Mércores, 16 Xullo de 2025

O Concello de Baiona realiza unha desinfección xeral no Pavillón Municipal de Deportes

0

O Concello de Baiona realizou unha desinfección xeral no Pavillón Municipal de Deportes durante a pasada fin de semana. Este reforzo na limpeza súmase á desinfección diaria que se realizan na pista central, na pista de pádel, na sala de máquinas, na sala multiusos e nas oficinas do edificio municipal.

Para realizar o traballo, a empresa seguiu o protocolo de limpeza marcado polo Ministerio de Fomento que consiste en desengrasar primeiro para aplicar despois hipoclorito ou virucida. Tratouse dun traballo laborioso xa que hai moito habitáculo, no pavillón, hai que limpar asento por asento, columnas e toda a superficie. Tamén se actuou no exterior baldeando con deterxentes tensioactivos e virucida.

O horario das instalacións é de luns a venres de 8:00 a 23:00 horas, de forma ininterrompida. Sábados de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Actualmente non se traballa co sistema de cita previa pero utilizarase este sistema en caso de poder chegar a superar o aforo. De ser así, haberá que solicitar cita previa para realizar exercicio na sala de máquinas e gozar das actividades dirixidas. Se é necesaria a cita previa para alugar a pista de pádel. Para todas estas xestións a cidadanía debe facelo a través do teléfono 986 356 558.

Existe un protocolo de acceso ás instalacións, que é controlado polo persoal de recepción. Os usuarios deben acceder con máscara decidindo o seu uso ou non á hora de facer práctica deportiva, e levar a toalla e esterilla de casa. O acceso ao Pavillón realízase pola porta principal situada no piso de arriba e a saída polo portón de pista para así evitar cruces de xente. As persoas con algún tipo de discapacidade que necesiten utilizar outro acceso e/ou o ascensor poderán telo á súa disposición sempre respectando as medidas de seguridade.

Os usuarios teñen que cubrir e asinar un modelo de declaración responsable de non ter síntomas compatibles con Covid-19 ou estar en contacto con algún enfermo. Na entrada tómaselles a temperatura (máxima 37,2 c) e hixienízanse as mans. Ademais, achégaselles un pulverizador para a limpeza e desinfección de cada espazo e material utilizado para a súa maior tranquilidade e uso se así o require. Establecéronse diferentes zonas para a práctica deportiva, debidamente sinalizadas, que respectan a distancia de seguridade e evitan o cruzamento de persoas. Desde a Concellería de Deportes instan a respectar as normas e cumprir coa responsabilidade individual para evitar riscos.

Haberá un monitor para clases colectivas na pista do Pavillón, un monitor para clases de spining (aula aeróbic) en monitor permanente en sala Gym para o control de espazos de usuarios. O aforo do ximnasio está limitado ao 50% e as clases grupais desenvolveranse cun máximo de 5 persoas máis o monitor.

O Concello de Nigrán cancelará todas as actividades deportivas e culturais municipais durante o peche perimetral

0

O Concello de Nigrán cancela a partir do sábado todas as actividades culturais e deportivas municipais mentres teña vixencia o novo peche perimetral, polo que esta será a derradeira semana ata novo aviso.  O goberno local toma esta decisión atendendo ao protocolo publicado hoxe no DOGA e que entra en vigor desde o 7 de novembro, xa que limita a práctica deportiva ao modo individual e aos clubes federados e, paralelamente, os encontros deben cinguirse aos convivintes.

Igualmente, o Concello manterá abertas as súas instalacións deportivas (pavillón municipal e campos de fútbol de Vilariño e Condomínguez) para os clubes do municipio federados e que, segundo o decreto 179/2020 de 4 de novembro, poden seguir adestrando ou competindo (sería o caso da ED Val Miñor Nigrán, Racing Vilariño, Panxón-Nigrán F.S.  e  Club Baloncesto Nigrán).

“Como sempre, pedimos paciencia, cariño e calma. A Consellería de Sanidade toma estas medidas para impedir que o virus siga propagándose a este ritmo tan rápido e, entre todos, temos que cumprir responsablemente as novas normas para conseguir, de verdade, frealo e pasar un Nadal o menos raro posible”, subliña o alcalde, Juan González.

Represas traslada á delegada da Xunta, Luisa Piñeiro, as prioridades de Ponteareas consensuadas por toda a Corporación

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, e María Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, mantiveron onte unha xuntanza con motivo da súa primeira visita institucional ao concello de Ponteareas na que o alcalde, acompañado pola segunda tenente de alcalde, Chus Garrote, presentou as prioridades de Ponteareas que foron consensuadas por todos os grupos políticos da Corporación e aprobadas en Pleno por unanimidade.

“Para Ponteareas é crucial nestes momentos a concreción, no vindeiro ano 2021, por parte da Xunta de Galicia, das actuacións nas que todas as forzas políticas coincidimos por  consideralas vitais para o futuro de Ponteareas”, manifestou o alcalde de Ponteareas

Na reunión que tivo lugar na alcaldía, o alcalde entregoulle á delegada da Xunta de Galicia a relación xustificada destas prioridades entre as que o alcalde destacou as relacionadas con servizos básicos á cidadanía como abastecemento e saneamento; completar a rede de abastecemento municipal nas parroquias de Moreira e San Mateo de Oliveira e o saneamento da parroquia de Ribadetea.

Represas tamén pedíu a implicación da Xunta de Galicia para acometar con urxencia as obras de mellora de seguridade viaria que precisa a estrada autonómica PO-403 desde o enlace da A-52 en Moreira ata o núcleo urbano e manifestou a disposicion do Concello a colaborar coa Xunta na realización do proxecto de transformación do tramo desa estrada na Avda. Castelao en base ao Plan de Mobilidade municipal, “é un tramo urbano no que a Xunta de Galicia ten as competencias”.

Con respecto aos centros educativos, o alcalde trasladou as demandas das ANPAS e da comunidade educativa en xeral sobre a necesidade de realizar obras de mellora da eficiencia enerxética nos centros, así como a reforma do CEIP Fermín Bouza Brey e o ximnasio do CEIP de Oliveira.

Outra das peticións acordada por todas as forzas políticas de Ponteareas é a ampliación do Centro de Saúde.

Finalmente, o alcalde tamén lle trasladou a Luisa Piñeiro, a demanda de que a Xunta de Galicia compense aos Concellos polos gastos de hixienización dos colexios que con  motivo da pandemia está asumindo en solitario o Concello cando é un gasto sanitario competencia da Xunta de Galicia.

A visita finalizou co compromiso de Concello e Xunta de traballar conxuntamente coa máxima colaboración.

Gonzalo Caballero apoia as restricións fronte á Covid, pero reclama a Feijoo “máis consistencia e menos improvisación”

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu amosar, durante a súa intervención na comisión da reconstrución, o seu apoio ás restricións que está aprobando a Xunta para facer fronte ao avance da pandemia en Galicia, pero esixiu a Feijóo que explique por que mantén abertas as fronteiras da comunidade mentres pecha 60 concellos. “Máis consistencia e menos improvisación”, requiriu.

“Pódese viaxar desde Madrid a moitos concellos de Galicia aos que non se pode ir desde Vigo ou A Coruña”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que Feijóo ten que explicar a “inconsistencia” das novas restricións co feito de que a comunidade non fose blindada.

En todo caso, Gonzalo Caballero deixou claro que “nós respaldaremos as medidas que adopte o goberno galego”, como autoridade á que lle compete e que ten “toda a información” para fundamentar as súas decisións.

Iso si, o secretario xeral do PSdeG reclamou á Xunta “transparencia” sobre os datos e “medidas ponderadas e equilibradas” fronte aos riscos da covid, así como que vaian “acompasadas” co “rescate” do tecido produtivo. “Cómpre un plan extraordinario de axudas directas aos sectores afectados”, subliñou, consciente de que a hostalería, o comercio, os autónomos ou as industrias culturais se senten hoxe “abandonados” polo goberno galego.

“NON DEIXAR A NINGUÉN ATRÁS”

De feito, en resposta á comparecencia do expresidente socialista da Xunta Fernando González Laxe, Gonzalo Caballero reclamou medidas orientadas a “non deixar a ninguén atrás” na saída desta crise.

“Temos que responder defendendo a saúde das persoas e potenciando a economía”, destacou, crítico coa ausencia de política económica nos gobernos de Feijóo, que tivo como consecuencia a perda -antes da aparición da covid- de 70.000 empregos nun momento no que en España se crearon 670.000.

Así mesmo, o máximo dirixente do PSdeG amosou a súa preocupación pola falla de “estratexia global” da Xunta á hora de captar fondos europeos e puxo sobre a mesa “os riscos de desigualdade” que trae consigo esta crise.

“ESTA CRISE ESIXE TOMAR MEDIDAS”

Ao respecto, Fernando González Laxe incidiu en que un 8% da poboación galega está en taxas de pobreza severa, así como no feito de que un 43% das pensións que se perciben en Galicia (un 52% delas, de viuvez) están por baixo do limiar da pobreza. “Falamos de preto de medio millón de persoas”, recalcou.

Do mesmo xeito, o economista puxo o foco nas “dificultades” das mulleres, especificamente aquelas con menos formación, e sobre a “fuga de cerebros” que se está producindo en Galicia. “Esta crise esixe tomar medidas”, defendeu, consciente da “gran profundidade das cicatrices sociais” que causará.

“FALLA DE TRANSPARENCIA”

Pola súa banda, o viceportavoz socialista, Pablo Arangüena, interveu na mesma comisión durante a comparecencia do director do Foro Económico de Galicia para advertir da tendencia ao “capitalismo de amiguetes” e das “oportunidades perdidas” pola “falla de transparencia” e de “control na xestión” da Xunta.

Así, lamentou que, pese a que Galicia “ten un gran potencial ante a reconstrución”, dispón “dun goberno cunha traxectoria fondamente preocupante cara ao desafío que temos por diante”.

