achegarlles un apoio extra ás empresas escénicas á hora para enfrontar os efectos da crise sanitaria.

Con esta convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, elévase a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario no ámbito das artes escénicas canalizado ata o momento a través das novas iniciativas recollidas no devandito plan, entre as que tamén se atopan o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 ou o programa Cultura no Camiño +. Ao tempo e co mesmo fin de contribuír á recuperación da actividade neste ámbito, estanse a flexibilizar e adaptar as habituais convocatorias de subvencións á creación escénica, festivais, salas e distribución, así como as programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios e do Centro Dramático Galego, entre outras.

Tres modalidades para salas e compañías

Neste caso, o orzamento de 500.000 euros distribuirase entre tres modalidades de proxectos de residencias artísticas a desenvolver entre os anos 2020 e o 2021: 300.000 euros para a reactivación de espectáculos de teatro, novo circo e maxia, 100.000 euros para propostas presentadas por salas escénicas de titularidade privada e outros 100.000 euros para compañías de danza, ás que se lles dedica unha atención específica seguindo a liña doutras convocatorias de axudas e programas promovidos pola Consellería de Cultura e Turismo a través das Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Nas tres categorías subvencionarase ata o 80% do orzamento das propostas, establecéndose unha contía máxima de 40.000 euros por beneficiaria para as que presenten as salas escénicas e de 15.000 euros para as compañías. O prazo de solicitude esténdese ata o vindeiro 28 de setembro a través da sede electrónica da Xunta.

Concertos musicais e funcións escénicas

O DOG de onte publicou, así mesmo, outra convocatoria de subvencións ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural mediante a que se achegan 160.000 euros á realización de concertos fóra de Galicia e de funcións escénicas tanto dentro como fóra da nosa Comunidade desde primeiros de ano e ata o vindeiro 31 de outubro.

Cofinanciaranse así os gastos nos que incorren as empresas culturais con motivo do desenvolvemento de actuacións e xiras no exterior. Ao mesmo tempo, compleméntase a convocatoria anual de axudas á distribución para as industrias culturais, que en 2020 modificou as súas bases para contribuír a axilizar o financiamento de actividades executadas con anterioridade ao estado de alarma, concretamente as que tiveron lugar entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020. A través dela, deuse resposta a todas as solicitudes recibidas, apoiando 67 iniciativas de proxección interior e exterior das artes escénicas e da música de Galicia.

O prazo de solicitude destas novas axudas para a realización de funcións esténdese tamén ata o 28 de setembro. A súa concesión segue un procedemento abreviado por concorrencia non competitiva, atendendo todas aquelas propostas que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata esgotar o orzamento dispoñible.

Tralas obras acometidas pola Deputación, o punto limpo da Guarda xa está preparado para a reciclaxe de residuos eléctricos e electrónicos

0

A deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, xunto ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitou as obras acometidas no punto limpo da vila, ao abeiro do proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación de Pontevedra. A actuación, cun orzamento total de 53.588,06 euros entre obras e subministracións, permitiu adaptar o punto limpo co obxectivo de acondicionalo de cara a recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos. “Este tipo de accións son as que dan paso cara unha transición ecolóxica e contribúen á mellora do medio ambiente. É unha necesidade que todas e todos colaboremos coa correcta xestión dos residuos”, subliñou Iria Lamas.

“O noso planeta está en perigo e dende as administracións temos que poñer en marcha proxectos para loitar contra esta realidade”, continuou, “neste eido, dende a Deputación absolutamente toda a acción política xira ao redor da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, enxalzou a deputada provincial. Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, agradeceu á Deputación “a oportunidade que nos dá de ter unha mellora neste punto limpo, moi importante para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos”. O punto limpo da Guarda, situado no lugar A Sangriña, xa está totalmente renovado para que a veciñanza poida depositar alí os seus residuos eléctricos e electrónicos con total seguridade. A maiores a Deputación e o Concello puxeron en marcha unha campaña informativa, que inclúe a instalación dun miniecopunto formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tablets, e cargadores e cables, que quedou montado na Praza de Abastos.

En concreto, na Guarda foi necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estantes, equipos  informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas recentemente pola Deputación. Ademais, no que respecta ás obras, construíuse no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalouse iluminación no almacén e proveeuse de sistema de protección contra incendios e de paneis indicativos.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.

