Domingo, 13 Xullo de 2025

Digna Rivas afirma que o Goberno local no caso da PassVigo, “non ten máis prioridade que a defensa dos intereses da veciñanza de Redondela”

0

O Goberno de Redondela adiantou hoxe a súa intención de recorrer a vía xudicial para defender os intereses dos veciños e veciñas logo do fallo xudicial que, de executarse, os privaría de poder utilizar a PassVigo e gozar das vantaxes do transporte urbano que proporciona a tarxeta.

A alcaldesa Digna Rivas adiantou que o Concello recorrerá a sentencia e presentará un Recurso de Casación ante o Tribunal Supremo. “Só aqueles que no seu momento preferiron antepoñer os intereses do seu partido aos do conxunto da cidadanía, –afirmou a alcaldesa– poderían ter dúbidas de que para este Goberno non hai máis prioridade que os veciños e veciñas de Redondela e que, polo tanto, utilizaremos todos os medios para defender os seus intereses”.

Cómpre salientar que a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que o Concello de Redondela recorrerá, só é executable se media solicitude para elo do Concello de Vigo e, en todo caso, a Lei prevé “que o Tribunal poida denegala no caso que considerase que a súa inmediata execución poida causa prexuízos de difícil reparación nesta situación transitoria”.

O Goberno local, por outra banda, considera paradoxal que “o PP queira agora erixirse como defensor das veciñas e veciños cando foron eles os que provocaron a situación que estamos a vivir”.

Lembra Digna Rivas que o exalcalde de Redondela, Javier Bas, lexitimizado polo Pleno da Corporación para defender os intereses do concello no Pleno da Área Metropolitana, preferiu na sesión constitutiva do 1 decembro de 2016 “seguir os ditados de Feijóo e Rueda e abandonar o pleno incumprindo, polo tanto, o mandato que a cidadanía lle outorgara para que defendera os seus intereses e deixando a Redondela fora a Área Metropolitana de Vigo”.

Non deixa de ser curioso, polo tanto –engade Rivas– “que aqueles que antepuxeron os intereses do seu partido aos dos seus veciños e veciñas, veñan agora a dar leccións e a esixir solucións para un problema do que son os únicos culpables”.

A alcaldesa reitera que “ao contrario que eles, nós tan só nos debemos aos nosos veciños e veciñas e, polo tanto, a solución dos seus problemas é a nosa única prioridade”. Nese sentido, Digna Rivas, insistiu en que o seu Goberno “utilizará todos os medios e vías legais ao seu alcance na defensa dos dereitos da veciñanza”.

‘Violencia Zero’ leva á Guarda a poesía e a música de ‘Lúa Mosquetera’ na procura de actitude e cambio ante a violencia machista

0

A poesía feminista de Lúa Mosquetera sonou esta tarde con toda a súa forza no concello da Guarda como unha chamada á reflexión e ao cambio fronte a violencias machistas na nova acción do programa da Deputación de Pontevedra ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’. A proposta da artista tivo como escenario o campo de fútbol da Sangriña, coa asistencia de alumnas e alumnos e profesorado do IES do mesmo nome, amais da deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, e o alcalde da localidade, Antonio Lomba.

A través da base musical do reguetón, un xénero tipicamente machista, Mosquetera puxo o foco nos micromachismos que sofren a diario as mulleres e na necesidade dun cambio na busca da igualdade. A poeta recitou dous dos seus poemas, ‘Por si nunca vuelvo a casa‘ e ‘Reguetón’, este último baseado nas testemuñas reais de dez mulleres e que tivo unha grande repercusión trala súa estrea este verán en redes sociais. “Mandeilles un cuestionario a estas mulleres e as súas respostas foron unha revelación para min –explicou–. Dinme conta da cantidade de micromachismos que as mulleres sufrimos de xeito bestial a través de actitudes cotiás e, de xeito, moitas das respostas destas mulleres se repetían”. A artista concluíu cunha reflexión: “Mentres se dedican a sinalar os nosos supostos erros no feminismo, seguimos convivindo a diario con múltiples micromachismos que revelan unha violencia machista en potencia –sinalou-. ‘Reguetón’ quere arroxar luz sobre eles e chamar así ao cambio”.

[su_image_carousel source=”media: 23883,23880,23882,23884″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Pola súa banda, a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, incidiu na importancia da acción colectiva para poñer freo á violencia de xénero, que neste 2020 xa se cobrou 37 vítimas mortais. “Diso trata este programa, Violencia Zero, de que precisamos –destacou– levar a cabo unha acción conxunta que nos comprometa a todas e a todos neste obxectivo da loita pola igualdade e contra todo tipo de violencia machista, incluída a que pasa máis desapercibida, como son eses micromachismos cotiás, aos que temos que responder”.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, tamén fixo fincapé na situación das mulleres que están a sufrir situacións de violencia, ao tempo que amosou a súa esperanza de que “nun tempo futuro no que non fagan falta este tipo de actos porque teñamos avanzado como sociedade ata recoñecer que homes e mulleres, sendo distintos, temos os mesmos dereitos como cidadáns”.

A de esta tarde en A Guarda foi a vixésimo primeira acción desta quinta edición do programa Violencia Zero da Deputación, despois do seu paso por Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Marín, Gondomar, O Grove, Cambados, O Rosal, Mondariz, Pontecesures, Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade e Tui. O proxecto, que ten por obxecto visibilizar á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade, inclúe accións de performance, poesía, música, graffiti, acción escénica ou danza contemporánea.

O Pleno de Mos aproba por unanimidade a maioría dos puntos da Orde do Día

0

Esta mañá celebrouse no Pazo de Mos o Pleno Ordinario do mes de outubro no que a maioría dos puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade dos membros da Corporación Municipal. De 9 asuntos tratados, 7 aprobáronse por unanimidade e 2 por maioría.

Os puntos aprobados por unanimidade foron o borrador da acta da sesión anterior (28 de setembro de 2020), o Expediente de Nomeamento do Xuíz de Paz substituto, o Expediente de Expropiación forzosa de 1 propietario para poder acometer a obra de humanización en Cela, o Expediente de Adopción do Réxime de Fiscalización Limitada Previa, o Expediente de Bonificación ou Exención do IBI (Imposto de Bens Inmobles) ás Asociacións Culturais do municipio, a Moción do BNG sobre prolongación ao ano 2021 do Día das Letras Galegas dedicado a Carvalho Calero e a Declaración Institucional conxunta de todos os grupos da Corporación de apoio ao comité de empresa e a todos/as os/as traballadores de Maderas Iglesias.

No caso da bonificación do IBI do ano 2020 ás asociacións culturais mosenses acordouse que quedan exentas do pago do 95 % do importe do imposto un total de 5 agrupacións que son a Asociación Veciñal Cultural Ledicia, a Asociación de Veciños Santa Baia de Mos, a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, o Centro Cultural e Social de Herville e a Asociación Cultural e Deportiva Celado. Deste xeito entre as 5 asociacións o Concello de Mos bonifica impostos de IBI anuais por preto de 3.000 euros, 2.770,78 euros para ser exactos. Ao Pleno do mes que ven irá a exención do IBI para unha asociación mosense máis, a A.V.V. Chan do Bosque de Amieirolongo, que sería a sexta que recibe esta bonificación do 95 % deste imposto este ano.

Deste xeito “o Concello de Mos continúa a apostar pola cultura mosense e apoiar aos seus principais promotores, que son os centros, colectivos e asociacións culturais do municipio”, declaraba esta mañá no Pleno a alcadesa, Nidia Arévalo.

Respecto da Declaración Institucional de apoio aos traballadores/as de Maderas Iglesias, destacar que a empresa conta con persoal afectado dos concellos de Salvaterra, é o máis afectado con 34 veciños entre os traballadores de Maderas Iglesias, O Porriño ten 25; Ponteareas, 23; Mos, 20; Salceda de Caselas, 10 e Tomiño, 2. A rexedora local mosense manifestou o seu respaldo aos traballadores e informou de que entre as súas xestións neste senso mantén comunicacións periódicas e frecuentes co director do Instituto Galego de Apoio e Promoción Económica (IGAPE).

Abordando agora os dous puntos que foron aprobados por maioría, referenciamos a aprobación da Conta Xeral do exercizo 2019, cuxa aprobación produciuse cos votos a favor do equipo de goberno, a abstención do PSOE e da concelleira non adscrita Verónica Costas e os votos en contra de BNG e GañaMos.

A Conta Xeral do ano pasado aprobouse cun Remanente de Tesourería negativo de 555.000 euros e case sen facturas pendentes de pago, tal e como corroborou no Pleno a propia Interventora Municipal. Neste senso a alcaldesa declarou sentirse “moi satisfeita cos números que estamos a poñer enriba da mesa e a pesar de que o Concello de Mos aínda non ingresa para os gastos que ten, estamos a lograr reconducir a situación sen realizar unha ponencia de valores actualizando os impostos e taxas e co que os contribuíntes mosenses terían que pagar máis. Non quixemos facelo o ano pasado e moito menos este, no que a crise económica derivada da COVID-19 é acuciante”. E insistiu Arévalo no dato de ter logrado reducir o Remanente de Tesourería negativo en tan só un ano de -1.300.000 euros en 2018 a -500.000 euros en 2019; e o que é máis importante, dárlle a volta ao dato da Estabilidade Orzamentaria pasando de -200.000 euros en 2018 a +1,5 millóns de euros en 2019.

Ademais a rexedora local destacou do modelo de xestión económica do goberno local mosense “a previsión aprobando sempre o orzamento anual municipal antes do inicio do novo ano e cumprindo escrupulosamente unha folla de ruta que ven marcada polo programa electoral presentado cada 4 anos”.

Por último a Moción da concelleira non adscrita, Verónica Costas, sobre a Estrada Provincial Puxeiros–Mos aprobouse coa votación favorable dela mesma, do equipo de goberno e de GañaMos; e coa abstención de PSOE e BNG.

Esta moción que ven a instar a que a humanización da Estrada Puxeiros-Mos se acometa con urxencia e dunha vez por todas, dadas as condicións nas que se atopa o vial, aplaude e agradece tamén a iniciativa e apoio das agrupacións veciñais das parroquias afectadas de Tameiga, Dornelas, Torroso e Mos; o que destacou na súa intervención o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, quen tamén lembrou que o Concello xa lle presentou á Deputación o proxecto para esta obra e que “igual que na administración provincial hai fondos para outros concellos tamén esiximos que os haxa para Mos e máis neste caso, cando se trata dunha estrada cunha problemática tremenda e queremos que se actúe en toda a lonxitude do vial, e xa non nos vale a excusa dos gobernos anteriores porque os dirixentes actuais levan xa 6 anos no goberno”.

A realidade é que a data de hoxe só existe en Deputación un borrador, pero de momento nin existe proxecto nin dotación orzamentaria para o mesmo, por iso con esta moción o que se pretende é que se axilice un asunto de importancia capital para o Concello de Mos e para a súa veciñanza.

A Deputación abre unha liña de subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia

A Deputación vén de aprobar unha nova liña de subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia. Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega a intención é fomentar a recuperacións de bens de interese que integran o patrimonio relacionado co mar e os ríos na provincia, “que conta cunha grande riqueza e singularidade que é preciso preservar e difundir”, motivo polo que se aprobou unha partida de 150.000 euros que se repartirá en axudas dun importe máximo de 10.000 euros.

Entre as actuacións que poderán recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación. Así mesmo, tamén se inclúen todos aqueles accesorios e equipamento das embarcacións que sexan de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…). As embarcacións deberán sempre destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización.

Outras das actuacións subvencionadas serán as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.

Así mesmo, incluiranse nas axudas as intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais.

As axudas desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, teñen un orzamento de 150.000 euros e o importe máximo da subvención para cada actuación non poderá exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de dez mil (10.000,00) euros. No caso de que os proxectos financiados non esgoten a partida orzamentaria, poderá superarse o límite de dez mil euros por proxecto (sempre que non se supere o 80 % do orzamento), baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.