Precisamente, Pablo Arangüena lembrou que, xa antes da covid, “o Foro Económico de Galicia tildara de fracaso a denominada ‘Axenda 4.0’ da Xunta” e “criticara o descenso nos rankings de competitividade rexional da Unión Europea, nos que a comunidade experimentara un retroceso en 34 posicións nun período de 6 anos, mentres o norte de Portugal fixera o contrario”.

No escenario actual, o responsable socialista amosou o apoio do PSdeG ás restricións decididas pola Xunta, “a diferencia do que fai o PP co goberno de España”, pero advertiu das altas doses de “improvisación” que se detectan.

Iso si, Arangüena rexeitou “insensateces” como a afirmación de Feijóo sobre que hai 6.152 rastrexadores en Galicia, “cando sabemos pola prensa que hai entre 50 e 100 subcontratados”. “Se fai falta a transparencia nun momento normal, fai moita máis nun momento de emerxencia coma este”, sentenciou.

O Concello da Guarda aproba a redución nun 25% da taxa de lixo ás actividades que estiveron pechadas por mor do estado de alarma

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, amosaba no día de onte a súa satisfacción por ter acadado o acordo unánime da corporación municipal na proposta de alcaldía en relación coa redución nun 25% da taxa de lixo para aqueles autónomos e actividades económicas que estiveron pechadas durante o Estado de Alarma.

Hai que sinalar que dende o concello se leva traballando nesta materia dende o establecemento do confinamento que obrigou a moitos autónomos a pechar os seus negocios. A busca centrouse na procura  dunha  xustificación  legal que posibilitase adoptar esta medida, xa que o informe de tesourería emitido o 25 de maio  do 2020 non posibilitaba poder prorratear a taxa de lixo e non cobrar polo período no que as actividades económicas  non se puideron desenvolver. 

Sí se actuou sobre a taxa de auga, adaptando a estimación de consumo no caso das actividades de carácter comercial ou industrial  que non puideron exercer a súa actividade segundo o  Real Decreto Lexislativo 463/2020 polo que se declaraba o Estado de Alarma.

O concello, a través  do departamento de Tesourería  seguiu traballando na busca dunha solución ao que se consideraba por parte do Alcalde, Antonio Lomba, e do equipo de goberno unha obriga, xa que non entendíamos como se podía cobrar cando moitas actividades non puideron recibir a prestación do servizo de recollida de lixo ao estar obrigados ao peche.

Foron moitas as consultas a diferentes concellos na procura dunha solución posibilista que abrise á porta á modificación desta taxa de lixo.  Esta mesma semana nunha reunión entre o alcalde e o tesoureiro se daban instrucións de modificación da ordenanza reguladora da taxa de lixo,  despois de coñecer unha posible saída legal establecida polos técnicos da Deputación de Pontevedra. Quixeramos recoñecer que nun prazo de tempo moi curto se preparou, por parte dos servizos  técnicos municipais, a documentación necesaria para poder ter esta aprobación plenaria.

Amosar polo tanto satisfacción por ter acadado unha solución  para multitude de negocios e autónomos para os cales é de xustiza esta modificación.

A aprobación definitiva da modificación da ordenanza, dada a premura de tempo, non será posible se se presentan alegacións ao texto. Finalmente, para acceder a estas axudas os empresarios disporán do mes de xaneiro para presentar a documentación requirida.

Baiona, reconocida no certame “Vilas en flor” con dúas flores

0

O certame ‘Vilas en flor’, da fundación Juana de Vega, acaba de outorgar as súas distincións aos concellos participantes na terceira edición. Entre os gañadores está o Concello de Baiona que foi recoñecido con dúas flores porque os seus espazos entre as edificacións son inspiradores. “Zonas verdes, con céspede e mestura de variedades de árbores. Unha boa solución para liquidar a presión dunha maior densidade de edificacións”, segundo recóllese na acta de conclusións do xurado.

O Concello de Baiona participou no acto de entrega dos galardóns “Vilas en Flor” que este ano se celebrou de maneira telemática pola situación epideonlógica que estamos a atravesar.

A dirección do programa tamén dedicou unhas palabras de recoñecemento ao consistorio baionés pola xestión dos espazos verdes.

Neste acto participaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o director do Instituto de Estudos do Territorio e Vivenda, e a directora da Escola Galega do Paisaxe Juana de Vega, así como AGAEXAR e ASVINOR. Tamén os representantes dos concellos que resultaron premiados.

Por parte do Concello de Baiona no acto telemático participou a concelleira de Medio Ambiente, Rosa María Rodríguez Roda, e a técnica municipal do departamento.

A semana pasada o xurado do programa “Vilas en flor” visitou Baiona para coñecer de primeira man os espazos verdes do a Vila e poder ditar o seu veredicto.

Atropelada polo seu vehículo en Mos

0

Unha muller tivo que ser evacuada polos servizos sanitarios despois de ser alcanzada polo seu propio vehículo en Mos.

Ao fío das 21:30 horas, unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia sanitaria para unha muller que acababa de ser atropelada polo seu coche despois de tentar paralo ao darse conta de que esquecera poñerlle o freo de man.

En medio á tentativa de recuperación da estabilidade do vehículo, a inercia do seu desprazamento acabou por alcanzar a condutora e chocar contra outros dous turismos aparcados.

Con esta información, os xestores do 112 pasaron aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Porriño e aos membros de Emerxencias de Mos.

Finalmente, a ferida foi trasladada ao Centro de Saúde de Fátima. Tamén fixeron parte do operativo os axentes da Garda Civil de Tráfico.

A Xunta avanza unha liña urxente de axudas para a hostalería que inxectará entre 2.200 e máis de 7.000 euros aos establecementos pechados por mor da Covid-19

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte en rolda de prensa que a Xunta apoiará aos establecementos da hostalería pechados debido ás restricións provocadas pola Covid-19 cunha liña de axudas de entre 2.200 e máis de 7.000 euros.

Tras lembrar as reunións mantidas con representantes do sector na procura de solucións e anunciar a apertura dunha Mesa da hostalería para perfilar esta liña de axudas, Feijóo explicou que o abanico oscila entre “como mínimo 2.200 euros no caso dun autónomo propietario dun bar ou dunha cafetería sen empregados” e máis de 7.000 euros no caso dun autónomo que teña empregados nesa cafetería, nese bar ou nese restaurante.

Por tanto, “a diferenza depende do número de empregados e tamén depende do número de meses que leve pechado”, engadiu o presidente da Xunta de Galicia.

Máis en concreto, as axudas ás que poden optar os establecementos da hostalería serían: 1.200 euros como complemento á prestación por cesamento de actividade do Estado e 4.000 euros máis en caso de ter empregados, estar en ERTE nalgún momento desde que empezou a pandemia e ter unha baixada de facturación de máis do 50% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

A maiores, o presidente da Xunta explicou que poderán contar con 1.000 euros máis por cada un dos meses que teñan que permanecer pechados.

Despois de lembrar que o peche da hostalería do mes de novembro automaticamente vai producir outra vez o dereito a ERTE, sen custo para o titular do establecemento, o titular do Goberno galego incidiu en que estas axudas son “adicionais á bonificación do 100% da Seguridade Social e ao pago do 70% do salario”.

Para concluír, Feijóo avogou porque “todos colaboremos na situación da hostalería”. Ante os peches aprobados xa en varias comunidades e a posibilidade de que outros territorios fágano nos próximos días, pediulle ao Goberno central que “valore a posibilidade de reducir o IVE/IVE do sector turístico ao 4% durante o tempo que dure a pandemia”. Ademais, solicitoulle a todos os concellos de Galicia que bonifiquen ou eximan dos tributos e das taxas ao sector da hostalería durante este ano 2020.

Unha colisión entre un coche sen carné e un todoterreo sáldase cunha persoa falecida e outra ferida na Cañiza

0

Unha colisión entre un micro coche (coche sen carné) e un todoterreo saldouse onte pola tarde na Cañiza cunha persoa falecida e outra ferida. Segundo a información recollida no 112 Galicia, a vítima mortal e a outra persoa ferida circulaban no micro coche pola PO-406, cando bateron frontalmente contra outro vehículo, un todoterreo, á altura do punto quilométrico 3.

Para atender ás persoas implicadas no accidente, nada máis recibir o aviso do sinistro a través dun particular ao fío das 16:10 horas, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a intervención  de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado, aínda que se descartou a súa intervención ao confirmar o falecemento do ocupante do coche sen carné.

Ademais, para prestar apoio aos efectivos sanitarios e ante a posibilidade de que houbese persoas atrapadas no interior do vehículo, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros e GES de Ponteareas, do GES de Ribadavia, dos Bombeiros de Vigo, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Ponteareas.

Plan de Compostaxe do Concello da Guarda

0

A recente actualización da lexislación en materia de residuos tanto a nivel europeo como estatal establece normas específicas acerca da xestión de biorresiduos, termo que fai referencia aos residuos biodegradables de parques e xardíns, residuos alimentarios e de cociña e residuos comparables procedentes de plantas de transformación de alimentos.

Algúns dos requisitos que se establecen respecto desta fracción son:

  • Separación en orixe de biorresiduos a máis tardar o 31 de decembro de 2021 en municipios de máis de 5.000 habitantes.
  • Implantación de medidas que incentiven a compostaxe doméstica e comunitaria.
  • No caso dos biorresiduos comerciais e industriais os produtores de estos biorresiduos deberán separalos en orixe sen que se produza a mestura con outros residuos para o seu correcto reciclado:
    • Antes do 31 de decembro de 2021 se xeran máis de 50 toneladas/ano
    • Antes do 31 de decembro de 2022 se xeran máis de 25 toneladas/ano.
    • Antes de 31 de decembro de 2023 o resto.
  • O obxectivo para 2025 da cantidade de residuos domésticos e comerciais destinados á preparación para a reutilización e o reciclado para as fraccións de papel, metais, vidro, plástico, biorresiduos ou outras fraccións reciclables deberá alcanzar, en conxunto, como mínimo o 55% en peso.

