As concellerías de Lingua e Mocidade do Concello de Ponteareas, dirixidas polos nacionalistas Fernando Groba e Miguel Bouzó, respectivamente, poñen en marcha un novo certame co que se pretende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e darlles visibilidade ás/aos tiktokeiras/os do Concello de Ponteareas. Deste xeito lanzan o concurso @TikTokTea no que poderá participar a mocidade a partir de 13 anos.
Os seus “TikToks”serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual ponteareán e nas redes sociais. Cada participante pode enviar un máximo de dous vídeos.
Para participar no certame, deberase enviar ao enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal a ficha de participación cuberta e asinada, xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 17 de febreiro de 2021 e estabelécense dous premios de 100 € en cada categoría, un outorgado polo xurado e outro polo público.
Fernando Groba e Miguel Bouzó adiantaron que os premios entregaranse nun acto público que se anunciará previamente no sitio web do Concello e nas súas redes sociais.
Os vídeos teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatoria a presenza da lingua galega, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A duración de cada peza estará comprendida entre os 20 e os 60 segundos e nas gravacións realizadas en espazos públicos, débense respectar as medidas de prevención da Covid-19 existentes.
As pezas audiovisuais deberán estar relacionadas coa música, o espazo, a gastronomía, as tradicións, ou calquera outro elemento característico do Concello de Ponteareas.
As bases pódense consultar no botón “TikTokTea” do sitio web do Concello ou directamente seguindo esta ligazón https://ponteareas.gal/tiktoktea/
Con esta iniciativas a Concellaría de Lingua e a de Mocidade traballan de xeito transversal no fomento do emprego da nosa lingua galega a través das últimas tendencias en lecer e achéganse á mocidade con ferramentas que esperten o seu lado artístico.