 As subvencións poderán solicitarse unha vez se publiquen oficialmente no BOPPO as bases da convocatoria, data a partir da que haberá un mes de prazo para a entrega da documentación. Poderán acceder á subvención mediante concorrencia competitiva as entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial de Galicia. Todas as actuacións subvencionadas deberán ter sido realizadas ao longo de 2020 e empregar solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lle sexan propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura, aceptándose o emprego dos bens recuperados para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.

A Xunta subliña a necesidade de seguir impulsando a dixitalización e a automatización dos procesos para afrontar os novos retos económicos

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no acto de apertura das I Xornadas dixitais sobre tecnoloxías e solucións para a automatización (Digital JAI’2020) organizadas pola Universidade de Vigo, a través da Escola de Enxeñería Industrial, coa colaboración da Xunta entre outras institucións, onde destacou a necesidade de seguir impulsando a dixitalización e a automatización dos procesos para afrontar os novos retos económicos e sociais provocados pola pandemia da covid-19.

O director do Igape sinalou tamén a importancia da colaboración entre empresas, centros de coñecemento e a Administración para atopar solucións ás exixencias actuais nos ámbitos da produción e comercialización industriais e lembrou a relevancia de foros como o que hoxe comezou, no que as compañías poden achegar á universidade as necesidades que teñen no que respecta á formación do seu persoal técnico e directivo no eido da tecnoloxías 4.0.

Tras sete edicións celebradas de forma presencial, as JAI convocan este ano a súa primeira cita totalmente dixital, aberta a participantes de España e Iberoamérica. Ademais de facilitar ás plantas industriais poder afrontar con bos resultados os retos da crecente globalización e competitividade, as xornadas dan a coñecer exemplos de éxito de tres dos sectores estratéxicos para a economía galega -alimentación, automoción e enerxía-, e inciden na importancia de concienciar aos cadros directivos da pertinencia de avanzar na dixitalización nas súas empresas.

Nese sentido, Guldrís lembrou que a Xunta segue a traballar para intensificar as transformacións tecnolóxicas entre o tecido produtivo galego, reforzando e reformulando os programas de impulso á dixitalización para dar resposta ás necesidades das empresas galegas, especialmente as pemes, no novo contexto económico. Así, o Plan de reactivación e dinamización de Galicia inclúe liñas de aopio para fomentar a implantación das novas tecnoloxías e a fábrica intelixente, o impulso do teletraballo e a internacionalización dixital.

Gondomar renova a súa colaboración coa Asociación Española de loita Contra o Cancro

0

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Nuria Lameiro, renovaron a cooperación que manteñen coa Asociación Española de Loita Contra o Cancro (AECC). O rexedor subscribiu xunto ao presidente da delegación da organización en Gondomar, Jose Luis Chamorro, o convenio de colaboración anual, dotado cun orzamento de 2.000 euros.

A firma enmárcase dentro da política do goberno local de facilitar as ferramentas e medios posibles ás entidades de carácter social ou comunitario que coa súa actividade redundan en beneficio dos veciños e veciñas de Gondomar, “ao que, sen dúbida o concello ten que contribuír, porque son estas asociacións as que teñen contacto directo coas necesidades de moitas persoas”, manifestou o alcalde Paco Ferreira.

A colaboración coa delegación local de AECC en Gondomar é unha realidade como demostran as cifras facilitadas polos seus profesionais que, xunto á rede de voluntariado, entre os meses de xaneiro e agosto de 2020 realizaron un total de 123 intervencións no concello de Gondomar, prestando algúns dos seus programas ou servizos gratuítos como a atención psicolóxica, social, programas de prevención, voluntariado ou “infocáncer”.

Cabe destacar a cooperación establecida entre o Concello de Gondomar e a asociación durante o período de estado de alerta sanitaria entre os meses de marzo e xuño prestando o seu apoio, en colaboración cos Servizos Sociais do municipio, a aquelas persoas que sentían soas, desantendidas ou desinformadas prestando unha atención a través de servizos telemáticos e dixitais. Un servizo que se prestou non só a enfermos de cancro, se non tamén a persoas afectas pola Covid-19 ou que perderon un familiar durante ela.

O Banco de Alimentos “SOS Porriño” reparte a domicilio a partir deste mes

O concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso, con voluntarios e persoal da Agrupación de Protección Civil, iniciou hoxe a distribución de caixas de alimentos entre as familias en emerxencia social do concello que reciben axuda a través de “SOS Porriño”.

Na actualidade 430 familias, practicamente 1.300 persoas, precisan da axuda mensual prestada polo Concello a través de “SOS Porriño”.

 A gran novidade é que a partir deste mes lévase a cabo na casa para evitar as aglomeracións que se produciron diante da sede do Banco de Alimentos. Deste xeito, poderanse cumplir as medidas necesarias de seguridade fronte á Covid-19 e non haberá que parar este servizo tan necesario para a poboación.

Ao longo de hoxe os 50 primeiros lotes repartiranse entre familias de Torneiros, Chenlo, Atios, Mosende, Budiño e na zona urbana de Porriño.

O Concello de Tomiño solicita a colaboración cidadá para reclamar unha mellor cobertura móbil

0

O Concello de Tomiño iniciou un proceso para reclamar fronte a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e fronte á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) os problemas que desde xa fai un tempo o municipio sofre en materia de cobertura móbil.

Na actualidade existen 24 zonas onde o servizo está sendo totalmente deficitario, chegando nalgunha delas a haber unha total ausencia de cobertura, o que supón grandes prexuízos tanto para a veciñanza como para as empresas instaladas, especialmente nun contexto de pandemia no que o teletraballo aumentou considerablemente. Estas zonas supoñen un total de 6.719 veciños empadroados, case a metade da poboación do concello, algo que afecta tamén a todo aquel que transite ou se desprace a estas áreas.

Ante esta situación, o Concello de Tomiño decidiu elevar unha queixa aos organismos pertinentes, para o cal solicitou a colaboración de toda a veciñanza co fin de redactar unha denuncia o máis detallada posible. Para isto habilitouse un formulario de recollida de datos a través do cal as persoas que estean experimentando problemas relacionados coa cobertura móbil poderán explicar o seu caso, especificando o operador telefónico da persoa que fixo a chamada e da que a recibiu, o lugar no que se produciu o corte ou o día e a hora no que aconteceu. Pódese acceder ao formulario a través da ligazón https://tomino.gal/cortouse/.

Os problemas relacionados coas fallas no servizo de cobertura móbil veñen xa de lonxe, pero víronse agravados desde o inicio da pandemia, onde o uso de internet se fixo máis necesario. O pasado mes de setembro o Concello xa se dirixiu á subdelegada do Goberno en Pontevedra, Mª Carmen Larriba García, e ao xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial Santomé, explicándolles a situación pola que o municipio atravesa, con fin de lograr unha solución a un problema que cada vez é peor.

Tui establece medidas e recomendación no cemiterio municipal ante a celebración de Todos os Santos

0

Co obxectivo de garantir a seguridade das persoas e previr e conter a covid 19 ante situación de pandemia que estamos vivir o Concello de Tui establece unha serie de limitacións e recomendacións ante a celebración da festividade de Todos os Santos. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, emitiu esta mañá un bando onde explica que ante a celebración da festividade de Todos os Santos, na que produce unha asistencia masiva de persoas ao Cemiterio Municipal, se establecen diversas medidas e recomendacións.  

Así suspéndese o oficio relixioso que tiña lugar o 1 de novembro no cemiterio municipal.  Amais recoméndase a asistencia ao cemiterio municipal de forma escalonada entre o 28 de outubro e o 2 de novembro, e o propio día 1 ao longo da xornada. A duración da visita será o máis breve posible e en ningún caso superará os 30 minutos.

Estableceranse sistemas de control e vixilancia por parte da policía local e outro persoal municipal así como o valado e sinalización para facilitar os accesos e evitar as aglomeracións o día 1 de novembro.

As persoas que acudan ao cemiterio deberán respectar a distancia de seguridade de metro e medio e evitar o contacto persoal. Os grupos serán coma máximo de 4 persoas do mesmo grupo familiar e que vivan xuntas. O aforo máximo é de 100 persoas. Débese empregar de forma obrigatoria a máscara e usar o xel hidroalcohólico, para o que se colocarán dispensadores no acceso.

Non estarán dispoñibles obxectos como escaleiras, caldeiros, regadeiras,… para evitar o uso compartido polo que en caso de ser necesario cada persoa deberá levar o seu material.

Dende o Concello de Tui recoméndase ás persoas de risco que eviten acudir ao cemiterio nos momentos nos que se prevea maior afluencia de persoas. Faise fincapé no feito de que aquelas persoas que teñan síntomas compatibles coa Covid-19 non poderán ir ao cemiterio.

No bando da alcaldía apélase a responsabilidade de todas as persoas que acudan ao cemiterio municipal nestes día, incidindo na “necesidade de cumprir estritamente todas as medidas sanitarias precisas para evitar aglomeracións e previr deste xeito os contaxios e propagación da Covid-19”.

A Campaña “AgresiónOff” chega este sábado á Guarda

0

A campaña ‘AgresiónOff, eu digo non á violencia sexual’, da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, ten como obxectivo previr e evitar as agresións sexuais contra as mulleres, especialmente en eventos que se desolvolvan en Galicia. Actualmente, por mor da COVID, as intervencións realízanse tamén noutro tipo de contextos.

No marco da campaña, ofrecerase información contra a violencia  sexual e realizaranse accións de sensibilización e prevención sobre agresións sexistas.

OBRADOIROS E ACTIVIDADES LÚDICO-FORMATIVAS:

No stand se levarán a cabo as seguintes actividades e obradoiros:

  1. CANTO DE ESTEREOTIPADA ESTÁ A TÚA MENTE? Esta actividade consiste en escoitar e reflexionar acerca de diferentes mensaxes que poden inducir, moitas veces de xeito inconsciente, a pensamentos estereotipados.
  2. A RULETA DO AMOR ROMÁNTICO. Este xogo interactivo consiste en facer xirar a ruleta dos mitos sobre o amor romántico. Cando esta se pare nun mito en concreto, a persoa que xoga debe argumentar o que pensa sobre a frase que corresponda.
  3. NON ME CONTES CONTOS. Empregando o televisor co que contaremos no stand, proxectaranse na pantalla diferentes fragmentos de contos, fábulas, refráns e ditos populares, co obxectivo de invitar á reflexión acerca da importancia da información que recibimos e, sobre todo, transmitimos.
  4. ONDE ESTÁ O LÍMITE? Nun lateral do stand, expoñeranse de forma escalonada (semellando graficamente a imaxe dun termómetro), diferentes actitudes ou comportamentos que se poden dar dentro da parella. De xeito individual ou grupal, os participantes deben decidir onde poñen o seu límite, xerando así o debate sobre a delgada liña que separa unha relación aparentemente sa dunha relación tóxica.
  5. EU NON NECESITO #FILTROS. Nunha das paredes do stand haberá diferentes espellos que deforman ou alteran a imaxe. Sobre estes espellos haberá rotuladas mensaxes que invitan á reflexionar acerca da imaxe que queremos transmitir nas RRSS, incluíndo o uso de filtros para modificar aqueles aspectos físicos que non nos gustan. Neste senso, mediante mensaxes como ‘a túa personalidade non ten filtro’ preténdese xerar un clima de reflexión que contemple a autoestima e a valoración persoal coma o eixo principal para construír relacións socio-afectivas saudables.
  6. ESTÁS SEGUR@ DE PREMER O BOTÓN DE ENVIAR? Os/as participantes nesta actividade deberán decidir, coñecendo previamente os riscos e as consecuencias do sexting, se envían ou non, de xeito hipotético, o contido vinculado a esta práctica.
  7. KAHOOD DA IGUALDADE. XOGO TECNOLÓXICO ON LINE. Nunha pantalla proxectaremos este xogo no que a través do móbil e un sinxelo rexistro, as persoas participantes poderán respostar a diferentes preguntas “on line” en directo sobre a violencia de xénero, comprobando ao momento quen acada a puntuación máis alta en cada partida. 
  8. A INFORMACIÓN ESTÁ AO ALCANCE DA TÚA MAN. A través de códigos QR os participantes poden acceder á información relacionada co programa, como o portal de Igualdade, os enlaces de descarga da APP AgresiónOFF, números de teléfono da muller, etc.