Redondela reordenará os accesos á Senda da Auga para garantir a seguridade de peóns e ciclistas

0

O Concello de Redondela desenvolve nestes días a reordenación dos accesos á Senda de Auga dende a parroquia de Chapela ata San Esteban, de cara a garantir a seguridade das numerosas persoas que utilizan dita senda e que tamén é moi frecuentada por bicicletas ao ser una ruta que percorre un espazo natural privilexiado.

Os traballos de sinalización inclúen sinais de prohibición de circulación de vehículos agás residentes, e a instalación de paneis reflectores de 60 x 40 cm en todos os cruces nos que advirte da circunstancia de estar nunha zona utilizada por peóns e ciclistas.

A reordenación do tráfico na zona, explica a alcaldesa Digna Rivas, “era necesaria se temos en conta que é un dos accesos que se utilizaban para o denominado ‘o mellor banco do mundo’ situado en Cedeira, o que ocasionaba problemas, non só a peons e ciclistas na senda da auga, senón tamén aos veciños e veciñas que residen ao longo dese treito agora sinalizado”.

Os traballos que agora se desenvolven eran unha vella demanda da veciñanza residente na zona “sen que ata o de agora –explica a alcaldesa– ditas reivindicacións foran tidas en conta polos anteriores gobernos”. En todo caso, a esta primeira medida iranse engadindo outras a medida que vaian sendo precisas e coa intención, sobre todo, de garantir a calidade de vida das veciñas e veciños”

O Concello de Redondela deixa claro que non se trata, en ningún caso, de impedir o acceso ata a zona, subliña a rexedora, “senón de que se faga dun xeito racional e o mais ordenado posible establecendo, claramente, ata que punto poden chegar os vehículos sen supoñer un risco para peóns e ciclistas e para non interferir na vida diaria da veciñanza da zona”.

O Concello instala tres bancos para uso do alumnado no CPI Cova Terreña

0

O Concello de Baiona vén de rematar a instalación de tres bancos no CPI Cova Terreña dentro da liña de colaboración que o Goberno local mantén aberta con todos os colexios do municipio e que busca dar resposta “a todas a necesidades que nos formulen os centros educativos do municipio e dentro das posibilidades do propio Concello”, sinala o alcalde de Baiona, Carlos Gómez.

Os tres bancos, quedaron instalados no patio do Cova Terreña para uso do alumnado durante o tempo de recreo. Trátase “de tres elementos de polipropileno de alta calidade que, polas súas características, non precisa de mantemento”, explica o concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.

O seu acabado antigrafitti, tornillería de aceiro inoxidable e gran robustez, fainos idóneos para o espazo de espallamento dos nenos e nenas do CPI Cova Terreña.

Os monitores da Piscina e Pavillón Óscar Pereiro reciben formación sobre protocolos da COVID-19 de cara á reapertura de instalacións

0

Onte impartiuse no salón de actos da Axencia de Colocación do Concello de Mos, unha formación específica en prevención da COVID-19 para os monitores deportivos municipais do Pavillón Óscar Pereiro e Piscina Municipal de cara á súa reapertura.

Durante o curso, impartido pola empresa de prevención Cualtis e coordinado polo departamento municipal de Persoal, Recursos Humanos e Pevención de Riscos Laborais, os monitores deportivos do Concello de Mos foron instruídos sobre o protocolo de seguridade e sanitario de prevención da COVID-19 a seguir por eles mesmos e o deseñado para os/as usuarios/as das instalacións deportivas do Pavillón Óscar Pereiro, que os monitores deberán garantir que sexa cumprido por parte da cidadanía e dar as indicacións oportunas para que se faga correctamente.

As directrices preventivas a seguir estarán sempre baseadas no rigoroso cumprimento dos protocolos de seguridade sanitarios e no asesoramento técnico especializado para poder adaptarse correctamente ás circunstancias da nova realidade derivada da COVID-19.

Sobre o Pavillón Óscar Pereiro e a Piscina Municipal nel ubicada, desde o Concello irase informando próximamente á veciñanza mosense de todas e cada unha das medidas e decisións adoitadas, data de reapertura, horarios, condicións de uso, etc.

Neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, insiste en que, “se ben, primarase sempre a seguridade e a saúde da cidadanía, cumprindo escrupulosamente os protocolos sanitarios, e as medidas, recomendacións e normas establecidas neste senso; e priorizaranse a prudencia e a cautela por riba de todo”.

A rexedora local mosense lembrou tamén que a partires do día 1 de setembro celebraranse reunións con cada colectivo: culturais, deportivos, ANPA, etc. para planificar a posible reanudación da actividade a partir do próximo mes.

Rexístranse en Galicia un total de 2.939 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.939 deles 1.304 son da área da Coruña, 482 da de Lugo, 266 da de Ourense, 179 da de Pontevedra, 185 da área de Vigo, 404 da de Santiago, e 119 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 95 en unidades de hospitalización e 2.832 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.183 persoas curadas, rexistrándose 635 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 317.307.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte rexistrouse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores de Orpea (Culleredo – A Coruña).

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 19 de agosto, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Ponteareas asegurará 5 metros de visibilidade nos pasos de peóns e vixiará que se respecten

Desde hai décadas un gran número de pasos de peóns da vila de Ponteareas non cumpre coas condicións de visibilidade esixíbeis ao contar con atrancos visuais ao seu carón como vehículos estacionados ou colectores de lixo que non permiten observar con antelación dabondo ás persoas que se dispoñen a cruzar a calzada.

A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera proponse rematar con esta situación para dotar de maior seguridade aos pasos de cebra, asegurando unha franxa mínima de 5 metros libres de atrancos visuais nas rúas con velocidade máxima inferior a 30 km/h. Nas que superan este límite a franxa amplíase até os 10 metros que establece a normativa estatal, como acontece na Avenida de Castelao, onde todos os pasos de peóns contan con cebreado de seguridade desde que se renovou a súa sinalización horizontal o pasado ano.

Nas actuacións realizadas recentemente no entorno do Mercado e Biblioteca Municipal habilitáronse cebreados de 5 metros tanto nos pasos de peóns existentes como nos de nova creación. Neses cebreados, situados antes dos pasos de cebra no sentido de circulación, non está permitido o estacionamento asegurando así a visibilidade das persoas que fan uso do paso de peóns. Nos traballos executados incluíronse catro pasos de peóns novos, algúns para o acceso a equipamentos públicos tan importantes como a Biblioteca ou o Conservatorio, onde non existían. No mes de setembro actuarase noutras seis rúas, entre elas Carballos, Castañal ou Paseo Matutino e todos os pasos de peóns existentes e novos contarán tamén con esa protección.

A concellaría explica que eses cebreados deben respectarse en todo momento e estacionar neles, por pouco tempo que sexa, é unha infracción grave e ademais un comportamento irresponsábel porque pon en risco a integridade e a vida das persoas.

A intención da concellaría de Mobilidade e Tráfico é que antes de xuño do vindeiro ano todos os pasos de peóns da localidade conten con esa protección. Ademais, aproveitando a próxima renovación de todo o alumeado público da vila, que acometerá a concellaría de Vías e Obras que dirixe a edil socialista Chus Garrote, mellorarase a iluminación dos pasos de peóns para reforzar máis a súa seguridade. A isto engadirase a creación de pasos de peóns sobreelevados nas rúas que se reformen e humanicen como forma de asegurar o calmado do tráfico e que se respecten os límites de velocidade.

[su_image_carousel source=”media: 19734,19733,19732″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A posta en valor da senda botánica e mellora do parque infantil de Circos, dous atractivos para potenciar o turismo sostible no Monte Aloia

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, salientou onte que a posta en valor da senda botánica e a mellora do parque infantil en Circos son dúas actuacións que potenciarán o turismo sostible e os valores naturais do Monte Aloia. A conselleira de Medio Ambiente visitou onte estas zonas do primeiro parque natural declarado na Comunidade, nas que se levarán a cabo dúas actuacións para a mellora e posta en valor e que veñen de ser adxudicadas por un importe de 30.000 euros.

