A Xunta de Galicia vén de anunciar a suspensión cautelar da administración da vacina de AstraZeneca. Con esta medida o Goberno galego “segue así a indicación do Ministerio de Sanidade que ven de anunciar a súa suspensión por un principio de prudencia”, sinala un comunicado da Xunta.
A Consellería de Sanidade lembra que o sistema de trazabilidade permite identificar a vacina administrada coa persoa vacinada e, ata o momento, “non se produciu en Galicia ningún caso de reacción adversa grave”, sinalan.
Despois do grande éxito da primeira edición, a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia volveu hoxe luns, 15 de marzo, a abrir as súas portas virtuais ao alumnado, xa que os primeiros obradoiros desenvolveranse de xeito telemático debido ás restricións derivadas da pandemia.
Co título de “Tod@s temos unha historia que contar” a Escola inaugura os cursos deste ano coa escritora Inma López Silva que desenvolverá o seu Obradoiro Literario os días 15 e 22 de marzo; 12,19 e 26 e abril; 3, 10 e 24 de maio. Con 15 alumnos por clase, a docente tamén impartirá outro curso, de maneira telemática, durante oito sesións, os días 17 e 24 de marzo; 14, 21 e 28 de abril; 5, 12 e 19 de maio.
A Escola de Letras oferta este ano un total de 6 cursos moi variados como son, amais dos de López Silva, o Obradoiro de Poesía con Antonio García Teijeiro, o Obradoiro Literario con Anna R. Figueiredo: Escribir unha novela, o Obradoiro Literario con Diego Giráldez e o Obradoiro de Poesía con Elvira Ribeiro Tobío.
Ante a ampla demanda, todos os cursos están completos e con lista de agarda de 60 persoas. Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar, poden escribir a [email protected] para entrar nas listas.
A pasada fin de semana celebrouse na Praia Patos (Nigrán) a primeira proba do Circuito Galego Junior de Surf e bodyboard. Esta era a primeira proba despois de case dous anos sen competición, a última celebrouse a finais do 2019 e o ano pasado non se chegou a celebrar ningunha debido á pandemia. Había moitas ganas de surf e o tempo acompañou con moi boas ondas que roldaron o metro e medio tanto o sábado como o domingo.
O equipo de Prado Surf Escola fíxose con dous primeiros postos nas categorías de Sub 16 masculino con Sebas Baamonde e Sub 12 con Deigo Vieteis. Ademais en Sub 16 feminino, Mara San Marco e Claudia Perereira conseguiron o 2º e 3º posto respectivamente.
A proba contou co apoio de Aguasana quen fixo entrega de dúas dos premios, Waira Surf, Só Imprenta, Ozocare, Hi Surf, Gadis, Deleitar, Mercedes Louzao, Xunta de Galicia e Deporte Galego.
Toda a competición realizouse baixo unhas estritas normas de seguridade xa que todas as entidades organizadoras, Federación Galega de Surf, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, eran moi conscientes de que con esta primeira proba había que demostrar que cumprindo os protocolos o surf galego pode volver á competición.
O concello de Gondomar realizará 10 novas contratacións, para así incorporar un total de 10 traballadores a súa plantilla. Estas novas incorporacións beneficiarán a veciños e veciñas do concello que se atopen desempregadas neste momento e que ocuparán postos de interese xeral e social.
As contracións executaránse a través do Plan Concellos 2021 da Deputación Provincial de Pontevedra, concretamente na súa liña 3. Nelas recollese unha partida total de 158.069 euros para á contratación, que se fará tras un proceso de selección a través da oferta no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Nesta ocasión se cubren dez postos para a prestación de servizos mínimos de competencia municipal cun salario establecido no convenio colectivo do municipio para cada categoría. Tanto o custo salarial, como a cotización a Seguridade Social estarán financiados por la Deputación provincial.
A Deputación de Pontevedra vén de publicar a segunda convocatoria dos premios “Reacción polo clima” que, dotados con 4.000 €, premiarán ás mellores pezas audiovisuais elaboradas por mozas e mozos da provincia, de entre 16 e 30 anos, centradas no cambio climático. Unha vez publicadas as bases hoxe no BOPPO, rapaces e rapazas poderán presentar desde este martes os seus proxectos para o que teñen de prazo ata o 16 de maio. O obxectivo dos galardóns é involucrar á xente máis nova na loita un dos maiores desafíos do noso tempo.
Os premios “Reacción polo clima” recalarán nas tres mellores manifestacións artísticas visuais centradas nas reivindicacións da mocidade con respecto á loita contra o cambio climático. Deste xeito haberá un primeiro premio dotado con 2.400 €, un segundo de 1.000 € ou un terceiro de 600 €. Este ano a Deputación incrementou en 2.000 € as contías globais dos premios co obxectivo de recoñecer o talento, amais de empoderar á xente máis nova para que sexa partícipes na posta en marcha de políticas públicas no marco da Axenda 2030, onde xogan un papel transcendental.
Os traballos serán en formato audiovisual cunha duración máxima de 2 minutos e medio. Admitirase calquera tipoloxía empregada pola xuventude nas redes sociais ou medios de difusión de natureza similar. As mozas e mozos así como as organizacións dirixidas pola mocidade interesadas en participar teñen dous meses de prazo para presentar as súa solicitudes e poder, así, optar a algún dos tres premios.
O pasado ano gañaron o primeiro concurso “Reacción polo clima” Iago Rodríguez Torres e Manuel Albariñas, ambos de Marín, pola peza “Inconsciente”. O segundo premio recalou en Carmen Villanueva, de Silleda, por “Non pases de largo” e o terceiro foi para Isabel González, de Vigo, por “Pequenos xestos, grandes cambios”.
A cuarta edición do Simposio Internacional de Escultura do Miño, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, xa ten data de celebración: do 15 de setembro ao 4 de outubro no Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño). Así veñen de acordalo nunha reunión de coordinación entre responsables de ambos gobernos municipais a pasada semana.
O evento, previsto inicialmente para o mes de xuño, tivo que adiarse por mor da situación xerada pola Covid-19, decidindo os coordinadores reprogramar as datas de celebración deste certame internacional xa consolidado, no que seis recoñecidos artistas de distintas partes do mundo, traballan en vivo para amosar a súa mestría ao público xeral. “Este é un proxecto conxunto moi valioso para nós, e que permanecerá nos nosos municipios, con achegas artísticas que veñen a enriquecer o patrimonio local”, lembra a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Baixo a dirección artística dos escultores Liliya Pobornikova e Nando Álvarez, esta cuarta edición do simposio xa recibiu preto de 200 candidaturas procedentes de máis de 40 países. O proceso de selección das obras rematará probablemente a finais do mes de marzo, e un xurado composto por membros dos dous concellos, será o encargado de elixir aos seis participantes definitivos. “Este ano a decisión vai ser moi difícil porque temos enriba da mesa proxectos moi interesantes”, explica Pobornikova.