Por todo isto, o Concello da Guarda vai por en marcha un Plan de Compostaxe gracias ás axudas en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 durante os anos 2020 e 2021.

Ao abeiro destas axudas, a Concellería de Medio Ambiente realizará, en canto a situación o permita, varias charlas informativas que terán lugar nas diferentes parroquias do municipio co obxectivo de dar a coñecer o proxecto e formar e resolver dúbidas sobre compostaxe.

Ademais, o próximo ano 2021 está previsto o reparto de 250 composteiros domésticos e a creación dun punto verde para o acopio de restos vexetais.

A Guarda reúne a comisión de seguimento da COVID-19 diante da complicada situación sanitaria na localidade

0

Dende fai uns días A Guarda atópase no nivel tres de infeccións por COVID-19, o nivel de alerta máximo que contempla a Xunta de Galicia na súa valoración. O Goberno local, que preside Antonio Lomba, vén de amosar a súa preocupación xa que, dende a declaración deste nivel de alerta “a evolución dos contaxios foi moi negativa, chegando a día de hoxe aos 60 casos”. Esta é unha situación moi preocupante Goberno local que ve como, día a día, aumentan os contaxios de forma descontrolada.

A comisión de seguimento revisou os protocolos do servizo de axuda no fogar e reactivou o servizo de axuda a familias confinadas. Así mesmo a comisión concluíu que é impresdincible que toda a cidadanía, organizacións e empresas, “sigan celosamente a normativa do Goberno da Nación, da Xunta de Galicia, e as recomendacións do Concello respecto das medidas restritivas de prevención da pandemia, para poder reverter esta situación de incremento dos contaxios”.

É necesario que se sigan as recomendacións das autoridades sanitarias. Se unha persoa ten síntomas de COVID-19 (tose, febre, diminución do gusto e cheiro, estremecementos…) ou ten contacto estreito cun caso positivo, debe quedar na casa e contactar cos servizos de saúde chamando ao teléfono 900400116

O Concello considera “imprescindible que toda a poboación extreme as medidas de seguridade individual, sobre todo o uso da máscara, distancia interpersoal e hixiene de mans” do mesmo xeito é importantísimo que se respecte a normativa “respecto da limitación dos contactos sociais a xuntanzas de 6 persoas non conviventes como máximo”.

O Concello de Salceda de Caselas licita o SAF por 2.895.894,26 €

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Salceda ven de aprobar por unanimidade o proceso de licitación do servizo de axuda no fogar (SAF) para os vindeiros 4 anos, por un importe de 2.895.894,26 €.

O proceso de licitación do SAF é o de importe máis elevado no que vai de lexislatura, supoñendo máis dun 15% do orzamento municipal, e convócase pola caducidade do anterior contrato, que nos últimos anos se ven prestando pola empresa SOCISER.

O Concello de Salceda pasará dun custe de 14,30 € por hora a un prezo de 18,71 €, nun importante esforzo económico dirixido a un dos colectivos máis vulnerables, o das persoas maiores, que neste momento de pandemia toca protexer máis que nunca.

A alcaldesa, Loli Castiñeira, lembrou no Pleno que a Xunta mantén a súa aportación en 9,70 €/hora, moi lonxe dos 18,71 € do prezo de licitación, obrigando ao Concello e ás persoas usuarias a facer un maior esforzo económico para a prestación do servizo. Criticou tamén a alcaldesa que a Xunta de Galicia concede novas horas sen previo aviso aos Concellos, esquecendo que estes deben contar con consignación orzamentaria que permita ofrecer o servizo, o que obriga en moitas ocasións a ter que rexeitar esas horas tan necesarias.

Gela Ledo, concelleira de Benestar,  agradeceu o traballo realizado polo departamento de servizos sociais na elaboración deste expediente que se demorou por mor da pandemia. “Trátase dun servizo fundamental que axuda ás nosas persoas maiores, e deste xeito darémoslles unha maior estabilidade tanto a elas como ás traballadoras que realizan este servizo”.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda: “temos que protexer ás nosas persoas maiores agora máis que nunca, e somos conscientes de que o SAF é un servizo de vital importancia para que poidan seguir a facer vida normal nos seus domicilios, ofrecendo deste xeito un servizo fundamental tamén para as familias, quen en moitas ocasións non teñen medios para unha correcta atención a estas persoas”.

A ‘V Xornada de Onomástica’ da RAG celebrarase este sábado en formato exclusivamente telemática

A ‘V Xornada de Onomástica Galega’ da RAG, que este ano analiza o valor do idioma nos nomes comerciais, celebrarase este sábado de maneira exclusivamente telemática, eliminando a asistencia presencial ao Museo de Pontevedra por mor da pandemia. A sesión, que comezará coa inauguración a cargo da deputada de Lingua María Ortega, o presidente Víctor F. Freixanes e a académica coordinadora do programa Ana Boullón, poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da Academia.  

A cita, organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, analizará da man de distintos especialistas o uso do galego denominacións comerciais, prestándolles atención a casos como os dos viños do Ribeiro, os bares e restaurantes do barrio vigués de Coia, os establecementos de Redondela ou, dende unha perspectiva histórica, os nomes de xornais. As experiencias en primeira persoa da zoqueira Elena Ferro, que designa os seus zocos con topónimos, das deseñadoras Irene García e Raquel Boo e de Xosé González Martínez, impulsor da campaña de etiquetado en galego “Con acento propio”, pecharán o encontro.

Despois da apertura oficial ás 9.45 a cargo da deputada María Ortega, o presidente Víctor Freixanes e a académica Ana Boullón, o coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Antón Santamarina, abrirá o programa cun breve relatorio sobre o nome da disciplina que estuda as marcas comerciais dende a perspectiva filolóxica. Deseguido, o profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado afondará na relación entre as marcas, as empresas e os dominios en Internet. A partir das 11horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela falará da riqueza creativa a través da análise dunha serie de nomes de marcas e empresas galegas; e Sara Míguez exporá os resultados dun traballo de campo centrado na rotulación de locais dedicados a distintos tipos de negocios no concello de Redondela (Pontevedra).

A sesión da mañá concluirá cunha viaxe pola historia das cabeceiras dos xornais galegos a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes;  e a ollada aos nomes das adegas, dos viños e dos licores do Ribeiro (Ourense) de Raquel Rodríguez Parada.

Coma nas edicións anteriores, dedicadas á microtoponimia, os nomes e apelidos, os alcumes e as rúas, nesta ocasión tamén se incidirá, da man de Celtia Rei, no valor pedagóxico da onomástica. A profesora presentará, xa pola tarde, a experiencia desenvolvida no IES Alexandre Bóveda de Vigo, onde o alumnado analizou os nomes de bares e restaurantes de Coia. A xornada concluirá coa mesa redonda protagonizada por Elena Ferro, Xosé González Martínez, Irene García e Raquel Boo.

Reactívase a implantación da banda longa en Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías mosense, Leo Costas, anunciaron onte que o Concello de Mos atópase en pleno desenvolvemento de todas as vías posibles para conveniar coas compañías operadoras unha solución ao bloqueo da implantación do internet de banda longa a través de fibra óptica que xa tiña comezado en Mos.

Desde a administración local mosense laméntase, aínda que non é un asunto de competencia municipal, que as operadoras teñan freado a implantación da banda ancha en Mos xusto no momento máis necesario, cando a crise sanitaria da COVID-19 obriga e esixe o teletraballo. Por iso, e a pesar de no ser competencia municipal, está a esixirlles ás operadoras unha solución e o desbloqueo desta situación.

Tanto técnicos municipais como representantes do goberno local levan semanas traballando neste asunto, mantendo xuntanzas a este respecto, tanto internas como con representantes das operadoras implicadas, a última delas esta mañá coa visita do Secretario e a Arquitecto Técnico municipais a unha das zonas da parroquia de Tameiga que se verá beneficiada por este plan de implantación de internet de banda longa.

Entre os trámites que se atopan en marcha está a determinación dos tramos nos que a liña de fibra óptica irá soterrada e nos que a instalación será aérea, primando o soterramento nas zonas nas que a rede pasa por fincas e/ou propiedades privadas. Ademais noutros tramos nos que así sexa posible, para maior inmediatez da solución a adoitar, aproveitarase o tendido existente tentando solventar o problema de cobertura no menor tempo posible. Para elo o Concello está a mediar coas operadoras para esixirlles que primen o soterramento de liñas nas fincas privadas.

Unha vez acometido na súa totalidade este plan de implantación de redes de banda longa de acceso ultrarrápido promovida pola Xunta de Galicia e a Administración Xeral do Estado, da que se beneficiará Mos “no municipio mosense vaise xa notar moitísimo esta implantación e as compañías de telecomunicacións van comezar a ofrecer fibra óptica nos núcleos rurais da localidade” declarou o edil de Novas Tecnoloxías que explicou así mesmo que “aínda que nunha zona se atope actuando xa unha compañía, isto non implica que non poida realizar instalación de fibra (previa solicitude de permiso) outra compañía diferente”. Leo Costas comunicou ademais que “desde o Concello estamos a traballar cos operadores de telefonía, comunicacións e internet para acelerar o máximo posible o procedemento de instalación e implantación do servizo”.

Moitas das caixas de fibra das que parte o cableado xa se atopan instaladas ao longo e ancho do termo municipal. Unha vez unha caixa de fibra se atopa instalada, é cuestión de semanas a realización da conexión das vivendas do barrio no que se atopa, ao servizo de internet de banda longa.

No Concello de Mos beneficiaranse  do despregamento de redes ultrarrápidas de acceso a internet os seguintes núcleos: San Pedro de Cela, Santa María de Dornelas, Santa María de Guizán, San Salvador de Louredo, Santa Eulalia de Mos, San Miguel de Pereiras, San Mamede de Petelos, Santa María de Sanguiñeda, San Martín de Tameiga e San Mamede de Torroso. A data de hoxe as zonas de Mos que dispoñen de fibra óptica en funcionamento son San Antoíño en Louredo, parte da parroquia de Petelos, e tamén algunhas partes das parroquias de Dornelas e Tameiga.

