Domingo, 27 Xullo de 2025

Ponteareas aposta pola creatividade e a nosa lingua co concurso @TikTokTea das concellerías de Lingua e Mocidade

As concellerías de Lingua e Mocidade do Concello de Ponteareas, dirixidas polos nacionalistas Fernando Groba e Miguel Bouzó, respectivamente, poñen en marcha un novo certame co que se pretende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e darlles visibilidade ás/aos tiktokeiras/os do Concello de Ponteareas. Deste xeito lanzan o concurso @TikTokTea no que poderá participar a mocidade a partir de 13 anos.

Os seus “TikToks”serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual ponteareán e nas redes sociais. Cada participante pode enviar un máximo de dous vídeos.

Para participar no certame, deberase enviar ao enderezo electrónico [email protected] a ficha de participación cuberta e asinada, xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 17 de febreiro de 2021 e estabelécense dous premios de 100 € en cada categoría, un outorgado polo xurado e outro polo público.

Fernando Groba e Miguel Bouzó adiantaron que os premios entregaranse nun acto público que se anunciará previamente no sitio web do Concello e nas súas redes sociais.

Os vídeos teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatoria a presenza da lingua galega, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A duración de cada peza estará comprendida entre os 20 e os 60 segundos e nas gravacións realizadas en espazos públicos, débense respectar as medidas de prevención da Covid-19 existentes.

As pezas audiovisuais deberán estar relacionadas coa música, o espazo, a gastronomía, as tradicións, ou calquera outro elemento característico do Concello de Ponteareas.

As bases pódense consultar no botón “TikTokTea” do sitio web do Concello ou directamente seguindo esta ligazón https://ponteareas.gal/tiktoktea/

Con esta iniciativas a Concellaría de Lingua e a de Mocidade traballan de xeito transversal no fomento do emprego da nosa lingua galega a través das últimas tendencias en lecer e achéganse á mocidade con ferramentas que esperten o seu lado artístico.

A Concellería de Vías e Obras de Redondela repara os danos causados polos temporais nas parroquias do municipio

0

A concellería de Vías e Obras do Concello de Redondela que xestiona Vicente Lamas, traballa arreo nestes días na reparación de diversos danos ocasionados polos últimos temporais nas diferentes parroquias de Redondela.

As actuacións centráronse na reparación de estradas e camiños de competencia municipal que, durante estas semanas, rexistraron diversos danos a consecuencia das abundantes choivas e que precisaban de actuacións urxentes de cara a garantir a súa seguridade, tanto para peóns como para vehículos.

A maiores da reparación destas incidencias a Concellería, tal e como explica Vicente Lama, “traballa coa vista posta nas vindeiras datas nas que as previsións do tempo anuncian novos temporais”. De aí que durante estes últimos días intensifíquense os traballos de limpeza de sumidoiros, arquetas e cunetas coa finalidade “de evitar asolagamentos que dificulten o libre tránsito de vehículos de persoas”, engade Lamas.

Pola súa banda a alcaldesa Digna Rivas subliñou “o enorme esforzo que están a facer as brigadas de Vías e Obras que teñen que atender numerosas incidencias ao longo de todo o municipio”.

Salvaterra e As Neves coñecen os ‘Tesouros Humanos Vivos’ do Miño

0

A rapazada dos concellos de Salvaterra e as Neves aprendeu onte como se desenvolve a pesca tradicional da lamprea e achegouse á práctica da transhumancia, dúas mostras de traballos artesanais que aínda sobreviven nos concellos da raia. Escoitaron a importancia de conservar o idioma, nalgúns casos en risco de desaparecer como a variedade dialectal do ‘goianés’ e coñeceron particularidades musicais como as treboadas.

Da man de Polo Correo do Vento, o alumnado de ambos os dous colexios coñeceu dun xeito lúdico e divertido estes aspectos do noso patrimonio inmaterial. Uns contacontos que están a percorrer diferentes centros educativos dentro da iniciativa ‘Tesouros Humanos Vivos’ da Deputación, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza de Uxío Benítez.

As historias de Enrique Mauricio chegan ao alumnado cargadas de ritmo coa música en directo do ukeleñe de Antón Ké. A continuación o ilustrador Carlos Taboada anima á rapazada a participar elaborando os seus propios debuxos e ilustracións que pasarán a decorar o centro educativo.

O obxectivo da actividade –que se desenvolveu, como non podía ser doutro xeito, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus– é poñer en valor as biografías homenaxeadas dentro do proxecto de recuperación da memoria galego-portuguesa e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.

A iniciativa, que xa pasou polos colexios Manuel Sieiro de Crecente, o Colexio Padres Somascos da Guarda e o CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal rematará este primeiro ciclo de actuacións nos centros educativos de Tomiño e Tui.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto Smart Minho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

Os concellos da ‘raia’ instan a Madrid, Lisboa e á Xunta á “reapertura urxente” de todos os pasos de fronteira para persoas traballadoras

O AECT Rio Miño e os alcaldes e alcaldesas portugueses e da provincia de Pontevedra aprobaron onte nunha reunión extraordinaria convocada polo peche da fronteira de Portugal un comunicado que trasladarán aos Gobernos centrais de Madrid e Lisboa e á Xunta de Galicia para reclamar que, de maneira urxente, se reabran todos os pasos para as persoas traballadoras cos controis necesarios.

No encontro participaron os alcaldes e alcaldesas do Agrupamento máis próximos á raia (Cerveira, Arcos de Valdevez, Caminha, Melgaço, Monçao, Ponte da Barca, Valença, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda, Salvaterra, As Neves, Arbo, A Cañiza, e Ponteareas). Todos eles asinaron o documento e, segundo explica vicedirector do AECT e tamén deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Beníte, manifestaron a súa vontade de colaborar cos estados no que fose necesario mais advertiron que “se non se nos comprende, se non se nos atende como pasou a última vez en xuño, cando ao final se conseguiu abrir o resto dos pasos, emprenderemos mobilizacións porque entendemos que é algo xusto”.

Benítez explica que a indignación é xeralizada e o consenso é absoluto para reivindicar a apertura de máis pasos transfronteirizos para as persoas traballadoras. “(Madrid e Lisboa) Teñen que entender a importancia da fronteira do Miño e visibilizar que o que está creando deixar un só paso na ponte Tui-Valença é un funil, creando filas quilométricas e trasladando o custe á cidadanía, gastando combustible e tempo nunha situación económica tan complexa”, insistiu o nacionalista.

Benítez afirma que as e os traballadores transfronteirizos, arredor duns 6.000 segundo os cálculos do AECT, viven unha situación “de desgaste físico e psicolóxico debido ás filas interminables e aos rodeos, cun impacto no día a día persoal e profesional, non tendo o mesmo rendimento produtivo”.

O 44 % do tráfico de toda a fronteira no primeiro confinamento

No comunicado que se trasladará oficialmente aos gobernos centrais e á Xunta, sublíñase que durante o periodo do primeiro confiamento pola pandemia, a ponte internacional de Tui-Valença –a única aberta no territorio miñoto- concentrou preto do 44% do total da mobilidade entre España e Portugal, motivo que fixo que ámbolos dous estados recoñeceran a situación e, finalmente, reabriran as pontes de Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço. “Neste segundo momento de peche de fronteiras é completamente incomprensible non ter esta realidade en conta -insiste Benítez- e volver caer no erro inicial”.

Insisten os concellos en que segundo os datos do Observatorio Transfronteirizo España-Portugal de 2019 (antes da COVID), dos 60 pasos existentes entre ambos países, os de Tui–Valença, Tomiño–Cerveira e Salvaterra–Monção estaban xa entre os cinco con maior fluxo de tráfico transfronteirizo, sumando máis do 55 % do total entre Portugal e España, mesmo non habendo datos oficiais sobre a ponte internacional de Arbo.

O texto asinado polos concellos destaca tamén que os horarios de apertura parcial estipulados para Salvaterra e Monção tampouco son útiles para o persoal laboral de ámbolos lados da fronteira, xa que traballan en turnos diferenciados, polo que se apela aos gobernos a habilitar en todos os pasos horarios verdadeiramente axeitados ás súas necesidades.

Finalmente, as alcaldesas e os alcaldes volven reivindicar aos gobernos español, portugués e galego a creación da tarxeta cidadá transfronteiriza para estas rexións de fronteira, así como a implementación dunha Intervención Territorial Integrada (ITI) para que o territorio do Miño sexa compensado con fondos europeos “por este segundo e duro golpe socioeconómico”.

Mos celebra o seu ‘Entroido na casa’ con moito sentidiño

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, presentaron hoxe a programación do Entroido 2021 que, por mor da crise sanitaria da COVID-19, celebrarase exclusivamente on line baixo o lema ‘Entroido na casa. O mellor Entroido de Mos está na túa casa’.

O prato forte deste programa de actos e actividades será o I Concurso de Disfraces de Entroido On Line 2021 do Concello de Mos. Os/as interesados/as en participar xa poden enviar as fotografías dos seus disfraces ao correo electrónico [email protected]  e teñen de prazo para facelo ata a medianoite do 12 ao 13 de febreiro. Os participantes do concurso deberán poñer no correo electrónico os seus datos: nome, apelidos, dirección postal e un teléfono de contacto.

Este concurso de disfraces vai dirixido a todas as idades e poden participar nenos/as, adultos e familias-convivintes. A categoría de participación é única e os premios aos que se optan son 3 por cantidades económicas diferentes a canxear en establecementos non esencias do Concello de Mos (librerías, tendas de roupa, hostalería, perruquerías, centros de estética, florerías, etc).

O primeiro premio está dotado de 200 euros, o segundo de 150 euros e o terceiro de 100 euros.

A elección das persoas gañadoras farase mediante a votación da poboación xeral e un xurado que se encargará de elixir as fotografías dos gañadores. Os criterios a ter en conta son a orixinalidade, a posta en escea, o que transmite a escenografía…

As fotografías publicaranse na páxina de Facebook do Concello de Mos o domingo 14 de febreiro. O prazo de votación comezará o mesmo día da publicación das fotos nas redes sociais e poderase  dar “MeGusta” na rede social ao longo dos días 14, 15 e 16 de febreiro. Ás 00:00 h do dia 17, tomarase nota do número de “MeGusta” que ten cada foto. As 10 con máis “MeGusta” pasarán a ser supervisadas polo xurado composto pola concelleira de Cultura, un funcionario do departamento de Participación Cidadá, un profesional da fotografía, un profesional da artesanía e a moda, un profesional da estética e o maquillaxe e dous profesionais do mundo do espectáculo. Os gañadores daranse a coñecer o mércores 17 de febreiro pola tarde nunha publicación na páxina web do Concello, e no Facebook do Concello e da Omix.

O resto da programación incluirá desde obradoiros de cociña típica de Entroido, ata retos na rede social Tik Tok, obradoiros infantís de manualidades, xadrez, lóxica e pintacaras… etc. Para a realización dos talleres de pintura de caras cóntase coa colaboración do Ciclo Superior de Educación Infantil do Colexio Lar, que fará o vídeo das maquillaxes.

