Luns, 17 Marzo de 2025

A Guarda reúne a comisión de seguimento da COVID-19 diante da complicada situación sanitaria na localidade

O alcalde da conta aos compoñentes da comisión da grave situación sociosanitaria debido a evolución das infeccións nos últimos días e trasládalle a necesidade de intensificar as medidas de prevención

Dende fai uns días A Guarda atópase no nivel tres de infeccións por COVID-19, o nivel de alerta máximo que contempla a Xunta de Galicia na súa valoración. O Goberno local, que preside Antonio Lomba, vén de amosar a súa preocupación xa que, dende a declaración deste nivel de alerta “a evolución dos contaxios foi moi negativa, chegando a día de hoxe aos 60 casos”. Esta é unha situación moi preocupante Goberno local que ve como, día a día, aumentan os contaxios de forma descontrolada.

A comisión de seguimento revisou os protocolos do servizo de axuda no fogar e reactivou o servizo de axuda a familias confinadas. Así mesmo a comisión concluíu que é impresdincible que toda a cidadanía, organizacións e empresas, “sigan celosamente a normativa do Goberno da Nación, da Xunta de Galicia, e as recomendacións do Concello respecto das medidas restritivas de prevención da pandemia, para poder reverter esta situación de incremento dos contaxios”.

É necesario que se sigan as recomendacións das autoridades sanitarias. Se unha persoa ten síntomas de COVID-19 (tose, febre, diminución do gusto e cheiro, estremecementos…) ou ten contacto estreito cun caso positivo, debe quedar na casa e contactar cos servizos de saúde chamando ao teléfono 900400116

O Concello considera “imprescindible que toda a poboación extreme as medidas de seguridade individual, sobre todo o uso da máscara, distancia interpersoal e hixiene de mans” do mesmo xeito é importantísimo que se respecte a normativa “respecto da limitación dos contactos sociais a xuntanzas de 6 persoas non conviventes como máximo”.