Ademais das actividades para adultos, contaremos tamén con outra pensada para os máis cativos, así como dúas propostas a maiores que complementan todas as actividades anteriormente citadas:

  • 9. O TÓTEM DO SEXISMO. Ao carón do stand colocarase un pequeno tótem serigrafiado con palabras ou frases sobre diferentes accións e actividades que aos máis cativos lles poidan resultar familiares (como bailar, xogar ao fútbol, axudar nas tarefas do fogar, cociñar, xogar con bonecas, pelexar…). Na parte superior do tótem situaranse dúas flechas, unha que indica ‘nenas’, e outra, en dirección contraria, que indica ‘nenos’. Os máis cativos, guiados polas persoas informadoras do stand ou polas súas familias, deben decidir se as accións citadas son de nenos, de nenas ou de ambos. Con esta actividade preténdese combater os estereotipos e o sexismo dende a infancia, esclarecendo que non hai diferencias entre mulleres e homes á hora de realizar este tipo de accións.
  • 10. VERDADE OU MITO. Esta actividade ten como obxectivo desterrar ideas erróneas sobre a violencia de xénero e as agresións sexuais.
  • 11. AMPLIEMOS O DECÁLOGO CONTRA A VIOLENCIA SEXUAL. Partindo do decálogo sobre a violencia sexual, animarase aos/ás participantes que se acheguen ao stand a engadir algunha indicación máis que complemente ás xa recollidas no mesmo.
  • 12. ADIVIÑA A ADIVIÑANZA…QUEN ESTÁ DETRÁS DE CADA FRASE? As persoas informadoras do stand propoñerán frases asociadas a profesións que os/as participantes deben identificar segundo sexan ditas por unha muller ou por un home, e razoar o porqué.

Ademais, ao longo da intervención distribuiranse flyers co ‘Decálogo contra a violencia sexual: 10 cousas que tes que saber’ en galego, castelán e inglés, así coma merchandising cos logotipos de programa.

O Porriño aínda está en alerta vermella

Fonte: Xunta de Galicia · Datos cartográficos: CNIG · Descargar os datos · Datos cartográficos: Datawrapper

Por segundo día consecutivo, o concello do Porriño mantense no nivel 3 ou alerta vermella por un aumento das infeccións pola Covid-19. O mapa de alertas actualizado diariamente na páxina web do Sergas volve situar hoxe luns ao municipio porriñés en vermello ao superar as 21 infeccións nos últimos sete días.

Compre destacar que o goberno municipal mantén as restricións que decidiu o pasado xoves 22. Entre elas a supresión do mercado ambulante semanal que, polo tanto, non se celebrará mañá martes.

Lembramos que o goberno municipal decidiu as seguintes medidas:

  • Suspender o mercado ambulante dos martes
  • Precintar os parques infantís 
  • Establecer na Praza de Abastos, un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída.
  • Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
  • Peche da Sala de Estudo Municipal 
  • Competicions deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

Supéranse os 6.500 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.766, deles 1.167 son da área da Coruña, 673 da de Lugo, 1.390 da de Ourense, 683 da de Pontevedra, 1.243 da área de Vigo, 1.122 da de Santiago, e 488 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 389 en unidades de hospitalización e 6.322 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 25.585 persoas curadas, rexistrándose 868 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 640.621.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Lorenzana enxalza en Mos a formación da mocidade como oportunidade para mellorar as condicións dos traballadores

0

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou a pasada semana na Axencia de Colocación de Mos o obradoiro de emprego de garantía xuvenil que se imparte na localidade co apoio da Xunta, e destacou a “oportunidade” que este tipo de actuacións brindan aos máis novos para seguir formándose e adquirir habilidades “que lles permitan axustar o seu perfil único ás especificidades do mercado laboral”. 

Acompañada na súa visita pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a conselleira coñeceu de primeira man o recentemente iniciado obradoiro de garantía xuvenil Mocidade no Camiño, un proxecto que a través de especialidades como a xardinería ou o deseño de produtos gráficos mellora os espazos polos que transcorre o Camiño de Santiago ao seu paso pola localidade.

Lorenzana manifestou sentirse ”privilexiada” ao  coñecer “como esta iniciativa axuda a todo tipo de persoas, sen importar o xénero ou idade, a adquirir habilidades que lles permitan axustar o seu perfil único as especificidades do mercado laboral”. “Un obradoiro de emprego é sinónimo de oportunidade, de determinación por seguir formándose e non quedarse atrás”, aseverou.

Un total de 16 alumnos menores de 30 anos participan neste programa de emprego no que persoas mozas se forman nas especialidades de xardinería e deseño de produtos gráficos. Coas súas actuacións, os alumnos contribúen á posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos mediante a mellora paisaxística e recuperación de espazos degradados, así como a sinalización deste tramo do camiño portugués mediante carteis normalizados. Esta formación lles brinda a oportunidade engadida de ampliar os seus coñecementos para conseguir un emprego.

Na Axencia de Colocación de Mos impártese tamén na actualidade un taller formativo de soldadura para persoas traballadoras desempregadas.

Durante os últimos dez anos, a Xunta investiu máis de tres millóns de euros para a formación laboral neste concello, que permitiu avanzar na empregabilidade e inclusión dos seus veciños.

Cos empresarios de Mos

A conselleira tamén coñeceu durante a xornada os traballos que desenvolve a Asociación de Empresarios de Mos, cunha traxectoria de máis de 25 anos de presencia na localidade. Na visita ao seu viveiro de empresas -situado no polígono industrial de Veigadaña, onde se realizan programas integrados de emprego e programas de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, ademais de contar con persoal técnico de orientación laboral financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade- María Jesús Lorenzana amosou o seu desexo de manter lazos estreitos con esta entidade “sendo o noso obxectivo último fomentar o desenvolvemento dun tecido empresarial máis competente, máis moderno, máis dinámico e máis igualitario” coa intención de avanzar de xeito conxunto na  reactivación e o impulso económico de Mos e de toda Galicia.

A Xunta traballa a diario “por posicionar Galicia como unha comunidade referente en materia de emprego”, matizou Lorenzana, quen aproveitou a súa presenza na Asociación de Empresarios de Mos para facer referencia ao Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas que a Xunta vén de presentar, cun orzamento de 70 millóns de euros. “O plan que nace froito da colaboración coa Mesa do Emprego Autónomo e no seo do Diálogo Social, axentes cos que seguiremos traballando para concretar as medidas que o conforman”, explicou a conselleira, quen tendeu a man para cooperar nesta liña ao presidente da Asociación de Empresarios de Mos, Ramón Castro, ao seu xerente, Francisco Domínguez, así como ao conxunto do empresariado de Mos.

A Xunta, Oia, Asociación Finca Moreiras e Civis Global, impulsan o Camiño Portugués

0

A construtora viguesa Civis Global, colabora co Concello de Oia e Xacobeo XXI no roteiro do Camiño Portugués, cunha expedición de 100 persoas que percorren con cabalos de pura raza galega os 124 quilómetros que separan o Mosteiro de Oia da catedral de Santiago de Compostela. A expedición, denominada Do Mosteiro a Santiago, prevé chegar hoxe á capital de Galicia en grupos de 5 persoas, sempre que as restricións pola epidemia do coronavirus permítano. Trátase dunha iniciativa da Asociación Leira Moreiras que incorpora os beneficios da equitación terapéutica para persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

A marcha xa foi suspendida en marzo, debido ao estado de alarma pola Covid-19, e o venres houbo de pospoñer a entrada en Santiago de Compostela á espera das autorizacións sanitarias para acceder á capital de Galicia. A expedición está integrada por 100 participantes de 5
asociacións galegas percorren 124 dos 350 quilómetros do camiño portugués recuperados por Civis Global, que traballa no seu mantemento desde 2019, acompañadas dunha manda de cabalos de Pura Raza Galega.

O roteiro partiu o luns 19 de ocubre do Mosteiro de Oia e o traxecto está a ser filmado nun documental, que recolle o proxecto de integración social que realiza a Asociación Leira Moreiras. Civis Global é a empresa galega encargada de realizar as obras de conservación, mantemento e posta en valor de 350 quilómetros do Camiño de Santiago (210 quilómetros do Camiño Portugués e Camiño Portugués pola costa; e 140 quilómetros do Camiño Fisterra-Muxía).

Esta iniciativa cumpre con todas as medidas de prevención ante a Covid-19, como a reducción dos grupos a un máximo de 5 persoas.

O cabalo utilizouse como acompañamento e apoio como soporte do material das 5 asociacións de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social participantes, tanto para a súa comodidade á hora de completar as diferentes etapas, como para incluír os beneficios da
equitación terapéutica. Membros da asociación Avelaíña, o Centro Juan María, a asociación San Xerome Emiliani, Aceesca e a asociación Arela completaron 4 etapas do camiño portugués acompañadas por 4 xinetes e 2 fisioterapeutas da clínica Arca de Vigo.

“Este roteiro é unha oportunidade para achegar o Camiño de Santiago a persoas que non adoitan ter posibilidades para realizalo. Para nós é un orgullo contribuír a que todos peregrinos que desexen gocen da natureza preservando o bo estado do Camiño Portugués”, sinala Raúl Estévez, responsable de Civis Global para as obras de conservación e mantemento do Camiño de Santiago.

Civis Globar e a RSC

Civis Global, con sede en Vigo, é a construtora galega con maior número de recoñecementos en materia de Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Recibiu varios indicadores Ardán de boas prácticas empresariais (empresa xeradora de riqueza, igualdade, innovadora), así como dúas distincións pola súa baixa accidentabilidad laboral e bos procedementos na área de prevención e seguridade. A firma facturou 41 millóns de euros en 2019 e dispón dun persoal directo de 358 profesionais. A compañía traballa desde 2019 nas operacións de conservación integral do Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia.
Os traballos inclúen a limpeza, rozado e optimización da sinalización para peregrinos.

A Xunta inicia esta semana novos traballos de limpeza e roza nas comarcas do Baixo Miño e do Condado-Paradanta

A Xunta comeza esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de distintas estradas da área de Vigo e as comarcas de Baixo Miño e do Condado-Paradanta.

Estas intervencións, súmanse ás que se están a executar nas marxes da vía de alta capacidade PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co polígono industrial de Balaídos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

En paralelo, a vindeira semana tamén comezarán novos traballos en vías autonómicas da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño, O Ribeiro; e das zonas da Baixa Limia, Verín, Caldelas, Trives, Valdeorras e Viana.

Estas intervencións, tamén se iniciarán na provincia de Lugo, na autovía AG-64, entre Vilalba e Xermade. Ademais, seguirán as tarefas en marcha na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na estrada LU-862, entre O Vicedo e Viveiro.

Nas estradas da provincia da Coruña iniciaranse os traballos de roza e limpeza na estrada AC-432, en Vimianzo; continuando tamén os traballos iniciados a pasada semana na AC-546, ao seu paso polo municipio coruñés da Baña. Tamén se continúan os labores na autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo municipio das Pontes, e na na vía de alta capacidade GC-1.5, ao seu paso  polo municipio de Noia.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Activado o Plan Especial por Risco de Inundacións debido ao aumento do caudal do Río Tea en Mondariz

0

A Xunta de Galicia, tendo en conta a análise dos parámetros meteorolóxicos e hidrolóxicos dos sistemas de observación e control da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, vén de activar Plan Especial de Riscos de Inundacións de Galicia por posibles aumentos no caudal do Río Tea en Mondariz, Pontevedra.