O programa de actividades comezará o sábado 13 de febreiro ás 11.00 horas con obradoiros de cociña e a elaboración da receita do lacón con grelos, pola tarde ás 17.00 horas tocaralle o turno ás emblemáticas orellas de Entroido. Xa ao día seguinte, domingo día 14, continuarán os talleres gastronómicos coa publicación da receita do cocido ás 10.00 horas da mañá e das filloas ás 17.00 horas da tarde. A continuación, ás 18.00 horas, realizarase o Desfile Virtual de Entroido coa publicación das fotografías presentadas ao concurso de disfraces.

O luns 15 de febreiro ás 10.00 horas terá lugar o primeiro Reto tiktoker: Eu podo……e ti?. Ás 11.00 horas pintacaras a cargo do Colexio Lar (Pirata e cervo). Ás 12.00 horas obradoiros na casa: manualidades, xadrez, máscaras para imprimir e colorear. E ás 13.00 horas elaboramos o noso disfraz.

O martes 16 de febreiro ás 10.00 horas, segundo Reto tiktoker: Eu podo……e ti?. Ás 11.00 horas pintacaras a cargo do Colexio Lar (Maruxiña). Ás 12.00 horas elaboramos o noso disfraz. E ás 13.00 horas obradoiros na casa: manualidades, xadrez, Quiz Entroido polo mundo.

E por último, o mércores 17 de febreiro, ás 10.00 horas farase o terceiro reto tiktoker: Eu podo……e ti?. Ás 11.00 horas pintacaras a cargo do Colexio Lar (Calavera Mexicana – Tigre). Ás 12.00 horas, obradoiros na casa: manualidades, xadrez, e vídeo realizado polos nenos/nenas do Club Xadrez Mos. Ás 13.00 horas elaboramos o noso disfraz. E rematarase a programación ás 18.00 horas co fallo dos gañadores do concurso de disfraces online.

Aberto o prazo de inscrición para os cursos gratuítos da aula CEMIT de Ponteareas

A Concellería de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez, informa do comezo de novos cursos na Aula CEMIT ubicada no Centro Social na rúa Oriente. A aula CEMIT ofrece formación informática totalmente de balde axeitando, sempre que se conseguen grupos, o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía, por este motivo o responsable dos cursos recorda que se poden achegar á aula CEMIT suxestións para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.

Debido ás circunstacinas actuais, a aula CEMIT abre o prazo de inscrición para os seguintes cursos que comezarán a impartirse neste mes de xeito non presencial:

  • INICIACIÓN SITIO WEB CON WORDPRESS.COM: Cun total de 9 horas/mes.
    • Martes e mércores con unha hora e media diaria de 17:30 a 19:00 hrs.
  • INTRODUCIÓN AO DESEÑO GRÁFICO CON SOFTWARE LIBRE (Inkscape, Gimp, etc.): Cun total de 12 horas/mes.
    • Xoves e Venres 17:00 a 19:00 hrs. do 11 ao 26 de febreiro.
  • MANEXANDO O GOOGLE DRIVE: Cun total de 3 horas/mes.
    • Do Martes 9 ao xoves 11 de febreiro de 19:30 a 20:30 12:00horas.
  • FOTOS ANTIGAS RESTAURACIÓN CO MÓBIL E IA: Cun total de 2 horas/mes.
    • Venres 12 de febreiro de 10:00 a 12:00hrs.
  • INICIACIÓN PROCESADOR TEXTOS LIBREOFFICE: Cun total de 12 horas/mes.
    • Luns, Martes e Venres do 15 ao 26 de febreiro de 10:00 -12:00 horas.
  • GIMP: INICIACIÓN RETOQUE FOTOGRÁFICO: Cun total de 8 horas/mes.
    • Martes e Mércores do 16 ao 24 de febreiro entre as 19:30 e as 20:30hrs.
  • APPS RETOQUE E MELLORA FOTOGRÁFICA DO MÓBIL (Snapseed, Toolwiz Photos, etc.): Cun total de 4 horas/mes.
    • Quenda de Mañá: Martes 23 a viernes 26, una hora diaria de 12:30 a 13:30hrs
    • Quenda de Tarde:  Xoves e Venres 19:30 a 20:30 hrs. do 18 ao 26 de febreiro.

O alumnado contará con titorías online e offline por correo electrónico e en liña  segundo cita previa no horario de atención do aula todos os días de 9 a 11 horas e os mércores de 21:30 a 22:30hrs.

Para realizar a  inscrición as persoas interesadas deberán contactar a través de chamada ou de mensaxe de whatsapp no número de teléfono 634 238 962

Ademais poderán contactar coa aula CEMIT de Ponteareas a través do enderezo electrónico [email protected].

O concelleiro de Desenvolvemento Tecnolóxico anima á veciñanza a contactar coa aula CEMIT e trasladarlle as súas necesidades formativas para deseñar de xeito participativo os vindeiros cursos e adaptalos o máximo posíbel e optimizar así moito máis este servizo público ofrecido totalmente de balde.

“Este servizo gratuíto será deseñado en base a demanda existente coa finalidade de aproveitar ao máximo posible este recurso sendo unha boa ferramenta para obter maiores coñecementos, mellorar o curriculum e tamén para achegar ás persoas entendendo as novas tecnoloxías como elemento socializador. Máis ca nunca é indispensábel que as persoas maiores manexen plataformas e aplicacións dixitais que lles permita manter o contacto cos seus e, á vez, ofrecer un espazo no que obter novos coñecementos de maior nivel sen ter que saír da túa vila”, explica o Benito Márquez.

Os cursos da aula CEMIT teñen como obxectivo reducir a brecha dixital, achegar as novas tecnoloxías á cidadanía en xeral e ofrecer formación útil para mellorar o curriculum e os coñecementos das persoas na liña tamén marcada polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS 2030).

Unanimidade no Consorcio Provincial Contra Incendios para o cambio do modelo á xestión directa

O Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, integrado pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, deu hoxe o paso definitivo para o cambio na prestación do servizo ao modelo da xestión directa.

O pleno extraordinario, celebrado esta mañá, aprobou por unanimidade a Memoria que vai regular todo o proceso que, unha vez remate a concesión do modelo indirecto o próximo 31 de maio, suporá que un servizo esencial para a cidadanía da provincia como a prestación contra incendios e de salvamento volva á xestión pública. Cómprese así o compromiso que a Deputación de Pontevedra fixo no seu día á parte social, xa que a xestión directa do servizo suporá a subrogación do persoal operativo que traballa nos catro parques do Consorcio: O Porriño, O Morrazo, Ribadumia e Vilagarcía. A sesión telemática, estivo presidida pola presidenta provincial Carmela Silva, e nela participaron o Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, os representantes da Deputación de Pontevedra, e as delegadas en Pontevedra e Vigo pola Xunta Galicia

A Presidenta Carmela Silva, agradeceu expresamente  “o inxente traballo de todas e todos para conseguir enfrontar en tan pouco tempo este cambio de modelo o que nos permitirá poder cumprir os prazos”, e tamén quixo subliñar “o bo ton de todas as partes, das administracións e da parte sindical, que nos permitiu chegar a un acordo que supón que desde o próximo mes de xuño, unha vez rematada a concesión, o Consorcio xestionará directamente o servizo”. Pola súa banda, o Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, uniuse ás palabras da presidenta, co desexo de que o novo modelo “sexa beneficioso para toda a cidadanía na prestación do servizo”. “Grazas polo traballo a todas e todos durante todo o proceso”, engadiu.

A Memoria aprobada hoxe, que foi elaborada pola Comisión Xurídico-Técnica e levada á consulta coa parte social, reflicte un estudo pormenorizado dos aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros do que supón o cambio de modelo no Servizo de extinción de incendios e salvamento, concluíndo desde o punto de vista económico que a xestión directa é a modalidade máis sostible e máis eficiente. O resultado do estudo comparativo entre ambos os dous modelos mostra que o cálculo de custos de funcionamento do Consorcio Provincial é menor no caso da xestión directa do Servizo. O documento tamén inclúe o procedemento para a subrogación do persoal traballador e a súa relación xurídica, concluíndo que a figura será, temporalmente, a de persoal indefinido non fixo e que deberán ofertarse as prazas para a súa cobertura definitiva. A Memoria, que avala así o cambio de modelo no Servizo, pasará agora a exposición pública por un prazo de 30 días naturais, no que se abre o período de presentación de alegacións, para despois ser levada novamente ao pleno do Consorcio para a súa aprobación definitiva. Na mesma sesión se aprobará inicialmente a modificación orzamentaria necesaria para adaptar a estrutura do orzamento de 2021 ao cambio á xestión directa.

O servizo de emprego de COGAMI facilita 1.705 insercións en Galicia durante o ano 2020

O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) acadou durante o ano 2020 a inserción laboral de 1.705 persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral para a ocupación habitual.

De entre estas 1.705 insercións, o 57% son homes e o 43% mulleres.

Cabe destacar que estas insercións foron posibles nunha das 500 empresas contactadas durante o pasado ano polo servizo SIL. O 63% destas insercións realizáronse en empresa ordinaria e o 37% nunha empresa protexida de economía social.

“Este ano 2020 foi un dos máis complicados, polo que dende o noso servizo intentamos dende o principio adaptarnos ás novas circunstancias, sen deixar de atender tanto ás persoas como ás empresas. O noso obxectivo é lograr a inclusión no mercado laboral, se ben fixemos especial fincapé en atender as necesidades das persoas, quen en moitos casos ían máis aló do laboral”, explica Mary Ínsua Fabeiro. 

O Servizo de Emprego de COGAMI, posto en marcha en 1996 como aposta pola inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral, conta con 18.174 persoas inscritas como demandantes de emprego, o 58% homes e o 42% mulleres.

Como perfil dominante, o 72% destas persoas inscritas teñen recoñecida a discapacidade física e, atendendo á idade, o 25% comprende entre os 18 e 40 anos, o 55% está na franxa de 41 e 55 anos e o 20% restante con idade entre os 56 e os 65 anos. Distribuídas por provincias, o 44,2% das persoas inscritas son da provincia de A Coruña; o 8,4% de Lugo; o 12,4% da de Ourense e o 35% da provincia de Pontevedra.

O servizo de emprego de COGAMI non é alleo á situación económica actual que afecta ao mercado laboral e ao tecido empresarial do país. En palabras da Coordinadora do SIL “apreciamos un descenso do 26% das persoas inseridas no mercado laboral con respecto a 2019, ademais dunha baixada do 37% nas ofertas xestionadas polas empresas”. Mary Ínsua engade tamén que “o descenso tamén se aprecia nas novas persoas incorporadas, durante 2020 un 32% menos porque, aínda que intentamos normalizar a situación, moitas delas teñen medo a saír por mor de contaxiarse de COVID”. 

