Mércores, 30 Abril de 2025

O eurodeputado socialista González Casares pregunta á Comisión Europea pola legalidade das axudas de Alemaña e Holanda ao sector naval

"Imos defender que se xogue coas mesmas regras, para que unha industria tan importante en Galicia non salga prexudicada"

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares preguntou á Comisión Europea pola legalidade das axudas, por valor duns 620 millóns de euros que, segundo informacións publicadas pola prensa, destinaron Alemaña e Holanda á industria da construción naval dentro dos seus programas para facer fronte á pandemia da Covid-19.

Nunha pregunta escrita, González Casares diríxese á CE para saber se “está a analizar ou prevé analizar a legalidade das axudas concedidas ao sector naval por estes dous países e a súa compatibilidade coas normas de competencia e sobre axudas de Estado”, e “se prevé actuar de oficio no caso de que as axudas non fosen sometidas ao escrutinio da Comisión”.

No seu escrito, o eurodeputado socialista sinala que as informacións publicadas pola prensa apuntan a “que no caso holandés, o programa de auxilio non foi revisado por Bruxelas, e no caso alemán as axudas ao estaleiro MV Werften tampouco serían sometidas ao escrutinio das autoridades comunitarias”.

Neste sentido, González Casares pregunta tamén se a Comisión vai velar por que “a relaxación do réxime de axudas de Estado para facer fronte á pandemia non xere vantaxes anticompetitivas no mercado interior neste sector”.

Gonzalez Casares considera que “o campo de xogo ten que ser igual para todos”, e asegura que “imos defender que se xogue coas mesmas regras, para que unha industria tan importante en Galicia non salga prexudicada”.