9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación abre unha liña de subvencións para poñer en valor o...

    A Deputación abre unha liña de subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia

    O obxectivo é a rehabilitación e conservación de embarcacións, aparellos e artes, construcións e instalacións destinadas á promoción sociocultural ou musealización

    A Deputación vén de aprobar unha nova liña de subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia. Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega a intención é fomentar a recuperacións de bens de interese que integran o patrimonio relacionado co mar e os ríos na provincia, “que conta cunha grande riqueza e singularidade que é preciso preservar e difundir”, motivo polo que se aprobou unha partida de 150.000 euros que se repartirá en axudas dun importe máximo de 10.000 euros.

    Entre as actuacións que poderán recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación. Así mesmo, tamén se inclúen todos aqueles accesorios e equipamento das embarcacións que sexan de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…). As embarcacións deberán sempre destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización.

    Outras das actuacións subvencionadas serán as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.

    Así mesmo, incluiranse nas axudas as intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais.

    As axudas desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, teñen un orzamento de 150.000 euros e o importe máximo da subvención para cada actuación non poderá exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de dez mil (10.000,00) euros. No caso de que os proxectos financiados non esgoten a partida orzamentaria, poderá superarse o límite de dez mil euros por proxecto (sempre que non se supere o 80 % do orzamento), baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.

     As subvencións poderán solicitarse unha vez se publiquen oficialmente no BOPPO as bases da convocatoria, data a partir da que haberá un mes de prazo para a entrega da documentación. Poderán acceder á subvención mediante concorrencia competitiva as entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial de Galicia. Todas as actuacións subvencionadas deberán ter sido realizadas ao longo de 2020 e empregar solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lle sexan propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura, aceptándose o emprego dos bens recuperados para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.