Aínda así, o equipo formado por 40 profesionais de orientación laboral e axentes de emprego con puntos de atención nas principais cidades galegas e tamén en zona de ámbito rural, realizaron 6.596 orientacións durante o ano 2020 das que 994 foron a persoas novas que pasaron a formar parte do servizo.

Programas de inserción desenvolvidos

O Servizo SIL desenvolve programas específicos para lograr a inserción laboral de persoas que o teñen máis complexo por atoparse nunha situación de risco ou de exclusión social.

Un destes programas é o POISES, que se desenvolve a través de itinerarios personalizados, no que participaron 164 persoas das que o 62% logrou a inserción laboral nalgunha das 142 empresas contactadas, mentres que outras 47 persoas obtiveron algunha cualificación profesional tras seren derivadas a cursos formativos.

Outro dos programas nos que participa COGAMI é o Incorpora de Fundación “la Caixa”, que facilita a incorporación aos cadros de persoal das empresas a persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade, como xuventude en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, persoas paradas de longa duración e persoas ex reclusas. COGAMI logrou que 142 persoas foron inseridas no mercado laboral.

O terceiro programa específico de inserción desenvolvido é +Emprego, para o deseño de itinerarios integrados para a inserción sociolaboral de persoas en situación de risco ou exclusión social. Financiado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, e desenvolvido na provincia de Pontevedra, durante este ano 2020 participaron 108 persoas, das que 42 empezaron a traballar e 71 formáronse nalgún dos 7 cursos impartidos por COGAMI.

O Rosal estrea web de medio ambiente

0

O Concello do Rosal estrea páxina web de medio ambiente, un espazo no que se aglutinará toda a información relativa á xestión responsable dos residuos e permitirá realizar todos os trámites relacionados coa compostaxe e a reciclaxe. Baixo o lema ‘Únete ao cambio’, esta web busca achegar aos rosaleiros e rosaleiras todos os recursos á súa disposición e animalos a comprometerse co medio ambiente e a realizar unha xestión dos seu lixo respectuosa e sostible.

“Queremos concienciar ás persoas de que existen outros modelos de xestión dos nosos residuos afastados do usar e tirar en prol dun modelo de economía circular. Esta web será a ferramenta que nos axudará a potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, a fomentar a trituración dos restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores do resto, a axudar a alongar a vida útil dos obxectos e mesmo a reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro”, sinala a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

Trátase dunha web dinámica e activa na que todas as persoas interesadas poderán, por exemplo, achegarse á compostaxe e xestionar os seus residuos orgánicos dun xeito sostible e cómodo. Neste apartado a veciñanza terá á súa disposición información sobre a compostaxe individual e colectiva, recomendacións, vídeos tutoriais e acceso ao servizo de préstamo de biotrituradoras eléctricas para que rosaleiros e rosaleiras poidan triturar os seus propios restos vexetais de forma cómoda e de balde. Neste apartado tamén estarán activos os formularios para solicitar os composteiros individuais e para anotarse á compostaxe comunitaria.

No apartado de reciclaxe aglutínase información sobre todos os tipos de colectores e sobre onde botar cada tipo de residuos, incluíndo un mapa interactivo coa ubicación de cada un destes contedores. Tamén haberá espazo para o arranxo de obxectos, con información sobre as novas instalacións municipais que se porán en marcha na rúa Cumieira ou vídeos tutoriais sobre a reparación de diferentes aparellos, entre outros, e un apartado de intercambio para darlle unha segunda vida ás cousas que xa non se utilicen. 

Será unha web en constante crecemento que se irá adaptando a medida que se vaian incorporando novos servizos e que contará tamén cun apartado de preguntas frecuentes e un foro no que resolver as distintas dúbidas que poidan xurdir.

O desenvolvemento desta web é unha das accións programadas ao abeiro dos 78.000 euros de fondos europeos captados polo Concello para por en marcha dúas liñas de xestión de residuos, unha enfocada á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos para o fomento da compostaxe in situ e outra para a habilitación dun espazo municipal para o intercambio, reparación e reutilización dos obxectos. Ambas subvencións foron concedidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A Guarda conta coa primeira caldeira de biomasa nun edificio municipal

0

O Centro Cultural da Guarda contará proximamente cunha nova caldeira de biomasa, que ven a substituír á xa existente de gasóleo, mellorando a súa eficiencia e empregando enerxías máis respectuosas co medio ambiente.

Os técnicos atópanse neses intres traballando na súa instalación e a previsión é que entre en funcionamento nas vindeiras semanas.

A utilización de biomasa como fonte de enerxía presenta numerosas vantaxes como por exemplo o baixo contido en xofre, nitróxeno e cloro das súas emisións ou o seu balance de CO2 que é neutro gracias a que pecha o ciclo de carbono que comezaron as plantas no seu crecemento. É importante resaltar que o aproveitamento enerxético supón “converter un residuo nun recurso”, desta forma conséguese xestionar residuos procedentes de podas e limpeza de bosques e podas agrícolas, diminuíndo o risco de incendios, enfermidades e pragas, e a súa propagación, e á súa vez dándolle un valor aos residuos. Ademais, en comparación coa anterior instalación, este novo sistema suporá unha redución no consumo de enerxía eléctrica.

Por outra banda, este cambio forma parte das accións chave de mitigación que o Concello da Guarda estableceu no seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible. Este Plan, publicado o pasado mes de novembro ten como obxectivo principal fixar diferentes accións encamiñadas á redución dun 40 % das emisións de gases de efecto invernadoiro (respecto á cantidade de emisións no ano de referencia).

A Deputación de Pontevedra subvenciona esta actuación dentro da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas baixo o epígrafe nº7 de enerxía accesible e non contaminante, no que a través dos fondos FEDER melloramos as redes de iluminación e substituímos caldeiras de gasóleo por biomasa.

O Sergas realizará probas a 3000 persoas de Ponteareas en vez do cribado masivo solicitado polo Concello

A alcaldesa en funcións e concelleira de Saúde de Ponteareas, Cristina Fdez. Davila, informa que o Sergas procederá a realizar este mércores en Vigo un cribado aleatorio a tres mil ponteareáns e ponteareás, que recibiron as notificacións nos seus teléfonos.

Así llo comunicou na tarde deste luns o xerente da Área Sanitaria de Vigo á alcaldesa, logo de que a pasada semana Fdez. Davila lle reiterase a urxente necesidade de realizar un cribado masivo dada a alta incidencia da pandemia en Ponteareas. A día de hoxe, o número de novos casos diagnosticados é de 302, cunha incidencia acumulada superior a 1300.

Fdez. Davila lembra que “a petición dun cribado masivo vímola realizando dende hai meses nas diversas reunións semanais cos diferentes cargos sanitarios da Xunta debido aos preocupantes datos de incidencia acumulada, notablemente maiores aos doutras localidades nas que si se realizaron eses cribados. A Ponteareas unicamente se nos permitiu facilitar un listado non superior a 500 persoas para a realización de probas PCR voluntarias por sectores, primando os de maior contacto con outras persoas como o comercio, a hostalaría, o persoal dos centros de ensino e o persoal municipal, pero máis da metade das persoas anotadas non recibiron comunicación do Sergas para acudir”.

“De terse realizado en Ponteareas o cribado masivo solicitado, teriamos detectado a tempo persoas asintomáticas que contribuíron sen sabelo á expansión do virus”, sinalou a alcaldesa en funcións. Por este motivo, Cristina Fdez. Davila lamenta que finalmente só se conceda unha “esmola” realizando un cribado aleatorio en Vigo á veciñanza de Ponteareas e Salvaterra de Miño “motivado pola baixa participación da poboación viguesa no cribado desa cidade”.

Cristina Fdez. Davila aclara que o Concello de Ponteareas sempre afrontou a pandemia coa man tendida á Xunta, ofrecendo colaboración para a realización dos cribados na vila, procurando evitar desprazamentos indesexados e facilitando que os e as ponteareás non tiveran que deixar os seus traballos para acudir ao hospital. “Fixémolo coa máxima lealdade e cunha actitude de estreita colaboración entre institucións. Agardamos que esta lealdade institucional sexa recíproca, xa que nos resulta incomprensible que a este Concello se lle comunique a realización do cribado aleatorio na tarde deste luns, cando a veciñanza xa recibira as notificacións, mentres o concello veciño de Salvaterra xa dispuña desa información a primeira hora do pasado venres”, manifestou a alcaldesa en funcións.

Malia todo, Cristina Fdez. Davila, apela unha vez máis á responsabilidade da poboación e a súa colaboración para participar neste cribado todas aquelas persoas que sexan citadas polo Sergas. “Cantas máis persoas se sometan as probas máis información e seguridade poderemos aportar para reducir o número de contaxios e frear canto antes a expansión do virus”, concluíu.

Media tonelada de alimentos se recolleron na Campaña de Nadal da Praza a favor da SOS Tomiño Baixo Miño

0

Media tonelada de alimentos foron os  recollidos na Campaña solidaria de Nadal desenvolvida na praza de Abastos de Tui a favor de SOS Tomiño-Baixo Miño.  Hai uns días tiña lugar a entrega destes alimentos á asociación asistencial que os distribuirá entre as familias ás que presta axuda.

Dende o Concello quérese amosar o agradecemento a Rita Álvarez, de Las Flores de Rita, que propuxo a iniciativa, aos praceiros e praceiras e á veciñanza pola súa colaboración solidaria nesta campaña.

O Concello de Nigrán reforza as instalacións deportivas ao aire libre en Panxón cun circuíto biosaludable

0

O Concello de Nigrán ven de investir 8.065 € con cargo ás baixas do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra na construción dun novo parque biosaudable en Panxón que substitúe ao antigo ao carón do pavillón, moi deteriorado por efecto da salinidade.

O novo circuito consta de 14 elementos fixos: dous volantes, dúas bicicletas elípticas, un patín para marcha, dous ascensores pull, unha cadeira pectoral, dous remos ou ‘ponys’, un xogo de barras, un columpio, e un aparato para a cintura. Como todos estes parques, está deseñados para a práctica de exercicio físico de adultos e son especialmente recomendables para maiores de 60 porque permiten mellorar a mobilidade, aumentar a  flexibilidade e  tonificar a  musculación de todo o corpo. Os aparellos están combinados de maneira que os usuarios poden exercitar toda a súa musculatura ou mellorar a súa capacidade cardíaca segundo os seus obxectivos: hai elementos especiais para os brazos, pernas, outros para abdome ou zona lumbar,  glúteos, cadeira, columna vertebral… Un panel explica a técnica para empregar en cada un e os seus beneficios.

O Concello renovou nos últimos anos toda a zona ao carón do Pavillón Municipal coa construción dunha pista multideportes o ano pasado, a substitución dos elementos de xogo infantís ou a recente instalación dun parque de calistenia. “Estamos a investir en saúde  proporcionando verdadeiros ximnasios ao aire libre nun momento en que a actividade física máis segura é no exterior”, explica o alcalde, Juan González, quen considera especialmente positivo concentrar ao carón do Pavillón deportivo todos estes elementos que permiten aos usuarios ampliar o seu adestramento.