A alcaldesa do Porriño recibiu hoxe ao ministro de Sanidade que visitou “Biofabri”

A alcaldesa Eva Garcia recibiu hoxe, a primeira hora da mañá ao ministro de Sanidade do Goberno de España, Salvador Illa que acudiu a visitar as instalacións da factoría “Biofabri” do grupo empresarial “Zendal”, sita en Torneiros. O ministro manifestou que tiña un especial interese en coñecer o traballo que está a desenvolver para a fabricación dunha das vacinas contra a Covid que xa está en pleno proceso de fabricación.

Xunto co ministro e a alcaldesa do Porriño acudiron á visita das instalacións Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade; Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da FEMP; a directora da Axencia Española do Medicamento, María Jesús Lamas e Javier Losada, delegado do Goberno de Galicia. Na visita ás instalacións de “Biofabri” tiveron como anfitrións a Pedro Fernández Puentes, presidente do grupo “Zendal”; Andrés Fernández, conselleiro delegado e Ricardo Troncoso, director da factoría.

O ministro mantivo unha reunión de traballo coas autoridades presentes e os directivos do grupo “Zendal” na que a alcaldesa do Porriño reclamou ás administracións competentes “unha maior axilidade nos procedementos urbanísticos para facilitar o crecemento das instalacións de Biofabri no Porriño”. Precisamente o presidente do grupo empresarial agradeceu a Eva García “a estreita colaboración e as facilidades que a alcaldesa do Porriño nos dispensa dende que ela chegou ao cargo”. 

A alcaldesa manifestou que “para todos nós que O Porriño estea no foco mundial da solución a esta pandemia é un motivo de orgullo; e para mín, como alcaldesa, estar a súa disposición para o que pidan necesitare, engadiu García de la Torre.

A auditoría indica que o Rosal ten unha marxe de mellora do 55% no aforro enerxético

0

O Rosal continúa dando pasos cara un modelo de consumo enerxético municipal sostible. Esta semana o equipo redactor presentou á alcaldesa, aos concelleiros e a técnicos municipais os resultados da auditoría enerxética do concello, un estudo integral dos aspectos técnicos e económicos que afectan directa ou indirectamente ao consumo enerxético dos edificios municipais e da iluminación exterior.

Esta análise, que tiña por obxectivo establecer un conxunto de reformas e melloras encamiñadas a un uso racional da enerxía, desvelou que o concello ten unha marxe de mellora a medio prazo que pode supoñer ata un 55% de aforro enerxético con respecto ao consumo actual e, por tanto, de custo económico. “Non se trata de repoñer ou mudar luces, senón de mudar por completo o sistema dunha forma estratéxica e planificada. E non o facemos só por unha cuestión de eficiencia económica e de consumo, senón tamén por criterios éticos e de compromiso co medio ambiente”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A auditoría propón medidas de mellora do sistema de alumeado público do concello conta con 2.814 puntos de luz, a maioría deles luminarias viais, cunha potencia total instalada de 280,21 kW. Así mesmo, tamén se propoñen melloras para os edificios municipais relativas a xanelas, á envolvente térmica das fachadas, aos actuais sistemas de calefacción e ao emprego de enerxías alternativas.

Este traballo representa un primeiro paso dunha estratexia planificada, a medio e longo prazo, para mudar por completo o consumo enerxético do concello, e que precederá a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) co fin de establecer un modelo de consumo eficiente e sustentable no “Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas polo Clima e a Enerxía”, ao que está adherido o Concello do Rosal. A auditoría tivo un custo total de 16.552,80€, subvencionados nun 50% ao abeiro da convocatoria do Plan de Compensación ambiental da Consellería de Presidencia e no outro 50% con fondos propios do concello.

Tomiño, distinguido con tres flores de honra na súa segunda participación no certame ‘Vilas en Flor’

0

O xurado do certame “Vilas en Flor” emitíu o mércores as súas distincións aos concellos participantes nesta terceira edición poñendo en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos coas flores de honra outorgadas aos 25 concellos galegos participantes. 

Tomiño, que participaba por segunda vez, foi distinguido con tres flores de honra mellorando as dúas logradas na súa primeira participación en 2019. O xurado, que visitou a localidade para avaliar distintos aspectos, destaca na súa resolución: “a implicación de toda a comunidade e o importante apoio de toda a corporación municipal”, merecendo unha mención especial “o bo gusto e a variedade das árbores escollidas nas zonas verdes das novas urbanizacións e o futuro proxecto de reforma da praza da igrexa de Goián”.

Chantada e Allariz acadaron de novo as catro flores de honra e, canda Tomiño, recibiron tres flores Caldas de Reis, Lalín e Salvaterra de Miño.

O certame está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), coa participación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e o patrocinio de Husqvarna e Rainbird. O obxectivo principal desta iniciativa é a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación seguindo un modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias, Andalucía e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

Trátase dun programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística destes concellos e a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

A innovadora terapia asistida con cans adáptase á nova normalidade

Non hai virus que pare as gañas de aprender dos cativos de Ponteareas e por iso a Concellería de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, retomou a terapia asistida con cans para o alumnado do CEIP Mestre Ramiro Sabell readaptándose para cumprir coas normativas sanitarias e de seguridade fronte á Covid-19.

Sesións individuais repartidas en varios días e dirixidas a todo o alumnado NEAE deste centro público fan posible que a inclusión e a igualdade estea cada día máis preto.

Esta terapia daba os seus primeiros pasos no curso escolar 2018-2019 da man da concellería de Ensino incorporándose no curriculum do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera destinada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).

Eco e Uma traballan co alumnado NEAE de infantil e primaria de xeito interdisciplinar interactuando en cada sesión os expertos cánidos, os técnicos en IAP(Investigación de Acción Participativa) e a mestra/e de pedagoxía terapéutica ou audición e linguaxe.  Cada sesión é previamente estudada e deseñada co profesorado do centro para acadar os obxectivos programados.

En continua mellora, e sempre desenvolvendo un traballo en equipo, a Concellería, o centro escolar, a ANPA e as profesionais deste método agardan poder volver a traballar coas aulas de referencia destes alumnos.

“É imprescindible que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades e atopemos apoios para resolver as nosas necesidades pero para iso temos que formar unha sociedade solidaria, sensible coa diversidade e a riqueza das diferenzas que fan que cada persoa teña algo importante que aportar”, explica Cristina Fernández.

A terapia asistida con cans axuda ao alumnado NEAE pero tamén ao resto do alumnado. Julia e Eugenia Correa explican os beneficios que reporta para toda a comunidade educativa e os avances que se acadan “maior motivación, atención e concentración na súa contorna inmediata, melloran en actividades como a da lectura, o traballo en equipo e incrementa a capacidade para seguir instrucións, ademais de reducir a impulsividade e a agresividade tamén mellora a autoestima, a autodisciplina e o autocontrol”.

Actuando dende o plano emocional, as irmás Correa comezan o seu traballo dúas horas antes de chegar ao centro escolar preparando aos seus compañeiros caninos para que xa na aula estean ao 100%.

Rexístranse preto de 10.000 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.895 deles 1.737 son da área da Coruña, 1.049 da de Lugo, 1.152 da de Ourense, 1.137 da de Pontevedra, 2.388 da área de Vigo, 1.338 da de Santiago, e 1.094 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 79 están en UCI, 498 en unidades de hospitalización e 9.318 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 28.964 persoas curadas, rexistrándose 960 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 722.912.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello de Baiona lanza a súa nova páxina web

0

Xa está dispoñible o novo portal que habilitou o Concello de Baiona para achegar en maior grao a información relativa ao consistorio á cidadanía de Baiona e tamén para gañar en claridade de contidos. A nova web substitúe a anterior mudando de dominio www.baiona.gal.

A concelleira Yasmina Moreira Costas, ao fronte da área de Novas tecnoloxías, foi a encargada do proxecto, cuxo obxectivo é manter informada á veciñanza, especialmente neste momento de crise sanitaria. A páxina web municipal é elemento de información e achegamento dos cidadáns e cidadás á administración, e neste caso ao Concello, na realización dos seus trámites.

Tal como explica a concelleira, o incremento no uso das TIC para nos relacionar, tamén coa administración, tívose en conta ao deseñar a páxina web municipal facéndoa máis accesible, intuitiva e visual, ao mesmo tempo que facilita o sistema de cita previa para que a veciñanza que precise achegarse ao Concello a facer calquera trámite que non poida facerse a través de internet, poidan solicitar a súa cita fácil e rápidamente.  

Esta nova web pretende ofrecer un servizo que facilite a participación da veciñanza na realidade municipal, xa que se procura que sexa a nova vía tanto de información como instrumental, que se converta nunha ferramenta, coa que se quere abrir una ventá cara o mundo e cara o futuro, amosando todo o que Baiona ten e pode ofrecer no ámbito social, patrimonial, cultural, económico e turístico que fai de Baiona única nalgúns aspectos.

A nova páxina web presentase como unha páxina intuitiva, o que implica sinxeleza e comodidade á  hora de navegar. Con un reducido número de clics, pódese acceder á información que máis interesa de forma rápida. As características que destacan nesta nova web son a  proximidade, axilidade, facilidade de uso e accesibilidade, adpátase a calquera dispositivo (teléfono móbil, ordenador, tablets…) para facilitar ao máximo a súa navegación.

Máis alá do novo deseño e de coñecer á corporación municipal, na web os veciños e veciñas  poderán encontrar a axenda e actualidade, que inclúe as novas que se van xerando a diario no Concello. É un sistema vivo; todo o que até agora a veciñanza atopaba no taboleiro de anuncios do concello, poderá consultalo online desde calquera lugar. Os veciños e veciñas tamén terán comunicación directa con cada concelleira e concelleiro que forman parte do equipo de goberno facéndolles chegar por email as súas inquedanzas ou dúbidas.

