9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiA posta en valor dos petróglifos de Randufe permitiu descubrir novos gravados

    A posta en valor dos petróglifos de Randufe permitiu descubrir novos gravados

    Catorce rochas conta con elementos datados dende o Neolítico á época moderna

    Un total de catorce rochas con petróglifos realizados dende o Neolítico á época moderna conforman o conxunto situado no Alto do Coello, Fontiñas e Rozacús, en Randufe. Nun proxecto do Concello de Tui, financiado pola Deputación de Pontevedra, e coa colaboración da Comunidade de Montes de Randufe, a empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración levou a cabo a súa limpeza a posta en valor.

    Onte á tarde tivo lugar unha visita inauguración desta actuación levada a cabo e que permitiu descubrir novos petróglifos.

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, xunto a outros membros da corporación, o presidente da Comunidade de Montes de Randufe, Ramón Martínez, e persoas interesadas en xeral asistiron onte á esta visita.

    A actuación consistiu na limpeza, tala e roza da zona e na eliminación da vexetación superficial nas rochas. Isto permitiu descubrir novos gravados, xa que antes da intervención só se coñecían os existentes en cinco rochas, e na actualidade o número elevouse até 14 pedras que contan con petróglifos. Foron colocados tres paneis indicativos realizados en aceiro corten coa información sobre o conxunto e, realizado con corte por laser, a representación dos cabalos que aparecen nun dos petróglifos de Fontiñas.  A carón de cada pedra colocouse un calco dos petróglifos existentes realizado con fotogrametría, o que permite ao visitante a súa mellor localización. O mellor momento para observalos é ao amencer ou ao atardecer, xa que neses momentos a luz existente fai destacar os sucos do gravado. Tamén se aconsella a visita de noite con lanternas.

    Así neste conxunto podemos atopar muíños sedentes do Neolítico que poderían estar relacionados coa evidencia dun poboado prehistórico no Alto do Coello. Aparecen noutras rochas animais coma cabalos asociados á Idade de Bronce. Da mesma época poderían ser outros dos motivos representados coma círculos ou coviñas. Amais na práctica totalidade das rochas , posiblemente froito dun proceso de cristianización da zona, hai gravadas cruces, e mesmo nunha das rochas aparece un cáliz, que poderían corresponder á época medieval-moderna.   A actuación realizada tamén permitiu recuperar a toponimia local coma é o caso do nome de Fontiñas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.