O Concello de Redondela anunciou onte a suspensión da feira que tería que desenvolverse o día 6 de febreiro ante o “preocupante número de tcasos activos por coronavirus e ao atoparse o municipio en situación de restrición máxima”.
A alcaldesa de Redondela fixo un novo chamamento á responsabilidade nunha situación “grave, na que os contaxios non deixan de medrar”. As circunstancias que permitiron celebrar a feira do día 6 de xaneiro, son agora ben distintas no municipio redondelán: a día 5 de xaneiro, Redondela contaba cun total de 51 casos activos e a día de onte 29 de xaneiro –tan só 24 días despois– ese número elévase ata os 214 casos activos o que supón case que 7 novos casos cada día.
“Por moito que a nosa intención sexa manter os mercados quincenais –afirma Digna Rivas– a responsabilidade obríganos a antepoñer a saúde da veciñanza por enriba de calquera outra consideración”
A suspensión dunha actividade dinamizadora da economía local, como é a das feiras dos días 6 e 15 de cada mes, “é unha medida dura e que a ninguén lle gustaría ter que adoptar, –asegurou pola súa banda o concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas– pero non suspendela ante o panorama grave que se nos presenta, sería unha total irresponsabilidade”.
O Concello de Redondela insiste en que “coa responsabilidade individual de cada veciña e veciño, coa medidas de protección que adoptemos, co cumprimento estrito das normas ditadas polos gobernos central e autonómico, estaremos contribuíndo a frear a expansión deste virus e estaremos dando pasos para volver á normalidade”.