Obra do terceiro simposio
Como ven sendo habitual, os artistas traballarán ao aire libre ao longo de tres semanas, mantendo a distancia necesaria entre un e outro, para crear as súas esculturas comodamente e respectando todas as medidas de seguridade. Ademais, manterase a distancia co público, evitando a celebración de actos abertos á veciñanza ou aglomeracións de xente. As seis novas obras de arte resultantes, coma vén sendo habitual, pasarán a formar parte do patrimonio escultórico das vilas, instalándose tres pezas en Tomiño e outras tres en Vila Nova de Cerveira.
Como novidade desta cuarta edición, adiantan os coordinadores que os escultores traballarán por primeira vez un novo material: o metal, xa que até o de agora viñan esculpindo en materiais máis tradicionais, coma o mármore e o granito.
A Regata Cenor organizada esta fin de semana polo Monte Real Club de Yates revelou a composición do equipo que representará a Galicia no Campionato de España de Optimist 2021. Os 20 deportistas galegos que acudirán ao nacional son os mellor clasificados da clasificación autonómica que se pechou este domingo tras a celebración da última clasificatoria en Baiona.
Nela resultaron gañadores Javier García, do Real Club Náutico da Coruña, na categoría Sub 16; e Bruno Iglesias, do Club Náutico Deportivo de Ribeira, na categoría Sub 13. Recibiron os seus trofeos de mans da directora de márketing de Cenor, Leticia Fernández; e o presidente do Monte Real Club de Iates, José Luis Álvarez.
O resto de chanzos dos podios masculinos cubríronos Bruno Iglesias (CND Ribeira) e Pablo Marquina (MRCYB) en segunda e terceira posición da categoría Sub 16; e Fernando González e Jaime Díaz (ambos os do RCN A Coruña) coa prata e o bronce da categoría Sub 13.
No apartado feminino, as regatistas que lograron levantarse ao podio foron Inés Ameneiro, do Real Club Náutico de Vigo , entre as menores de 16 anos; e Arancha Rivero, do Real Club Náutico da Coruña, entre as menores de 13 anos. Os encargados de entregarlles os seus galardóns foron o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e o alcalde de Baiona, Carlos Gomez.
O segundo e terceiro posto de cada categoría lográronos Natalia Domínguez (RCN Sanxenxo) e Aitana Pérez ( MRCYB) na categoría Sub 16; e Ana Costas (RCN Rodeira) e Roberta Maríz (RCN Sanxenxo) na categoría Sub 13.
O deputado de deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, entregou os premios aos gañadores na categoría masculina e feminina do grupo azul, dos que se están iniciando no deporte da vela. Os vencedores foron Diego Lago, do Club Marítimo de Oza; e Lida Radio, do Real Club Náutico de Sanxenxo.
Esta xornada final foi algo máis complicada que a inaugural a causa do vento, que tardou en entrar e en establecerse, obrigando a atrasar ata dúas horas o inicio das regatas. Unha vez que Eolo fixo acto de presenza, fixouse do noroeste cunha media de 8-9 nós nas primeiras probas e algo máis de intensidade na manga final. En total, tres probas disputadas que, sumadas ás tres do sábado, completaron o programa de seis mangas previsto no programa deportivo.
Iso na auga. En terra, o máis destacado, máis aló da entrega de premios aos gañadores, foi a carreira de pistas dramatizada na que participaron gran parte dos regatistas da competición. Foi unha proba por equipos na que os nenos e nenas resolveron enigmas e seguiron pistas que os levaron polos principais puntos turísticos de Baiona co obxectivo de gañar unha vela de Optimist cedida por Efectos Navais Jesús Betanzos, que finalmente levou o equipo do Real Club Náutico de Coruña.
A iniciativa, impulsada polo Concello de Baiona, o Museo Casa da Navegación e a aula de Teatro, foi unha proba piloto dunha actividade máis ambiciosa que o departamento de deportes baionés prepara para o Campionato Nacional de Optimist que se celebrará en Semana Santa.
Galicia acudirá ao Campionato de España de Optimist con 22 regatistas
Esta última clasificatoria autonómica revelou os nomes dos deportistas que representarán a Galicia no Campionato de España de Optimist que se celebrará en Baiona.
O Real Club Náutico da Coruña é o club que máis nomes achegará ao nacional da clase, cun total de 7 regatistas clasificados para competir. Son Fernando González, Martín Mijares, Javier García, Jaime Díaz, Andrés Gago, Pedro Núñez e Pepa Bermúdez.
Por parte do Club Marítimo de Canido acudirán ao campionato de España 4 deportistas: Rodrígo Pérez, Fernando Campos, Miguel Rodríguez e Emma Chamorro.
Conseguiron tamén billetes para o nacional da clase 4 regatistas do Monte Real Club de Yates: Pablo Marquina, Aitana Pérez, Martín Montes e Jimena Crespo. Os dous últimos clasifícanse grazas a unha concesión que a Real Federación Española de Vela fai ao club organizador do campionato, permitindo a participación de dúas dos seus deportistas, independentemente da súa posición na clasificación galega.
Tamén optarán ao título nacional Natalia Dominguez e Pedro Casas do Real Club Náutico de Sanxenxo; Bruno Iglesias e Jorge Álvarez do Club Náutico Deportivo de Ribeira; Inés Ameneiro e Luís Wizner do Real Club Náutico de Vigo; e Jorge Costas do Real Club Náutico de Rodeira.
O Campionato de España de Optimist 2021, que do mesmo xeito que esta última clasificatoria está tamén patrocinado polo Grupo Cenor, celebrarase en Baiona durante a Semana Santa. Os días 29 e 30 de marzo serán xornadas de preparativos, inscricións e medicións, o mércores 31 darase o pistoletazo de saída ás primeiras mangas e haberá regatas durante tres días máis, ata o sábado 3 de abril, último día de probas e entrega de trofeos aos gañadores.