A suba inesperada dos caudais dos ríos pode dar lugar a desbordamentos puntuais e, consecuentemente, a inundación eventual dun terreo, un espazo urbano ou propiedades. Por iso, le con atención esta información para saber como actuar en casos coma estes.

Que se pode esperar?

  • Suba repentina do caudal dos ríos.
  • Desbordamentos puntuais e inundacións eventuais de terreos, espazos urbanos e propiedades.

Como reducir riscos?

  • Abandonar as actividades que se podan estar realizando nos espazos fluviais.
  • Retirar vehículos da marxe dos ríos.
  • Evitar atravesar pontes ou torrentes.
  • En caso de que a auga alcance o teu vehículo, sair e situarse nunha parte alta.

Linkedin e Instagram para empresas, debuxo con Onshape ou comercialización en liña, algunas das propostas da SmartPeme para esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana sete novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre Linkedin e Instagram para empresas, debuxo con Onshape, como mellorar a presenza en liña e o footer da web, e a comercialización en liña de experiencias gastronómicas.

En concreto, o luns 26 de outubro, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación Corporativa, impartirá o obradoiro ‘Linkedin para empresas’. Ao día seguinte, 27 de outubro, será a quenda de dúas novas accións: Reels: a nova función de Instagram, a cargo de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, eDebuxo con Onshape, PartStudio V, impartida polo experto universitario en robótica Manuel Freire.

O mércores 28, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, desenvolverá Mellora a túa presenza en liña promocionando as entradas do teu blog. Na xornada do xoves 29 están previstos dous obradoiros: Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas, falará sobre Como mellorar o footer da túa web, e o licenciado en Comunicación Audiovisual Adrián Fernández impartirá a acciónPromociona a túa empresa a través dos stories de Instagram. Por último, o venres 30 levarase a cabo Comercialización en liña de experiencias gastronómicas a cargo de Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas e posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas.

Gonzalo Caballero pide que Feijóo respalde a petición de estado de alarma para “dotar de seguridade xurídica as medidas contra a COVID”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, requiriu hoxe a Feijóo “responsabilidade” e “sensatez” para sumarse á petición doutras nove comunidades autónomas de que se declare o estado de alarma, toda vez que se trata do mecanismo que aporta “máis fortaleza e máis seguridade xurídica” ás medidas e restricións necesarias na loita contra a propagación do coronavirus.

“Que Feijóo non obstaculice a loita contra a pandemia”, remarcou Gonzalo Caballero nunha comparecencia ante os medios, na que fixo fincapé en que Feijóo ten que “colaborar” para frear esta segunda vaga da covid e deixar de lado “a estratexia de confrontación do PP”.

“Cada día que pasa é un día perdido”, advertiu o máximo dirixente do PSdeG, quen reclamou que Galicia se dote dun “plan de resposta fronte á covid” que inclúa o “reforzamento inmediato” do sistema sanitario público, especialmente no que atinxe á atención primaria.

Neste punto, Gonzalo Caballero deixou claro que fortalecer a sanidade pública “non é poñer consultas telefónicas”, senón contar con profesionais e recursos suficientes para deixar de aprazar operacións e consultas. “Frear o virus é a mellor forma de defender a saúde”, remarcou, consciente da importancia de dobregar de novo a curva para poder manter “a actividade social e a actividade económica”.

Comisión de Reconstrucción

En paralelo, o secretario xeral do PSdeG puxo o foco na importancia de traballar na comisión de reconstrución constituída no Parlamento galego e lamentou a “urxencia” imposta por PP e BNG para rematar o seu traballo no primeiro mes do ano, cando aínda non estarán dispoñibles os fondos procedentes da Unión Europea.

Por iso, amosouse aberto a “ampliar” o prazo do traballo deste órgano parlamentario, máxime nun contexto no que a reconstrución vai ser a prioridade de toda a lexislatura.

De aí que garantiu que o PSdeG “traballará arreo” na comisión, á que presenta un plan de traballo que inclúe aos sindicatos e á patronal; a economistas de referencia como o catedrático Fernando González Laxe, membro do Foro Económico de Galicia; e a expertos nos eidos medioambiental, da transición dixital, do medio rural…

Do mesmo xeito, o PSdeG requirirá a presencia dos referentes do municipalismo, coa comparecencia do presidente da Fegamp, Alberto Varela, para abordar a cooperación entre concellos e Xunta; e a do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen xa compareceu no Congreso dos Deputados, para abordar a reconstrución do país dende a perspectiva municipalista.

No tocante á sanidade, Gonzalo Caballero deu conta de que pedirá que comparezan os representantes de entidades como a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, SOS Sanidade Pública ou Enfermeiras en Loita, así como representantes sindicais da sanidade, expertos e profesionais, entre outros.

Tamén cómpre escoitar a representantes da comunidade educativa, como os reitores das universidades públicas, os representantes do profesorado e das anpas. Así mesmo, o PSdeG solicitará a participación de expertos educativos como Carmen Fernández Morante, presidenta dos decanos de Educación de España, para abordar as medidas necesarias no eido educativo.

Canto á política social, o líder do PSdeG recordou que Feijóo rexeitou a comisión específica sobre as residencias de maiores, onde faleceron centos de persoas na primeira vaga da covid, argüíndo que se trataría na de reconstrución.

Por iso, os socialistas chamarán aos representante de REDE, a asociación de familiares de usuarios de residencias de maiores; de Trega, a entidade que agrupa ás traballadoras destes centros; e á conselleira delegada de Domus VI, a maior empresa xeriátrica que opera en Galicia.

O plan de traballo proposto polo PSdeG incluirá entre os comparecentes representantes tamén dos eidos da cultura, da igualdade, da discapacidade e da loita contra a pobreza, entre outros; e demandará informes a distintos colectivos, entidades, organismos e colexios profesionais.

Finalmente, Gonzalo Caballero defendeu a habilitación dunha caixa de correo para que o Parlamento poida recibir propostas e suxestións da sociedade civil, tal e como se fixo na comisión da reconstrución do Congreso dos Deputados.

O PP do Porriño alerta sobre “unha nova subida de impostos” impulsada polo Goberno municipal

O Partido Popular do Porriño mostrou esta semana a súa total oposición á nova subida de impostos que promove o Goberno Municipal do Porriño, “unha actualización que producirá un incremento considerable dos recibos do IBI e no imposto sobre construccións, instalacións e obras”.

A actualización dos valores catastrais afectará principalmente, segundo o PP porriñés, ás vivendas no termo municipal e supoñerá un significativo aumento da taxa anual a abonar. “Xa no anos anos 2017 e 2018 O Porriño incrementou os valores catastrais nun 8 % cada ano , o máximo aumento de toda Galicia”, lembra o portavoz popular Alejandro Lorenzo.

Así, o Concello do Porriño será o único da provincia en subir o IBI en tres dos últimos catro anos á máxima porcentaxe. Un cidadán que pagaba no ano 2016 no Porriño 200 euros de cuota, pasará a pagar no 2021 306,18 euros. “Unhas cantidades que se viron incrementadas no municipio ano tras ano dende entón”.

O PP subliña o feito que “como en anos anteriores, este incremento foi solicitado directamente pola Alcaldía, ao Catastro do Ministerio de Facenda e tamén se solicitou a través da Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra”.

Ademais, o goberno local leva tamén a pleno a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras subindo o gravame do 2,2 % vixente ao 2,7 %.

“Nun momento como o que vivimos, no que a crise económica derivada da pandemia está a afectar gravemente aos veciños, o último que se debe plantexar un gobernante responsable é aumentar a presión fiscal sobre a veciñanza e cargar sobre eles os custes”, manifesta Alejandro Lorenzo, “Estamos ante un novo atropelo á cidadanía que ten como único obxectivo recadar fondos e cun único beneficiario, o Concello, que aumentará os seus ingresos considerablemente á conta do peto dos veciños e veciñas do Porriño”.

Os populares defenden que unha das primeiras medidas a adoptar na situación actual sería a baixada de impostos e taxas, tal e como propuxeron o pasado mes de marzo sen obter resposta do Goberno Municipal. “O Concello do Porriño non precista mayores ingresos, o que precisa é unha racionalización do gasto cando ano tras ano incumple todos criterios legais, a Regla de Gasto, o Periodo Medio de Pago a Provedores…incluso os seus propios Plans Económicos Financieiros”, conclúe Lorenzo, “O bipartito non pode pretender que sexan os veciños quen pague o seu gasto sen control e irregular”.

O alcalde de Cerveira apela ao “civismo das poboacións” ante unha COVID-19 que continúa a condicionar relacións transfronteirizas

Coa prohibición de circulación entre concellos decretada polo Goberno de Portugal, entre os días 30 de outubro e 03 de novembro, como contención da pandemia Covid-19, o presidente da Câmara Municipal de Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, “apela a que sexan cumpridas rigorosamente estas directrices”. Fronte ás inmensas dúbidas levantadas por cidadáns galegos, dada a proximidade xeográfica e a excelente relación de cooperación transfronteiriza, Nogueira interpreta que “a medida sexa extensível a cidadáns estranxeiros”.

“Se non se pode circular entre concellos portugueses, automaticamente os nosos veciños galegos, sendo doutro concello, tamén deben seguir estas directrices”, apela o alcalde cerveirense, engadindo que, “a pesar das fronteiras continuaren abertas, só deben acceder aqueles cidadáns que teñan autorización previa por motivos profesionais ou outros aprobados na resolución do Consello de Ministros, deste xoves”.

O edil cerveirense relembra que, como forma de evitar este tipo de situacións no futuro, o AECT Río Miño reivindicou a creación da figura do ‘traballador transfronteirizo’, que foi recentemente enmarcado na Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo, anunciado na Cume Luso-Española da Guarda.

En todo caso e respecto á Feira Semanal de Vila Nova de Cerveira, “que se realiza todos os sábados e é bastante visitada polos nosos irmáns galegos”, o Concello de Cerveira vai agardar a comunicación de directivas nacionais máis específicas e, “durante a próxima semana, será ponderada a súa realización ou non, mais é correcto que non deben acceder cidadáns doutros concellos, porque feirar non é unha actividade profesional e prioritaria”.

A decisión divulgada este xoves de volver a limitar a circulación xorde pouco máis dunha semana, tras o Consello de Ministros anunciar o regreso do estado de calamidade.

Galicia rexistra hoxe un total de 6.431 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.431, deles 1.122 son da área da Coruña, 651 da de Lugo, 1.299 da de Ourense, 639 da de Pontevedra, 1.186 da área de Vigo, 1.089 da de Santiago, e 445 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 49 están en UCI, 371 en unidades de hospitalización e 6.011 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 25.315 persoas curadas, rexistrándose 860 falecementos. O número de PCR realizadas é de 633.494.

Salceda urxe a construción da senda peonil e ciclista de Parderrubias, única sen executar das 9 aprobadas pola Xunta no 2016

O Concello de Salceda de Caselas vén de esixir a construción da senda peonil e ciclista de Parderrubias, unha actuación que, lembra a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, “é a única sen executar das nove sendas aprobadas, sen que ata o de agora se comunicase cal é o motivo da demora”. A alcaldesa lembra a urxencia de acometer este proxecto “que solucionaría un problema grave de seguridade na PO-411″.

Dende o ano 2016, a Xunta de Galicia estivo a traballar no proxecto de construción de itinerario peonil e ciclista na PO-411, ao seu paso pola parroquia de Parderrubias, que suporía a mellora da seguridade viaria entre o casco urbano e o IES Pedras Rubias, nunha zona actualmente moi perigosa para o tráfico peonil. A iniciativa foi aprobada pola Administración Autonómica o 7 de marzo de 2016 dentro do Plan de Sendas de Galicia para o fomento da mobilidade sostible. 8 das 9 sendas aprobadas entón foron executadas, quedando tan só pendente a de Salceda de Caselas.