A estruturación de contido fíxose de acordo coas necesidades e prioridades da veciñanza baionesa; fuxindo da estruturación clásica, obsoleta e sobrecargada de información da anterior web. “Dende o comezo dixemos que queríamos ser o goberno das persoas e para as persoas, e por iso, a nova web, coa nova configuración que presenta, ten que responder á premisa: Primeiro a veciñanza”, explica a concelleira, Yasmina Moreira.

Así, os cambios introducidos na nova web en relación coa anterior pretenden salientar contidos con valor para a veciñanza, moitos dos cales permanecían invisibles. Como por exemplo dar maior visibilidade e protagonismo ás parroquias que conforman o Concello de Baiona, amosar as instalacións municipais, gabarnos do noso patrimonio natural, cultural, etnográfico e paisaxístico.

A concelleira afirma que a intención tamén “é que tódalas persoas que dun xeito ou doutro estén vencelladas ao noso municipio ou queiran coñecelo, poidan informase sobre as instalacións, servizos, actividades, tradicións ou programas que se ofertan dende as distintas áreas administrativas”.

“Foi un traballo arduo; a antiga web tiña moitas limitacións e esta fixémola dende cero – explicou Moreira – pero pagou a pena e agora a imaxe de Baiona ao mundo, a súa ventá a través da internet, está completamente renovada”, conclúe.

Ademáis, para que a información chegue directamente á cidadanía, tamén se integraron na web os perfís oficiais das diferentes redes sociais: Facebook, @concellodebaiona.gal; Instagram: concellodebaiona.gal, Twitter: @ConcelloBaiona. E tamén a canle de Youtube: Concello de Baiona.  

A maiores da empresa encargada  de deseñar a nova páxina web, o do novo portal municipal é un proxecto no que traballou a área de novas tecnoloxías e o gabinete de prensa do Concello de Baiona. Un traballo que continuará no tempo xa que o contido desta web vaise actualizar a diario e serán sendas áreas ás que estarán encargadas desta importante tarefa.

“Este proxecto forma parte da remodelación substancial da comunicación do Concello, con cambios como a introdución dunha nova imaxe de marca de Turismo de Baiona, a apertura e impulso das redes sociais, e a posta en funcionamento desta nova web municipal cuxa principal idea tivo sempre como finalidade achegar a xestión municipal á veciñanza e converterse nunha ferramenta útil para as usuarias e usuarios. Son estas dúas máximas as que puxaron ao Concello de Baiona a redefinir o seu portal web”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Ademais, engade que “Era un dos compromisos do Alcalde e do equipo de goberno para facer unha administración máis transparente e acerca a xestión municipal do concello a veciñanza”. Gomez agradece a labor feita pola concelleira de novas tecnoloxías a empresa encargada do proxecto e os técnicos municipais.

A empresa encargada do proxecto cuidou especialmente, non só o deseño (intuitivo, visual e en consonancia coa imaxe corporativa da localidade) senón tamén a programación, a estruturación de contidos e os pequenos detalles que farán da navegación nesta nova web unha viaxe á nosa Baiona dende o mundo virtual.

Redondela pechará a restauración o venres a partir das 15 horas e entrará no novo confinamento perimetral da zona de Vigo

0

A alcaldesa de Redondela expresou hoxe a súa total colaboración coa Consellería de Sanidade naquelas medidas que se adopten coa finalidade de poñer freo a escalada da Covid-19. Digna Rivas, que mantivo esta mañá unha conversa co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que “é o momento de traballar todos xuntos na procura dunha solución a esta grave crise sanitaria”.

A alcaldesa lanzou unha mensaxe de tranquilidade á poboación nesta nova situación na que, o confinamento domiciliario cámbiase por un confinamento perimetral. Redondela queda pois dentro dunha área na que os límites os marcan o propio concello redondelán, Mos, O Porriño e Nigrán con Vigo no centro. A mobilidade da veciñanza dentro desa área, quedará establecida na correspondente Orde que se publique no Diario Oficial de Galicia.

A alcaldesa de Redondela lembrou que a medida de ‘peche perimetral’ funcionou no concello do Carballiño, “onde chegaron a ter un total de 1.000 persoas infectadas e que conseguiron rebaixar ese número de xeito espectacular” e é polo que fai un chamamento “a responsabilidade de todos e todas, sobradamente demostrada no confinamento de marzo, a cumprir as normas sanitarias establecidas e conseguir, entre todos, camiñar na saída desta comprometida situación”.

A alcaldesa mantivo tamén contacto cos portavoces da oposición –PP e BNG– aos que se manterá informados puntualmente das medidas que se vaian adoptando para adaptarse a esta situación porque, sinalou, “todos estamos no mesmo barco e, entre todos sen distinción algunha, temos que levalo a bo porto”.

Doutra banda, o Concello estudará nestes días as posibles medidas para apoiar á hostalería que será o sector máis prexudicado e que só poderán atender a entregas a domicilio ou recollida no local. O comercio, pola súa banda, seguirá funcionando como ata o de agora “e o Concello velará porque sexan cumpridas estritamente as medidas de seguridade que vaian establecendo as autoridades sanitarias nunha situación na que nos estamos a xogar moito”, engadiu Digna Rivas.

O Concello do Porriño expresa o seu fondo pesar polo falecemento do profesor Moncho Iglesias

A alcaldesa Eva García lembrou a inestimable colaboración que o profesor mantivo co Concello nos traballos que se editaron ao longo destes últimos anos sobre a obra e figura do arquitecto Antonio Palacios. Moncho Iglesias tiña un extraordinario coñecemento sobre Palacios como acredita a súa bibliografía na que hai varios títulos sobranceiros adicados ao arquitecto porriñés. De feito coa colaboración do Concello editáronse a propia tese doutoral de Iglesias que adicou a Palacios e o libro “Antonio Palacios, unha viaxe por Galicia”, no que se recompilan un cento de bocetos, debuxos e apuntes dos cadernos de campo, totalmente inéditos, que o arquitecto realizou nas súas viaxes

A alcaldesa lamentou que a desaparición de Moncho Iglesias impida a súa participación nos actos que ata o 27 de outubro de 2021 celebrará o Concello coa ocasión do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” Pola súa banda, tamén Lourdes Moure, concelleira de Educación recoñeceu no nome da comunidade educativa porriñesa a intensa traxectoria pedagóxica e o gran legado que deixa o profesor Iglesias como docente que foi do Instituto de Ensino Secundario Pino Manso da nosa vila ata a súa recente xubilación.

Mondariz Balneario xunto con Vilaboa e o Grove, exemplos de compostaxe para toda España no ‘I Foro Dixital sobre compostaxe descentralizada’

Os ‘Concellos Revitaliza’ de Vilaboa, Mondariz Balneario e O Grove serviron hoxe de exemplo para toda España no ‘I Foro dixital sobre compostaxe descentralizada organizado por ‘Composta en Rede’. As mestras e mestres compostadores da Deputación e do Concello de O Grove explicaron a situación na que se atopan nestes momentos, sendo dos concellos mellor preparados para cumprir as esixencias da Unión Europea en materia de reciclaxe para este 2020 (o 50 % da bolsa do lixo).

Este foro, substitúe o seminario anual de Composta en Rede presencial a través de compostaenred.org, celébrase para difundir información e compartir as experiencias que se foron acumulando no último ano. Sinalan dende a organización que os obxectivos fixados están moi lonxe de ser alcanzados, polo que é preciso mostrar “solucións posibles a este desafío, solucións economicamente viables, socialmente aceptables e ambientalmente válidas” como as que se están a dar na provincia de Pontevedra.

“A compostaxe descentralizada perfílase como unha das técnicas máis potentes á hora de reciclar parte da materia orgánica”, por iso e co gallo de incentivar os proxectos de compostaxe doméstica e comunitaria, celebraranse catro sesións ao longo deste mes nas que se pretende motivar aos responsables políticos e técnicos doutras localidades españolas a incluír de proxectos de compostaxe en proximidade nas súas planificacións para a xestión de residuos.

Na xornada de onte pola tarde, na que participaron a técnica Estefanía Alfonsín e Agustín Vidal por parte do Revitaliza, así como as mestras compostadoras de O Grove Ana Gómez e Eva Hervés, analizáronse as ‘Experiencias municipais en compostaxe en Galicia’, engadindo tamén a visión do agrocompostaxe de Allariz. En vindeiras xornadas falarase das ‘Experiencias públicas de compostaxe’, das ‘Solucións locais a través da compostaxe, circuíto curto’ e da ‘Formación de mestres compostadores’.

En Mondariz Balneario, por outra parte, Estefanía Alfonsín explicou que hai instalados e en funcionamento sete centros de compostaxe comunitaria para uso de veciñanza e produtores singulares e que o número de composteiros individuais repartidos ata o momento é de 97 unidades. Tamén subliñou que se está levando o residuo orgánico de dous grandes produtores (Hotel Balneario e colexio Marcote) e algún produtor singular que non ten centro de compostaxe próximo á planta de compostaxe de Ecocelta.

Actualmente, estase facendo un estudo para a recolocación de contedores (creación de illas de reciclaxe) e posible colocación de mais contedores de fraccións reciclables. No caso das cifras de reciclaxe, é o concello mellor situado da provincia, sobrepasando ampliamente o 40 % do total do lixo.

No caso dos traballos feitos en Vilaboa, o técnico provincial Agustín Vidal explica que no ano 2019 tratáronse nos centros de compostaxe comunitaria unhas 162 toneladas de materia orgánica e restos vexetais, máis uns 400-600 m3 de fracción vexetal tratada no Monte do Cabalo, obtendo aproximadamente 35 toneladas de compost.

Nestes momentos o Plan Revitaliza da Deputación atende en Vilaboa a 19 grandes produtores de hostelaría e industria, ten repartidos 1.186 composteiros individuais (coin), realiza máis de 900 chamadas de seguemento e ten feitas máis de 3.900 visitas a domicilio, ademais de ter desenvolvido máis dunha trintena de eventos divulgativos, carpas, reunións, cursos, da posta en marcha dun servizo de préstamo de trituradoras e de traballar nunha nova normativa. Téñense desenvolto, así mesmo, máis de 30 actividades en centros educativos.

