A alcaldesa de Redondela expresou hoxe a súa total colaboración coa Consellería de Sanidade naquelas medidas que se adopten coa finalidade de poñer freo a escalada da Covid-19. Digna Rivas, que mantivo esta mañá unha conversa co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que “é o momento de traballar todos xuntos na procura dunha solución a esta grave crise sanitaria”.
A alcaldesa lanzou unha mensaxe de tranquilidade á poboación nesta nova situación na que, o confinamento domiciliario cámbiase por un confinamento perimetral. Redondela queda pois dentro dunha área na que os límites os marcan o propio concello redondelán, Mos, O Porriño e Nigrán con Vigo no centro. A mobilidade da veciñanza dentro desa área, quedará establecida na correspondente Orde que se publique no Diario Oficial de Galicia.
A alcaldesa de Redondela lembrou que a medida de ‘peche perimetral’ funcionou no concello do Carballiño, “onde chegaron a ter un total de 1.000 persoas infectadas e que conseguiron rebaixar ese número de xeito espectacular” e é polo que fai un chamamento “a responsabilidade de todos e todas, sobradamente demostrada no confinamento de marzo, a cumprir as normas sanitarias establecidas e conseguir, entre todos, camiñar na saída desta comprometida situación”.
A alcaldesa mantivo tamén contacto cos portavoces da oposición –PP e BNG– aos que se manterá informados puntualmente das medidas que se vaian adoptando para adaptarse a esta situación porque, sinalou, “todos estamos no mesmo barco e, entre todos sen distinción algunha, temos que levalo a bo porto”.
Doutra banda, o Concello estudará nestes días as posibles medidas para apoiar á hostalería que será o sector máis prexudicado e que só poderán atender a entregas a domicilio ou recollida no local. O comercio, pola súa banda, seguirá funcionando como ata o de agora “e o Concello velará porque sexan cumpridas estritamente as medidas de seguridade que vaian establecendo as autoridades sanitarias nunha situación na que nos estamos a xogar moito”, engadiu Digna Rivas.