Preto de 120 persoas de entre 16 e 30 anos, a maioría delas mulleres (74), participan hoxe luns, 15 de marzo, nas primeiras seis actividades formativas do programa da Deputación “Tic Emprendes”, co que a institución provincial busca fomentar o emprendemento entre a xente máis nova dos concellos con menos habitantes da provincia a fin de frear o despoboamento. Estas accións se desenvolverán por primeira vez de xeito telemático debido á situación sanitaria e está previsto que en abril se inicien outras dúas novas accións formativas con outras 30 persoas participantes.
Máis polo miúdo, a actividade formativa con maior demanda é a do curso de márketing dixital, con dous grupos de 17 persoas, seguida da relativa á organización e xestión de almacéns, cun total de 30 alumnos e alumnas. O resto de cursos están enfocados ás novas tecnoloxías e abordan temáticas como a creación de contidos dixitais (imaxe, vídeo e videoxogos), con 19 alumnas e alumnos; a creación e xestión de tendas en liña (18) e as aplicacións móbiles (17 persoas). Doutra banda, en abril desenvolveranse outros cursos de márketing dixital e de venda de produtos e servizos turísticos.
Todas estas actividades, de carácter gratuíto, son parte do total de 26 accións enmarcadas nos 11 itinerarios formativos de que consta o programa “Tic Emprendes”, que se prevé que forme a un total de 390 mozas e mozos ata o ano que ven. A iniciativa está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e conta cun orzamento de máis de 700.000 euros.
O programa ten como obxectivos fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara o emprego e loitar contra o despoboamento, propoñendo alternativas que fixen a xente moza nas zonas con maiores problemas demográficos. En concreto, céntrase nos 31 municipios da provincia de Pontevedra que contan cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes ou, no seu defecto, entre 5.001 e 10.000 habitantes con saldo negativo na última década. Son Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario Moraña, As Neves, Pazos, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Oia, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces.
En cada itinerario ofrécese formación en materias específicas de cada zona, titorías personalizadas para a busca de emprego, e asesoramento para a creación da propia empresa. Ademais, o programa ten como metas que o 15% das persoas mozas participantes comecen unha iniciativa emprendedora, que o 30% obteña un emprego e que o 80% permaneza no seu lugar de residencia. O programa, con contidos e actividades que poden consultarse na ligazón https://www.depo.gal/tic-emprendes, mantén aberta a inscrición para participar en próximas accións formativas que se irán desenvolvendo. Esta formación é gratuíta e as persoas interesadas poden acadar información no correo [email protected] ou nos teléfonos 886 217 320 e 986 804 100 (extensión 47320).
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.682, deles 1.053 son da área da Coruña, 203 da de Lugo, 186 da de Ourense, 244 da de Pontevedra, 451 da área de Vigo, 299 da de Santiago e 246 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 74 están en UCI, 251 en unidades de hospitalización e 2.357 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 109.904 persoas curadas, rexistrándose 2.300 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 1.764.416.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 336.761.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara
Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.
Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.
Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.
O Concello de Nigrán únese este venres 19 de marzo por vez primeira ao Proxecto LIBERA ‘1m2 por los ríos’ cunha xornada matinal de limpeza na desembocadura do río Muíños en Praia América. Os interesados en participar deben inscribirse en [email protected] antes do xoves 18 de marzo aportando os seus datos persoais, DNI e teléfono de contacto, sendo o aparcadoiro fronte as pistas de Gaifar o punto de encontro ás 11:00 horas. Recoméndase levar luvas, botella de auga e calzado axeitado.
Esta acción voluntaria forma ten como obxectivo no es sólo liberar á natureza de lixo, senon caracterizar e tipificar o refugallo que en cada punto de se atopa. A xornada desenvolverase coas medidas de seguridade e prevención necesarias para salvagardar a saúde dos participantes.
Paralelamente, baixo o lema ‘Plántalle cara aos plásticos’ o Concello e a asociación ecoloxista ‘Amigos da Terra’ manteñen activa esta campaña para que os conviventes aproveiten os seus paseos pola praia para recoller lixo. A acción é recoñecida premiando a cada grupo cun diploma de ‘Familia Concienciadora’, unha guía de aves do ecosistema dunar Praia América-Panxón e un paquete de sementes florais atraentes de insectos polinizadores, claves para a supervivencia do planeta. Os interesados en participar tan só teñen que descargar unha ficha da web www.nigran.org e cubrila durante a limpeza, facer unha foto de grupo co lixo obtido e enviar os dous documentos a [email protected]. O Concello instalou cadanseu ‘peixe tragaplásticos’ en Praia América e Patos para depositar aí o lixo e facer máis visible a campaña, pero resulta igualmente convinte que os participantes o tiren en contedores separativos.
O Consorcio de Augas do Louro vén de comunicar ao Concello do Porriño que ás 11 da mañá rematou a reparación da avaría que provocou un corte de subministro de auga que afectou a todo o centro urbano da localidade. Polo tanto, espérase que a subministración se normalice gradualmente.
A causa do fallo foi unha rotura na canalización xeral de auga. A avaría localizouse no Camiño de Currás e provocou problemas a partir das seis da mañá que se estenderon a toda a zona urbana.
Por outra banda, o Consorcio de Augas do Louro informa de que o corte de subministro que se anunciou hoxe para tarefas de mantemento da rede que ía afectar a vivendas, locais e empresas con sede na avenida de Galicia e noutras rúas colindantes, non terá lugar. Cancelouse ata novo aviso.
Un total de 14.734 persoas recibiron o sábado a vacina da Covid-19, na que foi a primeira xornada de vacinación masiva na nosa comunidade e que tivo lugar simultáneamente nas sete áreas sanitarias de Galicia. Arredor de 19.000 persoas, con idades entre os 50 e os 55 anos, foron convocadas por SMS para acudir ao longo do día a recibir a primeira dose da vacina.
Estes son os datos da vacinación:
* As persoas non vacinadas corresponden a contraindicacións maioritariamente
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou durante a xornada as sete áreas sanitarias para supervisar as vacinacións e agradecer o traballo dos equipos de todo o persoal involucrado, tanto enfermería, como informáticos, policias locais ou voluntarios de Protección Civil.
O campionato celebrouse en Salvaterra de Miño baixo a organización do Club Patinaxe Artístico Concdado, con todas as medidas e protocolos adoptados pola Federación Galega de Patinaxe para facer fronte á situación epidemiolóxica.
Este campionato é un filtro para os patinadores, xa que segundo a súa clasificación e ou puntuación, uns competirán en categoría nacional e outros en categoría rexional no que reste de tempada.