En marzo de 2018 Concello e AXI mantiveron unha xuntanza na que por parte de Francisco Menéndez se estableceu a data probable de execución do proxecto no segundo semestre de 2018. O mesmo Francisco Menéndez en abril do 2019, nun escrito enviado ao Concello, recoñecía que non se levara a cabo o proxectado, e que calculaba que a licitación se levaría a cabo a mediados de 2019. Pero non foi ata setembro dese ano cando se citou ás persoas afectadas para xestionar as expropiacións precisas, asinándose tamén as actas de ocupación por parte da alcaldesa, Loli Castiñeira, os días 17 e 18 dese mes na Casa do Concello.

O 29 de novembro do 2019, a AXI recibiu á xunta directiva da asociación de veciños/as de Parderrubias para falar diversos temas relacionados coa senda, negando a posibilidade de que asistise tamén a alcaldesa a esa mesma xuntanza tal e como se tiña solicitado dende o Concello.

Tamén a dirección do IES Pedras Rubias ten amosado a súa preocupación pola falta de seguridade no vial, polo que transita parte do seu alumnado, conscientes de que este proxecto sería unha boa solución ao problema. Isto engadido ao momento de pandemia que estamos a vivir fai que a senda resulte aínda máis importante, como alternativa incluso ao transporte escolar nas zonas máis cercanas ao IES, garantindo deste xeito uns desprazamentos seguros e lonxe das aglomeracións de persoas.

A día de hoxe o proxecto segue sen licitarse, e nada se sabe dos posibles avances, nin consta ningún tipo de comunicación ao Concello sobre o mesmo.

Loli Castiñeira fai especial fincapé na obriga que teñen as administracións “de seguir a fomentar os proxectos de mobilidade sustentable no camiño de conseguir os obxectivos da axenda 2030, e este tipo de iniciativas estanse a levar a cabo en multitude de Concellos, polo que non podemos permitir que se perdan os fondos que Europa designou para estes proxectos”. A alcaldesa amosa, porén, a súa confianza en que “agora que a Xunta conta xa co novo executivo, agardamos ter boas novas canto antes e que a senda peonil e ciclista de Parderrubias poida ser unha realidade”.

Concello de Nigrán e Deputación construirán dúas sendas peonís, Camos-Chandebrito e A Areíña-Igrexa de Santiago de Parada

0

O Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra dotarán de respectivas sendas peonís os tramos comprendidos entre San Roque de Camos e Chandebrito (EP 2102) e o de A Areíña e a Igrexa de Santiago de Parada (EP 2106). Tras recibir a petición de mans do alcalde e do edil de Mobilidade o 31 de xullo nun encontro co deputado provincial Gregorio Agís, o ente provincial ven de contratar a redacción de ambos proxectos. Os traballos de medición arrancarán a vindeira semana e, unha vez rematados os proxectos, Concello e Deputación asinarán un convenio de colaboración para financiar as correspondentes obras.

“Son dúas estradas provinciais moi transitadas por peóns e vehículos e que non teñen ningún tipo de beirarrúas, polo que significará unha importantísima mellora da seguridade viaria nestas parroquias”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que se trata nos dous casos dunha vella demanda veciñal e que coinciden en que a maior parte discorre entre fincas forestais “facilitando así os futuros traballos de ampliazón”.

Concretamente, en Camos dotarase de senda peonil 4,3 qm que comprenden desde o punto kilométrico 2+600 (Torreiro de San Roque) ao 6+900 (núcleo de Pracíns, en Chandebrito). Trátase dun tramo esencial porque é a única vía de comunicación entre ambas parroquias e porque é empregado pola veciñanza dos barrios de A Cruz, San Roque, Rotea ou Piñeiros para realizar paseos deportivos, polo que se coñece popularmente como unha ‘ruta do colesterol’. Pola súa banda, o tramo de Parada comprende 995 metros entre o cruce de A Areíña e o barrio de A Igrexa, tramo tamén fundamental na parroquia porque une dous núcleos poboacionais e tamén se emprega para paseos deportivos.

“Estamos nun primeiro paso demandando historicamente, o obxectivo posterior é ampliar estas sendas peonís para que en Camos se estenda ata o barrio de A Cruz e en Parada ata a Carrasca e San Pedro da Ramallosa. O peón é a nosa prioridade e seguiremos nesta liña de crear sendas seguras en todo o municipio”, finaliza o alcalde.

O Grupo Socialista denuncia o abandono das estradas comarcais competencia da Xunta de Galicia ao seu paso por Redondela

0

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Redondela vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno da Corporación, no que esixe a urxente mellora das tres estradas autonómicas do municipio, e sobre as que o Concello de Redondela transmitiu en reiteradas ocasións á necesidade de obras de conservación, mantemento e melloras da seguridade viaria. “Á data de hoxe, seguimos esperando unha resposta da Consellería a estas solicitudes”, sinala o grupo socialista.

O PSOE do Concello de Redondela lembra que, no caso cunha destas vías –a Avenida Mendiño (PO-363) e na véspera das eleccións municipais– tivo lugar unha das maiores “faltas de respecto á veciñanza”. O entón alcalde de Redondela Javier Bas e a conselleira Ethel Vázquez, “anunciaban por todo o alto as’ inminentes’ obras de remodelación de dita avenida, obras que segundo afirmou o exalcalde, comezarían en xuño de 2019”. O tempo deixou claro que non era máis que propaganda electoral xa que o novo Goberno puido comprobar que o proxecto “de execución inminente” estaba moi lonxe de ser unha realidade.

En outubro, a portavoz do PP “coa imprudencia que ás veces a caracteriza” instaba á alcaldesa “a poñerse en contacto coa Consellería para determinar as condicións do convenio e así poñelo en marcha”, lembra o grupo socialista que salienta que “a portavoz popular descoñecía que o Goberno local levaba intentado, en múltiples ocasións, poñerse en contacto coa Consellería sen que esta dera resposta algunha”. A posterior notificación que entraba no rexistro do Concello con data de 24 de marzo “na que se daba traslado dun borrador de convenio para esa obra –PO-363 treito Redondela-Praia de Cesantes–, deixaba claro que cando o PP instaba ao Goberno local a poñerse en contacto coa Consellería, o silencio desta viña dado porque non existía tal convenio e nin tan sequera un borrador”.

Lamentablemente, engade o PSdeG-PSOE, “a día de hoxe, logo de enviar toda a documentación requirida en tempo e forma, non se ten contestación algunha por parte da Xunta”.

Doutra banda, e non que a estrada PO-250 Redondela-Pazos de Borbén fai referencia, o Concello leva requirido á Xunta, en diversas ocasións, o arranxo desta vía que no seu primeiro treito “ten unha alta perigosidade para os peóns, tanto polas características da propia vía coma polas beirarrúas que, en determinadas zonas, contan con apenas 90 cm de anchura”. Cómpre salientar, apunta o Grupo Municipal Socialista “que se trata dun treito incluído no casco urbano de Redondela e que conta cun enorme volume de circulación de vehículos, incluídos os de alta tonelaxe”.

Ao mesmo tempo, no pk 208 desta estrada existe un muro derrubado que supón un perigo para a seguridade viaria. Hai tempo, lembra o grupo socialista do Concello de Redondela, “dito muro fora expropiado pola Xunta de Galicia para a ampliación do vial. Dende entón os derrubos son constantes e, nestes momentos, atópase balizado. Por parte do Concello abriuse expediente e notificouse á Xunta pero, pasado case un ano, nin o arranxan, nin amplían o vial”.

Pídese, neste caso, unha mellora da seguridade viaria e acadar a accesibilidade universal, con redución da velocidade creando unha zona segura limitada a 30 km/h, ao igual que no resto do casco urbano, e prohibición de circulación de vehículos de alta tonelaxe. Amais, pídese a creación de pasos de peóns elevados, sinalización lumínica ou mellora da actual sinalización tanto vertical coma horizontal.

Con estes antecedentes, a moción presentada polo PSdeG-PSOE pide, por unha banda, que o Pleno inste á Xunta de Galicia á sinatura do convenio para as actuacións de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da PO-363, treito Redondela-Praia de Cesantes.

Do mesmo xeito búscase o apoio do Pleno para instar ao Goberno galego á realizar as actuacións solicitadas á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na estrada PO-250, treito Redondela-Reboreda.

O Grupo Municipal Socialista confía, finalmente, en que o PP local “poña o mesmo empeño e interese en solicitar á execución destas obras como pon naquelas que son competencia doutras administracións”.

O Concello de Ponteareas apela á responsabilidade ante o incremento da COVID-19 no municipio que o pon en situación de alerta laranxa

A concelleira de Saúde e tenente alcalde do Concello de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, apelou hoxe á responsabilidade da cidadanía logo do incremento, na última semana, da incidencia da COVID-19 na localidade situando os novos casos positivos entre 14 e 21, segundo datos oficiais do Servizo Galego de Saúde e poñendo ao concello en alerta laranxa.

Ante esta actualización de datos, Fernández Davila sinalou que nos últimos catorce días os novos casos acumulados figuran no nivel correspondente ao tramo entre 14 e 28 persoas.

A tenente alcalde e concelleira nacionalista insta á veciñanza a “seguir actuando diariamente con extrema prudencia e responsabilidade, cumprindo as obrigas e recomendacións sanitarias para evitar o empeoramento da situación epidemiolóxica e superar colectivamente esta crise”.

Fernández Davila, responsable tamén da área de Eventos, sinalou que “por responsabilidade, dende o goberno local vimos de suspender todas as actividades municipais que estaban programadas para celebrárense ao aire libre nos vindeiros días, evitando así posibles aglomeracións ou xuntanzas de grupos numerosos de persoas, conscientes de que a prioridade neste momento debe ser a saúde das nosas veciñas e veciños”

Ponteareas recibe preto de 200.000 euros de axuda para reformar cinco escolas rurais

O Concello de Ponteareas vén de acadar unha subvención de 199.377,25 euros para acometer obras de reforma e eficiencia enerxética nas escolas de Areas, Moreira, Parada (Xinzo), Pías e Ribadetea todas elas integradas no CRA (Colexio Rural Agrupado) A Picaraña, segundo deu conta hoxe a primeira tenenta de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina F. Davila.

O Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), do Ministerio de Transición Ecolóxica, aprobou o proxecto para mellorar a eficiencia enerxética de cinco escolas unitarias integradas no CRA. As actuacións están valoradas en 269.004,31 €, dos que o Concello aporta 69.627,06 €

Como explica a concelleira nacionalista, “concretamente, mellorarase o illamento térmico nas fachadas e cubertas das escolas, así como a substitución de carpinterías exteriores, co que se reducirá o consumo enerxético e as emisións de dióxido de carbono”. A previsión é dunha redución no consumo que vai dende o 33 % no caso de Moreira ata un 55 % na unitaria de Pías. Actúase así sobre o obxetivo (ODS) específico europeo de eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos.

O Concello de Ponteareas, municipio con máis de 23.000 hab., onde máis de 11.000 teñen o seu enderezo nas parroquias, conta con dous CEIPS no rural e seis escolas rurais.

O goberno municipal, a través da Concellaría de Ensino, vén de facer nos últimos cinco anos unha aposta clara para consolidar e mesmo aumentar o alumnado destes centros educativos tan senlleiros realizando importantes esforzos en proxectos de reformas de toda índole e dotándoos con servizos para a conciliación como a aula matinal que xa leva funcionando no CRA A Picaraña dous anos.

“Estes centros rurais son un privilexio neste momento de emerxencia sanitaria xa que teñen unha ratio inferior por aula aos centros da vila, propiciando unha escolarización dos máis cativos e cativas no seu ámbito familiar e cercano”.