Nos derradeiros anos o Concello investíu máis de 50.000 € na creación de parques biosaudables: tres en Priegue (Torreiro, rúa Don Marcial e Prado), un ao carón da Praia de Patos, subtitución en Praia América, un en Chandebrito, outro en Balinfra e na Asociación Cultural A Camoesa (Camos),  parque Vázquez Grela (Nigrán) e parque Ana Isabel Costas (Vilariño) e Alameda de A Ramallosa.

Aumenta levemente o número de casos activos por coronavirus en Galicia respecto aos datos de onte

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 22.522, deles 5.883 son da área da Coruña, 2.135 da de Lugo, 2.874 da de Ourense, 2.503 da de Pontevedra, 3.861 da área de Vigo, 3.442 da de Santiago e 1.824 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 253 están en UCI, 1.186 en unidades de hospitalización e 21.083 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 74.752 persoas curadas, rexistrándose 1.815 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.434.487.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 87.805. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A alcaldesa de Oia lembra que o Concello carece de escudo e lamenta a polémica sobre o asunto

0

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, lamentou a polémica creada a raíz da proposta de escudo oficial do municipio que foi aprobada no pleno do pasado xoves. Segundo destacou, a iniciativa ten como obxectivo dotar ao Concello dun emblema oficial do que actualmente carece, tendo en conta que o que se viña utilizando de xeito tradicional é realmente o do Mosteiro de Oia.

A alcaldesa lembrou que o proceso arredor do escudo comezou xa no ano 2018, cando o Concello fixo una consulta á Comisión Heráldica –órgano consultivo da Xunta ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras– sobre a posibilidade de dotarse dunha bandeira oficial. Foi durante a investigación sobre os símbolos e emblemas locais de Oia cando a citada Comisión lle comunicou ao O Concello que a imaxe que tradicionalmente viña empregando era realmente a propia do Mosteiro de Oia. Así mesmo, recomendaba optar por una imaxe diferente pero fiel á tradición e historia locais.

Concretamente o informe de Heráldica de setembro de 2018 trasladaba ao Concello que: “considera máis que conveniente –se non necesario– propoñer un completo replantexamento do escudo municipal actualmente en uso, dado que o mesmo é o propio que desde hai séculos atrás trouxo o importante mosteiro cisterciense aquí emprazado”. No mesmo documento, a Comisión manifestaba que facer uso do emblema heráldico do mosteiro é unha opción “sempre rexeitable” e facía a súa proposta.

Así, a rexedora insiste en que a proposta aprobada no pleno da pasada semana “non é substituír un escudo oficial de toda a vida por un novo” senón que, ante a situación de carencia de emblema oficial, “o que se busca é dotar a Oia dun escudo que conte co recoñecemento de Heráldica”.

“Isto non é un asunto de partidos, o Concello precisa ter un escudo e bandeira que o represente como institución”, afirmou a rexedora. Así mesmo, Correa lamenta que “se estea creando desconfianza na veciñanza a través de información sesgada e incompleta, facendo crer que se substitúe un escudo por outro ‘de toda a vida’, con fins que non buscan máis que xerar conflitos onde non os hai”.

Non obstante, a alcaldesa bríndase a recibir e atender as dúbidas que a veciñanza poida ter ao respecto, abrindo un período de reflexión con posibilidade de que os propios veciños e veciñas presenten no Concello todas as propostas de mellora que consideren.

A Deputación presenta o Plan Estratéxico dos fondos europeos aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

Todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia déronse cita esta mañá para coñecer de primeira man o Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos que lanzou a Deputación de Pontevedra e ten como retos prioritarios a cohesión territorial, a transición verde, a igualdade e a dixitalización. A presidenta provincial Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera presentaron os eixos centrais desta iniciativa, que conta con dez programas, 54 proxectos e suporá a mobilización de máis de 300 millóns de euros, e abriron a posibilidade de que os concellos da provincia poidan remitir, nun prazo de entre unha semana e dez días, propostas que teñan xa elaboradas para incorporalas ao plan.

“Somos unha das deputacións provinciais de Galicia e do Estado que fixo este enorme esforzo de análise para transformar de verdade a provincia de Pontevedra e queremos, como non pode ser doutra forma, que neste proxecto participen os concellos”, asegurou Carmela Silva no encontro. Deste xeito, a presidenta pediu ás alcaldesas e aos alcaldes que aporten aquelas ideas ou iniciativas nas que están a traballar para mellorar os seus concellos: “queremos presentar proxectos concretos, exemplificar o que os concellos demandan en cada unha das dez liñas do plan e enviar aos ministerios competentes. Sabemos que vai ser complicado conseguir os 300 millóns de € pero imos traballar moito e facer un gran esforzo, temos xa unha planificación e proxectos estrela moi claros para captar o maior número posible de fondos europeos”.

Neste eido o vicepresidenteCésar Mosquera pediu aos alcaldes e alcaldesas “a colaboración de todas e de todos”, un esforzo por concretar as ideas, avanzar xestións e tramitar as autorizacións necesarias dos proxectos que consideren estratéxicos para os seus municipios e polos que queiran apostar para obter fondos europeos. “Tedes que pensar que é o máis importante para o voso concello e ir a tiro fixo para avanzar”, subliñou. Destacou que “esa é a maneira intelixente de funcionar, a nai do año, porque a idea é que os fondos se gasten en canto estean as liñas para reactivar a economía”. “Ou nos adiantamos e tempos preparados os proxectos ou non vai funcionar. Temos que ser proactivos e non agardar a ver que cae para colocarme”, insistiu, “se os proxectos están ben feitos sempre serven, se non para estes fondos, para outros”.

“Queremos estar –asegurou Carmela Silva- nunha boa posición de saída, coas ideas claras, analizando as grandes liñas que van poder ser financiadas a partir das necesidades da provincia de Pontevedra e formulando proxectos para dez anos vista”. Deste xeito, e tal e como se explicou no encontro coas alcaldesas e os alcaldes, o Plan desenvolve 10 programas cun total de 54 accións, nas que se aplicará a perspectiva de xénero e a igualdade de xeito transversal. Está, amais, aliñado cos catro eixos definidos pola Unión Europea, coas dez políticas panca do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia do Goberno do Estado, cos cinco obxectivos de política de cohesión europea 2021/2027 e coa Axenda 2030. “Todas as propostas -informou Silva- están deseñadas para chegar, por unha banda, a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes para a modernización, dixitalización, transición a unha administración comprometida cos valores medioambientais, e, por outra, para a modernización da propia institución provincial”.

En concreto, os 10 programas van estar centrados, tal e como explicou a presidenta, na cohesión territorial, para dotar ao territorio de equipamentos e dotacións para garantir a prestación de servizos e dereitos; nos coidados e inclusión social, incluíndo neste eido a modernización e dixitalización de cuestións encamiñadas a implantar un novo modelo de coidados; no emprendemento e formación laboral, para formar á cidadanía nos novos modelos de actividade económica e achegarlle os instrumentos necesarios para integrarse nos mesmos; no avance do turismo intelixente e sostible; na cultura, para fortalecer a industria cultural e o talento da provincia; e na administración eficiente e innovadora, para modernizar a relación da administración coa veciñanza e fortalecer as capacidades dixitais da cidadanía.

Pola súa banda o vicepresidente explicou outros dos programas que se inclúen no Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos como son a axenda urbana e mobilidade sostible, na que xa están a traballar gran parte dos concellos e que vai encamiñada a reconverter o espazo público; a economía circular, á que cualificou como “o camiño que temos que seguir” en referencia á xestión dos biorresiduos ligados ao sector primario, destacando a necesidade de “dar o salto e contar coa colaboración de todas e de todos”; a dixitalización, eficiencia enerxética e posta en valor dos recursos patrimoniais e a transición verde e protección hídrica e forestal.

Amais do Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos a presidenta tamén detallou ás alcaldesas e alcaldes que a Deputación está a presentarse a todas as manifestacións de interese que o goberno está publicando. Así, Silva informou que xa ten adiantado proxectos adaptados e centrados nos concellos de menos de 5.000 habitantes e que tamén está a traballar en iniciativas relacionadas coa implantación do 5G. Neste eido, a presidenta expresou a vontade de que os concellos poidan tamén presentar proxectos no marco destas manifestacións de interese e amosou o compromiso de enviarlles información puntual das convocatorias.

Alberto Soler pecharaá a VI Semana da Educación coa conferencia ‘Normas, límites, premios e castigos’

0

O xoves 11 de febreiro terá lugar a última das conferencias programadas na VI Semana da Educación. A clausura correrá a cargo do psicólogo e especialista europeo en Psicoterapia Alberto Soler. A súa conferencia levará o título Normas, límites, premios e castigos, e nela falará sobre a importancia destes conceptos e que peso darlles para educar aos nosos fillos. Poderá ser seguida de balde por streaming o xoves 11 de febreiro ás 19:00 horas.

Alberto Soler está casado e ten tres fillos. É licenciado en psicoloxía e ten un Máster en Psicoloxía Clínica e da Saúde, é Especialista Europeo en Psicoterapia (EuroPsy) e está homologado como Psicólogo Xeral Sanitario. Conta con máis de 12 anos de experiencia en psicoterapia e colaborou en varios espazos de radio, televisión e prensa. É a cara visible do videoblog de divulgación Píldoras de Psicología, que conta con máis de 240.000 persoas seguidoras e miles de reproducións diarias tan só en YouTube. Na actualidade, compaxina a dirección do seu centro privado de psicoloxía para persoas adultas e infancia, con charlas e conferencias sobre educación e crianza. É colaborador do programa Ser Saludable na Cadea Ser, do proxecto Gestionando Hijos, e profesor na Escola Bitácoras. Autor, xunto a Concepción Roger, de “Niños sin etiquetas” (Paidós, 2020) e “Hijos y padres felices” (Kailas, 2017).

Normas, límites, premios e castigos

A maioría da xente está de acordo en educar aos fillos e fillas con grandes doses de amor, agarimo e respecto. Pero sempre hai situacións nas que é necesario establecer algúns límites que os protexan ou para ensinarlles cal é a forma axeitada de comportarse. Entón é cando a moitas familias e docentes lles asaltan as dúbidas: de verdade fan falta as normas e os límites? Cales? A partir de que idade? Como poden ser establecidos de forma clara e respectuosa coas súas emocións?

E todo isto leva aos premios e os castigos. Xa se sabe que non son nin a única nin a mellor ferramenta para educar a fillos, fillas ou alumnado pero, se non se premia nin se castiga, que facemos cando superan eses límites ou incumpren as normas?