O CPA Condado dirixido por Eduardo Caride foi o club anfitrión e o club que xunto ao CPA Gondomar conseguiron clasificar máis patinadores a categoría nacional, un total de 6 e 5 patinadores respectivamente.
Noa Garcia, Alia Balboa, Laura Pérez, Mara Amil, Aldara Balboa e Daniela Rodríguez pertencentes ao CPA Condado e Paula Gilsanz, Sara Abal, Marta Goyanes, Sofia Fernández e Manuel Estevez pertencentes ao CPA Gondomar, capitaneado por David Figueroa.
A próxima fin de semana celebrarase en Redondela o Campionato de Preseleccións das categorías Benxamín, Alevín e Infantil organizado polo CPA Arealonga Chapela.
Marta Goyanes, Sara Abal e Paula Gilsanz (CPA Gondomar)
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre LinkedIn para empresas, TripAdvisor, Sendinblue e como transmitir un evento en liña de xeito profesional.
En concreto, o martes 16 impartirase o obradoiro “LinkedIn para empresas”, a cargo de María Aller, posgraduada en Comunicación Corporativa. O mércores 17 pola mañá será a quenda de “TripAdvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística”, impartido pola posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas Sonia Torres; e, pola tarde, de “Ferramentas de email márketing: Sendinblue”, a cargo da posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas Fátima Faílde.
Por último, o xoves 18, o experto universitario en Robótica Manuel Freire, impartirá “Como transmitir o teu evento en liña de xeito profesional II”, dando continuidade ao obradoiro desenvolvido a semana pasada.
O ciclista foi evacuado nunha ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Unha persoa particular, sobre as doce do mediodía de onte, solicitou ao 112 Galicia asistencia sanitaria para un ciclista que sufrira unha caída no Monte da Picaraña, xunto o refuxio de animais.
Ata o lugar desprazouse de contado unha ambulancia cun equipo médico do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao igual que os axentes da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil, nada mais foron alertados polo persoal do 112 Galicia, que tamén puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Ponteareas.
Unha vez no punto, os membros de Protección Civil confirmaron ao 112 Galicia, o traslado do ferido polo persoal sanitario.
Un ano máis a música galega e en galego chegará este ano a todos os recunchos da provincia a través do programa Musigal, impulsado pola Deputación para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade. Neste senso, a Xunta de Goberno aprobou a relación de actuacións que se levarán a cabo nos concellos da provincia, que suporá que 55 municipios de menos de 50.000 habitantes conten coa celebración de concertos a cargo de 26 agrupacións musicais diferentes.
Con este programa, a Deputación favorece a programación artística nos concellos, que unicamente se teñen que facer cargo dos gastos de produción da actuación (como poden ser os equipos de son e luz ou o escenario), posto que o ente provincial abona na súa totalidade o caché do espectáculo dos grupos.
Andrea Pousa será a encargada de abrir a programación deste ano cun concerto que terá lugar o 9 de abril en Tui, mentres que a última cita será o 18 de decembro na Illa de Arousa, con Leilía. A maioría das actuacións terán lugar nos meses de xullo e agosto, con 22 e 18 concertos. No marco de Musigal haberá tamén dúas actuacións en maio, cinco en xuño e catro en setembro. Os meses de outubro e novembro contarán cun evento cada un.
Os grupos máis solicitados foron Guadi Galego, Baiuca, Odaiko, Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre, Budiño, Tanxuqueiras e Milladoiro, con 4 concertos cada un. As actuacións serán de carácter gratuíto, facendo a cultura accesible para o conxunto da cidadanía.
As dúas obras acometidas con cargo a unha subvención do Plan Concellos, a Humanización da Estrada Louriñó-Sobráns en Guizán e a mellora da seguridade viaria o Camiño do Pazo en Tameiga, atópanse ambas iniciadas e avanzando a bo ritmo. A Humanización de Guizán comezou o 1 de febreiro e a mellora do Camiño do Pazo fíxoo o pasado martes 9 de marzo. Entre as dúas suman un orzamento total de 318.738,32 euros.
Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, quenes explicaron que “ante o bo ritmo de evolución dos traballos no Camiño do Pazo, os labores de asfaltado e reposición do firme realizaranse xa a próxima semana”. Ademais aseguraron que “a mellora deste vial era moi necesaria ao ser o eixo vertebrador que comunica un dos barrios máis poboados da parroquia de Tameiga, o barrio de Pazo”. E informaron de que, a maiores destes traballos, e aproveitando que se vai asfaltar, o Concello de Mos acometeu con fondos propios municipais a instalación de 150 metros de canalización para o servizo de saneamento de vivendas do Camiño do Pazo.
A Estrada Louriñó-Sobráns, ten un orzamento de 261.467,64 euros, e o Camiño do Pazo, un orzamento de 57.270,68 euros.
Desde o inicio da obra de Humanización en Guizán xa se construiu o muro de contención necesario para poder acometer a glorieta proxectada para a zona da Igrexa e do centro Cultural, a instalación das canalizacións e colectores para a recollida de auguas pluviais, e comezáronse a acometer as beirarrúas. O prazo de execución das obras é de 16 semanas desde o seu inicio.
Plan ‘Mos Humanizado’
No Plan Municipal ‘Mos Humanizado’ o goberno mosense prioriza os lugares de cada parroquia nos que son más necesarias obras de humanización. Para elo fíxose un estudo de todas as 10 parroquias do Concello para determinar as zonas prioritarias e con máis tránsito. Na parroquia de Guizán, tras haber acometido a humanización da Estrada Peinador-Santiaguiño, tocáballe o turno á Estrada Louriñó-Sobráns por ser o segundo vial máis concorrido da parroquia.
Trátase dun vial moi transitado tanto por vehículos como por peóns ao dar acceso ao Centro Recreativo e Cultural de Guizán, ao Parque Infantil do Plantel e á Igrexa Parroquial de Santa María de Guizán. Esta estrada sirve ademais de enlace entre as parroquias de Torroso e Guizán polo que soporta bastante tráfico.
E ademais a importancia desta obra aumenta ao coincidir cos traballos de construción dun novo local para a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán que xa se atopan rematados e nos que a Comunidade de Montes de Guizán investiu 1 millón de euros.