Nas escolas unitarias do rural están matriculados 79 nenas e nenos que se beneficiarán desta mellora, garantindo a continuidade destas instalacións para o futuro nas mellores condicións, e reforzando a aposta do goberno municipal polos servizos no rural.

Ao igual que no caso das axudas da estratexia ‘Ponteareas Hábitat Saudable’ a subvención do IDAE procede de fondos europeos. Neste caso a resolución favorable recibida polo Concello enmárcase dentro do programa operativo Feder 2014-2020, dentro da medida 1.

“Estas actuacións son tamén un dos compromisos do Pacto europeo das Alcaldías para a eficiencia enerxética, a redución de emisións de CO2 e a adaptación ao cambio climático, inquedanzas tamén manifestadas polo noso Consello da Infancia e Adolescencia”, manifestou o alcalde Xosé Represas.

En base ás condicións da concesión o goberno local de BNG e PSOE dispón de seis meses como máximo desde a notificación da resolución para iniciar a tramitación dos procedementos de contratación e un ano para formalizar as contratacións.

A Deputación “pon ao día” os pavillóns de deportes de Tui cun investimento de preto dos 150.000 euros

0

Os clubs deportivos e a comunidade escolar de Tui gozarán, antes do remate do ano, dunhas instalacións moi renovadas gracias ao investimento de case 150.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra, que está a poñer ao día os Pavillóns Municipais Novo e Vello, situados na rúa do Canónigo Vilela. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Enrique Cabaleiro, visitaron unhas obras que mellorarán a funcionalidade de ámbolos dous recintos e que estaban a ser demandadas dende hai tempo.

Carmela Silva destacou que investir nas instalacións deportivas existentes sempre é un acerto, algo que, subliñou, pode ser mesmo máis importante que a construción de infraestruturas novas. No caso de Tui, o Pavillón Vello data de 1978 e o Novo, de 2006 e ambos acusan os efectos dun uso moi intensivo e do paso do tempo. Ademais, lembrou que era necesario adaptalos a normativas actuais, ademais de cubrir novas necesidades, como a división do Pavillón Novo para permitir o uso simultáneo por parte de dous clubs. Pola súa banda, o alcalde lembrou que gracias á Deputación pódense manter os equipamentos públicos da provincia “en condicións”. “Tódolos concellos temos equipamentos, como é o caso destes dous pavillóns, que é necesario dignificar e sen os recursos que achega a Deputación, e máis aínda nun contexto sociosanitario tan complicado como o actual no que os gastos multiplícanse, sería imposible”.

No Pavillón Novo, cun investimento de máis de 88.000 euros, estase a proceder á reparación completa dunha cancha que, despois de 12 anos de servizo, presenta danos tanto nas táboas do laminado de madeira como nos “rastreles” de suxeición. Despois dunha completa inspección para detectar vicios ocultos e deixar a superficie en perfectas condicións para a práctica deportiva chegouse á conclusión de que en torno a un terzo da superficie debía ser renovada. O proxecto contempla tamén unha ampliación lateral da tarima en 106 metros cadrados ata o encontro coas gradas. Unha vez rematada esta fase procederase ao decapado, regularización da superficie, novo vernizado e pintado das pistas para as diferentes modalidades deportivas. O novo espazo deportivo será modulable gracias á instalación dunha gran cortina central de separación, con elevación automática a través dunha motorización eléctrica. A gran lona vai suxeita cunha estrutura autoportante deseñada especificamente para as características deste pavillón e ancorada ás vigas do teito. Finalmente, o corredor dos vestiarios está a ser revestido cun novo trasdosado a base de taboleiros MDF de gran resistencia para ofrecer unha mellora estética e solucionar algúns problemas de humidade que se están a producir nesta zona.

A presidenta e o alcalde visitaron tamén as instalacións do Pavillón Vello que adapta os seus obsoletos aseos e vestiarios

No Pavillón Vello estanse a solucionar os problemas de obsolescencia dos vestiarios e aseos, que precisaban dunha renovación completa dende hai tempo. Deste xeito, substitúense tódolos alicatados e pavimentos por moderno gresite e baldosas antiescorregadizas. Tamén cámbianse completamente os inodoros, así como as portas, que presentan un deterioro manifesto A maiores repáranse todas as paredes de teitos cun tratamento antihumidade e nova capa de pintura. O Pavillón Vello está, finalmente, a ser adaptado á normativa actual coa execución dun baño para persoas con diversidade funcional do que, dada a súa antigüidade, carecía. As obras implican tamén o cambio da distribución do aseo de árbitros e outros dous aseos. Os cambios supoñen, ademais, a adaptación das canalizacións e conexións de fontanería ás novas condicións. O importe da mellora nesta instalación deportiva está moi próximo aos 60.000 euros.

Ámbalas dúas obras sufráganse co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A institución provincial leva investidos en Tui dende 2015, ano no que Carmela Silva accedeu á Presidencia, un total de 8,3 millóns de euros. Neste tempo, e incluíndo as actuacións en marcha, a Deputación fixo posible a execución de 55 obras e subministracións, así como a contratación temporal de 111 traballadoras/es para a prestación de servizos municipais. A maiores, o Concello de Tui resultou beneficiario dun gran proxecto a través do Plan DepoRemse para a reurbanización integral do barrio da Torre, en Paramos.

A Deputación redobra o seu compromiso coa igualdade coas axudas a 26 entidades sociais da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión das subvencións dirixidas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero. Esta liña de axudas, como lembrou hoxe a presidenta Carmela Silva, ten este ano un orzamento de 108.000 euros e “vai permitir a estas entidades poidan desenvolver múltiples actividades neste eido”. As subvencións súmanse ás xa adxudicadas aos concellos da provincia por importe de 230.000 euros para financiar proxectos neste eido, de xeito que a institución provincial destina este ano 340.000 euros “a actividades para favorecer a loita contra as violencias machistas e favorecer a igualdade das mulleres”.

Carmela Silva destacou que entre as actividades que van ser subvencionadas a través desta convocatoria de entidades figuran, entre outros, “programas de información e apoio ás vítimas de violencia de xénero, proxectos de formación para facilitar o emprego a mulleres en situación de vulnerabilidade, de atención integral para mulleres en situacións relacionadas coas violencias machistas, actividades de empoderamento dirixidas a mulleres con discapacidade e a mulleres migrantes, así como de formación no emprendemento a mulleres rurais”. As axudas aprobadas están destinadas a 26 entidades de dez concellos da provincia: Cambados (1), Cangas (1), Lalín (2), Marín (1), Mos (1), Pontevedra (3), Silleda (1), Tui (1), Vigo (13) e Vilagarcía (2).

As entidades beneficiadas en Vigo son a Fundación Matrix Investigación Desarrollo Sostenible; a Asociación de Mulleres con Discapacidade Galicia; a Fundación Érguete-Integración; Down Vigo Asociación para o Síndrome de Down; a Asociación Centro Cultural Artístico Recreativo de Valladares; a Asociación de Executivas de Galicia; a Asociación Acción Solidaria Galicia (ASDEGAL); a Asociación Mulleres Pedra da Vella; Asociación Viguesa de Alcoholoxía (Asvidal); Radio Ecca Fundación Canaria; a Fundación Juan Soñador; a Asociación de Empresarias de Galicia e a Casa de Andalucía en Vigo.

No caso de Pontevedra, as axudas irán a parar á Asociación Española Contra el Cáncer, a Cáritas Diocesana de Santiago e á Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas. mentres que en Vilagarcía a recibirán a Fundación Amigos de Galicia e a Asociación Siéntete Bien. En Lalín, as dúas entidades beneficiadas son o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a Asociación Puntodelas-Secretaría das Mulleres.

Doutra banda, recibirán axudas a Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural Agra (Cambados); a Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama (Cangas); a Asociación Pola Igualdade e a Coeducación (Marín); a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Mos); a Asociación para o Desenvolvemento Social da Comarca do Deza (Silleda) e a Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui.

Baiona reduce o número de postos no mercado semanal de Sabarís

0

O Concello de Baiona acordou adoptar medidas de prevención adicionais no mercado semanal dos luns de Sabarís coa redución do número de postos, en virtude das medidas de restrición adoptadas pola Consellería de Sanidade fronte ao COVID-19 sobre as actividades ao aire libre.

Así, a Concellería de Comercio e Mercado, que xestiona Víctor Muñoz, acordou que o vindeiro luns, 26 de outubro, instálense na feira os posto con número impar. O seguinte luns , 2 de novembro será a quenda dos pares, producíndose deste xeito a rotación entre feirantes cada luns ata próxima comunicación en función da evolución do COVID-19.

Poderán acudir ao mercado todos os luns, independentemente do seu número, os posto de venda de produtos agroalimentarios como se recolle na normativa.

Con esta medida o Concello de Baiona cumpre coa normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

A Xunta publica o protocolo de prevención da COVID nos cemiterios ante a festividade de Todos os Santos e Defuntos

O subcomité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade aprobou, na súa reunión de onte, un protocolo de prevención da COVID-19 nos cemiterios de Galicia ante a festividade de todos os santos e defuntos, tendo en conta que este xornada conleva a agrupación nos cemiterios de persoas nun curto período de tempo, moitas delas vulnerables, o desprazamento entre localidades e o consecuente encontro de unidades familiares de distintos ámbitos territoriais, polo que é necesario establecer unha serie de recomendacións que minimicen o risco de transmisión.

Así, segundo o protocolo, respecto das medidas de protección persoal, evitarase o contacto físico e hai que cumprir a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal. Ademais, cumpriranse as medidas de agrupacións de persoas establecidas polas autoridades sanitarias para o global de Galicia e aquelas especificas nos ámbitos territoriais nos que a evolución da pandemia está a facer necesario instaurar medidas máis restritivas.

O protocolo lembra a normativa vixente en canto ao uso obrigatorio da máscara cirúrxica/hixiénica e sinala a importancia dunha adecuada hixiene de mans e respiratoria.

En canto ás medidas organizativas, ampliarase os horarios de apertura coa fin de espaciar as visitas e evitar as aglomeracións, establecerase un máximo de 4 persoas por grupo de visitas do mesmo grupo familiar/convivintes; e a duración das visitas non deberá superar os 30 minutos.

Ademais, organizarase a circulación de persoas dentro do cemiterio establecendo circuítos diferenciados de entrada e saída do mesmo.

O protocolo tamén establece medidas de limpeza e desinfección de superficies, aseos, etc, e medidas de información, mediante o emprego de cartelería situada en lugares estratéxicos (entrada dos recintos, lugares de maior tránsito, aseos, etc.).

O protocolo íntegro pode consultarse na web do Servizo Galego de Saúde ou directamente nesta ligazón.

A Policía Local de Tui incorpora un vehículo 100 % eléctrico ao seu parque móbil

0

A Policía Local de Tui conta dende hoxe cun vehículo 100 % eléctrico. Trátase dun Hyundai Kona cunha autonomía de 300 quilómetros. Foi adquirido polo Concello de Tui cargo ao Fondo de Compensación Ambiental financiado pola Xunta de Galicia. O investimento realizado ascende a 38.349,74 € incluíndo tanto o importe da adquisición do vehículo coma a instalación dun punto de recarga na nave municipal en Guillarei.

Na mañá de onte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, e membros da Corporación, acudiron á entrega do vehículo á Policía Local.

Enrique Cabaleiro, explicou que “a intención do goberno é ir renovando a flota dos vehículos municipais con vehículos sostibles, adaptados aos novos tempos, respectuosos co medio clima”. Nese senso indicaba que “a intención é ir dotándonos de máis vehículos eléctricos incluso híbridos”. Concluíu que “a responsabilidade da administración é empezar a dar exemplo nese senso”.

