11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaA alcaldesa de Oia lembra que o Concello carece de escudo e...

    A alcaldesa de Oia lembra que o Concello carece de escudo e lamenta a polémica sobre o asunto

    A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, lamentou a polémica creada a raíz da proposta de escudo oficial do municipio que foi aprobada no pleno do pasado xoves. Segundo destacou, a iniciativa ten como obxectivo dotar ao Concello dun emblema oficial do que actualmente carece, tendo en conta que o que se viña utilizando de xeito tradicional é realmente o do Mosteiro de Oia.

    A alcaldesa lembrou que o proceso arredor do escudo comezou xa no ano 2018, cando o Concello fixo una consulta á Comisión Heráldica –órgano consultivo da Xunta ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras– sobre a posibilidade de dotarse dunha bandeira oficial. Foi durante a investigación sobre os símbolos e emblemas locais de Oia cando a citada Comisión lle comunicou ao O Concello que a imaxe que tradicionalmente viña empregando era realmente a propia do Mosteiro de Oia. Así mesmo, recomendaba optar por una imaxe diferente pero fiel á tradición e historia locais.

    Concretamente o informe de Heráldica de setembro de 2018 trasladaba ao Concello que: “considera máis que conveniente –se non necesario– propoñer un completo replantexamento do escudo municipal actualmente en uso, dado que o mesmo é o propio que desde hai séculos atrás trouxo o importante mosteiro cisterciense aquí emprazado”. No mesmo documento, a Comisión manifestaba que facer uso do emblema heráldico do mosteiro é unha opción “sempre rexeitable” e facía a súa proposta.

    Así, a rexedora insiste en que a proposta aprobada no pleno da pasada semana “non é substituír un escudo oficial de toda a vida por un novo” senón que, ante a situación de carencia de emblema oficial, “o que se busca é dotar a Oia dun escudo que conte co recoñecemento de Heráldica”.

    “Isto non é un asunto de partidos, o Concello precisa ter un escudo e bandeira que o represente como institución”, afirmou a rexedora. Así mesmo, Correa lamenta que “se estea creando desconfianza na veciñanza a través de información sesgada e incompleta, facendo crer que se substitúe un escudo por outro ‘de toda a vida’, con fins que non buscan máis que xerar conflitos onde non os hai”.

    Non obstante, a alcaldesa bríndase a recibir e atender as dúbidas que a veciñanza poida ter ao respecto, abrindo un período de reflexión con posibilidade de que os propios veciños e veciñas presenten no Concello todas as propostas de mellora que consideren.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.