25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaUnanimidade no Consorcio Provincial Contra Incendios para o cambio do modelo á...

    Unanimidade no Consorcio Provincial Contra Incendios para o cambio do modelo á xestión directa

    O pleno dá luz verde ao inicio do proceso coa aprobación da Memoria que determina que a modalidade económica da xestión directa é máis sostible e máis eficiente

    O Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, integrado pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, deu hoxe o paso definitivo para o cambio na prestación do servizo ao modelo da xestión directa.

    O pleno extraordinario, celebrado esta mañá, aprobou por unanimidade a Memoria que vai regular todo o proceso que, unha vez remate a concesión do modelo indirecto o próximo 31 de maio, suporá que un servizo esencial para a cidadanía da provincia como a prestación contra incendios e de salvamento volva á xestión pública. Cómprese así o compromiso que a Deputación de Pontevedra fixo no seu día á parte social, xa que a xestión directa do servizo suporá a subrogación do persoal operativo que traballa nos catro parques do Consorcio: O Porriño, O Morrazo, Ribadumia e Vilagarcía. A sesión telemática, estivo presidida pola presidenta provincial Carmela Silva, e nela participaron o Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, os representantes da Deputación de Pontevedra, e as delegadas en Pontevedra e Vigo pola Xunta Galicia

    A Presidenta Carmela Silva, agradeceu expresamente  “o inxente traballo de todas e todos para conseguir enfrontar en tan pouco tempo este cambio de modelo o que nos permitirá poder cumprir os prazos”, e tamén quixo subliñar “o bo ton de todas as partes, das administracións e da parte sindical, que nos permitiu chegar a un acordo que supón que desde o próximo mes de xuño, unha vez rematada a concesión, o Consorcio xestionará directamente o servizo”. Pola súa banda, o Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, uniuse ás palabras da presidenta, co desexo de que o novo modelo “sexa beneficioso para toda a cidadanía na prestación do servizo”. “Grazas polo traballo a todas e todos durante todo o proceso”, engadiu.

    A Memoria aprobada hoxe, que foi elaborada pola Comisión Xurídico-Técnica e levada á consulta coa parte social, reflicte un estudo pormenorizado dos aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros do que supón o cambio de modelo no Servizo de extinción de incendios e salvamento, concluíndo desde o punto de vista económico que a xestión directa é a modalidade máis sostible e máis eficiente. O resultado do estudo comparativo entre ambos os dous modelos mostra que o cálculo de custos de funcionamento do Consorcio Provincial é menor no caso da xestión directa do Servizo. O documento tamén inclúe o procedemento para a subrogación do persoal traballador e a súa relación xurídica, concluíndo que a figura será, temporalmente, a de persoal indefinido non fixo e que deberán ofertarse as prazas para a súa cobertura definitiva. A Memoria, que avala así o cambio de modelo no Servizo, pasará agora a exposición pública por un prazo de 30 días naturais, no que se abre o período de presentación de alegacións, para despois ser levada novamente ao pleno do Consorcio para a súa aprobación definitiva. Na mesma sesión se aprobará inicialmente a modificación orzamentaria necesaria para adaptar a estrutura do orzamento de 2021 ao cambio á xestión directa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.