Seguen aumentando os casos activos por coronavirus en Galicia situándose xa nos 6.170

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.170, deles 1.057 son da área da Coruña, 616 da de Lugo, 1.319 da de Ourense, 622 da de Pontevedra, 1.097 da área de Vigo, 1.047 da de Santiago, e 412 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 363 en unidades de hospitalización e 5.761 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 24.970 persoas curadas, rexistrándose 859 falecementos. O número de PCR realizadas é de 625.004.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Premer na imaxe para ampliar

O Concello de Redondela considera “inaceptable” a deficiente atención sanitaria que padece a veciñanza do municipio

0

O Goberno local de Redondela cualificou hoxe de “absolutamente inaceptable” a situación que están a padecer as veciñas e veciños do municipio “sometidos unha máis que deficiente atención sanitaria” nos centros de saúde de Redondela e Chapela. Cunha atención telefónica colapsada e sen posibilidade de ter citas presenciais “a cidadanía síntese totalmente desprotexida nun momento crítico como o que estamos a vivir”, afirma a alcaldesa Digna Rivas.

O Concello de Redondela solicitou en diversas ocasións, unha reunión con Roberto Devesa González, xefe de servizo dos centros de saúde de Redondela, “sen que nin sequera contestaran a ditos requirimentos”. No día de onte, o Concello remitiu un novo correo electrónico “urxindo unha reunión que consideramos máis que necesaria ante unha situación de abandono da nosa veciñanza que, como Goberno, nin podemos nin imos consentir”, afirmou con rotundidade Digna Rivas.

A alcaldesa redondelá asegura que “estamos abertos á toda a colaboración que faga falta e a poñer os medios que, dentro das nosas competencias e nosas posibilidades, sexan precisos”, pero para iso considera Digna Rivas que é “imprescindible unha reunión para coordinar as actuacións e conseguir que estas sexan eficaces e garantan a saúde das nosas veciñas e veciños”.

O Concello de Redondela “sempre colaborou con todas as administracións nesta crise sanitaria, máis aló do que establecían as súas propias competencias”, engade a alcaldesa de Redondela “por iso non podemos tolerar unha situación na que se ignoran, deliberadamente, as insistentes peticións dunha reunión que permita atopar ofrecer solucións á veciñanza”.

O caos da vacinación antigripal

As queixas do Concello de Redondela van máis aló ao considerar a campaña de vacinación antigripal realizada pola Xunta como “un despropósito”. O Concello ten recibidas, nas últimas horas, queixas de veciñas e veciños das diferentes parroquias, que acudiron aos Centros de Saúde na data que se lles indicaba e “tiveron que volver sen vacinarse porque se tiñan rematado as vacinas”.

As veciñas e veciños que son grupo de risco nas parroquias do rural, son persoas maiores que teñen que facer o esforzo de desprazarse ata o centro de saúde, polos seus propios medios ou, na maior parte dos casos, buscando alguén que os leve, polo que o Goberno local considera “unha absoluta falta de sensibilidade” que nin tan sequera se lles avisara da circunstancia de que non había vacinas dispoñibles “aforrándolles a viaxe e a preocupación engadida de volver as súas casas sen vacinar sendo grupo de risco”.

Tampouco é moi normal, engade a alcaldesa Digna Rivas, “que no mes de outubro se lles estea dando vez para vacinarse en decembro, circunstancia que nas persoas de idade, produce moitas veces, unha situación de ansiedade que afecta a súa saúde”.

Colaboración do Concello na campaña de vacinación

Dende a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Roberto Villar lamentan esta situación despois da colaboración deste departamento do Concello na difusión desta campaña polo territorio municipal.

“Dende que Sanidade pediu colaboración para a difusión da campaña de vacinación aceptamos sen miramentos, puxémonos a traballar en canto chegou o material de difusión . Aportamos xestión administrativa, levamos carteis informativos por todas as parroquias, utilizamos os medios de difusión o noso alcance e comezamos o reparto de 700 máscaras co logotipo da campaña no tempo e forma que nos solicitaban. E agora a veciñanza que decidiu vacinarse atopase cun servizo que non corresponde coa campaña publicitaria da Xunta de Galicia unha verdadeira pena despois do esforzo realizado”, apunta co concelleiro Roberto Villar.

A rexedora local remata sinalando que insistirán na petición dunha reunión co xefe de servizo dos centros de saúde de Redondela e Chapela aínda que adianta que, de seguir sen contestación, “optaremos por outras vías, como dirixirnos directamente á Consellería. A saúde das nosas veciñas e veciños é prioritaria e, ante iso, o Goberno adoptará todas as medidas que estean na súa man para poñer remedio á situación”.

A Deputación súmase ao Día Internacional contra o Cambio Climático co primeiro concurso ‘Reacción polo clima’

“Para a Deputación de Pontevedra todo o que ten que ver co Medio Ambiente, cos cambios de hábitos e de vidas que respecten a natureza é un obxectivo prioritario”. Con estas palabras, a presidenta Carmela Silva anunciou que a institución provincial celebrará hoxe sábado o Día internacional contra o Cambio Climático co lanzamento do primeiro concurso ‘Reacción polo clima’, dirixido á mocidade da provincia e que premiará os mellores traballos audiovisuais centrados na loita contra o cambio climático.

“A xuventude xoga un papel fundamental no cambio de hábitos e formas de vida e estamos seguras e seguros que con compromiso político e recursos adecuados ten todo o potencial para transformar o mundo”, enxalzou a presidenta da Deputación. O concurso provincial, cuxas bases xa están publicadas no BOPPO, busca premiar os mellores vídeos centrados na loita contra o cambio climático, potenciando o talento, empoderando á xuventude e visibilizando as súas reinvidicacións. Amais, tal e como explicou Carmela Silva, os traballos serán inéditos, dun máximo de 5 minutos, en formato audiovisual e admitirase calquera tipoloxía empregada nas redes sociais ou medios de natureza similar como Instagram, TikTok ou YouTube.

Carmela Silva: “A xuventude xoga un papel fundamental e sabemos que con compromiso político e recursos adecuados ten todo o potencial para transformar o mundo”

En canto aos premios, poderán optar a eles mozas e mozos de entre 16 e 30 anos empadroadas/os na provincia, e tamén entidades nas que ao menos o 50% das persoas que integran a súa xunta directiva teñan entre 16 e 30 anos. Deste xeito, haberá un primeiro premio valorado en 1.000 euros, un segundo de 600 euros e un terceiro de 400 euros. As persoas interesadas en presentar a solicitude e os proxectos terán 15 días hábiles a partir do luns.

Convenios FEGAMA e ASEFOGA

Amais, o Goberno da Deputación vén de aprobar as accións que se levarán a cabo ao abeiro dos convenios asinados coa Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e coa Asociación Forestal Galega (ASEFOGA), dous programas divulgativos en centros escolares da provincia que comezarán en novembro.

En concreto, co convenio con FEGAMA, cun importe de 37.600 euros, poñerase en marcha un programa sobre o cambio climático para concienciar e sensibilizar ás nenas e nenos para que asumen un papel máis activo con pequenas accións cotiáns. Deste xeito, levarase a cabo un obradoiro didáctico con 25 visitas a centros escolares con metodoloxías baseadas en xogos participativos e dinámicas de grupo, e trípticos e folletos informativos. Amais, o proxecto contempla tamén o concurso “Como ves ti o cambio climático”, para alumnado de 5º e 6º de primaria, con dúas modalidades: debuxo e relato.

No caso de ASEFOGA, o convenio, valorado en 38.000 euros, permitirá a posta en marcha dun programa sobre o bosque na provincia para concienciar ao alumnado sobre os beneficios da conservación destes espazos. As accións inclúen a realización de máis de 14 obradoiros divulgativos en escolas ou campamentos, vídeos divulgativos sobre o ciclo da madeira, unha exposición itinerante cedida temporalmente aos espazos educativos con paneis fotográficos sobre os bosques, e tamén un agasallo promocional dun produto forestal con certificación.

Un estudo realizado en farmacias de Pontevedra e Ourense, premio ao Mellor Proxecto de Investigación no Congreso da SEFAC

No IX Congreso da Sociedade Española de Farmacia Familiar e Comunitaria (SEFAC), celebrado de maneira virtual en Bilbao, nos días 19 ao 22 de outubro con participación de máis de 2.700 farmacéuticos de España, Portugal e Hispanoamérica, un proxecto do Grupo Berbés de Investigación e Docencia sobre a ‘Percepción dos usuarios das farmacias sobre a Covid-19” obtivo o premio ao mellor estudo de investigación.

Realizado en farmacias das provincias de Pontevedra e Ourense, os resultados do estudo revélannos que máis do 90 % dos participantes recoñece a gravidade do SARS- Cov-2 e percíbeno como máis perigoso que o virus da gripe. Case o 30 % descoñece estar nun grupo de risco, pero os maiores de 70 anos son máis conscientes de estalo que os menores desa idade.

Os aspectos do benestar máis afectados son o familiar e o emocional, e a afectación dos aspectos físico e laboral melloraron significativamente na fase final da desescalada. Máis da metade dos maiores atopáronse sós durante o período de confinamento, aínda que tamén case o 40 % dos menores de 70 experimentaron ese sentimento.

Ao redor do 15 % di sentirse mal ou moi mal co illamento, peor as mulleres que os homes, sobre todo na fase final. Curiosamente o 50 % dos maiores de 70 anos senten ben ou moi ben co illamento, fronte a un 40 % dos menores 70 anos, o que se interpreta como que os maiores teñen unha maior capacidade para adaptarse a unha situación excepcional deste tipo.

A intención de vacinarse da gripe aumenta nesta situación en relación á campaña anterior e máis do 65 % vacinaranse da Covid-19, aínda que non estea financiada. Sorprende ese 35 % que llo pensará ou directamente non se vacinará.

Maioritariamente os enquisados están de acordo coas medidas de confinamento e cren que as medidas preventivas deben continuar mentres non haxa unha vacina.

As farmacias comunitarias, como centros sanitarios esenciais de servizo público, permaneceron e permanecen abertas, con grave risco para todo o equipo que desenvolve nelas o seu labor profesional, implementando medidas e protocolos de seguridade validados, garantindo aos seus pacientes a continuidade no acceso aos seus tratamentos, mesmo mediante a atención farmacéutica nos seus domicilios, a información sobre a enfermidade e as medidas e produtos adecuados para a prevención do contaxio.

Salvaterra convoca un concurso de Samaín nas redes dada a imposibilidade de celebrar a programación habitual

O Concello de Salvaterra de Miño vén de convocar un concurso para pequenos “e non tan pequenos” e que terá as redes como protagonista xa que, sinala a alcaldesa Marta Valcárcel, “a actual situación sanitaria na que nos atopamos fai imposible a realización das actividades que, tradicionalmente se desenvolvían nos últimos anos, como o Roteiro Nocturno do Samaín ou as actividades para as mais cativas o cativos”.

Así pois, neste Samaín tan atípico, sinala a alcaldesa de Salvaterra de Miño, “o Concello quere poñerlle un pouco de ilusión a esta data, e para iso convocamos un concurso, para pequenos e non tan pequenos”.

Para participar, veciñas e veciños –independentemente da súa idade– non teñen máis que enviar o día 31 de oubutro unha foto caraterizados con algo que teña que ver co Samaín ou dunha cabaza decorada ao enderezo de correo electrónico [email protected]

A foto que máis “me gusta” teña no Facebook, recibirá un agasallo. O Concello poñerase en contacto co gañador ou gañadora a través do Facebook.

Gondomar resulta beneficiario do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

0

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe total de 454.000 euros, ao abeiro do Plan Concellos, para A Estrada, Gondomar, Moaña, Ponte Caldelas, Vilaboa e Caldas de Reis.