O proxecto municipal de humanización da Estrada Louriñó-Sobráns inclúe beirarrúas, muros e unha glorieta na contorna do Centro Recreativo e Cultural de Guizán.Ademais realizarase a correspondente reposición do firme. As obras requeriron de traballos previos como o desbrozado lateral, e a limpeza de cunetas e noiros que, unha vez realizados, van seguidos da rehabilitación de firmes e pavimentos acorde coa Instrucción de Estradas Norma 6.3-IC e o PG-3 do Ministerio de Fomento. A rehabilitación de firmes inclúe unha primeira fase de regularización da capa de rodadura e unha segunda fase de recrecido. A obra rematarase coa instalación e pintado da correspondente sinalización vertical e horizontal, respectivamente. Esta obra conta cun orzamento de execución por contrata de 261.467,64 euros que conta con subvención do Plan Concellos.
Na Estrada Louriñó-Sobráns, na parroquia de Guizán, actúase nun tramo de 457 metros de lonxitude, tratándose dun vial con pendente elevada e edificacións nas dúas marxes.
O Concello de Baiona vén de dar conta da aprobación do proxecto de rehabilitación do paseo marítimo da Foz e que se produce logo das xestiós realizada polo rexedor baionés, Carlos Gómez, durante a reunión mantida en xullo do 2020 co ministro José Luis Ábalos. Daquela Ábalos comprometíase a sacar adiante este proxecto, feito que o alcalde de Baliona agradece “xa que en menos dun ano cumpriu coa súa palabra e cumpriu o seu compromiso connosco”.
O proxecto substituirá o dique desde a zona desprendida ata as proximidades da ponte da Ramallosa por uns 700.0000 euros. Gómez tamén agradeceu ao xefe provincial de Costas, Enrique Fernández Menéndez, a súa implicación con este proxecto.
O rexedor de Baiona destaca que “coa rehabilitación do paseo marítimo da Foz cumprimos cun dos nosos compromisos coa cidadanía baionesa en xeral e cos veciños e veciñas de Sabarís en particular. Durante anos veñen padecendo danos e incomodidades neste paseo tan transitado diariamente pola veciñanza”.
Segundo Gómez, esta obra será posible grazas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico “que reservou un diñeiro para que todos os baioneses e baionesas gocemos do noso emblemático paseo. Trátase pois dun compromiso do Goberno central coa execución desta importante obra para o noso municipio”.
Así mesmo, Gómez Prado, salientou que, como alcalde de Baiona, “sempre defenderei os intereses dos veciños e veciñas e seguirei chamando a todas as portas que sexan necesarias para que os proxectos de Baiona saian adiante”.
O Concello de Redondela, a través da liña 3 do Plan Concellos, contratará un total de 11 persoas coa especialidade de peón forestal, para formar parte das brigadas encargadas das labores de roza nos camiños e estradas de titularidade municipal. Será esta a primeira vez que o Concello realice estas contratacións a través da oficina de emprego, en lugar de encargarlle os traballos a unha empresa.
Isto permitirá, explica a alcaldesa Digna Rivas, “que esta labor sexa desenvolvida por persoas desempregadas do municipio e dentro da filosofía deste Goberno de contribuír, dentro das súas competencias, á xeración de postos de traballo”.
Coa contratación de persoal a través da oficina de emprego o Concello acada un dobre obxectivo “por unha banda permite axilizar a contratación e, polo tanto, optimizar os prazos e o traballo a desenvolver” explica a alcaldesa Digna Rivas “e doutra banda é unha iniciativa de extraordinaria importancia para as veciñas e veciños que están en situación de desemprego e para os que estas contratacións son unha axuda para a súa economía familiar”.
A alcaldesa de Redondela aclarou que, a maiores da contratación destas 11 persoas para as brigadas de rozado, o Concello mantén o denominado retén de mantemento –este si a través dunha empresa–, unha iniciativa que puxo en marcha o Goberno local no pasado ano e que permitiu que, unha vez rematadas as labores de roza dos catro lotes contratados, este quinto lote de reforzo actuase o resto do ano onde alí o aconsellaban as circunstancias, desenvolvendo un traballo de mantemento.
Nesa liña de dinamización do emprego, e dentro das poucas competencias que nesta materia ten unha administración local, a alcaldesa lembrou a importancia do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra “que permite que os concellos poidamos xerar emprego entre a veciñanza” e, no caso de Redondela, lembrou que a maiores da contratación destas 11 persoas para a roza dos camiños contratarase tamén 1 técnico/a medio ambiente, 1 carpinteiro/a, 3 técnicos/as de turismo, 1 traballadora social e 1 electricista.
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos, de ata 90.332 euros, para que graduadas e graduados en ciclos medios de Formación Profesional, poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas para facilitar a súa inserción profesional. Trátase da sétima mobilidade do programa Practicum Depo 2019, na que participarán 13 estudantes que se beneficiarán das axudas de estancia e viaxe da institución provincial para completar a súa formación en Portugal, Italia e Malta.
Nesta nova modalidade do programa van participar alumnas e alumnos de centros educativos de Caldas, Gondomar, As Neves, Pontevedra e Silleda. Oito cursaron o ciclo medio de Actividades Físico Deportivas no Medio Natural, dous mozos Farmacia e Parafarmacia, unha moza Xestión Administrativa, outro mozo Preimpresión Dixital e outro Instalacións Eléctricas. En canto aos destinos, seis partirán cara Portugal, cinco cara Italia e dous a Malta onde estarán entre 125 e 180 días. Percibirán axudas que oscilan entre os 5.821 e os 8.272, dependendo da duración da estadía e do país ao que se dirixen.
Ata o momento están a participar en Practicum Depo 2019 54 alumnas/os e docentes. Está previsto que sexan 102 as persoas que completen a súa formación no estranxeiro, polo que haberá dúas novas saídas cara países da Unión Europea que comezarán en xuño e en setembro. Xunto ao Practicum Depo 2019 está tamén en marcha o Practicum Depo 2020, no que xa están a participar 10 persoas das 121 que o farán ata maio de 2022.
Dende a posta en marcha do programa Practicum Depo, no 2015, investíronse xa preto de cinco millóns de euros dos cales o SEPIE achega 4,18 millóns de € e a Deputación máis de 820.000 €. Ao longo destes anos 462 persoas, entre profesorado e alumnado, beneficiáronse desta iniciativa que está a permitir que mozas e mozos e docentes completen a súa formación en empresas e institucións da Unión Europea.