Lémbrase tamén que as xornadas contarán con intepretación simultánea en lingua de signos. Poderase acceder á conferencia de Alberto Soler a través da plataforma Zoom, mediante a seguinte ligazón: https://us02web.zoom.us/j/86747379119

A música de Rogelio Groba e a poseía de Alfonso Pexegueiro chegan a todas as bibliotecas e centros culturais de Ponteareas

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, está a desenvolver unha campaña de distribución e divulgación de propostas bibliográficas, editadas polo propio Concello ou nas que colaborou durante os últimos meses. Todos os colexios, institutos e centros culturais recibirán, nas próximas semanas, entre outras obras, dúas nas que a música e a poesía son os protagonistas.

Por unha banda, distribuirase Viaxe á illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro (autor natural da parroquia de Angoares). Inclúe tamén un DVD coa versión teatralizada do libro así como diferentes arquivos audiovisuais vinculados con ela.

Doutra banda o mestre Rogelio Groba estará tamén presente con Os acordes da natureza, de Fernanda Flores (secretaria da Fundación Rogelio Groba). Este libro inclúese dentro da colección ‘Creadores pontareáns’ e repasa a biografía do mestre e compositor gulansés no 90 aniversario do seu nacemento. Leva incorporado un CD cunha pequena mostra das pezas musicais del.

As bibliotecas e centros culturais contarán tamén co audiolibro ilustrado, inspirado na vida do mestre Rogelio Groba, O neno Groba e Música, que editou a propia Fundación Rogelio Groba.

“Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas mantén o seu compromiso coa súa cultura ao tempo que segue a fomentar e a apostar pola creación e pola lingua propias, así como polo do coñecemento dos seus e das súas artistas” sinala o edil de Cultura Fernando Groba.

A Deputación destina case medio millón de euros para que as entidades sen ánimo de lucro realicen actuacións no ámbito social

A Deputación de Pontevedra publicou este luns 1 de febreiro a convocatoria e as bases das subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro da provincia para actuacións no ámbito social no 2021. Estas axudas, aprobadas o pasado 15 de xaneiro, están dirixidas a asociacións para o desenvolvemento, na provincia de Pontevedra, de actuacións no ámbito social de atención especializada dirixidas a persoas en situación de especial vulnerabilidade.

Para estas entidades a Deputación destina 470.000 euros sendo de 7.000 euros o importe máximo que pode recibir cada proxecto, incrementándose deste xeito en 1.000 euros en relación á convocatoria do ano pasado. As solicitudes deberán presentarse por vía telemática a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) podendo facelo durante 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.

Cada unha destas entidades poderá ser beneficiaria dunha soa achega no ámbito desta convocatoria sendo subvencionables aquelas actuacións dirixidas a colectivos que polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas, socioeconómicas e calquera outra de natureza análoga, se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social. Ademais, serán subvencionables certos gastos como os custos directos (materiais consumibles, gastos de persoal ou de servizos técnicos e profesionais) e indirectos (como os gastos de aluguer e mantemento das instalacións).

Ponteareas estuda ampliar os horarios e os ámbitos da zona azul para ofertar máis aparcamento

A Concellería de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, elaborou unha proposta de modificación da ordenanza reguladora do estacionamento limitado e gratuito, coñecido como zona azul. Os obxectivos da modificación consisten en facer posíbel que o goberno local poida ampliar os horarios e as zonas con este modelo de aparcamento en función das necesidades e a demanda.

Mera explica que “a zona azul permite repartir o aparcamento existente entre máis usuarios/as evitando que sexa acaparado por uns poucos e atendendo así maior demanda. É un sistema que a través da rotación de vehículos en períodos máximos de tempo multiplica os estacionamentos dispoñíbeis”. A actual ordenanza foi aprobada en 2008 e tras estes anos de experiencia o Goberno Local cre que é o momento de “atender máis demandas, tanto de franxas horarias onde xa existe a zona azul, como de novas zonas onde é preciso repartir as prazas existentes entre máis usuarios/as”.

Entre as medidas que a Concellería de Mobilidade e Tráfico contempla se atopan a de ampliar o funcionamento da zona azul ao horario de tarde, pois actualmente só se aplica en horario de mañá. Ademais, a zona azul foi concebida inicialmente para dar resposta á demanda de estacionamento en zonas comerciais, pero actualmente existen outros espazos de aparcamento vencellados a equipamentos públicos onde é necesario evitar a ocupación prolongada por usuarios/as alleos/as a eses servizos. É o caso do complexo deportivo Álvaro Pino, onde trala finalización das obras de humanización, se implementará o estacionamento limitado a dúas horas, durante os horarios de funcionamento do complexo. “Deste xeito aseguraremos que os estacionamentos sexan utilizados polas persoas que empregan as instalacións deportivas e precisan acudir a elas en vehículo e polo tempo realmente necesario para facer esa actividade”, sinala Roberto Mera. O borrador de modificacións foi trasladado aos grupos municipais da Corporación así como ás asociacións de comerciantes para o seu estudo e

Excelente papel do Club Natación Ponteareas no ‘Campionato de España de longa distancia’ celebrado en San Gugat, Barcelona

Grandes resultados dos nadadores e nadadoras do Club Natación Ponteareas no Campionato de España de Longa distancia, celebrado onte na piscina de 50 m do Centro de Alto Rendemento de San Cugat (Barcelona) con cronometraxe electrónica. Por unha banda, magnífica cuarta posición final na clasificación conxunta feminina e masculina; por outra e a nivel individual, subliñar a medalla de ouro, coma Campión de España, de Pablo Cabana nos 5.000 m Júnior-1 (55:54.90) a máis de 30 segundos do seguinte clasificado.

Pablo Cabanas. Medalla de ouro e campión de España dos 5.000 metros Junior-1

Salientables tamén os papeis de Sofía Carballo, –5ª (37:54.31)– e Iria Lemos, –9ª (38:30.86)–, nos 3.000 m infantil. Igualmente, magnífica actuación de Andrea Domínguez,  6ª  nos 5.000 m Júnior-2 (1:03:53.33) e Lucas Costa nos 5.000 m sénior (57:59.12), acadando a 7ª posición.

[su_image_carousel source=”media: 29618,29617″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Coa piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino pechada esta semana e sen saber cando poderán reanudar os adestramentos, estes resultados teñen un mérito engadido. O Club Natación Ponteareas agarda que a situación sanitaria permita reanudar as competicións de natación autonómicas, de momento suspendidas, “porque iso será sinal de que a situación epidemiológica está controlada. Ánimo e sentidiño”.

Os concellos do AECT Miño reúnense para decidir actuacións sobre o peche da fronteira con Portugal

Os concellos pontevedreses e portugueses da fronteira do Miño reuníronse a última hora de hoxe reunir para decidir actuacións e medidas a tomar sobre o peche da fronteira con Portugal. Así o confirmou o vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez, quen adiantou o grande malestar de todos os municipios, que esixen a apertura de todos os pasos da raia para evitar situacións como as que esta mañá se repetiron na ponte internacional de Tui, con colas de máis de dous quilómetros de lonxitude, revivindo a problemática do anterior confinamento para as traballadoras e traballadores transfronteirizos.

A reunión cos concellos de ambas beiras do Miño convocouse despois do encontro mantido na mañá de hoxe entre Benítez e outros membros do AECT e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Segundo confirmou o deputado nacionalista, o delegado manifestou a súa comprensión co malestar dos concellos da ‘raia’ e comprometeuse a elevar ao Ministerio de Exteriores a petición de abrir todos os pasos na provincia, así como a poñer a disposición todos os medios e persoal das forzas do orde estatais para habilitar máis controis onde foran necesarios.

“Parece ser que non é un problema de medios. O que trasladou o delegado é que o peche dos pasos é unha decisión do goberno portugués que hai que solucionar pola vía diplomática”, indicou Benítez. Subliñou que o AECT “tocará en todas as portas” precisas pola vía administrativa ata que se abran os pasos, pero non descartou outras medidas de presión, xa que –insistiu o nacionalista- hai un claro agravio para as persoas traballadoras transfronteirizas, que teñen que dar rodeos quilométricos para acudir aos seus postos de traballo polos funís dos pasos de Tui e Salvaterra.

Benítez puxo de manifesto que segundo os datos da Delegación do Goberno, entre as oito da mañá e o mediodía, o control de fronteira para acceder a Pontevedra en Tui dende Portugal unicamente prohibiu o paso a unha decena de vehículos nos que as persoas viaxeiras non cumprían os requirimentos autorizados (ser persoa traballadora ou ter familia de primeiro grao ou dependentes a cargo, entre outras situacións). Sen embargo, o control portugués da GNR realizou unha revisión exhaustiva de toda a documentación presentada polas persoas que pretendían cruzar a fronteira, creando un tapón de grandes dimensións similar aos que diariamente se repetían no anterior peche por non admitir algúns dos xustificantes.

O vicedirector do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial ‘AECT Río Miño’ lembrou que “chove sobre mollado”, posto que os gobernos español e portugués saben que a fronteira entre Pontevedra e Portugal, aínda que supón o 5% da lonxitude da raia, asume o 50% do tránsito de vehículo, polo que a súa realidade non é equiparable ás de Castela-León, Andalucía ou Extremadura, comunidades ás que concederon o mesmo número de pasos que a toda Galicia.

Instou, novamente, a poñer en marcha a tarxeta cidadá transfronteiriza para identificar de maneira máis áxil a todas as persoas que desenvolvan a súa vida laboral obigadas a cruzar a fronteira.

En exposición pública a numeración do casco urbano

Ata o vindeiro luns 15 de febreiro permanecerá en exposición pública a nova numeración do casco urbano de Salceda de Caselas, para que as persoas afectadas poidan realizar alegacións se o consideran oportuno. Os documentos pódense consultar xa na páxina web do Concello (www.salcedadecaselas.gal), e para consulta presencial ou aclaración de dúbidas é preciso pedir cita previa a través dos teléfonos do Concello ou da propia páxina web.

A do casco urbano é a primaira fase do proxecto de revisión e actualización da numeración das vivendas de todo o municipio. Cando remate o proceso no casco urbano será o turno das parroquias, para as que xa se están a rematar os traballos previos.

A acción, que conta con un orzamento de 14.730,54 € está financiada na súa totalidade polo Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra, e ten unha gran importancia para a súa utilización noutros usos municipais. Estase a realizar por unha empresa especializada en coordinación cos técnicos municipais e de acordo coas normas dictadas polo Instituto Nacional de Estatística para tal fin.

Con esta iniciativa, que dá resposta a diversas solicitudes veciñais, resólvese tamén o histórico problema da identificación dos barrios no rural. O proxecto servirá tamén para solucionar moitos dos problemas das entregas do servizo de correos, que en moitas ocasións se vían dificultadas pola numeración das vivendas, sobre todo nas zonas máis rurais, nas que non sempre resulta doado seguir a numeración existente.

