14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Grupo Socialista denuncia o abandono das estradas comarcais competencia da Xunta...

    O Grupo Socialista denuncia o abandono das estradas comarcais competencia da Xunta de Galicia ao seu paso por Redondela

    O PSOE amosa confía “en que o PP local poña o mesmo empeño e interese en solicitar á execución destas obras como pon naquelas que son competencia doutras administracións”

    O Grupo Municipal Socialista do Concello de Redondela vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno da Corporación, no que esixe a urxente mellora das tres estradas autonómicas do municipio, e sobre as que o Concello de Redondela transmitiu en reiteradas ocasións á necesidade de obras de conservación, mantemento e melloras da seguridade viaria. “Á data de hoxe, seguimos esperando unha resposta da Consellería a estas solicitudes”, sinala o grupo socialista.

    O PSOE do Concello de Redondela lembra que, no caso cunha destas vías –a Avenida Mendiño (PO-363) e na véspera das eleccións municipais– tivo lugar unha das maiores “faltas de respecto á veciñanza”. O entón alcalde de Redondela Javier Bas e a conselleira Ethel Vázquez, “anunciaban por todo o alto as’ inminentes’ obras de remodelación de dita avenida, obras que segundo afirmou o exalcalde, comezarían en xuño de 2019”. O tempo deixou claro que non era máis que propaganda electoral xa que o novo Goberno puido comprobar que o proxecto “de execución inminente” estaba moi lonxe de ser unha realidade.

    En outubro, a portavoz do PP “coa imprudencia que ás veces a caracteriza” instaba á alcaldesa “a poñerse en contacto coa Consellería para determinar as condicións do convenio e así poñelo en marcha”, lembra o grupo socialista que salienta que “a portavoz popular descoñecía que o Goberno local levaba intentado, en múltiples ocasións, poñerse en contacto coa Consellería sen que esta dera resposta algunha”. A posterior notificación que entraba no rexistro do Concello con data de 24 de marzo “na que se daba traslado dun borrador de convenio para esa obra –PO-363 treito Redondela-Praia de Cesantes–, deixaba claro que cando o PP instaba ao Goberno local a poñerse en contacto coa Consellería, o silencio desta viña dado porque non existía tal convenio e nin tan sequera un borrador”.

    Lamentablemente, engade o PSdeG-PSOE, “a día de hoxe, logo de enviar toda a documentación requirida en tempo e forma, non se ten contestación algunha por parte da Xunta”.

    Doutra banda, e non que a estrada PO-250 Redondela-Pazos de Borbén fai referencia, o Concello leva requirido á Xunta, en diversas ocasións, o arranxo desta vía que no seu primeiro treito “ten unha alta perigosidade para os peóns, tanto polas características da propia vía coma polas beirarrúas que, en determinadas zonas, contan con apenas 90 cm de anchura”. Cómpre salientar, apunta o Grupo Municipal Socialista “que se trata dun treito incluído no casco urbano de Redondela e que conta cun enorme volume de circulación de vehículos, incluídos os de alta tonelaxe”.

    Ao mesmo tempo, no pk 208 desta estrada existe un muro derrubado que supón un perigo para a seguridade viaria. Hai tempo, lembra o grupo socialista do Concello de Redondela, “dito muro fora expropiado pola Xunta de Galicia para a ampliación do vial. Dende entón os derrubos son constantes e, nestes momentos, atópase balizado. Por parte do Concello abriuse expediente e notificouse á Xunta pero, pasado case un ano, nin o arranxan, nin amplían o vial”.

    Pídese, neste caso, unha mellora da seguridade viaria e acadar a accesibilidade universal, con redución da velocidade creando unha zona segura limitada a 30 km/h, ao igual que no resto do casco urbano, e prohibición de circulación de vehículos de alta tonelaxe. Amais, pídese a creación de pasos de peóns elevados, sinalización lumínica ou mellora da actual sinalización tanto vertical coma horizontal.

    Con estes antecedentes, a moción presentada polo PSdeG-PSOE pide, por unha banda, que o Pleno inste á Xunta de Galicia á sinatura do convenio para as actuacións de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da PO-363, treito Redondela-Praia de Cesantes.

    Do mesmo xeito búscase o apoio do Pleno para instar ao Goberno galego á realizar as actuacións solicitadas á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na estrada PO-250, treito Redondela-Reboreda.

    O Grupo Municipal Socialista confía, finalmente, en que o PP local “poña o mesmo empeño e interese en solicitar á execución destas obras como pon naquelas que son competencia doutras administracións”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.