O Museo do Mar de Galicia acollerá a partir do mes de setembro unha gran mostra sobre o legado e traxectoria do arquitecto Antonio Palacios. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación do libro Antonio Palacios. Soños de modernidade. Compromiso con Galicia.
O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia aproveitou puxo en valor a figura deste arquitecto cuxo traballo foi fundamental para o panorama cultural galego de principios do século XX. “A actual imaxe de Vigo, e mesmo de Galicia, non tería sido a mesma sen a labor e influencia de Palacios, un galego que aínda que traballou durante moito tempo en Madrid nunca perdeu de vista a súa terra”, subliñou Román Rodríguez.
“O seu labor no eido da arquitectura converteuno nunha figura imprescindible e nun urbanista de referencia que agora, ao cumprise máis de 75 anos do seu pasamento, cómpre recuperar para recoñecerlle o traballo feito”, afirmou o conselleiro, quen precisou que para homenaxealo a Xunta de Galicia publica este novo volume deseñado por Uqui Permui no que se recolle o traballo de oito investigadores sobre a figura de Palacios. “Un libro no que a través da voz destes especialistas se amosan as diferentes facianas dun dos mellores arquitectos galegos”, afirmou.
Concretamente, os colaboradores da publicación presentada hoxe son os historiadores José Ramón Iglesias Veiga, especialista en Antonio Palacios, e Alfredo Vigo Trasancos; os profesores universitarios Antonio Perla de las Parras, Yolanda Pérez Sánchez, Jesús Ángel Sánchez García e Santiago Rodríguez-Caramés; o arquitecto Álvaro Bonet López e o axente inmobiliario en Madrid Jacobo Armero Chauton.
Percorrido pola obra de Palacios
A visión ofrecida no libro complétase coa exposición centrada na súa figura que se inaugurará no Museo do Mar de Galicia a partir do mes de setembro. Trátase dunha mostra comisariada por Jesús Ángel Sánchez García que percorrerá a obra de Palacios incidindo na súa faceta como arquitecto moderno e implicado na mellora da vida diaria da xente con proxectos como vivendas de aluguer, estacións de metro, hospitais, oficinas, comercios, bancos, sociedades de recreo, hoteis, balnearios ou restaurantes.
Así mesmo, o proxecto expositivo tamén se centra na importancia de Palacios na paisaxe urbana de Galicia, especialmente na cidade de Vigo, onde seu legado está moi presente tanto no desenvolvemento urbanístico como nalgúns dos edificios máis emblemáticos e icónicos da cidade como son o Teatro García Barbón, a Fonte do Cristo ou o edificio Blanca Viñas-Aranda. “Unha mostra, en definitiva, que nos axudará a entender a influencia do traballo de Palacios na imaxe e paisaxe urbana de Vigo e de Galicia no nosos días”, precisou o conselleiro.
Para a realización desta exposición, o Museo do Mar de Galicia contará coa colaboración de entidades públicas e privadas como os concellos de Madrid, Vilagarcía de Arousa e O Porriño, particulares, e institucións como o Museo do Pobo Galego, o Círculo de Bellas Artes de Madrid, o Museo de Pontevedra ou o Metro de Madrid. Así mesmo, como complemento a exposición, deseñarase unha programación didáctica específica que poida ser utilizada nos centros educativos.
O Concello de Mondariz está desenvolvendo un plan de recuperación do espazo lúdico e deportivo do campo da Minada coa construción dun Pump Trak ASFALTADO para practicar actividades con monopatín ou bicicleta en condicións de seguridade. Con 1.200 m² de superficie prevista, o pump track de Mondariz será o circuíto máis grande do seu tipo en Galicia.
Esta innovadora actuación municipal, que ascende a 48.399,44 €, está financiada polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra e forma parte dun ambicioso proxecto de Centro de Ocio e Deporte Urbano que convertirá a Minada nun lugar de referencia para a mocidade de Mondariz e outros concellos veciños, xa que hoxe en día non existen infraestruturas deste tipo nas comarcas do sur de Pontevedra.
O circuíto, construído sobre o antigo campo de fútbol da Minada, está situado na Avda. Grupo Escolar, en pleno centro urbano, xunto ao CPI de Mondariz, a biblioteca pública municipal e a Casa do Concello. Ademais, non está lonxe doutras áreas recreativas como a praia fluvial do Val.
Está concebido como unha pista de 180 metros de lonxitude, con ondulacións e curvas peraltadas á esquerda e á dereita que se adaptan ao regulamento de BMX da Real Federación Española de Ciclismo, polo que nun futuro podería acoller competicións deportivas profesionais. De feito, “unha vez rematadas as obras solicitarase a certificación de circuíto apto para probas federadas”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente e Deporte, Leopoldo Tato. O percorrido consta de varias rectas e curvas, cada unha delas cun deseño de obstáculos diferente para ofrecer varios niveis de dificultade ás persoas usuarias, de 12 anos en adiante.
A Minada albergaba un campo de fútbol con céspede artificial e bancada de formigón que fora construído fai vinte anos sen cumprir as medidas regulamentarias para a competición deportiva. Durante dúas décadas estivo en desuso como área lúdica e deportiva, chegando a ser empregado como aparcadoiro informal polas veciñas e veciños. “Diante desta situación de abandono, marxinalidade e grave deterioro das instalacións, o goberno municipal buscou alternativas que permitisen recuperar este histórico espazo de interacción social e satisfacer as necesidades da mocidade local”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros. “A idea é crear un Centro de Ocio e Deporte Urbano para a mocidade. Este pump track é a primeira instalación, pero co tempo virán outras”.
O Concello de Redondela remata, nestes días, as obras de remodelación das oficinas situadas na planta baixa da casa consistorial nunha clara aposta por dotar a todas as dependencias dunha accesibilidade da que moitas carecían e, ao mesmo tempo, de crear espazo moderno e axeitado para as traballadoras e traballadoras e que, polo tanto, permita ofrecer un mellor servizo á cidadanía. Para esta actuación, contouse cunha achega da Deputación de Pontevedra, con cargo ao Plan Concellos, de 56.974,67.
As obras permitiron unir dúas das oficinas existentes, inadecuadas e pouco accesibles, nun espazo único e de maior superficie e, ao mesmo tempo, converter tamén nun único espazo o almacén e o despacho contiguo. Créanse así dous espazos amplos e moito máis axeitados para o desenvolvemento da actividade administrativa que se realiza nas dependencias municipais.
