12.5 C
Pontevedra
Xoves, 2 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaOs concellos do AECT Miño reúnense para decidir actuacións sobre o peche...

    Os concellos do AECT Miño reúnense para decidir actuacións sobre o peche da fronteira con Portugal

    O vicedirector Uxío Benítez trasladou hoxe o malestar ao delegado do Goberno, quen se comprometeu a levar ao Ministerio de Exteriores a petición de abrir todos os pasos da provincia

    Os concellos pontevedreses e portugueses da fronteira do Miño reuníronse a última hora de hoxe reunir para decidir actuacións e medidas a tomar sobre o peche da fronteira con Portugal. Así o confirmou o vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez, quen adiantou o grande malestar de todos os municipios, que esixen a apertura de todos os pasos da raia para evitar situacións como as que esta mañá se repetiron na ponte internacional de Tui, con colas de máis de dous quilómetros de lonxitude, revivindo a problemática do anterior confinamento para as traballadoras e traballadores transfronteirizos.

    A reunión cos concellos de ambas beiras do Miño convocouse despois do encontro mantido na mañá de hoxe entre Benítez e outros membros do AECT e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Segundo confirmou o deputado nacionalista, o delegado manifestou a súa comprensión co malestar dos concellos da ‘raia’ e comprometeuse a elevar ao Ministerio de Exteriores a petición de abrir todos os pasos na provincia, así como a poñer a disposición todos os medios e persoal das forzas do orde estatais para habilitar máis controis onde foran necesarios.

    “Parece ser que non é un problema de medios. O que trasladou o delegado é que o peche dos pasos é unha decisión do goberno portugués que hai que solucionar pola vía diplomática”, indicou Benítez. Subliñou que o AECT “tocará en todas as portas” precisas pola vía administrativa ata que se abran os pasos, pero non descartou outras medidas de presión, xa que –insistiu o nacionalista- hai un claro agravio para as persoas traballadoras transfronteirizas, que teñen que dar rodeos quilométricos para acudir aos seus postos de traballo polos funís dos pasos de Tui e Salvaterra.

    Benítez puxo de manifesto que segundo os datos da Delegación do Goberno, entre as oito da mañá e o mediodía, o control de fronteira para acceder a Pontevedra en Tui dende Portugal unicamente prohibiu o paso a unha decena de vehículos nos que as persoas viaxeiras non cumprían os requirimentos autorizados (ser persoa traballadora ou ter familia de primeiro grao ou dependentes a cargo, entre outras situacións). Sen embargo, o control portugués da GNR realizou unha revisión exhaustiva de toda a documentación presentada polas persoas que pretendían cruzar a fronteira, creando un tapón de grandes dimensións similar aos que diariamente se repetían no anterior peche por non admitir algúns dos xustificantes.

    O vicedirector do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial ‘AECT Río Miño’ lembrou que “chove sobre mollado”, posto que os gobernos español e portugués saben que a fronteira entre Pontevedra e Portugal, aínda que supón o 5% da lonxitude da raia, asume o 50% do tránsito de vehículo, polo que a súa realidade non é equiparable ás de Castela-León, Andalucía ou Extremadura, comunidades ás que concederon o mesmo número de pasos que a toda Galicia.

    Instou, novamente, a poñer en marcha a tarxeta cidadá transfronteiriza para identificar de maneira máis áxil a todas as persoas que desenvolvan a súa vida laboral obigadas a cruzar a fronteira.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.