En canto á mellora dos ratios de separación, previamente o concello situábase por debaixo do 10 % e agora en torno ó 30 % (nun periodo de participación no programa de compostaxe aínda voluntario).

O Concello de Ponteareas colabora con Cáritas na xestión de residuos textiles

O Concello de Ponteareas e Cáritas veñen de asinar un convenio de colaboración para a xestión de residuos téxtiles. Grazas a este convenio colocaranse varios colectores na rúa para a recollida de roupa e materiais téxtiles que serán xestionados posteriormente pola empresa á que Cáritas encarga éste servizo ‘Servicios Comerciales de Inserción Laboral’, “entidade que ten como obxectivo a creación de postos de traballo de inserción socio-laboral mediante a correcta xestión de residuo téxtil”, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

Nunha primeira fase instalanse colectores textiles na Avda. de Galicia, Avda. Castelao e Rúa Redondela no núcleo urbano e nas parroquias de Santiago de Oliveira, Bugarín, Guillade, Areas, Moreira, ademais de no Punto Limpo.

Ésta acción enmarcase nos obxectivos da estratexia de cambio ‘Ponteareas hábitat saudable’, “temos que evitar que a maioría dos residuos textiles acaben nos vertedoiros e traballar na liña marcada pola Unión Europea para establecer unha recollida separada para os residuos téxtiles ao máis tardar o 1 de xaneiro de 2025”, indicou a concelleira nacionalista

Poderá depositarse roupa e calzado en bo estado dentro de bolsas pechadas e non moi voluminosas.

Nigrán iniciará este venres unha campaña promovendo entre a veciñanza o pedido a domicilio na hostalería

0

O Concello de Nigrán iniciará desde este mesmo venres unha campaña para promover os pedidos a domicilio na hostalaría do municipio tralas novas restriccións anunciadas pola Xunta que implican o peche deste sector, permitíndose só os envíos. Desde o Concello repetirán o modelo de campaña municipal elaborada durante o confinamento estrito con motivo de Pascua ou Día da Nai ou para incentivar a compra no pequeno comercio.

Os negocios interesados en figurar nesta guía que se distribuirá desde este mesmo venres a través de redes sociais e cartelería deberán enviar antes de mañá xoves ás 23:00 horas un mail a [email protected] indicando os seus datos básicos (nome do negocio, especialidade e web ou teléfono para pedidos e custe). O Concello de Nigrán investiu en maio 4.000 € en licencias para que calquera tipo de negocio do municipio se puidese adherir gratuítamente á plataforma de comercio electrónico ‘Dbarrio’ adicada ao envío a domicilio (o Concello incluso subvenciona o transporte, de xeito que chega a resultar gratuíto dentro do horario establecido, o que o fai máis atractivo agora mesmo para a hostalaría).

“Isto é un golpe moi duro para os negocios de Nigrán, que por segunda vez nun ano afrontan o peche, por iso temos que ser conscientes da situación e apoialos facendo pedidos a domicilio. Cada un de nos ten a posibilidade de axudalos, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora”, incide o alcalde, Juan González.

Carlos Font: “En ORAL non queda unha soa persoa se atender tanto presencialmente como por teléfono”

O deputado responsable do Servizo ORAL na Deputación de Pontevedra, Carlos Font, manifestou hoxe a súa sorpresa ante o comunicado do grupo popular sobre “supostas denuncias” de persoas maiores que ao carecer de acceso a Internet se verían obrigadas a contratar a asesorías para poder pedir cita previa nas oficinas provinciais. Font expresou a súa perplexidade ante “a ignorancia dos e das deputadas populares que, o ben descoñecen como funciona a atención ao publico neste servizo, ou seguramente teñen a mala fe de denunciar algo que non existe”.

O deputado do goberno provincial sinalou primeiro que “non temos constancia dunha soa denuncia de ningunha persoa maior que vivira esa circunstancia e tampouco o deputado do PP, que expresou este rogo no último pleno, fixo chegar ningunha queixa”. Amais, engadiu Font, desde o inicio da crisis sanitaria, o goberno da Deputación estableceu o sistema de cita previa con tres opcións posibles: por internet, de forma presencial, ou cunha simple chamada telefónica. “De feito, dixo, duplicamos o persoal de atención telefónica ao público pensando precisamente nas persoas máis maiores que poden carecen de medios o coñecementos on line. É falso, subliñou o deputado, que só se poda facer por internet e, amais, o PP sábeo porque a información se lle facilitou nada máis rematar o pleno da pasada semana” E máis, calquera persoa que incluso acuda presencialmente á oficina sen cita, se lle facilita para o primeiro día que haxa oco para elo. Carlos Font, que lamentou que o grupo popular pareza querer volver á estratexia do ruído, aconsellou ao PP que se preocupe máis polas cousas que non funcionan. “É inaudito que tenten facer causa de algo que non só vai ben senón que é un exemplo na provincia, e polo contrario parezan a procesión dos caladiños cando son miles as denuncias da cidadanía pola vergoñenta desatención telefónica nos centros de saúde galegos en plena pandemia: ou non te collen o danche cita para semanas despois”, lembrou o deputado. “Iso si que é un drama, rematou Font, ou as colas inasumibles de persoas nas rúas. E iso non ten unha soa palabra do grupo de deputadas e deputados do PP. É moi triste”, concluiu.

Oia destina preto de 26.000 euros para a mellora das traídas de auga

0

O Concello de Oia destina un total de 25.900 euros a melloras nas 20 traídas veciñais do municipio. A medida ten por obxecto apoiar os modelos tradicionais de xestión colectiva das augas mellorando o servizo e a calidade da auga.

As entidades beneficiarias poderán empregar as cantidades concedidas para a realización de analíticas, afrontar os gastos de cloración ou contratar obras e man de obra. Tamén poderán adquirir material ou equipamentos asociados a melloras nas captacións de auga (mananciais e pozos), sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e entorno), rede de distribución (extensión ou mellora da rede), instalacións novas ou mellora das existentes (conexións eléctricas, sistemas de bombeo, peches e seguridade).

O criterio seguido á hora de repartir as subvencións é o número de usuarios (billas). Como requisito para acceder ás axudas, as traídas deben estar inscritas no correspondente rexistro.

Mellora do servizo

As subvencións ás traídas de auga están previstas nas contas do Concello para este 2020. “Por primeira vez, o orzamento municipal contempla este ano unha partida de axudas destinada ás traídas de Oia” destaca a alcaldesa, Cristina Correa, quen lembra que esta medida de apoio permitirá acometer actuacións que “repercutirán nunha mellora do servizo, na calidade do subministro e no mantemento da saúde pública”.

O reparto da partida global de 25.900 euros nas distintas subvencións nominativas foi aprobado polo pleno municipal o pasado 30 de xullo e entrou en vigor o 10 de setembro. Unha vez rematados estes trámites, actualmente o Concello está a asinar os convenios individuais con cada unha das traídas beneficiarias.

O alcalde da Cañiza recibe a visita da delegada territorial da Xunta en Pontevedra na súa primeira visita ao consistorio

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, recibiu onte no seu despacho á nova delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, nunha xuntanza na que se trataron 12 puntos. Temas todos pendentes de resolver coa Comunidade Autónoma e que son de especial interese para mellorar os servizos municipais, como é o tema do abastecemento da traída de augas municipal.

Un expediente iniciado no ano 2008 polo antepenúltimo alcalde e que remata nos últimos anos coa redacción dun proxecto que, ademáis de inasumible polo coste económico que suporía para o Concello a súa execución (1.600.000,00 € dos que a Xunta aportaría 600.000 € e o Concello 1 millón), consultados varios técnicos o proxecto non sería viable nin solucionaría os problemas de auga nos meses de seca.

O proxecto contempla derivar auga do río Deva so no verán  hacia o depósito de Augas Férreas con estacións de bombeo. Pero precisamente nos meses de estío o río Deva, no punto de captación, non leva auga suficiente. Ademáis os costes de mantemento e enerxéticos (con 45 unidades e motores eléctricos) desta Estación Potabilizadora de Auga serían inasumibles para a precaria situación do Concello.

O alcalde está traballando en varias alternativas de maior eficacia e rentabilidade que quere presentar á Xunta para solucionar o problema de desabastecemento nos meses de agosto e setembro.

A solicitude dun médico para o Centro de Valeixe foi outro dos asuntos que o Concello ten pendente coa Xunta e que hoxe o alcalde volveu a reivindicar por cuarta vez, xa que esta problemática afecta a 754 pacientes, a maioría con máis de 65 anos.

Na despedida o rexedor comunicoulle á nova delegada que existe a máxima disposición de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia.

Galicia rexistra un novo pico en casos activos por coronavirus e sitúase nos 9.642

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.642 deles 1.668 son da área da Coruña, 1.016 da de Lugo, 1.211 da de Ourense, 1.097 da de Pontevedra, 2.271 da área de Vigo, 1.350 da de Santiago, e 1.029 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 80 están en UCI, 483 en unidades de hospitalización e 9.079 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 28.466 persoas curadas, rexistrándose 951 falecementos. O número de PCR realizadas é de 713.800.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Novo paso da Deputación cara á reactivación das empresas turísticas coa III aceleradora SmartPeme

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar, a través do programa SmartPeme TurisTIC, unha nova edición da aceleradora de empresas turísticas da provincia. Un total de 10 proxectos empresariais, o dobre que na pasada edición, xa se están a beneficiar desde esta semana das diferentes actividades de mentorización, titorías personalizadas e actividades de capacitación para avanzar durante 3 meses, ata mediados de febreiro, na súa adaptación ao comercio do século XXI.