Aproveitáronse ás obras non só para transformar superficies, senón tamén para reparar defectos estruturais –como humidades en paramentos–, substitución do falso teito existente e das carpinterías interiores; reforma da instalación eléctrica, de telecomunicacións e alumeado e eliminación de todas as barreiras que supoñan un impedimento á accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.
Cómpre salientar que tamén na planta baixa, remodelarase con anterioridade a obsoleta oficina de Rexistro Xeral por unha dependencia accesible e ampla. Esa remodelación permitiu que, entre outras cousas, se poida seguir prestando atención presencial á cidadanía nestes momentos de pandemia algo que, coas antigas oficinas, sería imposible.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembrou que “unhas instalacións axeitadas permiten que o traballo administrativo desenvólvase en mellores condicións e, polo tanto, se poida prestar unha mellor atención a veciñas e veciños”.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu o venres na clausura do congreso de Unións Agrarias no que foi reelixido Roberto García como secretario xeral. Dende alí, o líder dos socialistas galegos subliñou que “falar do medio rural é falar do 90 % do noso territorio”, polo que recalcou que “apostar por Galicia é apostar polo rural”. En concreto, reclamou “os mesmos dereitos” para quen vive nas cidades galegas e para quen vive nos pobos e vilas.
Precisamente por iso lamentou Gonzalo Caballero que os anos de goberno de Feijóo caracterizáronse polo “abandono, o despoboamento e o desequilibrio territorial” de Galicia. En fronte, garantiu que “o PSdeG será un aliado de UU.AA. na tarefa de construír a Galicia do futuro contando co medio rural”.
Ao fío disto, o máximo responsable do PSdeG puxo o foco nas necesidades dos sectores primarios e das dificultades que están atravesando. De feito, sinalou que “cada ano pechan en Galicia unhas 600 explotacións” e que Galicia “ten só o 21% do territorio como superficie agraria útil mentres España ten máis do dobre, o 46%”.
Así, esixiu á Xunta mecanismos que garantan que os gandeiros cobren “un prezo xusto” polo leite e que traballe por “unha boa PAC” para Galicia, máxime logo de que deixara sen investir 56 millóns de euros doutros períodos da PAC por non ser quen de executalos en tempo.
“O goberno de España conseguiu en Bruxelas un acordo razoable”, apuntou Gonzalo Caballero, para chamar a que se teña en conta agora a estrutura territorial de Galicia e a súa falla de superficie agraria. Ademais, advertiu de que “a PAC ten que ser para quen traballa a terra e non para gandeiros de salón”.
Datos reais sobre a poboación de lobos
En paralelo, requiriu ao goberno galego “datos reais” sobre as poboacións de lobos en Galicia e sobre a caza desta especie.
Tras sinalar que “somos ecoloxistas” e por iso “defendemos a conservación das especies”, deixou claro que os gandeiros non poden ver “ameazado” o seu xeito de vida. Así é que sinalou que calquera cambio na regulación deberá facerse con “consenso” entre as partes e poñendo “fondos” que compensen eventuais perdas dos sectores primarios.
ENCE
En paralelo, Gonzalo Caballero abordou a situación de ENCE, e instou a Feijóo a “condenar” o ocorrido porque “nós respectamos a defensa pacífica dos dereitos dos traballadores, pero non é aceptable tentar intimidar ou usar a violencia”. “O PP non pode ser o paraugas que ampare a extorsión contra o goberno de España”, remachou.
Canto á situación da planta, recordou que “o goberno de Mariano Rajoy firmou unha prórroga da concesión que está xudicializada”, pola que “debera desculparse”, de xeito que será unha sentenza a que “aclare o futuro da factoría”.
Mentres, profundou o líder socialista, “a Xunta ten competencias en materia industrial”, polo que “ten que traballar para garantir a viabilidade da actividade e do emprego” en Galicia. “É hora de que a Xunta faga política industrial”, incidiu, para esixir que o goberno galego “sume” na mesa convocada polo executivo estatal para dar solucións de futuro a Ence. “Ten que ser parte da solución e non do problema”, concluíu.
O Revitaliza vai modificar no próximo pleno da Deputación a súa ordenanza de compostaxe local para que os concellos dean un “salto adiante” na xestión dos seus biorresiduos. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen subliñou que con esta normativa e outras medidas en marcha, preténdese acelerar o tratamento da fracción orgánica na provincia.
Esta iniciativa provincial xurde nun momento especialmente relevante no eido dos residuos en xeral, dixo Mosquera, xa que a normativa está a variar cara á implantación dun sistema de economía circular no que se fomenten a autosuficiencia, a proximidade (quilómetro cero), a responsabilidade ampliada das e dos produtores, a xerarquía de residuos e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Por iso, e tendo en conta que as cifras de reciclaxe e reutilización están moi lonxe dos parámetros requiridos, dende a Deputacion búscase proporcionar aos gobernos locais os instrumentos necesarios para cumplir a normativa tanto europea como estatal e galega.
O vicepresidente destacou, de feito, que “o Revitaliza está absolutamente alineado, pero total e absolutamente, cos principios da normativa marco da Unión Europea e ca lexislación estatal española e galega. Está metido, integrado na quinta esencia dos principios da política europea”.
O nacionalista quixo saír así tamén ao paso das declaración da Xunta de Galicia en relación ao futuro financiamento dos sistemas de tratamentos de residuos por parte da Unión Europea. O goberno galego anunciou nos días pasados que supostamente o Ministerio de Transición Ecolóxica advertira de que si apoiaría sistemas como Sogama, mais ningún tratamento mecánico biolóxico.
Mosquera, sen embargo, explicou que para a UE hai unha xerarquía de principios sobre os residuos clarísima na que primeiro vai a prevención, e logo a reutilización e reciclaxe, como partes nobles do tratamento de residuos. Despois, engadiu, están a valorización, incluída a enerxética (na que se inclúe Sogama), e a eliminación en vertedoiro: “Tanto o queimar o lixo como elimínalo en vertedoiro son as últimas, menos valiosas e as que hai que reducir e prácticamente facer desaparecer”, insistiu.
“A mensaxe que quero lanzar é que separación e reciclaxe son os principios do tratamento dos residuos para que os residuos volvan ser un ben, para que volvan meterse no circuito produtivo, na terra, no que se chama economía circular, e para iso é fundamental a separación en orixe e a reciclaxe. Eses son os principios do Revitaliza que este ano lle imos dar un impulso para poder apurar máis”, apuntou.
