14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta abre a convocatoria dunha nova liña de subvencións para o...

    A Xunta abre a convocatoria dunha nova liña de subvencións para o sector escénico cunha dotación de 500.000 euros

    Este novo apoio céntrase especificamente nas salas e nas compañías escénicas para o fomento de residencias artísticas e cunha especial atención á danza

    A Xunta puxo en marcha onte, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, unha nova liña de subvencións para o impulso ao sector escénico, a través da que se investirán 500.000 euros nas compañías e nas salas de exhibición para o fomento de residencias artísticas. Trátase dunha das medidas específicas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico co obxectivo de achegarlles un apoio extra ás empresas escénicas á hora para enfrontar os efectos da crise sanitaria.

    Con esta convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, elévase a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario no ámbito das artes escénicas canalizado ata o momento a través das novas iniciativas recollidas no devandito plan, entre as que tamén se atopan o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 ou o programa Cultura no Camiño +. Ao tempo e co mesmo fin de contribuír á recuperación da actividade neste ámbito, estanse a flexibilizar e adaptar as habituais convocatorias de subvencións á creación escénica, festivais, salas e distribución, así como as programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios e do Centro Dramático Galego, entre outras.

    Tres modalidades para salas e compañías

    Neste caso, o orzamento de 500.000 euros distribuirase entre tres modalidades de proxectos de residencias artísticas a desenvolver entre os anos 2020 e o 2021: 300.000 euros para a reactivación de espectáculos de teatro, novo circo e maxia, 100.000 euros para propostas presentadas por salas escénicas de titularidade privada e outros 100.000 euros para compañías de danza, ás que se lles dedica unha atención específica seguindo a liña doutras convocatorias de axudas e programas promovidos pola Consellería de Cultura e Turismo a través das Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

    Nas tres categorías subvencionarase ata o 80% do orzamento das propostas, establecéndose unha contía máxima de 40.000 euros por beneficiaria para as que presenten as salas escénicas e de 15.000 euros para as compañías. O prazo de solicitude esténdese ata o vindeiro 28 de setembro a través da sede electrónica da Xunta.

    Concertos musicais e funcións escénicas

    O DOG de onte publicou, así mesmo, outra convocatoria de subvencións ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural mediante a que se achegan 160.000 euros á realización de concertos fóra de Galicia e de funcións escénicas tanto dentro como fóra da nosa Comunidade desde primeiros de ano e ata o vindeiro 31 de outubro.

    Cofinanciaranse así os gastos nos que incorren as empresas culturais con motivo do desenvolvemento de actuacións e xiras no exterior. Ao mesmo tempo, compleméntase a convocatoria anual de axudas á distribución para as industrias culturais, que en 2020 modificou as súas bases para contribuír a axilizar o financiamento de actividades executadas con anterioridade ao estado de alarma, concretamente as que tiveron lugar entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020. A través dela, deuse resposta a todas as solicitudes recibidas, apoiando 67 iniciativas de proxección interior e exterior das artes escénicas e da música de Galicia.

    O prazo de solicitude destas novas axudas para a realización de funcións esténdese tamén ata o 28 de setembro. A súa concesión segue un procedemento abreviado por concorrencia non competitiva, atendendo todas aquelas propostas que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata esgotar o orzamento dispoñible.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.