O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu amosar, durante a súa intervención na comisión da reconstrución, o seu apoio ás restricións que está aprobando a Xunta para facer fronte ao avance da pandemia en Galicia, pero esixiu a Feijóo que explique por que mantén abertas as fronteiras da comunidade mentres pecha 60 concellos. “Máis consistencia e menos improvisación”, requiriu.
“Pódese viaxar desde Madrid a moitos concellos de Galicia aos que non se pode ir desde Vigo ou A Coruña”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que Feijóo ten que explicar a “inconsistencia” das novas restricións co feito de que a comunidade non fose blindada.
En todo caso, Gonzalo Caballero deixou claro que “nós respaldaremos as medidas que adopte o goberno galego”, como autoridade á que lle compete e que ten “toda a información” para fundamentar as súas decisións.
Iso si, o secretario xeral do PSdeG reclamou á Xunta “transparencia” sobre os datos e “medidas ponderadas e equilibradas” fronte aos riscos da covid, así como que vaian “acompasadas” co “rescate” do tecido produtivo. “Cómpre un plan extraordinario de axudas directas aos sectores afectados”, subliñou, consciente de que a hostalería, o comercio, os autónomos ou as industrias culturais se senten hoxe “abandonados” polo goberno galego.
“NON DEIXAR A NINGUÉN ATRÁS”
De feito, en resposta á comparecencia do expresidente socialista da Xunta Fernando González Laxe, Gonzalo Caballero reclamou medidas orientadas a “non deixar a ninguén atrás” na saída desta crise.
“Temos que responder defendendo a saúde das persoas e potenciando a economía”, destacou, crítico coa ausencia de política económica nos gobernos de Feijóo, que tivo como consecuencia a perda -antes da aparición da covid- de 70.000 empregos nun momento no que en España se crearon 670.000.
Así mesmo, o máximo dirixente do PSdeG amosou a súa preocupación pola falla de “estratexia global” da Xunta á hora de captar fondos europeos e puxo sobre a mesa “os riscos de desigualdade” que trae consigo esta crise.
“ESTA CRISE ESIXE TOMAR MEDIDAS”
Ao respecto, Fernando González Laxe incidiu en que un 8% da poboación galega está en taxas de pobreza severa, así como no feito de que un 43% das pensións que se perciben en Galicia (un 52% delas, de viuvez) están por baixo do limiar da pobreza. “Falamos de preto de medio millón de persoas”, recalcou.
Do mesmo xeito, o economista puxo o foco nas “dificultades” das mulleres, especificamente aquelas con menos formación, e sobre a “fuga de cerebros” que se está producindo en Galicia. “Esta crise esixe tomar medidas”, defendeu, consciente da “gran profundidade das cicatrices sociais” que causará.
“FALLA DE TRANSPARENCIA”
Pola súa banda, o viceportavoz socialista, Pablo Arangüena, interveu na mesma comisión durante a comparecencia do director do Foro Económico de Galicia para advertir da tendencia ao “capitalismo de amiguetes” e das “oportunidades perdidas” pola “falla de transparencia” e de “control na xestión” da Xunta.
Así, lamentou que, pese a que Galicia “ten un gran potencial ante a reconstrución”, dispón “dun goberno cunha traxectoria fondamente preocupante cara ao desafío que temos por diante”.
Precisamente, Pablo Arangüena lembrou que, xa antes da covid, “o Foro Económico de Galicia tildara de fracaso a denominada ‘Axenda 4.0’ da Xunta” e “criticara o descenso nos rankings de competitividade rexional da Unión Europea, nos que a comunidade experimentara un retroceso en 34 posicións nun período de 6 anos, mentres o norte de Portugal fixera o contrario”.
No escenario actual, o responsable socialista amosou o apoio do PSdeG ás restricións decididas pola Xunta, “a diferencia do que fai o PP co goberno de España”, pero advertiu das altas doses de “improvisación” que se detectan.
Iso si, Arangüena rexeitou “insensateces” como a afirmación de Feijóo sobre que hai 6.152 rastrexadores en Galicia, “cando sabemos pola prensa que hai entre 50 e 100 subcontratados”. “Se fai falta a transparencia nun momento normal, fai moita máis nun momento de emerxencia coma este”, sentenciou.