O Goberno local de Redondela cualificou hoxe de “absolutamente inaceptable” a situación que están a padecer as veciñas e veciños do municipio “sometidos unha máis que deficiente atención sanitaria” nos centros de saúde de Redondela e Chapela. Cunha atención telefónica colapsada e sen posibilidade de ter citas presenciais “a cidadanía síntese totalmente desprotexida nun momento crítico como o que estamos a vivir”, afirma a alcaldesa Digna Rivas.
O Concello de Redondela solicitou en diversas ocasións, unha reunión con Roberto Devesa González, xefe de servizo dos centros de saúde de Redondela, “sen que nin sequera contestaran a ditos requirimentos”. No día de onte, o Concello remitiu un novo correo electrónico “urxindo unha reunión que consideramos máis que necesaria ante unha situación de abandono da nosa veciñanza que, como Goberno, nin podemos nin imos consentir”, afirmou con rotundidade Digna Rivas.
A alcaldesa redondelá asegura que “estamos abertos á toda a colaboración que faga falta e a poñer os medios que, dentro das nosas competencias e nosas posibilidades, sexan precisos”, pero para iso considera Digna Rivas que é “imprescindible unha reunión para coordinar as actuacións e conseguir que estas sexan eficaces e garantan a saúde das nosas veciñas e veciños”.
O Concello de Redondela “sempre colaborou con todas as administracións nesta crise sanitaria, máis aló do que establecían as súas propias competencias”, engade a alcaldesa de Redondela “por iso non podemos tolerar unha situación na que se ignoran, deliberadamente, as insistentes peticións dunha reunión que permita atopar ofrecer solucións á veciñanza”.
O caos da vacinación antigripal
As queixas do Concello de Redondela van máis aló ao considerar a campaña de vacinación antigripal realizada pola Xunta como “un despropósito”. O Concello ten recibidas, nas últimas horas, queixas de veciñas e veciños das diferentes parroquias, que acudiron aos Centros de Saúde na data que se lles indicaba e “tiveron que volver sen vacinarse porque se tiñan rematado as vacinas”.
As veciñas e veciños que son grupo de risco nas parroquias do rural, son persoas maiores que teñen que facer o esforzo de desprazarse ata o centro de saúde, polos seus propios medios ou, na maior parte dos casos, buscando alguén que os leve, polo que o Goberno local considera “unha absoluta falta de sensibilidade” que nin tan sequera se lles avisara da circunstancia de que non había vacinas dispoñibles “aforrándolles a viaxe e a preocupación engadida de volver as súas casas sen vacinar sendo grupo de risco”.
Tampouco é moi normal, engade a alcaldesa Digna Rivas, “que no mes de outubro se lles estea dando vez para vacinarse en decembro, circunstancia que nas persoas de idade, produce moitas veces, unha situación de ansiedade que afecta a súa saúde”.
Colaboración do Concello na campaña de vacinación
Dende a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Roberto Villar lamentan esta situación despois da colaboración deste departamento do Concello na difusión desta campaña polo territorio municipal.
“Dende que Sanidade pediu colaboración para a difusión da campaña de vacinación aceptamos sen miramentos, puxémonos a traballar en canto chegou o material de difusión . Aportamos xestión administrativa, levamos carteis informativos por todas as parroquias, utilizamos os medios de difusión o noso alcance e comezamos o reparto de 700 máscaras co logotipo da campaña no tempo e forma que nos solicitaban. E agora a veciñanza que decidiu vacinarse atopase cun servizo que non corresponde coa campaña publicitaria da Xunta de Galicia unha verdadeira pena despois do esforzo realizado”, apunta co concelleiro Roberto Villar.
A rexedora local remata sinalando que insistirán na petición dunha reunión co xefe de servizo dos centros de saúde de Redondela e Chapela aínda que adianta que, de seguir sen contestación, “optaremos por outras vías, como dirixirnos directamente á Consellería. A saúde das nosas veciñas e veciños é prioritaria e, ante iso, o Goberno adoptará todas as medidas que estean na súa man para poñer remedio á situación”.