As tarefas consistirán na colocación de novos carteis informativos e á plantación de diferentes especies de árbores que incrementarán o atractivo para o visitante, ao tempo que se amplía o percorrido e se mellora o firme. Na zona infantil, crearanse novos espazos de lecer, como randeeiras, balancíns, torres e xogos educativos e a instalación de novos elementos para conformar un circuíto biosaudable.

Vázquez Mejuto indicou que estas dúas actuacións, cun prazo de execución medio de case tres meses, complementarán os traballos de conservación que xa se están a levar a cabo no parque por unha cuadrilla de 5 persoas e que consisten na restauración e adecuación de hábitats deste parque natural.

Asemade, recordou que a comezos deste mesmo mes, a Consellería de Medio Ambiente, adxudicou un contrato para o deseño e execución das campañas de divulgación, promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental neste parque natural.

Esta actuación, cofinanciada nun 80% a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020, ten por obxectivo dispoñer dun servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas que contribúan á concienciación ambiental da sociedade e a un mellor coñecemento dos espazos incluídos na Rede de Parques Naturais de Galicia, neste caso concreto na Casa Forestal Enxeñeiro Areses.

Axudas á sostibilidade da rede de espazos protexidos

A conselleira de Medio Ambiente recordou o esforzo que realiza o Goberno galego para conservar e protexer, non só os parques naturais -como o Monte Aloia-, senón tamén os restantes espazos protexidos.

Nese sentido, recordou que ao longo do ano se promoveron diferentes liñas de axudas, por un importe de 8 millóns de euros, para a conservación e o desenvolvemento sostible da rede de espazos protexidos con axudas e actuacións nos parques naturais, no Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia (pendentes de convocar), e nos ámbitos da Rede Natura 2000 e das Reservas da Biosfera; así como as axudas en materia de biodiversidade. Unhas axudas que nas vindeiras semanas se resolverán e que beneficiarán a case o 75 dos concellos galegos (231).

Monte Aloia, primeiro parque natural de Galicia

Declarado en 1978, o Monte Aloia, con apenas 746 hectáreas, foi o primeiro parque natural de Galicia. Situado no límite sur da Serra do Galiñeiro, un dos seus grandes atractivos son as vistas panorámicas dos vales do Miño e do Louro.

As súas particulares características fan que o seu Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) –aprobado a comezos deste ano- se fixe o reto de ampliar a proxección deste espazo natural cara á sociedade. Así, aspira a convertelo nun exemplo de xestión da auga e dos hábitats asociados, xa que no Aloia nacen cinco correntes fluviais e tamén é unha zona de recarga de acuíferos.

Na mesma liña, resalta o potencial deste parque para postularse como un espazo no que se desenvolven modelos de explotación silvícola do monte comunal que, ademais de rendibles e sostibles, tamén poden ser compatibles coa conservación da biodiversidade. Ademais, planifícanse medidas orientadas a restaurar os hábitats naturais do monte, contribuíndo a diminuír o risco de incendios e incrementar a resiliencia do conxunto fronte ao lume.

O Concello da Guarda continúa a traballar no seu Programa de compostaxe doméstico

0

No ano 2014 o Concello da Guarda puxo en marcha un programa de compostaxe doméstica co obxectivo de fomentar a reciclaxe da materia orgánica para facer unha xestión de residuos máis sostible e aproveitar este recurso para obter compost, materia orgánica estabilizada que serve como abono para os cultivos.

Para asegurar a correcta implantación e desenvolvemento deste programa, a mestra composteira do Concello da Guarda iniciará o próximo mes de setembro as visitas de seguimento a estes composteiros para asegurar o seu correcto manexo e a resolver as posibles dúbidas que lle xurdan aos usuarios.

Entre 2014 e 2018 o Concello da Guarda repartíu un total de 211 composteiros domésticos e en setembro deste ano se procederá a facer un seguimento de preto de 155 instalacións de composteiros domésticos en todo o termo municipal.

Todas as persoas que teñan composteiros nas súas vivendas poden concertar citas coa Mestra Composteira contactando no enderezo electrónico [email protected].

Reapertura das Pistas Municipais de Tenis de Areas

0

Hoxe xoves, 27 de agosto, ás 12.00 horas, realizarase o acto de reapertura das Pistas Municipais de Tenis de Areas, tras as obras de remodelación levadas a cabo na instalación.