As empresas beneficiarias, que foron seleccionadas entre os máis de 20 proxectos que se presentaron, son: A Moura Galaica-Galicia Legends (mapa web interactivo), Viajes Airbus (axencia de viaxes), Amartumar (fomento do sector pesqueiro), Fundación Pazo de Mos (organización de actividades e eventos no Pazo), Mr & Mrs Kendall (servizo de experiencias personalizado), Capptus (xogo de captura nun destino), Turismo de Historias (actividades de formación e divulgación en Galicia con base na investigación histórica), Recunchos (axencia de viaxes en liña), Alecrín (empresa de turismo de natureza) e Corticata (rutas e actividades en Vilagarcía de Arousa).

Nesta terceira edición da aceleradora, a Deputación decidiu finalmente duplicar as prazas do programa para poder atender 10 empresas xa que esta edición ten como obxectivo principal axudar ao sector turístico, que necesita moi especialmente reactivarse tralo duro golpe que está a sufrir por mor da pandemia da Covid-19. A institución conseguirao a través do asesoramento a estas pequenas empresas e persoas emprendedoras e autónomas, axudándoas a través das novas tecnoloxías a desenvolver novos proxectos ou a innovar nos seus negocios xa en marcha.

O programa desenvólvese en dúas fases. A primeira é a de mentorización, que inclúe o deseño da folla de ruta a seguir para o desenvolvemento do proxecto –para o que estarán acompañadas por unha persoa experta en turismo– e un programa intensivo de titorías que consta de sesións de traballo individualizadas con persoas asesoras expertas en tecnoloxía, en imaxe dixital e cun especialista en competitividade empresarial. Nunha segunda fase, a aceleradora centrarase nos obradoiros de capacitación enfocados na comercialización en liña dos estabelecementos e destinos turísticos, en imaxe dixital e en competitividade empresarial.

A medida que se desenvolva a aceleradora, a equipa de profesionais de SmartPeme valorará individualmente o número de sesións e a frecuencia que precisa cada un dos 10 proxectos, para así axustarse ás súas necesidades específicas. En canto ás súas demandas, salienta a súa necesidade de formación en ferramentas para a promoción e a publicidade que as axuden a gañar visibilidade. Deste xeito, coa súa participación na aceleradora TurisTIC de SmartPeme, conseguirán novas canles coas que chegar a máis clientela e así tratar de recuperar os efectos provocados pola Covid-19.

Comezan as obras da primeira fase do Plan Integral de Mellora da Accesibilidade das Neves 2019-2023

0

O Concello de As Neves ten unha profunda conciencia e compromiso, sobre a urxente necesidade de resolver diversas problemáticas existentes ao longo do seu Termo Municipal, en materia de accesibilidade e mobilidade.

No Plan Integral recóllese unha análise dos diferentes puntos da xeografía municipal onde foron identificados verdadeiros problemas de accesibilidade, principalmente en asentamentos de poboación vencellados ao ámbito do medio rural. Dito estudo identifica as problemáticas e analiza as posibles solucións, avaliando economicamente o seu custe, de feito que, ademais, xerarquiza as actuacións en función do número de persoas ou poboación que se verá beneficiada logo da súa resolución.

Esta primeira fase comprende actuacións camiños de Porteliña e Piñeiro en San Cibrán de Ribarteme, da Capela e Outeiro en San Pedro de Batalláns, e no camiño de Leiradiño en Taboexa. Nun dos camiños retirarase o punto de enerxía eléctrica que actualmente está no medio da vía. Noutros dous casos, os traballos incluirán a necesidade de execución de muros de contención. Finalmente todas as actuacións serán rematadas con aglomerado asfáltico coa instalación previa de rede de saneamento nunha delas.

A actuación que agora comeza comprenderá traballos en 1.952 metros cadrados e terán un custe total de 80.230,03€ financiados completamente a través do ‘Plan Concellos 2020’ da Deputación de Pontevedra.

A Xunta estende o peche perimetral de Vigo a Redondela, Mos, O Porriño e Nigrán e pecha a hostalería

O peche perimetral que sufría a cidade de Vigo e que onte a noite ampliábase, afectará dende o venres ás 15 horas, aos concellos limítrofes como Redondela, Mos, O Porriño e Nigrán, incluídas no que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, definiu hai uns minutos en rolda de prensa como a “améndoa perimetral”, peche que se realiza, en todo caso “dende un punto de vista sanitario” logo de ver a escalada de contaxios.

Así pois, o que se pecha perimetralmente, non é o municipio de Vigo, senón toda a contorna da área marcada por Redondela, Nigrán, O Porriño e Mos, coa cidade olívica no centro.

A esta restrición engádese o peche da hostalería nun intento, afirmóu o presidente galego, “de salvar a campaña de Nadal” con medidas drásticas que permitan, antes do comezo da mesma, unha redución na escalada da Covid-19 e que, de conseguila, bares e restaurantes poidan afrontar esas datas coas súas portas abertas, aínda que é de supoñer que con restricións.

Na comparecencia ante os medios, Núñez Feijóo salientou que incluir aos concellos limítrofes ou dentro da ‘área’ de Vigo nesa “améndoa perimetral” tiña sentido dende o punto de vista da intensa interrelación laboral, comercial e industrial que mantén a cidade olívica cos municipios da súa contorna. En todo caso, insistiu o presidente da Xunta, “a medida dítase dende criterios sanitarios dado o incremento de casos en todos os municipios limítrofes”.

Alberto Núñez Feijóo, puxo como exemplo esperanzador, o do Carballiño “non que se chegaron a dar máis de 1.000 casos e que coas medidas adoptadas e, no período dunha semana, conseguiron rebaixarse ata un 75 %”. Recoñeceu o presidente que “non foi fácil tomar unha medida deste alcance” e sinalou que aínda tendo marxe para esperar un pouco máis “o crecemento de contaxios, nalgúns casos do 100 %” facían necesario adoptar esta decisión antes de que a situación fora moito máis complicada e perigosa.

Núñez Feijóo, que pediu a colaboración e responsabilidade cidadá, sinalou que se manterá unha estreita vixilancia sobre o cumprimento das normas porque, engadiu, “non tería sentido que o baixo dun edificio teña unha cafetería pechada mentres nos pisos celébranse reunións de persoas non convivintes”.

Desconvócase a concentración da Vaquería ante o anuncio da Xunta de que informará do proxecto o luns 16

O Concello do Porriño anuncia que decidiu desconvocar a concentración de protesta que ía celebrarse o xoves 12 na Vaquería ante o anuncio da Xunta de Galicia de que o luns 16 informará sobre o proxecto de reforma e mellora da seguridade viaria desa travesía.

Este mediodía, recibiuse no Concello a chamada da Axencia Galega de Infraestruturas indicando que o seu director xeral, Francisco Menéndez recibirá o luns 16, as 10 horas a Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde e responsable municipal de insfraestruturas. Trátase da entrevista solicitada e varias veces reiterada por parte municipal para coñecer o estado do proxecto comprometido pola administración autonómica.

En consecuencia, o Concello ven de comunicar á Subdelegación do Goberno a desconvocatoria da concentración para a que tiña solicitada autorización.  

A nova webinar do Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos da Deputación aborda o xoves a intelixencia artificial

A cuarta sesión do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias para achegar a ciencia á sociedade, abordará este xoves 5 de novembro diversas cuestións relacionadas coa Intelixencia Artificial. Será unha dobre charla, que se desenvolverá en formato webinar a partir das 19 horas, e estará a cargo dos catedráticos en Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro e Ulises Cortés.

Senén Barro abordará na súa intervención os “Paradoxos da Intelixencia Artificial”, mentres que Ulises Cortés falará de “Humanismo, Ética e Intelixencia Artificial”. Ao termo dos seus faladoiros, abrirase un coloquio e unha quenda para preguntas. As persoas interesadas en asistir de xeito telemático a esta conferencia, aberta a todos os públicos, poden apuntarse a través do formulario que figura na páxina web da Deputación (https://www.depo.gal/ciclo-de-conferencias-aida-fernandez-rios).

Senén Barro é catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade de Santiago de Compostela e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias. É director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixencias da citada universidade (CiTIUS) e foi galardoado este ano cun dos tres Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE)-Fundación BBVA polas súas aportacións á investigación no campo da IA, así como á transferencia do coñecemento. O fallo do xurado valorou o seu brillante currículum investigador así como a súa labor como fundador dun grupo de investigación de referencia e de startups tecnolóxicas e tamén o seu papel como divulgador científico.

Pola súa banda, Ulises Cortés é enxeñeiro polo Instituto Tecnolóxico e de Estudos Superiores de Monterrey (ITESM) e obtivo o doutorado en 1984 pola Universodade Politécnica de Cataluña, onde actualmente é catedrático en Computación e Intelixencia Artificial. É impulsor do grupo de investigación High Performance Artificial Intelligence (HPAI) do Centro Nacional de Supercomputación de Barcelona. O foco da súa investigación céntrase en varias áreas da Intelixencia Artificial, entre as que se inclúen a adquisición de coñecemento e a formación conceptual en sistemas baseados no coñecemento, máquinas de aprendizaxe e axentes autónomos intelixentes.

O I Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos que a Deputación desenvolve en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias ten por obxectivo achegar a ciencia á sociedade, así como estimular futuras  vocacións científicas. Ademais, con este ciclo con nome de muller, tamén se está a visibilizar ás mulleres científicas, que imparten varias das charlas programadas. A tecnoloxía das cadeas de bloques, a incerteza do ciclo económico, as microalgas e os beneficios do consumo dos produtos da pesca e acuicultura son os temas sobre os que versarán as seguintes conferencias deste ciclo.

A Deputación leva ao Mercado do Tomiño a mostra das “Barbies” intervidas para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia de xénero

0

A exposición artística “Rompe. Xoga en Igualdade” da Deputación de Pontevedra chega este mércores ao Concello de Tomiño para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista. A mostra, que ten por obxectivo denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres a través de escenas representadas por bonecas “Barbie” intervidas, permanecerá exposta ata o 20 de decembro no primeiro andar do Mercado Municipal da localidade.

