Mércores, 11 Decembro de 2024

O luns inícianse as obras de humanización da Praza de Bugallal de Ponteareas

A actuación obriga ao Concello a adoptar medidas dirixidas a residentes, comercios, transportistas, taxis ou vendedores ambulantes

Este luns día 26 darán comezo as obras de humanización da Praza de Bugallal, cuxo prazo de execución está establecido en cinco meses e nas que se investirán máis de 600.000 euros. Os traballos que se van executar afectan ao centro neurálxico de Ponteareas e inciden directa ou indirectamente nos residentes e comercios de nove rúas do casco urbano. Tamén afecta a servizos públicos como o de taxis, recollida de lixo ou emerxencias e a actividades como os servizos relixiosos da igrexa católica ou a venda ambulante que deberá ser novamente recolocada noutras zonas da vila.

“É probabelmente a obra de maior complexidade realizada en Ponteareas en décadas porque supón pechar durante meses o centro neurálxico da vila onde conflúen até oito rúas”, explica o concelleiro de Mobilidade Roberto Mera. O edil nacionalista sinalou que “desde a oficina da Policía Local e de Urbanismo avaliáronse todas as problemáticas que se van suscitar e preparáronse as medidas dirixidas a atenuar as molestias e trastornos que calquera obra sempre provoca, especialmente a residentes e comerciantes”.

Entre esas medidas figuran a creación de itinerarios peonís que garantirán o acceso a pé a todas as rúas así como a regulación do acceso rodado de residentes e usuarios de garaxes das zonas afectadas. Ademais relocalizaranse as zonas de carga e descarga actuais da Praza que pasarán aos tramos de Vidales Tomé e Morales Hidalgo máis próximos a Bugallal. Tamén se recolocarán os postos de venda ambulante que agora se situarán ao longo de toda a rúa Morales Hidalgo, Fernández Vega e República Arxentina e na Praza da Música. A parada de taxis trasladarase a Vidales Tomé e os sábados de mañá a Senén Canido. Os accesos rodados para servizos relixiosos que o precisen, como enterros, faranse por Reveriano Soutullo. Ademais establecéronse novos itinerarios para o servizo de recollida de residuos.

O luns realizarase o valado perimetral da praza incluindo a rúa situada diante da Igrexa e cortarase o tráfico xa desde Morales Hidalgo en dirección a Bugallal e desde esta praza en dirección Senén Canido. Na segunda fase dos traballos o tráfico quedará cortado na rúa Constitución e en Vidales Tomé. Mera explica que a zona libre de tráfico como consecuencia das obras será básicamente a que se corresponde coas feiras e mercados dos sábados agás ao redor do auditorio onde o tráfico circulará con normalidade exceptuando os propios días de feiras.

Para minimizar o impacto das obras, o goberno local prevé a próxima creación dun aparcamento en Sarmiento Rivera, que contará con preto de 300 prazas de estacionamento. O Concello tamén está traballando xa na ampliación do aparcadoiro de Granitos de Galicia cunhas 50 prazas máis. Mera lembra que o aparcadoiro de Santa Ana se atopa a 2 minutos de Bugallal, os de Granitos, Rosalía de Castro e o futuro de Sarmiento Rivera a 4 minutos e os de Avenida de Castelao, Azorín e Amado Garra a 5 minutos. “Son máis de 700 prazas de aparcamento situadas a menos de 5 minutos camiñando da Praza de Bugallal”, lembra Mera, quen pide a veciñanza e comercio local “comprensión e colaboración. Paga a pena porque en cinco meses teremos unha nova Praza de Bugallal que suporá un novo paso decisivo na mellora da calidade de vida na vila de Ponteareas”.