No mesmo estarán presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, xunto a outros membros da corporación municipal, así como o presidente do Club Tenis Tui, Pablo García e outros membros do club.

Nova acción de limpeza do río Tea, mañá venres, en kaiak

Dentro da programación de voluntariado ambiental xuvenil da concellaría de Mocidade e Voluntariado que dirixe Miguel Bouzó realizarase unha nova xornada de limpeza do río Tea este venres día 28.

Enmarcada na iniciativa “Venres polo Planeta”, ás 17:00 horas os e as participantes subiránse aos kaiaks para limpar o lixo que remata na augas do Tea. Todos aqueles e aquelas que desexen participar deberán inscribirse en [email protected] ou no número de teléfono 687 764 516.

Concienciar á mocidade da importancia de conservar o noso medio natural, por en valor o patrimonio medioambiental e traballar en equipo para acadar unha vila máis sostíbel son os obxectivos das actividades do voluntariado ambiental xuvenil.

Nigrán abre o prazo de inscrición para participar nun roteiro do Camiño de Santiago pola costa o domingo 30 de agosto

0

O Concello de Nigrán pecha os roteiros da súa programación de verán ‘Equilibrio Natural’ con un polo Camiño Portugués pola costa este domingo 30 con saída ás 10:00 desde a Alameda de San Campio. Os interesados deben inscribirse previamente no mail [email protected] indicando os seus datos. As prazas están limitadas por indicacións sanitarias e se cubrirán por rigorosa orde de solicitude. Igualmente, o Concello facilitará intérprete de lingua de signos en caso de que algunha das persoas que se inscriba indique esta necesidade no correo electrónico.

‘Pangea’, o concerto de Abraham Cupeiro e a Banda de Goián na Praza do Seixo

0

Nova cita musical en Tomiño. Este venres 28 ás 21.30 horas a Praza do Seixo acollerá ‘Pangea’, un evento musical creado por Abraham Cupeiro que nesta ocasión contará coa colaboración da Agrupación Musical de Goián para participar nun proxecto no que o planeta é o gran protagonista, un planeta que se debe coidar e ter moi presente na actualidade que se está a vivir. A entrada será de balde pero para poder acudir ao concerto é preciso facer reserva previa a través do teléfono 986 622 001 ou do correo electrónico [email protected].

Abraham Cupeiro ideou ‘Pangea’ tendo como inspiración o gran supercontinente polo que o planeta estaba formado fai 300 millóns de anos. Para a bioloxía e a xeoloxía esta teoría xustifica o parentesco e a presenza de especies e formatos xeolóxicos en continentes distintos. ‘Pangea’, que en grego significa ‘toda a terra’, quere unir de forma metafórica a terra a través da música, poñendo a unión como unha necesidade vital para frear a destrución do planeta.

Esta nova unión non sería posible sen un terceiro elemento: o aire. Sen el o son dos instrumentos non podería navegar polo espazo para chegar aos oídos do público que acuda á Praza do Seixo a desfrutar deste concerto. A estes instrumentos sumaránselle tamén outros máis humildes que evocarán culturas e paisaxes aos que se quere transportar a todas as persoas presentes.

Vendidas todas as localidades para asistir ao Festival “Sons da Canteira”

A empresa promotora do I Festival “Sons da Canteira” que patrocina e organiza o Concello do Porriño, informa que xa están esgotadas todas as localidades. En total, 500 cadeiras pois é un aforo restrinxido polos protocolos anti-Covid-19.
O prezo da localidade inclue o traslado. Os autobuses sairán dende a Avenida de Galicia.

Sons da Canteira terá lugar o vindeiro sábado 29 de agosto. Tratase dun evento artístico que recolle unha mostra varíada da música contemporánea galega nun entorno natural, unha canteira en restauración en Vilafria (Atios) que semella un anfiteatro de pedra. “Un escenario espectacular que funde a modernidade da proposta musical co protagonismo na historia recente da industria galega que significan as canteiras do Porriño”, segundo definiu a alcaldesa, Eva García na recente presentación celebrada no Concello.

