7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaGonzalo Caballero pide que Feijóo respalde a petición de estado de alarma...

    Gonzalo Caballero pide que Feijóo respalde a petición de estado de alarma para “dotar de seguridade xurídica as medidas contra a COVID”

    O PSdeG pedirá que comparezan na comisión de reconstrución a responsable de Domus VI, traballadoras e usuarios das residencias, economistas como Laxe e os presidentes da FEMP e a Fegamp, entre outros

    O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, requiriu hoxe a Feijóo “responsabilidade” e “sensatez” para sumarse á petición doutras nove comunidades autónomas de que se declare o estado de alarma, toda vez que se trata do mecanismo que aporta “máis fortaleza e máis seguridade xurídica” ás medidas e restricións necesarias na loita contra a propagación do coronavirus.

    “Que Feijóo non obstaculice a loita contra a pandemia”, remarcou Gonzalo Caballero nunha comparecencia ante os medios, na que fixo fincapé en que Feijóo ten que “colaborar” para frear esta segunda vaga da covid e deixar de lado “a estratexia de confrontación do PP”.

    “Cada día que pasa é un día perdido”, advertiu o máximo dirixente do PSdeG, quen reclamou que Galicia se dote dun “plan de resposta fronte á covid” que inclúa o “reforzamento inmediato” do sistema sanitario público, especialmente no que atinxe á atención primaria.

    Neste punto, Gonzalo Caballero deixou claro que fortalecer a sanidade pública “non é poñer consultas telefónicas”, senón contar con profesionais e recursos suficientes para deixar de aprazar operacións e consultas. “Frear o virus é a mellor forma de defender a saúde”, remarcou, consciente da importancia de dobregar de novo a curva para poder manter “a actividade social e a actividade económica”.

    Comisión de Reconstrucción

    En paralelo, o secretario xeral do PSdeG puxo o foco na importancia de traballar na comisión de reconstrución constituída no Parlamento galego e lamentou a “urxencia” imposta por PP e BNG para rematar o seu traballo no primeiro mes do ano, cando aínda non estarán dispoñibles os fondos procedentes da Unión Europea.

    Por iso, amosouse aberto a “ampliar” o prazo do traballo deste órgano parlamentario, máxime nun contexto no que a reconstrución vai ser a prioridade de toda a lexislatura.

    De aí que garantiu que o PSdeG “traballará arreo” na comisión, á que presenta un plan de traballo que inclúe aos sindicatos e á patronal; a economistas de referencia como o catedrático Fernando González Laxe, membro do Foro Económico de Galicia; e a expertos nos eidos medioambiental, da transición dixital, do medio rural…

    Do mesmo xeito, o PSdeG requirirá a presencia dos referentes do municipalismo, coa comparecencia do presidente da Fegamp, Alberto Varela, para abordar a cooperación entre concellos e Xunta; e a do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen xa compareceu no Congreso dos Deputados, para abordar a reconstrución do país dende a perspectiva municipalista.

    No tocante á sanidade, Gonzalo Caballero deu conta de que pedirá que comparezan os representantes de entidades como a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, SOS Sanidade Pública ou Enfermeiras en Loita, así como representantes sindicais da sanidade, expertos e profesionais, entre outros.

    Tamén cómpre escoitar a representantes da comunidade educativa, como os reitores das universidades públicas, os representantes do profesorado e das anpas. Así mesmo, o PSdeG solicitará a participación de expertos educativos como Carmen Fernández Morante, presidenta dos decanos de Educación de España, para abordar as medidas necesarias no eido educativo.

    Canto á política social, o líder do PSdeG recordou que Feijóo rexeitou a comisión específica sobre as residencias de maiores, onde faleceron centos de persoas na primeira vaga da covid, argüíndo que se trataría na de reconstrución.

    Por iso, os socialistas chamarán aos representante de REDE, a asociación de familiares de usuarios de residencias de maiores; de Trega, a entidade que agrupa ás traballadoras destes centros; e á conselleira delegada de Domus VI, a maior empresa xeriátrica que opera en Galicia.

    O plan de traballo proposto polo PSdeG incluirá entre os comparecentes representantes tamén dos eidos da cultura, da igualdade, da discapacidade e da loita contra a pobreza, entre outros; e demandará informes a distintos colectivos, entidades, organismos e colexios profesionais.

    Finalmente, Gonzalo Caballero defendeu a habilitación dunha caixa de correo para que o Parlamento poida recibir propostas e suxestións da sociedade civil, tal e como se fixo na comisión da reconstrución do Congreso dos Deputados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.