Esta mañá celebrouse no Pazo de Mos o Pleno Ordinario do mes de outubro no que a maioría dos puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade dos membros da Corporación Municipal. De 9 asuntos tratados, 7 aprobáronse por unanimidade e 2 por maioría.
Os puntos aprobados por unanimidade foron o borrador da acta da sesión anterior (28 de setembro de 2020), o Expediente de Nomeamento do Xuíz de Paz substituto, o Expediente de Expropiación forzosa de 1 propietario para poder acometer a obra de humanización en Cela, o Expediente de Adopción do Réxime de Fiscalización Limitada Previa, o Expediente de Bonificación ou Exención do IBI (Imposto de Bens Inmobles) ás Asociacións Culturais do municipio, a Moción do BNG sobre prolongación ao ano 2021 do Día das Letras Galegas dedicado a Carvalho Calero e a Declaración Institucional conxunta de todos os grupos da Corporación de apoio ao comité de empresa e a todos/as os/as traballadores de Maderas Iglesias.
No caso da bonificación do IBI do ano 2020 ás asociacións culturais mosenses acordouse que quedan exentas do pago do 95 % do importe do imposto un total de 5 agrupacións que son a Asociación Veciñal Cultural Ledicia, a Asociación de Veciños Santa Baia de Mos, a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, o Centro Cultural e Social de Herville e a Asociación Cultural e Deportiva Celado. Deste xeito entre as 5 asociacións o Concello de Mos bonifica impostos de IBI anuais por preto de 3.000 euros, 2.770,78 euros para ser exactos. Ao Pleno do mes que ven irá a exención do IBI para unha asociación mosense máis, a A.V.V. Chan do Bosque de Amieirolongo, que sería a sexta que recibe esta bonificación do 95 % deste imposto este ano.
Deste xeito “o Concello de Mos continúa a apostar pola cultura mosense e apoiar aos seus principais promotores, que son os centros, colectivos e asociacións culturais do municipio”, declaraba esta mañá no Pleno a alcadesa, Nidia Arévalo.

Respecto da Declaración Institucional de apoio aos traballadores/as de Maderas Iglesias, destacar que a empresa conta con persoal afectado dos concellos de Salvaterra, é o máis afectado con 34 veciños entre os traballadores de Maderas Iglesias, O Porriño ten 25; Ponteareas, 23; Mos, 20; Salceda de Caselas, 10 e Tomiño, 2. A rexedora local mosense manifestou o seu respaldo aos traballadores e informou de que entre as súas xestións neste senso mantén comunicacións periódicas e frecuentes co director do Instituto Galego de Apoio e Promoción Económica (IGAPE).
Abordando agora os dous puntos que foron aprobados por maioría, referenciamos a aprobación da Conta Xeral do exercizo 2019, cuxa aprobación produciuse cos votos a favor do equipo de goberno, a abstención do PSOE e da concelleira non adscrita Verónica Costas e os votos en contra de BNG e GañaMos.
A Conta Xeral do ano pasado aprobouse cun Remanente de Tesourería negativo de 555.000 euros e case sen facturas pendentes de pago, tal e como corroborou no Pleno a propia Interventora Municipal. Neste senso a alcaldesa declarou sentirse “moi satisfeita cos números que estamos a poñer enriba da mesa e a pesar de que o Concello de Mos aínda non ingresa para os gastos que ten, estamos a lograr reconducir a situación sen realizar unha ponencia de valores actualizando os impostos e taxas e co que os contribuíntes mosenses terían que pagar máis. Non quixemos facelo o ano pasado e moito menos este, no que a crise económica derivada da COVID-19 é acuciante”. E insistiu Arévalo no dato de ter logrado reducir o Remanente de Tesourería negativo en tan só un ano de -1.300.000 euros en 2018 a -500.000 euros en 2019; e o que é máis importante, dárlle a volta ao dato da Estabilidade Orzamentaria pasando de -200.000 euros en 2018 a +1,5 millóns de euros en 2019.
Ademais a rexedora local destacou do modelo de xestión económica do goberno local mosense “a previsión aprobando sempre o orzamento anual municipal antes do inicio do novo ano e cumprindo escrupulosamente unha folla de ruta que ven marcada polo programa electoral presentado cada 4 anos”.
Por último a Moción da concelleira non adscrita, Verónica Costas, sobre a Estrada Provincial Puxeiros–Mos aprobouse coa votación favorable dela mesma, do equipo de goberno e de GañaMos; e coa abstención de PSOE e BNG.
Esta moción que ven a instar a que a humanización da Estrada Puxeiros-Mos se acometa con urxencia e dunha vez por todas, dadas as condicións nas que se atopa o vial, aplaude e agradece tamén a iniciativa e apoio das agrupacións veciñais das parroquias afectadas de Tameiga, Dornelas, Torroso e Mos; o que destacou na súa intervención o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, quen tamén lembrou que o Concello xa lle presentou á Deputación o proxecto para esta obra e que “igual que na administración provincial hai fondos para outros concellos tamén esiximos que os haxa para Mos e máis neste caso, cando se trata dunha estrada cunha problemática tremenda e queremos que se actúe en toda a lonxitude do vial, e xa non nos vale a excusa dos gobernos anteriores porque os dirixentes actuais levan xa 6 anos no goberno”.
A realidade é que a data de hoxe só existe en Deputación un borrador, pero de momento nin existe proxecto nin dotación orzamentaria para o mesmo, por iso con esta moción o que se pretende é que se axilice un asunto de importancia capital para o Concello de Mos e para a súa veciñanza.