9.6 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoAs obras realizadas nos CEIP de Atios e Antonio Palacios no Porriño,...

    As obras realizadas nos CEIP de Atios e Antonio Palacios no Porriño, son supervisadas por Educación

    Asemade, aproveitou a visita para comprobar cos equipos directivos de ambos centros a adaptación destes colexios ao protocolo fronte á COVID -19

    A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional representada polo seu xefe territorial, César Pérez Ares, supervisou onte as obras acometidas polo departamento autonómico nos CEIP de Atios e o Antonio Palacios, ambos na localidade pontevedresa de O Porriño, cunha inversión que supera os 50.000 euros.

    No primeiro caso, falou da adaptación da antiga casa do conserxe en dúas aulas que darán resposta ás necesidades previstas ante o desdobramento de unidades (grupos de clase). Unha actuación valorada en 48.390,07 euros.

    En canto ao CEIP Antonio Palacios, o representante do Executivo autonómico en materia de Educación na provincia referiuse as malas condicións nas que se encontraba o muro exterior que foi reparado por completo. Unha obra cuxo custe ascendeu a 12.000 euros. 

    Asemade, o xefe territorial  aproveitou a visita para comprobar in situ o plan organizativo que está levando a cabo o equipo directivo destes colexios de acordo co Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021, elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade. Así, autorizou a flexibilidade horaria proposta polos centros escolares, a desescalada de entradas e saídas e o uso de espazos comúns co obxectivo de cumprir coas indicacións das autoridades sanitarias. 

    Segundo dixo, ambos contan cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos,  os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.

    CEIP Atios

    Con todo, Pérez Ares lembrou que o propio Protocolo xa especifica que todas as medidas nel recollidas poden ser obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais. Polo tanto estas medidas iranse actualizando cando sexa necesario, se os cambios na situación epidemiolóxica así o requiren e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

    A finalidade, tal e como destacou, non é outra que garantir un inicio de curso seguro a nivel sanitario e dentro da máxima normalidade posible no marco actual. E neste contexto, aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos pais e nais de cara o comezo das clases, pois sinalou que a implicación e organización dos equipos directivos dos centros “está a ser exemplar”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.