O Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra dotarán de respectivas sendas peonís os tramos comprendidos entre San Roque de Camos e Chandebrito (EP 2102) e o de A Areíña e a Igrexa de Santiago de Parada (EP 2106). Tras recibir a petición de mans do alcalde e do edil de Mobilidade o 31 de xullo nun encontro co deputado provincial Gregorio Agís, o ente provincial ven de contratar a redacción de ambos proxectos. Os traballos de medición arrancarán a vindeira semana e, unha vez rematados os proxectos, Concello e Deputación asinarán un convenio de colaboración para financiar as correspondentes obras.
“Son dúas estradas provinciais moi transitadas por peóns e vehículos e que non teñen ningún tipo de beirarrúas, polo que significará unha importantísima mellora da seguridade viaria nestas parroquias”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que se trata nos dous casos dunha vella demanda veciñal e que coinciden en que a maior parte discorre entre fincas forestais “facilitando así os futuros traballos de ampliazón”.
Concretamente, en Camos dotarase de senda peonil 4,3 qm que comprenden desde o punto kilométrico 2+600 (Torreiro de San Roque) ao 6+900 (núcleo de Pracíns, en Chandebrito). Trátase dun tramo esencial porque é a única vía de comunicación entre ambas parroquias e porque é empregado pola veciñanza dos barrios de A Cruz, San Roque, Rotea ou Piñeiros para realizar paseos deportivos, polo que se coñece popularmente como unha ‘ruta do colesterol’. Pola súa banda, o tramo de Parada comprende 995 metros entre o cruce de A Areíña e o barrio de A Igrexa, tramo tamén fundamental na parroquia porque une dous núcleos poboacionais e tamén se emprega para paseos deportivos.
“Estamos nun primeiro paso demandando historicamente, o obxectivo posterior é ampliar estas sendas peonís para que en Camos se estenda ata o barrio de A Cruz e en Parada ata a Carrasca e San Pedro da Ramallosa. O peón é a nosa prioridade e seguiremos nesta liña de crear sendas seguras en todo o municipio”, finaliza o alcalde.