Esta exposición de poesía visual, elaborada polas artistas Isabel Blanco e Irene Silva, ten como fin cambiar o mundo e golpear as conciencias. Trátase dunha mostra itinerante que conta con 18 paneis que amosan ás famosas bonecas “Barbie” intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres, e que se completa coas fotografías de Noemí Chantada. Deste xeito, pretende “romper” e reivindicar a igualdade, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e home e do fin da discriminación e da violencia contra o 52% da poboación.

A mostra pódese visitar ata o 20 de decembro no Mercado Municipal, e o seu horario ao público é de luns de 9 a 14 horas; os martes, mércores, xoves e sábados de 9 a 15 horas e de 17 a 23 horas; os venres de 9 a 23 horas e os domingos de 10 a 15.30 e de 17 a 23 horas.

Nigrán convértese no municipio con máis electroliñeiras de España

0

O Concello de Nigrán ven de estrear esta semana unha nova electroliñeira con catro subministradores de carga rápida en Panxón (ao carón do Pavillón) o que convirte ao municipio no primeiro de España en número de dispositivos. Así, esta súmase  á  outra tamén de Iberdrola inaugurada o pasado  mes de outubro ao carón do Centro de Negocios do parque empresarial Porto do Molle e á semi-rápida gratuíta disposta no 2018 polo propio Concello ao lado da Casa Consistorial. Así, a localidade ostenta o récord de electroliñeiras en espazos públicos de España. Esta nova é exactamente igual á de Porto do Molle, con 4 postos e estando operativa as 24 horas e tamén de de carga rápida (50 Kw/hora) o que permite completar o 80% da batería en só media hora.

“É un orgullo para Nigrán ser o municipio de España con  máis electroliñeiras de uso público. Desde 2018 fomos pioneiros ao ofrecer unha municipal e gratuíta ao carón do consistorio con dúas tomas, agora sumamos estas dúas de Iberdrola con capacidade para 4 vehículos cada unha, polo que 10 coches poderán esta a cargar simultáneamente en Nigrán”, explica o alcalde, Juan González, quen xunto ao edil de Vías e Obras, Rubén Rial, e a de Educación, Marina Vidal, estrearon esta mañá a electroliñeira de Panxón cargando unha furgoneta munical acompañados dun representante de ACEUVE (empresa instaladora de Iberdrola en Galicia e con sede en Porto do Molle).

As dúas electroliñeiras de carga rápida en Nigrán as explota Iberdrola a un prezo de mercado de 30 céntimos kw/hora (supón unha media de 10 € por batería cargada ao 80%, para o que se precisa menos de 30  minutos). Todo o ciclo (posibilidade de reserva do conector, pago, información de prezos e ubicación …) se xestiona  de forma sinxela a través da aplicación de Iberdrola para Android e IOS. “Obviamente son prezos moi asequibles que supoñen un desembolso para o consumidor de entre 1,5-2 € por 100 qm, polo que estes vehículos ademais de ser ecolóxicos resultan moi rendibles  económicamente”, destacan desde Iberdrola.

“Non só somos unha referencia en termos de incentivar a sostibilidade medioambiental entre a veciñanza, é que isto fará que moitos usuarios se despracen ex-profeso a Nigrán para cargar o seu turismo en menos de media hora”, sinala o alcalde, quen incide en que o goberno local aprobou no 2018 unha bonificación do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como ‘0 emisións’.

“Panxón é un punto neurálxico que facilita moito a loxística do usuario que de despraza ao pavillón, á praia ou a comer, este é un motivo máis para elixir Nigrán, en cambio, Porto do Molle é un parque empresarial tecnolóxico no que, lóxicamente, se demandaba este servizo porque moitas empresas dispoñen deste tipo de vehículos”, sinala o rexedor, quen incide en que “se trata de promover entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións, é unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas mediante este tipo de iniciativas”.

A ‘CSC Escola’ comezará a funcionar a vindeira semana e atenderá aos centros escolares galegos

A Xunta de Galicia porá en marcha nos vindeiros días, unha unidade específica para atender aos centros escolares no seo da Central de Seguimento de Contactos (CSC). Unha iniciativa, froito da intensa colaboración entre os departamentos de Sanidade e Educación co obxectivo de facer un seguimento da covid-19 máis axustada á realidade educativa e para reforzar, aínda máis, a seguridade sanitaria nos centros.

Esta mesma mañá, os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantiveron unha xuntanza para detallar o funcionamento desta nova unidade da CSC.

Dende a Xunta, avalíase continuamente a situación para que os centros educativos sigan a ser lugares seguros. Neste sentido, subliñar a posta en marcha de recursos coma a aplicación EduCOVID e os Auto COVID escola, para facilitar a realización de probas de detección do virus tanto aos alumnos coma ao persoal vencellado ao centro escolar.

Tui aproba as primeiras 108 axudas a establecementos e persoas autónomas que estiveron sen actividade debido á pandemia

0

A Xunta de Goberno local do Concello de Tui aprobou a semana pasada as primeiras 108 axudas a establecementos e persoas autónomas ao abeiro do Programa municipal de axudas extraordinarias de emerxencia, Reactiva Tui. Suman un total de 93.168,45€ con axudas de até 1000 euros por solicitante destinadas a facer fronte aos gastos de aluguer do local comercial, ao investimento preciso para a transición ou optimización do comercio en liña, así coma para a incorporación das medidas de prevención establecidas, ou para acondicionar os locais comerciais á actual situación de pandemia.

Estas primeiras 108 achegas aprobadas pertencen aos establecementos e persoas autónomas que cumprimentaron en tempo e forma toda a documentación requirida para xustificar a solicitude presentada. Este número poderá incrementarse nas próximas semanas xa que hai solicitantes, que figuraban na listaxe A que cumprían os requisitos establecidos nas bases aprobadas en pleno no mes de maio, pero aos que lles faltaba por presentar documentación, que logo de ser requirida deberán presentar no prazo establecido. O Concello comunicará nos próximos días as axudas aprobadas e propostas para pago.

O Concello de Tui destinou ao programa Reactiva Tui 280 mil euros para sufragar os gastos de empresas e persoas autónomas que permaneceron sen actividade durante a Estado de Alarma.

A concelleira de Comercio, Ana María Núñez, explica que “o fundamental e chegar a tempo, somos conscientes que non é a salvación de ninguén senón unha humilde axuda que nestes momentos chegará como auga de maio, o importante agora é que a administración autonómica se sume e complemente a aportación”.

A concelleira agradece o traballo desenvolvido polo persoal técnico do Centro Municipal de Formación no asesoramento aos solicitantes para que as solicitudes puideran cumprir con todos os requisitos establecido, realizando un rigoroso traballo de supervisión e control, que deu coma resultado un elevado número de axudas validadas.

Reactiva Tui forma parte do Plan de Reactivación Económica Local posto en marcha polo Concello de Tui para facer fronte as consecuencias económicas derivadas da crise provocada pola COVID-19.

Ponteareas prepárase para acoller o paso do pelotón ciclista de ‘La Vuelta’

Ponteareas prepárase para acoller o paso do pelotón ciclista de ‘La Vuelta’ que percorrerá a N-120 dende a parroquia de Xinzo, chegando ao núcleo urbano en torno ás 11 horas para percorrer a Rúa Real, a Avenida de Galicia e a rúa Sarmiento Rivera, conectando coa estrada provincial cara As Neves.

Con motivo deste acontecemento, a Avenida de Galicia lucirá unha gran pancarta lembrando aos tres gañadores ponteareáns de ‘La Vuelta’: Delio Rodríguez, Emilio Rodríguez e Álvaro Pino. Así mesmo, o Concello lembrará os seus logros mediante diversos contidos audiovisuais a través das redes sociais, e durante a xornada do xoves medios de comunicación centrarán en Ponteareas as súas emisións.

Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes en funcións, lembrou a importancia do ciclismo para Ponteareas, así como “o fito histórico que supón ser o único lugar do mundo que conta con tres gañadores de La Vuelta a España”.

Así mesmo, a concellaría de Tráfico que dirixe Roberto Mera informa que, con motivo do paso da carreira ciclista polo centro urbano de Ponteareas, permanecerán cortadas ao tráfico a rúa Real, a avenida de Galicia, Sarmiento Rivera e a estrada que vai As Neves EP-4006.

O corte de tráfico nestas rúas producirase ás 10:15 horas ata as 12:00 horas. A concellaría solicita a colaboración de toda a cidadanía para o bo desenvolvemento da proba ciclista procurando non circular pola contorna destas rúas neste intervalo de tempo.

O eurodeputado socialista González Casares pregunta á Comisión Europea pola legalidade das axudas de Alemaña e Holanda ao sector naval

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares preguntou á Comisión Europea pola legalidade das axudas, por valor duns 620 millóns de euros que, segundo informacións publicadas pola prensa, destinaron Alemaña e Holanda á industria da construción naval dentro dos seus programas para facer fronte á pandemia da Covid-19.

Nunha pregunta escrita, González Casares diríxese á CE para saber se “está a analizar ou prevé analizar a legalidade das axudas concedidas ao sector naval por estes dous países e a súa compatibilidade coas normas de competencia e sobre axudas de Estado”, e “se prevé actuar de oficio no caso de que as axudas non fosen sometidas ao escrutinio da Comisión”.

No seu escrito, o eurodeputado socialista sinala que as informacións publicadas pola prensa apuntan a “que no caso holandés, o programa de auxilio non foi revisado por Bruxelas, e no caso alemán as axudas ao estaleiro MV Werften tampouco serían sometidas ao escrutinio das autoridades comunitarias”.

Neste sentido, González Casares pregunta tamén se a Comisión vai velar por que “a relaxación do réxime de axudas de Estado para facer fronte á pandemia non xere vantaxes anticompetitivas no mercado interior neste sector”.

Gonzalez Casares considera que “o campo de xogo ten que ser igual para todos”, e asegura que “imos defender que se xogue coas mesmas regras, para que unha industria tan importante en Galicia non salga prexudicada”.