25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA 'V Xornada de Onomástica' da RAG celebrarase este sábado en formato...

    A ‘V Xornada de Onomástica’ da RAG celebrarase este sábado en formato exclusivamente telemática

    No encontro analizaranse os nomes comerciais e o valor do idioma galego, un campo apenas estudado ata o de agora

    A ‘V Xornada de Onomástica Galega’ da RAG, que este ano analiza o valor do idioma nos nomes comerciais, celebrarase este sábado de maneira exclusivamente telemática, eliminando a asistencia presencial ao Museo de Pontevedra por mor da pandemia. A sesión, que comezará coa inauguración a cargo da deputada de Lingua María Ortega, o presidente Víctor F. Freixanes e a académica coordinadora do programa Ana Boullón, poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da Academia.  

    A cita, organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, analizará da man de distintos especialistas o uso do galego denominacións comerciais, prestándolles atención a casos como os dos viños do Ribeiro, os bares e restaurantes do barrio vigués de Coia, os establecementos de Redondela ou, dende unha perspectiva histórica, os nomes de xornais. As experiencias en primeira persoa da zoqueira Elena Ferro, que designa os seus zocos con topónimos, das deseñadoras Irene García e Raquel Boo e de Xosé González Martínez, impulsor da campaña de etiquetado en galego “Con acento propio”, pecharán o encontro.

    Despois da apertura oficial ás 9.45 a cargo da deputada María Ortega, o presidente Víctor Freixanes e a académica Ana Boullón, o coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Antón Santamarina, abrirá o programa cun breve relatorio sobre o nome da disciplina que estuda as marcas comerciais dende a perspectiva filolóxica. Deseguido, o profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado afondará na relación entre as marcas, as empresas e os dominios en Internet. A partir das 11horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela falará da riqueza creativa a través da análise dunha serie de nomes de marcas e empresas galegas; e Sara Míguez exporá os resultados dun traballo de campo centrado na rotulación de locais dedicados a distintos tipos de negocios no concello de Redondela (Pontevedra).

    A sesión da mañá concluirá cunha viaxe pola historia das cabeceiras dos xornais galegos a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes;  e a ollada aos nomes das adegas, dos viños e dos licores do Ribeiro (Ourense) de Raquel Rodríguez Parada.

    Coma nas edicións anteriores, dedicadas á microtoponimia, os nomes e apelidos, os alcumes e as rúas, nesta ocasión tamén se incidirá, da man de Celtia Rei, no valor pedagóxico da onomástica. A profesora presentará, xa pola tarde, a experiencia desenvolvida no IES Alexandre Bóveda de Vigo, onde o alumnado analizou os nomes de bares e restaurantes de Coia. A xornada concluirá coa mesa redonda protagonizada por Elena Ferro, Xosé González Martínez, Irene García e Raquel Boo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.