O proxecto completarase coa colocación de placas identificativas en tódalas vivendas do municipio, nas que se incluirá o nome da vía, praza, barrio, etc, asi como o número da vivenda, o que suporá a solución definitiva aos problemas de ubicación que se están a dar neste momento. Esta segunda fase custará 18.029 €, tamén financiados dentro do mencionado Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra. Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Despois dun esforzo económico e de xestión importante por parte do Concello, tócanos agora solicitar a colaboración e comprensión da veciñanza, para dar unha solución definitiva a unha situación que se viña agravando pola construcción de novos inmobles e polo aumento exponencial da demanda dos servizos de mensaxería e transportes”.

13 barrios de 6 parroquias mosenses terán internet de banda longa este ano

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, xunto con persoal municipal do Concello de Mos, reuníronse esta mañá por videoconferencia coa coordinadora de despregue FTTH para Galicia e Asturias de Telefónica, Patricia Rodiño.

O obxecto da xuntanza foi o de abordar os PEBANG (‘Planes de Estatales de Banda Ancha de Nueva Generación’) que Telefónica ten en marcha en Mos.

Do Plan 2018-2020 a empresa só ten pendente de acometida a zona de Louriñó en Torroso, para a que xa ten solicitados os permisos de obra.

Respecto do Plan 2019-2021 Rodiño informou aos representantes municipais de que xa teñen feito todo o traballo previo de enxeñería e que a acometida da rede de internet de banda longa con cargo a este Plan dará cobertura a 5 parroquias: na parroquia de Cela aos barrios de Arufe, Coto e As Pereiras; en Louredo a Inxertado, Pantaño e Candosa; en Mos ás Regadas, A Rúa e Cabaleiros; en Petelos, Estivada e Rexenxo; e Piñeiro en Sanguiñeda.

A maiores, o PEBANG 2020-2022 xa saíu a concurso e o concurso público foi tamén ganado por Telefónica para acometer a rede de internet de banda longa en Pombal, parroquia de Louredo. Acometida que, aínda que lle quedan dous anos de prazo para realizar, a empresa manifestou a súa intención de levala a cabo xa neste mesmo ano 2021. Así como o firme compromiso de rematar antes de finais de ano a instalación na zona de Louriñó, pendente de 2020, os 12 barrios das 5 parroquias para este 2021, e intentarán tamén facer Pombal en Louredo.

Ademais de todos os lugares mencionados, Telefónica acometeu con fondos propios entre 2016 e 2018 a instalación en parte das parroquias de Torroso, Louredo, Sanguiñeda, e tamén algunhas partes das parroquias de Dornelas e Tameiga.

Ao remate da reunión Arévalo e Costas anunciaron que desde o Concello de Mos estanse a realizar xestións para que outros operadores fagan inversión neste senso no municipio mosense e, para elo, o edil de Novas Tecnoloxías xa ten concertadas varias entrevistas con compañías operadoras de telefonía e internet para esta mesma semana, posto que hai varias empresas interesadas en facer ofertas de despregue de fibra óptica na localidade.

O Rosal aposta pola colaboración co tecido asociativo e agradece o seu gran traballo nun ano tan complicado

0

O Concello do Rosal continúa a apostar pola colaboración co tecido asociativo, eixo fundamental no desenvolvemento do municipio. A colaboración da alcaldesa coas asociacións comezou o ano pasado ao abeiro do programa “A veciñanza conta” e a pesar das circunstancias coa Covid-19 mantívose a colaboración entre a entidade local e as mesmas camiñando da man para adaptarse á nova realidade, priorizando sempre a saúde pública.

Dende o Concello quérese agradecer a todas as asociacións rosaleiras o gran traballo levado a cabo no municipio, especialmente nestes meses tan complicados. “Queremos louvar a capacidade de adaptación que tiveron en todo momento, sendo capaces de tomar todas as medidas necesarias para continuar coa súa actividade de xeito seguro, tanto no eido do deporte e a cultura como no ámbito social”, recoñece a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A rexedora salienta a capacidade dos rosaleiros e rosaleiras para, a pesar das circunstancias, converter ao Rosal nun exemplo de dinamismo cultura, deportivo e social. “Fomos capaces de entender que a prioridade era a saúde das persoas e que, lonxe de paralizarnos, tiñamos que reinventarnos e adaptarnos á realidade que nos tocou vivir. Por iso apostamos por continuar cunha actividade social, cultura e deportiva segura, mínima, organizada e controlada na que as asociacións xogaron un papel fundamental coa súa colaboración para que todo continuara aínda que fora dun xeito distinto e para que os nenos e nenas seguiran practicando as súas actividades con total seguridade nas escolas deportivas e musicais”, explica.

Este agradecemento reflíctese nos orzamentos para este ano 2021 e no Plan Estratéxico de Subvencións, que duplica o investimento para entidades de carácter social e manteñen o apoio ao resto de asociacións. Para a alcaldesa, estes “son momentos moi complicados nos que temos que camiñar xuntos na mesma dirección. E como exemplo temos a celebración da cabalgata dos Reis Magos, un acto simbólico no que todas as asociacións tiveron a capacidade de converterse en colaboradores para levar a ledicia a todos os barrios do Rosal nunha data tan sinalada pensando sempre que a saúde das persoas é o máis importante”.

Galicia conta con 22.420 casos activos por coronavirus a día de hoxe

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 22.420, deles 5.934 son da área da Coruña, 2.130 da de Lugo, 2.883 da de Ourense, 2.469 da de Pontevedra, 3.798 da área de Vigo, 3.418 da de Santiago e 1.788 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 242 están en UCI, 1.210 en unidades de hospitalización e 20.968 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 73.893 persoas curadas, rexistrándose 1.775 falecementos.

Os últimos falecementos por coronavirus rexistrados correspóndense cunha muller de 89 anos que faleceu no CHUVI e unha muller de 71 anos que faleceu no CHUS. As dúas faleceron o día 29. O día 30 faleceu un home de 83 anos no Hospital Comarcal da Mariña; unha muller de 87 anos no CHUO; tres homes de 76, 70 e 96 anos e unha muller de 70 anos no CHUF; un home de 92 anos no CHOP; e dous homes de 86 e 74 anos no Hospital Comarcal do Salnés; un home de 87 anos no CHUS ademais dunha muller de 88 anos que faleceu na residencia Padre Rubinos da Coruña. No día de onte faleceu un home de 91 anos no CHUO.

O número de PCR realizadas é de 1.423.407.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 84.422.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O litoral de Pontevedra de novo en alerta laranxa

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informa da chegada dun novo fenómeno adverso no mar de nivel laranxa que deixará ventos fortes e ondas que poderán alcanzar os 7 metros.

Este novo temporal comezou onte pola tarde na provincia de Lugo, facéndose notar os primeiros efectos. Esperase que ao largo da tarde de hoxe estendase polo resto do litoral galego, deixando así toda a costa en alerta laranxa.

Espérase un fenómeno meteorolóxico adverso no mar que require da adopción de medidas de autoprotección, xa que, o máis probable é que se produza unha forte ondada e vento no litoral. 

Co fin de reducir posibles riscos, recoméndase adoptar as seguintes medidas preventivas.

Por iso, o que nos podemos atopar é:

  • Pequenas embarcacións ou outras estruturas marítimas á deriva
  • Desbordamenteos puntuais polo suba da marea
  • Obxectos e mobiliario urbano próximo ao mar que pode ser arrastrado

Para tratar de paliar estes efectos da situación meteorolóxica adversa, cómpre adoptar as seguintes medidas de autoprotección:

  • Afastarse de praias, paseos marítimos, rompentes ou diques
  • Evitar navegar, nadar ou practicar deportes acuáticos
  • Non deterse a sacar fotografías
  • Aseguar a embarcación

O Concello reordenará o uso do espazo público das rúas do Baratillo e Cortiña Vella tralo remate das obras en San Roque

A Concellería de Mobilidade e Tráfico fixo pública a súa proposta de reordenación da utilización do espazo público nas rúas do Baratillo e Cortiña Vella tralo remate das obras de humanización da rúa San Roque. A proposta conleva a peonalización do tramo comprendido entre a Fonte do Baratillo e a rúa Doutor Fernández Vega.

A Concellería, que dirixe Roberto Mera, remitíu á veciñanza e colectivos sociais e políticos a proposta de reordenación do uso desas zonas na que se analizan as características das rúas e as súas problemáticas. Nela saliéntase que non existe un itinerario peonil continuado, seguro e cómodo de maneira que as persoas que camiñan teñen que facelo en moitos tramos polas zonas que circulan ou estacionan os vehículos. O tramo dende a fonte até Fernández Vega, así como Cortiña Vella en todo o seu percorrido, é moi estreito e impide dotalo de beirarrúas e carril de circulación ao mesmo tempo. Ademais no Baratillo presenta unha grande pendente que xera riscos e inseguridade para peóns e vehículos. Por outra banda, o muro perimetral da fonte do Baratillo, un ben de valor histórico e arquitectónico, soporta con frecuencia o impacto de vehículos que causan danos a ese elemento. A concellaría engade que o tráfico de paso nese tramo do Baratillo é innecesario pois só pode dirixirse á N-120 e dispón doutros itinerarios alternativos por Perillana e Cortiña Vella.

Precisamente Cortiña Vella pasará a ter a consideración de rúa residencial o que implica prioridade peonil en toda a calzada e limitación de velocidade a 10 km/h, ao igual que a rúa San Roque recentemente humanizada. Esta limitación de velocidade está tamén asumida pola maior parte dos concellos da provincia de Pontevedra que, coma Ponteareas, se adheriron á Rede Ágora.

Baixada da fonte do Baratillo

Segundo Roberto Mera, os obxectivos das propostas son “garantir e dar prioridade ao dereito das persoas a camiñar con seguridade e comodidade nunha rúa que une o centro con equipamentos como a Biblioteca, Museo ou Parque da Perillana”. Búscase tamén reducir o uso do vehículo a motor no centro urbano, limitándoo ao tráfico de necesidade e evitando o de pura comodidade. A redución do tráfico conleva menos contaminación atmosférica e acústica, maior seguridade vial e, neste caso, a protección dun ben catalogado como a Fonte do Baratillo. A peonalización dun tramo da rúa Baratillo é ademais unha previsión do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Ponteareas redactado por técnicos de mobilidade sumándose tamén aos obxectivos do Pacto das Alcaldías polo Clima e aos Obxectivos de Desenvolvemeno Sostíbel 2030.

A proposta someteuse á consideración de persoas residentes e usuarias dos garaxes, actividades comerciais, taxistas e outros colectivos sociais que poden presentar suxestións ou pedir máis información até o mércores 5 de febreiro.

Nigrán aproba a licencia para a construción dun supermercado LIDL en Porto do Molle coa previsión de que abra este verán

0

O goberno de Nigrán deu luz verde este venres en Xunta de Goberno local á licencia para a construción dun supermercado Lidl no parque empresarial Porto do Molle. A previsión da multinacional alemana é abrir as súas portas este verán e xerar 21 novos empregos, estreando así a súa presenza na comarca.