Neste primeiro “Sons da Canteira” haberá catro actuacións. Abrirá o artista multimedia Juanma LoDo. Polo escenario seguirán o grupo “Baiuca”, Mercedes Peón e o dúo Laura Lamontagne e PicoAmperio. Tamén colaborarán no festival catro compoñentes da Asociación “Os Penediños” de Atios.

No que atinxe ao cartaz do Festival, Adrián Fragueiro, de “Doppler Gestión Cultural”, promotor de “Sons da Canteira”, sinalou que “constitue unha radiografía de parte do panorama musical galego con xente moi nova que se vai comer o mundo coma Laura Lamontagne e PicoAmperio; artistas que xa amosaron que o folk galego e a electrónica casan como poucas cousas como é Baiuca e, finalmente, a experiencia e recoñecidísima traxectoria dunha auténtica eminencia da música dende principios deste século coma é Mercedes Peón”.

Fragueiro tamén valorou a participación de Juanma Lodo, “nado a poucos metros da canteira, que nos sorprenderá cun espectáculo especialmente preparado para a ocasión, e que ademais, como membro do equipo de producción, será o responsable das proxeccións e videomapping ao longo das sete horas do festival”, engadiu.

Detectado un positivo pola Covid-19 en A Cañiza

0

Un total de 49 persoas –sete brigadas, seis condutores de motobomba e dous axentes ambientais– están confinadas tras a súa identificación como contactos estreitos dun traballador do servizo de defensa contra incendios forestais do distrito XVII (O Condado-Paradanta), que traballa na zona da Cañiza (Pontevedra), e que deu positivo pola COVID-19.

Fontes da Consellería de Medio Rural confirmaron a Europa Press que a medida de illar a estes 49 traballadores –todo o persoal que tivo “contacto estreito” co contaxiado– adóptase “de forma preventiva” e de acordo cos protocolos sanitarios establecidos.

Todos os traballadores están a ser sometidos ás probas para detectar se sufriron un posible contaxio e, das realizadas, 27 deron un resultado negativo.

O departamento que dirixe José González explicou que leste mesmo mércores procederase, por parte dunha empresa especializada, á desinfección bactericida e virucida do punto de encontro da Cañiza onde se localizou o positivo.

Está previsto que este punto quede de novo operativo a partir do xoves e o seu persoal se vaia incorporando paulatinamente, “cumprindo os protocolos médicos”. Segundo indica Medio Rural, a desinfección de hoxe mércores realízase a maiores das que, de acordo cos protocolos, realízanse cada día tras o uso das instalacións.

Área cuberta

Dito isto, Medio Rural defende que a área correspondente está “plenamente cuberta” co persoal e medios deste distrito e doutros próximos.

Tamén lembrou que todos os profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais foron sometidos hai uns días a probas PCR, con resultado negativo de todos eles; e esgrimiu que ten uns protocolos “rigorosos” para evitar contagios.

Reducción de contacto

En relación a este caso, CSIF difundiu un comunicado no que alertan de que, pese ao tempo chuvioso da pasada semana e de forma “innecesaria”, Medio Rural mantivo ao persoal do servizo contra incendios “nos vehículos e nas bases, incrementando o risco de contacto e favorecendo a posibilidade de transmisión” da COVID-19.

Neste contexto, ademais de lembrar que xa advertiu á Consellería do “risco de volver ao traballo presencial sen protocolos suficientes”, CSIF demanda reducir os contactos entre o persoal nos puntos de encontro e nos vehículos, e establecer de novo a dispoñibilidade telefónica.

Medio Rural non pode pechar os ollos ante esta situación. Non tomar medidas para reducir os contactos entre o persoal, diminuíndo a posibilidade de contagios, pon en risco a saúde do persoal e a operatividade do servizo de prevención de incendios”, advirte.

Asinado o contrato para a construcción da senda peonil que unirá o núcleo urbano de Salvaterra co barrio das Zacoteiras – Oleiros

O Concello de Salvaterra de Miño ven de asinar coa empresa COVSA  o contrato de mellora da seguridade víal entre Salvaterra e Oleiros a través da construción de senda nas estradas Po-400, PQ 1+110 – 2+380 e PO-402, PQ 0+000 – 0+140, que une o núcleo urbano de Salvaterra co núcleo poboacional das Zacoteiras en Oleiros, por un importe de 435.650,08€

Esta obra xunto o asfaltado da PO410 suma unha inversión nesta estrada de máis de 680.000€ financiados mediante unha subvención concedida pola Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, distribuída entre o ano 2019 e 2020.