En concreto, a Deputación destina á Estrada 82.843 euros para a financiación das rutas de sendeirismo polo termo municipal da vila. Con esta actividade trátase de impulsar espazos para o paseo e a actividade física ao aire libre mediante 9 rutas de sendeirismo. Máis polo miúdo, serán 8 rutas circulares repartidas polos catro puntos cardinais do casco urbano e conectables entre si, con percorridos entre 5 e 10 quilómetros para usuarios de nivel baixo e moderado ou percorridos de ata 25 quilómetros para usuarios de maior esixencia. Tamén haberá unha novena ruta denominada “Ruta das Eléctricas” para o paseo e para cros, que segue un percorrido paralelo ao Río Liñares. As obras abranguen a limpeza e acondicionamento de sendeiros e instalación de sinalización para os percorridos.

No caso de Gondomar, recibirá unha achega de 81.869,43 euros para a reparación e mellora da pavimentación no camiño das Laxes (Couso), que actualmente se atopa en estado irregular con fochancas e fisuras. Para darlle solución, executarase unha nova capa de rodadura e tamén se ancheará o viario nas zonas que sexa posible. Pola súa banda, Moaña contará cun investimento de 124.252 euros para o proxecto de asfaltado de varios viarios no termo municipal, concretamente no Camiño do Lazareto en Tirán, Camiño da Fanequeira en Meira, Camiño da Costa en Domaio, Camiño de Fonte Bieita e Camiño de Bouza Murilla, así como no tramo inicial Daniel Castelao.

En canto a Ponte Caldelas, a Deputación destina 84.078,65 euros para  financiar a mellora da mobilidade peonil nun tramo da rúa da Ponte, facilitando á cidadanía os desprazamentos sen vehículo motorizado. En concreto, actuarase no tramo entre a ponte sobre o río Verdugo e a praza do Bispo García Barros, reducindo a superficie destinada aos vehículos e preparando para as e os peóns e peoas todos os espazos dispoñibles. Para Vilaboa, o goberno provincial destina unha achega de 63.662,99 euros para o financiamento da conservación da envolvente do pavillón polideportivo do Toural. Deste xeito, vaise solucionar o problema de filtración de augas do pavillón paliando parte dos defectos de construción da infraestrutura, con tarefas de conservación da envolvente e de impermeabilización da estrutura.

Por último, a Deputación tamén aprobou unha autorización para que o concello de Caldas poida dispoñer das baixas procedentes dos investimentos “Cantina do Campo de Fútbol de As Corticeiras” e da “Reposición de canalización en rúa Fornos”. Neste eido, Caldas solicita empregar as dúas baixas por valor de 17.718,48 euros para a pavimentación dun tramo de camiño desde Casaldrago ata o límite do termo municipal de Cuntis.

Contrato ponte para garantir a administración electrónica nos concellos

A Deputación de Pontevedra tamén vén de aprobar un contrato ponte, por importe de 234.246,21 euros para que os concellos da provincia poidan seguir mantendo o servizo provincial de administración electrónica ata que entre en vigor o próximo ano o novo convenio que dará cobertura á prestación do servizo entre o 2021 e o 2025.

A presidenta da Deputación recordou que “cando chegamos á Deputación de Pontevedra os concellos da provincia non tiñan administración electrónica, cando era unha obriga legal. Tivemos que destinar recursos e impulsar un convenio para garantir este servizo, fundamental para modernizar a administración local e atender á cidadanía, en todos os concellos”. Silva asegurou que, dado que a vixencia do convenio remata este mes de novembro e polas “serias dificultades” dos concellos para facer fronte aos custos que supón a administración electrónica, o goberno vén de aprobar un novo para os próximos catro anos. Por este motivo lánzase un contrato ponte, para permitir “que de aquí a que entre en vigor o novo convenio, no 2021, os concellos poidan manter os servizos da administración electrónica”. O novo convenio vai permitir seguir financiando aos 54 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades xa adheridos. Ademais, tamén posibilitará que “tres concellos que non se tiñan sumado ao proxecto da Deputación –Nigrán, Ribadumia e Vilanova- poidan facelo se así o deciden”. En liñas xerais, a Deputación asumirá “o pagamento moi maioritario do custe do proxecto” e os concellos van ter que achegar “unha contraprestación moi menor”, que se sitúa en 1.000 € para os concellos de menos de 3.000 habitantes, 1.500 € para os que teñan entre 3.001 e 5.000, 2.500 € para aqueles de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 3.500 € para os concellos con entre 10.001 e 15.000, 4.500 € para os de entre 15.001 e 20.000 e 5.500 € para os que sumen entre 20.001 e 30.000 habitantes.

Esquerda Unida abre no Parlamento Europeo o debate sobre o problema do Lindano no Porriño

A Comisión Europea adimitiu a trámite a denuncia cursada por Esquerda Unida e debate este mércores 28 de outubro sobre a presenza do lindano no Porriño e os riscos que esta supón para a veciñanza. Esquerda Unida a través do seu responsable no Porriño, Pedro Ocampo, presentou no 2018 unha petición de investigación no Parlamento Europeo que se debatirá o mércores 28 de outubro, sobre a presenza de lindano no Porriño e as consecuencias que esto supón para a saúde e o medioambiente.

Esquerda Unida leva anos denunciando o problema derivado da contaminación por Lindano no Porriño cuestión que é extensible a outros territorios dada a utilización deste como pesticida agrícola e sanitario durante anos. Actualmente está prohibido e considerado un tóxico persistente, moi volátil e bioacumulativo ademais de canceríxeno en seres humanos.

A esta petición que se debatirá a vindeira semana, adheríronse Ecologistas en Acción e plataformas afectadas pola presenza de lindano nos seus territorios como son Aragón (zona afectada de Sabiñánigo) e Euskadi (zona afectada da conca do baixo Nervión-Ibaizabal e Gardelegi en Vitoria)

O debate terá lugar este mércores 28 de outubro e comparecerán conxuntamente os representantes dos diferentes territorios. Por Galicia intervirá Pedro Ocampo.

O luns inícianse as obras de humanización da Praza de Bugallal de Ponteareas

Este luns día 26 darán comezo as obras de humanización da Praza de Bugallal, cuxo prazo de execución está establecido en cinco meses e nas que se investirán máis de 600.000 euros. Os traballos que se van executar afectan ao centro neurálxico de Ponteareas e inciden directa ou indirectamente nos residentes e comercios de nove rúas do casco urbano. Tamén afecta a servizos públicos como o de taxis, recollida de lixo ou emerxencias e a actividades como os servizos relixiosos da igrexa católica ou a venda ambulante que deberá ser novamente recolocada noutras zonas da vila.

“É probabelmente a obra de maior complexidade realizada en Ponteareas en décadas porque supón pechar durante meses o centro neurálxico da vila onde conflúen até oito rúas”, explica o concelleiro de Mobilidade Roberto Mera. O edil nacionalista sinalou que “desde a oficina da Policía Local e de Urbanismo avaliáronse todas as problemáticas que se van suscitar e preparáronse as medidas dirixidas a atenuar as molestias e trastornos que calquera obra sempre provoca, especialmente a residentes e comerciantes”.

Entre esas medidas figuran a creación de itinerarios peonís que garantirán o acceso a pé a todas as rúas así como a regulación do acceso rodado de residentes e usuarios de garaxes das zonas afectadas. Ademais relocalizaranse as zonas de carga e descarga actuais da Praza que pasarán aos tramos de Vidales Tomé e Morales Hidalgo máis próximos a Bugallal. Tamén se recolocarán os postos de venda ambulante que agora se situarán ao longo de toda a rúa Morales Hidalgo, Fernández Vega e República Arxentina e na Praza da Música. A parada de taxis trasladarase a Vidales Tomé e os sábados de mañá a Senén Canido. Os accesos rodados para servizos relixiosos que o precisen, como enterros, faranse por Reveriano Soutullo. Ademais establecéronse novos itinerarios para o servizo de recollida de residuos.

O luns realizarase o valado perimetral da praza incluindo a rúa situada diante da Igrexa e cortarase o tráfico xa desde Morales Hidalgo en dirección a Bugallal e desde esta praza en dirección Senén Canido. Na segunda fase dos traballos o tráfico quedará cortado na rúa Constitución e en Vidales Tomé. Mera explica que a zona libre de tráfico como consecuencia das obras será básicamente a que se corresponde coas feiras e mercados dos sábados agás ao redor do auditorio onde o tráfico circulará con normalidade exceptuando os propios días de feiras.

Para minimizar o impacto das obras, o goberno local prevé a próxima creación dun aparcamento en Sarmiento Rivera, que contará con preto de 300 prazas de estacionamento. O Concello tamén está traballando xa na ampliación do aparcadoiro de Granitos de Galicia cunhas 50 prazas máis. Mera lembra que o aparcadoiro de Santa Ana se atopa a 2 minutos de Bugallal, os de Granitos, Rosalía de Castro e o futuro de Sarmiento Rivera a 4 minutos e os de Avenida de Castelao, Azorín e Amado Garra a 5 minutos. “Son máis de 700 prazas de aparcamento situadas a menos de 5 minutos camiñando da Praza de Bugallal”, lembra Mera, quen pide a veciñanza e comercio local “comprensión e colaboración. Paga a pena porque en cinco meses teremos unha nova Praza de Bugallal que suporá un novo paso decisivo na mellora da calidade de vida na vila de Ponteareas”.

O BNG, leva ao Parlamento a Casa de Apostas de Redondela

0

A deputada nacionalista, Alexandra Fernández, acompañada do portavoz municipal do BNG en Redondela, Xoán Carlos González, mantivo un encontro con representantes da Coordinadora en contra da casa de Apostas para dar conta dunha propoposición non de lei para debater no Parlamento, xunto a varias preguntas ao goberno autonómico, presentadas polo grupo nacionalista.

“Malia que a apertura do local é un feito de hai meses dende o BNG consideramos que aínda existen algunhas lagoas sobre a concesión da licenza”, transmitíulle a deputada nacionalista aos representantes do colectivo. Considerou de grande importancia a situación desta actividade, presentándoa como unha das primeiras iniciativas como deputada eleita en xullo.

No encontro coa Coordinadora en contra da Casa de Apostas, xunto ao voceiro municipal, Xoán Carlos González, a deputada do BNG recolleu os aspectos básicos de diversas propostas a presentar no Parlamento de Galiza. “O noso principal interese reside en ter copia da acta de medición da distancia da Casa de Apostas ata os centros educativos, da dirección xeral de Emerxencias e Interior”, sinalou Alexandra Fernández.

Recordou que o Regulamento de Casas de Azar de Galiza, “contempla taxativamente que debe haber un mínimo de 150 metros ata os accesos de entrada e saída de centros educativos, aspecto que non se está a cumplir pois a Escola de Música e Conservatorio Víctor Ureña, atópase a menos desta distancia”.

Entre as iniciativas presentadas por Alexandra Fernández, consta unha “proposición non de lei”, para debater no Parlamento Galego, co fin de rexeitar a apertura da Casa de Apostas. Tamén dirixíuse ao goberno galego, para saber se comparte o establecemento desta actividade de ocio e lecer en Redondela, que tanta preocupación está a supoñer entre a veciñanza redondelá. “Dende o Bloque Nacionalista Galego, compartimos a preocupación da Coordinadora e da veciñanza en xeral, por tratarse dunha ameaza a aqueles grupos sociais, que se están a ver máis afectados pola crise económica, establecendo como obxectivo prioritario a mocidade”, valorou a deputada.

Pola súa banda Xoán Carlos González, anunciou a presentación un escrito dirixido á alcaldía, na que se solicitaba un seguemento dos horarios da Casa de Apostas. “Segundo a información da que dispoñemos, estanse a incumprir os horarios de apertura durante a madrugada, tal como se recolle na Orde do 16 de xuño de 2005. Tamén demandamos que se faga seguemento no interior do local por parte da policía, de igual xeito que baixo mandato da alcaldía, se realizou nos últimos meses noutros establecementos”, informou o edil nacionalista.