Ponteareas prepárase para acoller o paso do pelotón ciclista de ‘La Vuelta’ que percorrerá a N-120 dende a parroquia de Xinzo, chegando ao núcleo urbano en torno ás 11 horas para percorrer a Rúa Real, a Avenida de Galicia e a rúa Sarmiento Rivera, conectando coa estrada provincial cara As Neves.
Con motivo deste acontecemento, a Avenida de Galicia lucirá unha gran pancarta lembrando aos tres gañadores ponteareáns de ‘La Vuelta’: Delio Rodríguez, Emilio Rodríguez e Álvaro Pino. Así mesmo, o Concello lembrará os seus logros mediante diversos contidos audiovisuais a través das redes sociais, e durante a xornada do xoves medios de comunicación centrarán en Ponteareas as súas emisións.
Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes en funcións, lembrou a importancia do ciclismo para Ponteareas, así como “o fito histórico que supón ser o único lugar do mundo que conta con tres gañadores de La Vuelta a España”.
Así mesmo, a concellaría de Tráfico que dirixe Roberto Mera informa que, con motivo do paso da carreira ciclista polo centro urbano de Ponteareas, permanecerán cortadas ao tráfico a rúa Real, a avenida de Galicia, Sarmiento Rivera e a estrada que vai As Neves EP-4006.
O corte de tráfico nestas rúas producirase ás 10:15 horas ata as 12:00 horas. A concellaría solicita a colaboración de toda a cidadanía para o bo desenvolvemento da proba ciclista procurando non circular pola contorna destas rúas neste intervalo de tempo.