Sábado, 18 Xaneiro de 2025

O alcalde de Cerveira apela ao “civismo das poboacións” ante unha COVID-19 que continúa a condicionar relacións transfronteirizas

Coa prohibición de circulación entre concellos decretada polo Goberno de Portugal, entre os días 30 de outubro e 03 de novembro, como contención da pandemia Covid-19, o presidente da Câmara Municipal de Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, “apela a que sexan cumpridas rigorosamente estas directrices”. Fronte ás inmensas dúbidas levantadas por cidadáns galegos, dada a proximidade xeográfica e a excelente relación de cooperación transfronteiriza, Nogueira interpreta que “a medida sexa extensível a cidadáns estranxeiros”.

“Se non se pode circular entre concellos portugueses, automaticamente os nosos veciños galegos, sendo doutro concello, tamén deben seguir estas directrices”, apela o alcalde cerveirense, engadindo que, “a pesar das fronteiras continuaren abertas, só deben acceder aqueles cidadáns que teñan autorización previa por motivos profesionais ou outros aprobados na resolución do Consello de Ministros, deste xoves”.

O edil cerveirense relembra que, como forma de evitar este tipo de situacións no futuro, o AECT Río Miño reivindicou a creación da figura do ‘traballador transfronteirizo’, que foi recentemente enmarcado na Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo, anunciado na Cume Luso-Española da Guarda.

En todo caso e respecto á Feira Semanal de Vila Nova de Cerveira, “que se realiza todos os sábados e é bastante visitada polos nosos irmáns galegos”, o Concello de Cerveira vai agardar a comunicación de directivas nacionais máis específicas e, “durante a próxima semana, será ponderada a súa realización ou non, mais é correcto que non deben acceder cidadáns doutros concellos, porque feirar non é unha actividade profesional e prioritaria”.

A decisión divulgada este xoves de volver a limitar a circulación xorde pouco máis dunha semana, tras o Consello de Ministros anunciar o regreso do estado de calamidade.