9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarGondomar resulta beneficiario do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

    Gondomar resulta beneficiario do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

    O goberno tamén aprobou o contrato ponte para que os concellos poidan seguir mantendo o servizo de administración electrónica ata que entre en vigor o novo convenio

    A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe total de 454.000 euros, ao abeiro do Plan Concellos, para A Estrada, Gondomar, Moaña, Ponte Caldelas, Vilaboa e Caldas de Reis.

    En concreto, a Deputación destina á Estrada 82.843 euros para a financiación das rutas de sendeirismo polo termo municipal da vila. Con esta actividade trátase de impulsar espazos para o paseo e a actividade física ao aire libre mediante 9 rutas de sendeirismo. Máis polo miúdo, serán 8 rutas circulares repartidas polos catro puntos cardinais do casco urbano e conectables entre si, con percorridos entre 5 e 10 quilómetros para usuarios de nivel baixo e moderado ou percorridos de ata 25 quilómetros para usuarios de maior esixencia. Tamén haberá unha novena ruta denominada “Ruta das Eléctricas” para o paseo e para cros, que segue un percorrido paralelo ao Río Liñares. As obras abranguen a limpeza e acondicionamento de sendeiros e instalación de sinalización para os percorridos.

    No caso de Gondomar, recibirá unha achega de 81.869,43 euros para a reparación e mellora da pavimentación no camiño das Laxes (Couso), que actualmente se atopa en estado irregular con fochancas e fisuras. Para darlle solución, executarase unha nova capa de rodadura e tamén se ancheará o viario nas zonas que sexa posible. Pola súa banda, Moaña contará cun investimento de 124.252 euros para o proxecto de asfaltado de varios viarios no termo municipal, concretamente no Camiño do Lazareto en Tirán, Camiño da Fanequeira en Meira, Camiño da Costa en Domaio, Camiño de Fonte Bieita e Camiño de Bouza Murilla, así como no tramo inicial Daniel Castelao.

    En canto a Ponte Caldelas, a Deputación destina 84.078,65 euros para  financiar a mellora da mobilidade peonil nun tramo da rúa da Ponte, facilitando á cidadanía os desprazamentos sen vehículo motorizado. En concreto, actuarase no tramo entre a ponte sobre o río Verdugo e a praza do Bispo García Barros, reducindo a superficie destinada aos vehículos e preparando para as e os peóns e peoas todos os espazos dispoñibles. Para Vilaboa, o goberno provincial destina unha achega de 63.662,99 euros para o financiamento da conservación da envolvente do pavillón polideportivo do Toural. Deste xeito, vaise solucionar o problema de filtración de augas do pavillón paliando parte dos defectos de construción da infraestrutura, con tarefas de conservación da envolvente e de impermeabilización da estrutura.

    Por último, a Deputación tamén aprobou unha autorización para que o concello de Caldas poida dispoñer das baixas procedentes dos investimentos “Cantina do Campo de Fútbol de As Corticeiras” e da “Reposición de canalización en rúa Fornos”. Neste eido, Caldas solicita empregar as dúas baixas por valor de 17.718,48 euros para a pavimentación dun tramo de camiño desde Casaldrago ata o límite do termo municipal de Cuntis.

    Contrato ponte para garantir a administración electrónica nos concellos

    A Deputación de Pontevedra tamén vén de aprobar un contrato ponte, por importe de 234.246,21 euros para que os concellos da provincia poidan seguir mantendo o servizo provincial de administración electrónica ata que entre en vigor o próximo ano o novo convenio que dará cobertura á prestación do servizo entre o 2021 e o 2025.

    A presidenta da Deputación recordou que “cando chegamos á Deputación de Pontevedra os concellos da provincia non tiñan administración electrónica, cando era unha obriga legal. Tivemos que destinar recursos e impulsar un convenio para garantir este servizo, fundamental para modernizar a administración local e atender á cidadanía, en todos os concellos”. Silva asegurou que, dado que a vixencia do convenio remata este mes de novembro e polas “serias dificultades” dos concellos para facer fronte aos custos que supón a administración electrónica, o goberno vén de aprobar un novo para os próximos catro anos. Por este motivo lánzase un contrato ponte, para permitir “que de aquí a que entre en vigor o novo convenio, no 2021, os concellos poidan manter os servizos da administración electrónica”. O novo convenio vai permitir seguir financiando aos 54 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades xa adheridos. Ademais, tamén posibilitará que “tres concellos que non se tiñan sumado ao proxecto da Deputación –Nigrán, Ribadumia e Vilanova- poidan facelo se así o deciden”. En liñas xerais, a Deputación asumirá “o pagamento moi maioritario do custe do proxecto” e os concellos van ter que achegar “unha contraprestación moi menor”, que se sitúa en 1.000 € para os concellos de menos de 3.000 habitantes, 1.500 € para os que teñan entre 3.001 e 5.000, 2.500 € para aqueles de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 3.500 € para os concellos con entre 10.001 e 15.000, 4.500 € para os de entre 15.001 e 20.000 e 5.500 € para os que sumen entre 20.001 e 30.000 habitantes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.