As obras executaranse ao longo de 1.460m e consistiran na pavimentación da senda, previa realización dos movementos de terras, execución de muros de contención, execución de rede de drenaxe de augas pluviais, preinstalación de alumeado público, disposición de sinalización vertical e repintado de marcas viais afectadas polas obras.

A Deputación abre o prazo para solicitar subvenciós para a rehabilitación do Patrimonio Histórico Cultural

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar no día de hoxe as ‘Bases de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos concellos da provincia de pontevedra para o ano 2020’. Segundo destaca a deputada responsable da área de Patrimonio, María Ortega, o orzamento ascende a repartir ascende aos 400.000 euros, xa que “a promoción, a información e a accesibilidade aos bens culturais das localidades son básicas en calquera política cultural e turística, e tan fundamental é dar a coñecer a nosa provincia como que as persoas que a visiten poidan acceder facilmente aos bens patrimoniais”.

Poderán acceder a estas axudas todos os concellos da provincia de Pontevedra cun máximo de 50.000 habitantes. O obxecto das subvencións serán a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico; a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

Repartirase un importe fixo de douscentos mil (200.000,00) euros de forma lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a estas axudas. A cantidade restante, douscentos mil (200.000,00) euros, repartirase entre os concellos. Aos 37 concellos do grupo 1, de ata 10.000 habitantes, aplicaráselles unha porcentaxe do 20 %, polo que lles corresponderán corenta mil (40.000,00) euros. Aos 15 concellos do grupo 2, de 10.001 a 20.000 habitantes, aplicaráselles unha porcentaxe do 40 %, polo que lles corresponderán oitenta mil (80.000,00) euros. Por último, aos 7 concellos do grupo 3, de entre 20.001 e 50.000 habitantes, corresponderanlles oitenta mil (80.000,00) euros, o 40 % restante.

Estas cantidades repartiranse entre os que forman o grupo en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie. Segundo explica a deputada María Ortega, este programa réxese polos principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal, articulados desde o respecto á autonomía municipal por medio de criterios obxectivos e transparentes, o que permite levar a cabo investimentos e actuacións nos municipios que non resultarían asumibles para os concellos sen a cooperación económica da Deputación. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.

Nigrán e Vigo acollen esta semana a campaña de concienciación da Xunta para promover un turismo seguro

0

No marco do programa Galicia destino seguro, a Xunta de Galicia escolleu esta semana a comarca de Vigo para dar continuidade á  campaña itinerante de concienciación que durante todo o verán está promovendo un turismo seguro en distintos puntos de Galicia.  O espazo informativo móbil estará mañá mércores e o xoves na cidade de Vigo na rúa Concepción Arenal na zona anexa á delegación da Xunta de Galicia. O venres estará en Nigrán, concretamente en Praia América, na desembocadura do río Muíños.

Desde alí informarase aos viaxeiros e aos propios galegos dos recursos turísticos dispoñibles na nosa Comunidade e a potencialidade de Galicia como destino seguro. A unidade móbil que funciona a modo de oficina de turismo permanecerá aberta en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas e está atendida por profesionais da información turística e difunde o destino, poñendo en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.

Continúa así a iniciativa, que comezou en xullo Santiago de Compostela percorrendo varios dos principais municipios turísticos. Así, fixo parada xa en Ferrol, A Coruña, Ribeira, Betanzos, Rianxo, Lugo, Monforte, Sarria e Viveiro, Ourense, O Carballiño, Pontevedra e Poio. A semana pasada estivo no O Salnés, con Sanxenxo, O Grove, Cambados e Vilagarcía de Arousa como parte do seu percorrido.

A campaña itinerante enmárcase na batería de medidas postas en marcha pola Xunta para garantir seguridade e protección aos viaxeiros, traballadores e galegos no actual escenario. Enmárcase no Plan de Reactivación do sector turístico aprobado o pasado mes de abril que inclúe accións para promover Galicia como un destino seguro,  con accións que axuden a xerar liquidez no tecido empresarial e o incentivar o consumo.