A nave, orzamentada en 1´5 millóns de euros, sitúase na rúa das Pontes ao carón do Centro de Negocios e a gasoliñeira nunha parcela de  4.790 m² . Esta ocupará 4.291 metros cadrados en dous andares cunha altura total de 7 metros, contando con  aparcamento de 80 prazas. Tal e como confirmaron ao alcalde de Nigrán Luis Biempica Ortiz e Maruxa Lema Baleato, do Departamento de Expansión de  LIDL,  disporá duns 1.400 m2 de superficie de ventas e contará con plataforma fotovoltaica e iluminación LED, sendo unha tienda ecosostible.

“O proxecto de Supermercados LIDL e a puxanza de Porto do Molle levan aparellado xerar traballo, emprego e recursos económicos ao Concello de Nigrán, que sigue contando con este Polígono Terciario como o seu gran activo”, explica o rexedor, Juan González

Obras simultáneas

Actualmente están xa a construír a súa nave no parque empresarial Bodega MC e Ditec Ingeniería, a primeira por valor de 2 millóns de euros nunha superficie de 5.304 metros cadrados e a segunda de 391.682 € en 1.000 metros cadrados. Ambas licencias foron outorgadas simultáneamente a finais de 2020. Bodega MC  é unha empresa internacional nacida en 1995 e especialista no deseño, fabricación e subministración de mobiliario de alta calidade para a industria hostaleira e de restauración, realizando estes traballos para hoteis como os da cadea NH, a firma de moda Bimba y Lola ou Mango ou a franquicia Burger King, sempre co compromiso social e medioambiental como valores intrínsecos da firma. Esta firma con sede xa en Porto do Molle (ten 4 naves alugadas) da emprego directo a 30 persoas e agarda que, coa nova nave en propiedade, aumente a contratación nunhas 10 persoas máis. Pola súa banda, Ditec Ingeniería de Diseño Industrial naceu en 1999, ten sede actualmente en Vigo (Navia) e está especializada no desenvolvemento de proxectos de enxeñería e bens de equipo: desde produtos e procesos ata a fabricación, posta en funcionamento e mantemento, sirva de exemplo aparellos para a  matricería (acuñes progresivos, acuñes convencionais, etc), maquetas de control, máquinas automáticas de montaxe,  punzonado, verificación, etc; maquetas de soldadura e diversidade de máquinas especiais, non só para o sector do automóbil.

Igualmente, Zona Franca está a construír tamén 14 novas naves de oficinas e talleres situados nunha parcela de 10.710 metros cadrados destinadas ao aluguer e cun orzamento de execución de 4,4 millóns de euros. A maiores, ‘Sociedad Gallega de Carretillas Elevadoras , S.A.’ está a rematar xa a súa nova nave industrial cun orzamento de 1.861.381 €.

Emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais

0

O Concello das Neves vén de aprobar en Xunta de Goberno Local, o plan de contratación de 2021. Ao abeiro do Plan Concellos 2021, solicitouse á Deputación a relación de postos a contratar neste ano, que serán un total de 10 persoas para realizar os traballos de conservación de bens públicos e para o correcto funcionamento dos servizos municipais.

Os postos de traballo, distribuídos en 3 grupos, serían os seguintes:

  1. Mantemento de infraestruturas e servizos municipais,
    − 2 Fontaneiros/as. 6 meses de duración de contrato, a tempo completo.
    − 2 Peóns forestais. 9 meses de duración de contrato, a tempo completo.
    − 2 Peóns de obras públicas. 9 meses de duración de contrato, a tempo.
  1. Mantemento de maquinaria e vehículos municipais:
    − 1 Condutor/a ou operador/a de maquinaria. 10 meses de duración de contrato, a tempo completo.
  1. Prestación de servizos públicos:
    − 2 Peóns de recollida de lixo. 10 meses de duración de contrato, a tempo completo.
    − 1 Monitor/a de servizos a comunidade. 10 meses de duración de contrato, a tempo completo.

O plan de emprego, cun custe total de 133.154,06 €, cubriríase con 122.662,91 € da Liña 3 do Plan Concellos e cunha achega municipal de 10.491,15 €.

Hoxe incorpóranse cambios no Transporte Urbano de Mos

0

Desde a Concellería de Mobilidade do Concello de Mos, que dirixe a edil Julia Loureiro, infórmase de que o Servizo de Transporte Urbano Municipal, TUM, do Concello de Mos incorpora algúns cambios que entrarán en vigor hoxe luns 1 de febreiro.

En primeiro lugar comunícase que a lanzadeira amarela que fusiona as liñas verde e azul e que presta servizo diario, enfocada ao transporte do alumnado do IES e das persoas que acoden ao Centro de Saúde á primeira hora da mañá, continúa igual sen singún tipo de modificación nin cambio.

Mentres que as liñas azul e verde manteñen os mesmos horarios que ata o de agora pero pasan a operar os martes e venres, ao terse comprobado que fundamentalmente son eses dous os días de uso destes buses que os seus usuarios/as empregan para desprazarse a facer a compra ás superficies comerciais sitas en Sanguiñeda.

A liña verde realiza o percorrido polas parroquias de Tameiga, Cela, Pereiras e Petelos. E a liña azul realiza o percorrido polas parroquias de Tameiga, Torroso, Guizán, Louredo, Mos, Petelos e Dornelas.

As tres liñas, azul, verde e amarela (que fusiona as dúas anteriores) son circulares. Podes descargar os horarios na seguinte ligazón.

O CAAN da Deputación recolleu unha camada cun total de 7 cachorros en Porriño

Aínda que o número de recollidas de animais que realiza o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra nos 50 concellos adheridos ao servizo vai acumulando unha tendencia descendente nos últimos anos, a loita pola erradicación do abandono animal segue a ser unha prioridade. En tan só dos días persoal do Centro de Acollida rescatou a un total de 12 cachorros, pertencentes a dúas camadas, nos concellos de Caldas de Reis e O Porriño. As crías teñen só días e recupéranse agora na zona de maternidade das instalacións da Armenteira.

A primeira das camadas foi recollida no concello de Caldas o martes 26 de xaneiro e o persoal do CAAN calcula que naceu o día anterior. Foi rescatada a nai, “Lina”, e cinco cachorros, tres femias (“Ana”, “Cris” e “Cristi”) e dous machos (“Mel” e “Danilo”), que estaban abandonados. Todos eles están a evolucionar favorablemente no centro e están sendo aleitados pola nai.

Camada de Caldas de Reis

O xoves 28, no Porriño, o CAAN recolleu a outra cadela, “Sara”, cunha camada máis numerosa, neste caso de sete cans e cadelas que tamén se cre que naceron o día anterior. Trátase de cinco femias (“Xiana”, “Sarita”, “Carmen”, “Celtia” e “Noa”) e dous machos (“Camilo” e “Xacobo”), que tamén están a evolucionar ben, vixiados polo persoal do centro. Ambas camadas recibirán os coidados necesarios no CAAN ata que podan saír en adopción.  Neste senso, hai que lembrar que os animais non abandonan o centro ata ter completado o seu cadro de vacinacións.

Fronte ao problema do abandono, hai que destacar tamén datos positivos como que, a pesar das restricións derivadas da pandemia, o CAAN da Deputación xa conseguiu no que vai de ano acadar preto de 40 adopcións.

Mellora de acceso en Correlo

0

Coa construción, anos atrás, da viaria PO-405 de acceso á Fronteira con Portugal, interrompeuse o acceso a todas as leiras situadas na marxe esquerda do vial neste tramo concreto e dada a súa configuración morfolóxica de fortes pendentes, ao non executarse un vial de servizo nesa zona. Con iso, todas as leiras agrarias de cultivo da zona, tenden ao abandono debido á imposibilidade de acceso da maquinaria agrícola. Así mesmo, o acceso á depuradora con maquinaria, quedou imposibilitado para os labores de mantemento e conservación (retirada de lodos , etc..) sendo difícil incluso a inspección visual debido á dificultade de acceso peonil á mesma. Concretamente, o acceso, realízase a través dun carreiro peonil, partindo do encontro coa  EP-5003, acompañando unha canle de rega durante uns 150  m sensiblemente horizontais, para a continuación descender ata a súa localización, a través de chanzos e ramplas realizados nos  bancales circundantes.

As obras que se acometeron e foron finaciadas pola Xunta de Galicia, teñen como finalidade realizar estes labores básicos e imprescindibles de mantemento e conservación, así como mellorar a accesibilidade por parte dos propietarios das parcelas, executouse un novo vial de acceso situado en paralelo á viaria PO- 405, que comunica a poboación de Arbo coa fronteira do país veciño e iniciando no entroncamento coa  EP-5003.

O alcalde do Concello de Arbo Horacio Gil dí: que estas  obras eran necesarias tanto para o propio funcionamento do servizo municipal como para os veciños e veciñas de Correlo”. As obras  están dentro do plan que puxemos en marcha dende a entrada deste goberno, para a mellora de viais públicos do municipio- continua o rexedor- “Unha vez máis a Xunta de Galicia da resposta ás peticións do Concello de Arbo a favor dos arbenses”.

O goberno de Nigrán aproba o asfaltado de nove rúas de San Pedro e a posta en valor do seu cruceiro cun investimento de 151.000 euros

0

O goberno de Nigrán aprobou onte o asfaltado de nove rúas da parroquia de San Pedro de A Ramallosa por importe de 151.145 € a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra despois de agardar máis de tres anos por todas as autorizacións. Trátase de Pereiro, A Igrexa, Ana Isabel Costas, Pontillón, Cotros de Arriba, Altamira, Rego, Mallón-Pedreiros e Pereiras,  todas eles nunhas condicións pésimas tras máis dunha década sen pavimentar, algunhas incluso dúas. As nove rúas estarán renovadas antes deste verán tras unha longa tramitación que arrancou a finais de 2017 ao ser requiridos diversos informes sectoriais (Costas, Augas de Galicia, Patrimonio e Axencia Galega de Infraestruturas).

“O feito de transcurrir Igrexa e Pereiras pola traza do Camiño de Santiago Portugués e estar outros en ámbitos de especial protección cultural (cruceiro de San Pedro, Igrexa parroquial, fonte e lavadoiro de Dona ou o xacemento arqueolóxico de Lugar da Torre) fixo que este plan de asfaltado tivese moita máis complexidade administrativa que calquera outro, agradecemos a paciencia dos veciños durante este tempo”, explica o alcalde, Juan González. Así, non foi ata o 21 de outubro de 2020 cando Patrimonio deu a súa autorización coa condicionante de que o Concello incorporase ao expediente un proxecto de control arqueolóxico e de realización do mesmo, documentos ambos remitidos a este organismo o 25 de novembro e que incrementaron en 20.000 € o orzamento orixinal.

