10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaTralas obras acometidas pola Deputación, o punto limpo da Guarda xa está...

    Tralas obras acometidas pola Deputación, o punto limpo da Guarda xa está preparado para a reciclaxe de residuos eléctricos e electrónicos

    A mellora inclúe tamén unha campaña informativa coa colocación dun “miniecopunto” na Praza de Abastos, no que a veciñanza poderá depositar móbiles, cargadores e pilas

    A deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, xunto ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitou as obras acometidas no punto limpo da vila, ao abeiro do proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación de Pontevedra. A actuación, cun orzamento total de 53.588,06 euros entre obras e subministracións, permitiu adaptar o punto limpo co obxectivo de acondicionalo de cara a recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos. “Este tipo de accións son as que dan paso cara unha transición ecolóxica e contribúen á mellora do medio ambiente. É unha necesidade que todas e todos colaboremos coa correcta xestión dos residuos”, subliñou Iria Lamas.

    “O noso planeta está en perigo e dende as administracións temos que poñer en marcha proxectos para loitar contra esta realidade”, continuou, “neste eido, dende a Deputación absolutamente toda a acción política xira ao redor da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, enxalzou a deputada provincial. Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, agradeceu á Deputación “a oportunidade que nos dá de ter unha mellora neste punto limpo, moi importante para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos”. O punto limpo da Guarda, situado no lugar A Sangriña, xa está totalmente renovado para que a veciñanza poida depositar alí os seus residuos eléctricos e electrónicos con total seguridade. A maiores a Deputación e o Concello puxeron en marcha unha campaña informativa, que inclúe a instalación dun miniecopunto formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tablets, e cargadores e cables, que quedou montado na Praza de Abastos.

    En concreto, na Guarda foi necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estantes, equipos  informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas recentemente pola Deputación. Ademais, no que respecta ás obras, construíuse no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalouse iluminación no almacén e proveeuse de sistema de protección contra incendios e de paneis indicativos.

    O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

    Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.