Sábado, 22 Marzo de 2025

Soutomaior acolle un concerto de Óscar Ibáñez & Tribo e Mondariz unha exposición de cestería

O programa cultural da Deputación de Pontevedra inclúe tamén diversas mostras nos concellos de Mondariz, Vigo e Lalín

“Musigal”, o programa cultural da Deputación de Pontevedra, continúa espallando a música galega cun concerto que se desenvolverá este sábado 29 de agosto ás 22.30 horas na Alameda Talo Río, no concello de Soutomaior. Nel participará o grupo Óscar Ibáñez & Tribo, o expoñente do folk galego capitaneado polo gaiteiro natural de Poio, Óscar Ibáñez.

A Deputación de Pontevedra tamén ten programadas varias exposicións que poden visitarse estes días. “Tecendo a natureza” é unha mostra que pon en valor a tradición da cestería a través das obras do último mestre cesteiro galego nesa modalidade, Enrique Táboas.

A exposición pode visitarse ata o 30 de agosto na Praza de Abastos de Mondariz. Pola súa banda, a sede de Vigo da Deputación acolle a exhibición “8M. A palabra empoderada das mulleres”, unha obra colectiva de reivindicación feminista que poderá visitarse ata o 1 de setembro. Amais, no concello de Lalín o ente provincial expón ata o 6 de setembro a mostra “Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza”, que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no Pazo de Liñares ata o 6 de setembro.