O plan de asfaltados da parroquia abrangue tamén unha posta en valor da zona do cruceiro de San Pedro, pois levantarase o firme que o rodea ata unha profundidade de 25 centímetros para deixar ao descuberto o chanzo inferior da súa base e ao seu redor pavimentarase con cantos de pedra  delimitados por un bordo de granito gris alba, ademais, contará con iluminación ornamental. Pola súa banda, o trazo do Camiño terá que ser sometido á ‘Guía de boas prácticas’ para salvagardar as súas características tradicionais, culturais e paisaxísticas e, mentres duren as obras, haberá que delimitar e sinalizar outro trazado alternativo. Finalmente, nos camiños con muros tradicionais gardarase unha franxa de 15 cm ao seu carón sen o novo pavimento.

“Gustaríanos ter asfaltado esta zona da parroquia hai xa anos pero non foi posible polas características especias que lle outorga o Camiño de Santiago e outros bens culturais, o resultado será moi beneficioso e a contorna do cruceiro gañará moitísimo para, precisamente, por en valor este elemento”, sinala o alcalde, quen subliña que nos últimos seis anos lévanse investido máis de 500.000 € só para plans de pavimentación no municipio. “Sabemos que aínda existen moitos camiños onde intervir e non nos esquecemos, había unha débeda histórica coas parroquias e a estamos a saldar en tempo record”, finaliza o rexedor.

A Xunta activa o Plan Especial de Risco por Inundación ante a suba do caudal do río Miñor

0

Os sistemas de control e seguimento da Rede de Aforos de Augas de Galicia indican que a seguinte estación continúa en seguimento ao superar os limiares.

  • Estación MIÑOR (GONDOMAR).

Polo que, permanece activo o Plan Especial de Risco por Inundacións en Galicia da Xunta co fin de realizar os controis necesarios dos niveis dos ríos.

Igualmente, débense activar as medidas de autoprotección necesarias deste curso fluvial.

A suba inesperada dos caudais dos ríos pode dar lugar a desbordamentos puntuais e, consecuentemente, a inundación eventual dun terreo, un espazo urbano ou propiedades. Por iso, le con atención esta información para saber como actuar en casos coma estes.

Que podemos esperar?

  • Suba repentina do caudal dos ríos
  • Desbordamentos puntuais e inundacións eventuais de terreos, espazos urbanos e propiedades

Como reducimos riscos?

  • Abandona as actividades que poidas estar realizando nos espazos fluviais
  • Retira vehículos da marxe dos ríos
  • Evita atravesar pontes ou torrentes
  • En caso de que a auga alcance o teu vehículo, sae e sitúate nunha parte alta

O choco de Redondela, marca de calidade

0

A Confraría de Pescadores de Redondela abre a campaña do seu produto estrela baixo a marca de calidade “Choco de Redondela”. Son varias as medidas que tomará a Confraría para asegurar a trazabilidade do seu produto, un novo sistema integral de valoración que asegurará unha marca de orixe, calidade e sostibilidade.

Suprimir a poxa, o etiquetado individual, a venda directa en lonxa e unha rede de vendedores autorizados, son as principais accións que levarán adiante a partir deste luns día 1 de febreiro.

O consumidor poderá demandar esta garantía de calidade e orixe cando desexe adquirir o Choco de Redondela.

Existen dous factores que fan único ao ‘Choco de Redondela’. O seu hábitat, a Enseada de San Simón, é un espazo protexido Rede Natura 2000, onde se prioriza a conservación de hábitats naturais e especies de interese comunitario dentro da Comunidade Europea.

Na mesma liña se atopa a dedicación dos pescadores locais e as técnicas artesanais que empregan para a súa captura, defendendo unha pesca sostible e respectuosa co entorno e co medio.

Os chocos viven xeralmente en fondos de area e lodos, con vexetación mariña en zonas próximas á costa. Nesta enseada conflúen augas salgadas e doces, gracias á desembocadura dos ríos Verdugo e Alvedosa, creando un ecosistema único  onde  atopan  as  mellores  condicións  para  a  súa  reprodución  e desenvolvemento.

Desde a súa fundación en 1944, a Confraría de Pescadores de Redondela especializouse na pesca deste exquisito molusco cefalópodo,  que a partir de agora lucirá acompañado da súa etiqueta, distintivo de calidade.

Tomiño construirá en Goián un dos maiores skatepark da provincia

0

O Concello de Tomiño levará a cabo a construción dunha nova área deportiva na contorna da Alameda de Goián, que estará composta por un skatepark e unha pista polideportiva. O espazo complementará outros equipamentos deportivos situados na área, como o campo de fútbol do Regatiño ou o pavillón de Goián.

A posta en marcha deste novo espazo está encadrado no marco do proxecto Máis Goián, un proxecto integral de reforma urbana que procura conectar todos os equipamentos públicos da vila a través da mobilidade peonil, situándoos a todos a menos de dous minutos de distancia camiñando, coa finalidade de crear un lugar de encontro para a veciñanza que constitúa o centro neurálxico da vida social e comercial de Goián. 

O concelleiro de Planificación Estratéxica e Acción Urbana, Uxío Benítez, destaca o xeito no que se levou a cabo a planificación do proxecto do skatepark, onde foi fundamental a consulta cidadá. “Quixemos contar coa opinión da mocidade do municipio que practica estes deportes para saber que tipo de parque querían e con que elementos e compoñentes debía contar para que a práctica puidese realizarse nas mellores condicións posibles. Desde o Concello agradecemos a súa participación no proceso e valoramos moi positivamente as súas aportacións”, comenta.

Do mesmo xeito, para a elaboración do proxecto contactouse co asesoramento de expertos do deporte e empresas especialistas, participando no deseño un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”.  O obxectivo é conseguir un equipamento atractivo e que permita un uso que vaia desde o nivel inicial ao avanzado, converténdoo nun dos skatepark referentes a nivel provincial e galego para a práctica de disciplinas freestyle sobre rodas coma o skate, bmx, scooter ou roller. 

o Concello sunalou que esta nova zona deportiva “terá un uso escolar preferente pola mañá, polo que a área suporá tamén un aumento dos equipamentos e espazos cos que contará o CEIP Pintor Antonio Fernández”.

O custo total da construción da nova área deportiva será de 229.364,12 euros, e será financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

A Deputación abre o prazo para que os concellos soliciten acruacions ao abeiro do ‘Musigal 2021’

Xa está aberto o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra poidan solicitar actuacións musicais dentro do programa Musigal, promovido pola Deputación. Estes concellos poden escoller entre un amplo abanico conformado finalmente por un total de 147 bandas de diversos estilos musicais que van doreggae ao folk pasando pola música tradicional galega ou o rap. A listaxe de grupos para este 2021 tamén inclúe actuacións pensadas para os pequenos e pequenas da casa.

Os concellos da provincia teñen ata o próximo 15 de febreiro para realizar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal). Cada un deles pode solicitar ata un máximo de tres grupos, por orde de preferencia, e concederáselles unha única actuación.

O programa Musigal ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia.  Xunto a isto, esta iniciativa pretende dinamizar a lingua galega, favorecer a vivencia positiva e posta en valor do noso idioma, contribuír ao incremento do seu emprego, así como estender a socialización en galego da infancia e a toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia.

Redondela suspende a feira do día 6 de febreiro ao atoparse en nivel de máxima restrición e cun elevado número de casos activos por COVID

0

O Concello de Redondela anunciou onte a suspensión da feira que tería que desenvolverse o día 6 de febreiro ante o “preocupante número de tcasos activos por coronavirus e ao atoparse o municipio en situación de restrición máxima”.

A alcaldesa de Redondela fixo un novo chamamento á responsabilidade nunha situación “grave, na que os contaxios non deixan de medrar”. As circunstancias que permitiron celebrar a feira do día 6 de xaneiro, son agora ben distintas no municipio redondelán: a día 5 de xaneiro, Redondela contaba cun total de 51 casos activos e a día de onte 29 de xaneiro –tan só 24 días despois– ese número elévase ata os 214 casos activos o que supón case que 7 novos casos cada día.

“Por moito que a nosa intención sexa manter os mercados quincenais –afirma Digna Rivas– a responsabilidade obríganos a antepoñer a saúde da veciñanza por enriba de calquera outra consideración”

A suspensión dunha actividade dinamizadora da economía local, como é a das feiras dos días 6 e 15 de cada mes, “é unha medida dura e que a ninguén lle gustaría ter que adoptar, –asegurou pola súa banda o concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas– pero non suspendela ante o panorama grave que se nos presenta, sería unha total irresponsabilidade”.

O Concello de Redondela insiste en que “coa responsabilidade individual de cada veciña e veciño, coa medidas de protección que adoptemos, co cumprimento estrito das normas ditadas polos gobernos central e autonómico, estaremos contribuíndo a frear a expansión deste virus e estaremos dando pasos para volver á normalidade”. 

Biblioteca, conservatorio e mercado municipal de Ponteareas abasteceranse de enerxía solar fotovoltaica

A concelleira socialista de Alumeado do Concello de Ponteareas, Chus Garrote, aposta pola construción dunha vila máis sostible e anuncia que vén de conseguir o apoio do INEGAg (Instituto Enerxético de Galicia) para a colocación de placas fotovoltaicas no edificio do mercado municipal.

“Apostamos por unha vila máis sostible que produza a súa propia enerxía eléctrica de orixe renovable e que permitirá o autoabastecemento do mercado municipal e de outros edificios municipais”, sinalou a concelleira.

Garrote explica que a vila comenzará antes de xuño a xerar nos seus edificios municipais enerxía eléctrica a partir do sol, unha fonte enerxética renovable e gratuita. O Mercado Municipal será o primeiro edificio no que se instalarán os módulos solares fotovoltaicos.

Esta instalación estará composta por 86 módulos fotovoltaicos de 535 Wp formando un total de 46,01 kWp de potencia, contribuirá a deixar de emitir máis de 410 toneladas de dióxido de carbono á atmosfera o equivalente a 3.416.666 kms percorridos no coche. 

A enerxía producida abastecerá tamén á Biblioteca Pública e ao Conservatorio Municipal de Música de Ponteareas xerando un aforro de máis do 50 % na factura eléctrica. 

O INEGA subvenciona, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2020, o 80 % do custe por un valor de 37.558€ e o Concello de Ponteareas aportará a cantidade restante, tendo a instalación un custe total de 46.948€.

O Concello de Ponteareas en colaboración coa empresa local Solarz, deseñou e presentou ao Instituto Enerxético de Galicia este proxecto, obtendo parte dos fondos necesarios para levar a cabo a instalación.

Actualmente, a enerxía solar fotovoltaica é a forma máis económica de xerar electricidade polo que cada vez máis concellos apostan por contar con instalación deste tipo nos seus edificios públicos. Un paso importante para conseguir un futuro verde e sostible. 

Con esta iniciativa, ademais, o Concello da un paso máis na consecución dos obxectivos do Pacto das Alcaldías polo Clima e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030.