15 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello reordenará o uso do espazo público das rúas do Baratillo...

    O Concello reordenará o uso do espazo público das rúas do Baratillo e Cortiña Vella tralo remate das obras en San Roque

    A proposta conleva a peonalización do tramo entre a Fonte do Baratillo e a rúa Fernández Vega

    A Concellería de Mobilidade e Tráfico fixo pública a súa proposta de reordenación da utilización do espazo público nas rúas do Baratillo e Cortiña Vella tralo remate das obras de humanización da rúa San Roque. A proposta conleva a peonalización do tramo comprendido entre a Fonte do Baratillo e a rúa Doutor Fernández Vega.

    A Concellería, que dirixe Roberto Mera, remitíu á veciñanza e colectivos sociais e políticos a proposta de reordenación do uso desas zonas na que se analizan as características das rúas e as súas problemáticas. Nela saliéntase que non existe un itinerario peonil continuado, seguro e cómodo de maneira que as persoas que camiñan teñen que facelo en moitos tramos polas zonas que circulan ou estacionan os vehículos. O tramo dende a fonte até Fernández Vega, así como Cortiña Vella en todo o seu percorrido, é moi estreito e impide dotalo de beirarrúas e carril de circulación ao mesmo tempo. Ademais no Baratillo presenta unha grande pendente que xera riscos e inseguridade para peóns e vehículos. Por outra banda, o muro perimetral da fonte do Baratillo, un ben de valor histórico e arquitectónico, soporta con frecuencia o impacto de vehículos que causan danos a ese elemento. A concellaría engade que o tráfico de paso nese tramo do Baratillo é innecesario pois só pode dirixirse á N-120 e dispón doutros itinerarios alternativos por Perillana e Cortiña Vella.

    Precisamente Cortiña Vella pasará a ter a consideración de rúa residencial o que implica prioridade peonil en toda a calzada e limitación de velocidade a 10 km/h, ao igual que a rúa San Roque recentemente humanizada. Esta limitación de velocidade está tamén asumida pola maior parte dos concellos da provincia de Pontevedra que, coma Ponteareas, se adheriron á Rede Ágora.

    Baixada da fonte do Baratillo

    Segundo Roberto Mera, os obxectivos das propostas son “garantir e dar prioridade ao dereito das persoas a camiñar con seguridade e comodidade nunha rúa que une o centro con equipamentos como a Biblioteca, Museo ou Parque da Perillana”. Búscase tamén reducir o uso do vehículo a motor no centro urbano, limitándoo ao tráfico de necesidade e evitando o de pura comodidade. A redución do tráfico conleva menos contaminación atmosférica e acústica, maior seguridade vial e, neste caso, a protección dun ben catalogado como a Fonte do Baratillo. A peonalización dun tramo da rúa Baratillo é ademais unha previsión do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Ponteareas redactado por técnicos de mobilidade sumándose tamén aos obxectivos do Pacto das Alcaldías polo Clima e aos Obxectivos de Desenvolvemeno Sostíbel 2030.

    A proposta someteuse á consideración de persoas residentes e usuarias dos garaxes, actividades comerciais, taxistas e outros colectivos sociais que poden presentar suxestións ou pedir máis información até o mércores 5 de febreiro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.