Con esta explicación por diante, Mosquera subliñou que as declaración do goberno galego veñen a afirmar un desecoñecemento profundo da situación. “Pódese entender desas declaracións da Xunta que entre os sistemas alternativos –non apoiados- tamén estaría o Revitaliza, o que é algo moi sorprendente. Quero entender que quen falou non sabía exactamente o que lle estaban dicindo. Entendeuno como lle pareceu e aproveitou para meterse ou soltar unha pulla colateral que o único que fai é retratalo porque nin coñece a normativa europea, a directiva marco 2008, nin a modificación desa directiva, nin o paquete de economía circular de 2015, nin a lei básica do 2011… ou se as conoce non as entendeu para nada”, sentenzou.
Concellos Revitaliza
Nestes momentos hai 47 concellos adheridos ao Plan Revitaliza en diferentes fases. Nove deles (Vilaboa, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Grove, Tomiño, Valga, A Illa de Arousa e Pontevedra, xa co seu propio plan). Todos eles verán ‘revolucionada’ a súa estratexia de residuos coa nova normativa do Revitaliza.
Os concellos que comezaron a ‘aventura Revitaliza’ en 2015 foron Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.
En xullo de 2017 adheríronse Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cuntis, O Grove, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.
En novembro de 2017 abriuse unha nova quenda de adhesión, na que se incorporaron os concellos de Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas e Sanxenxo; en 2018 uníronse os concellos de Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces, e decidiron dar o salto á implantación global A Illa de Arousa, Bueu, Cangas e Moaña (como mancomunidade), Poio, Ponteareas, Tomiño e Valga; en 2019 formalizaron a súa adhesión ao Plan Revitaliza os concellos de Marín e Meis e no 2021 o concello de Meaño.
O BNG vén de presentar nos concellos de Covelo e Mondariz unha moción en defensa da Serra do Suído e o Alto Tea. O deputado do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará, que acompañou na presentación desta iniciativa ao alcalde en Mondariz, Xosé Emilio Barros, e ás concelleiras en Covelo, Laura Santiso e Belén Carballo, considerouna unha iniciativa “en defensa do territorio, da poboación e do seu futuro”, e informou de que foi rexistrada tamén en forma de proposición non de lei no Parlamento Galego.
Segundo indicou Luís Bará, “trátase dunha iniciativa que parte da idea de que o Suído é un territorio bendicido pola natureza e a historia, un territorio que posúe enormes recursos e valores ambientais, sociais, hídricos e paisaxísticos”. O BNG asegura que ante esta realidade existen dúas opcións, “a opción pola que aposta o Partido Popular, extractiva e depredadora destes recursos para poñelos en mans de grandes empresas que queren espoliar a nosa riqueza ou o modelo alternativo que defende o BNG, de desenvolvemento autocentrado e sustentábel do territorio”, sinalou o deputado nacionalista.
Ante o que cualificou de “opción destrutiva e devastadora que defende o PP e supón a industrialización do monte con parques eólicos e gravísimos impactos sociais e ambientais”, Bará concretou até oito propostas do BNG con respecto á Serra do Suído, que a formación nacionalista defenderá nas diferentes institucións.
O alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, conversa con Luís Bará
En primeiro lugar, o Bloque propón “a paralización cautelar destes proxectos de industrialización do monte polas súas gravísimas repercusións e impacto en ecosistemas e hábitats declarados de interese prioritario, ao tempo que se abra un proceso de información e participación sobre estes proxectos e as alternativas que hai que defender para o futuro dos concellos da serra”.
Así mesmo, o BNG propón a declaración da Serra do Suído como Lugar de Interese Comunitario e que se amplíe a Rede Natura do Río Tea incluíndo o Alto Tea e integrando esta Serra. Ademais, a formación nacionalista propón que se declaren reservas naturais fluviais os leitos dos ríos que nacen na Serra do Suído, “tendo en conta a importancia desta Serra como reserva hídrica que abastece un amplo territorio”, indicou Bará.
Realizar un inventario e catalogación do patrimonio cultural da gran riqueza de toda a serra e declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) na modalidade de paisaxe cultural o patrimonio etnográfico da Serra son outras das propostas do BNG, que lembra que se trata “dun patrimonio único construído coa técnica da pedra seca, da cachotería, declarada patrimonio da humanidade pola Unesco”.
Por último, o BNG manifesta a necesidade de elaborar “un plan de desenvolvemento e dinamización do territorio do Suído e do Alto Tea, en coordinación cos concellos, con participación social e prevendo investimentos plurianuais coa participación da Xunta, das Deputacións e dos propios concellos”.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.854 deles 1.084 son da área da Coruña, 212 da de Lugo, 196 da de Ourense, 306 da de Pontevedra, 505 da área de Vigo, 321 da de Santiago e 230 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 78 están en UCI, 245 en unidades de hospitalización e 2.531 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 109.518 persoas curadas, rexistrándose 2.290 falecementos. O número de PCR realizadas é de 1.752.997.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais. A listaxe completa dos colexios de Galicia pode consultarse e descargarse dende esta ligazón.
O Concello de Redondela ultima, nestes días, as obras de mellora e ensanche do camiño Casal do Monte, na parroquia de Saxamonde, unha actuación subvencionada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra contou para a súa execución cun orzamento de 103.608 euros.
Os traballos realizados permitiron o ancheado da vía nun treito de aproximadamente 400 metros –con inicio no entronque co camiño da Vía Vella– para conseguir un viario cun ancho mínimo de 5,5 metros e que logo foi cuberto cunha capa de asfalto de 6 centímetros. Conséguese dese xeito, tanto co ensanche coma co posterior asfaltado, mellorar non só á accesibilidade para os peóns senón tamén unha mellora substancial da seguridade para os vehículos.
A obra incluíu tamén a limpeza de todos os elementos de drenaxe da vía –cunetas e canalizacións– e o revestimento da cuneta en formigón. Amais de limpar as canalizacións obstruídas, executáronse outras novas naqueles puntos estreitos da vía que carecían deles, de xeito que se da continuidade ao drenaxe horizontal.
Tal e como tiña adiantado no seu momento a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, á veciñanza, o proxecto incluíu a construción de muros de contención, cunha altura máxima de 4 metros e situados a 4 metros do eixo da vía “ “de cara minorar a afección de parcelas privadas”.
As obras, estarán rematadas nos vindeiros días nos que se colocará a sinalización vertical e se rematarán os pequenos detalles. Doutra banda, Digna Rivas explicou que, nestes momentos está en trámite a redacción do novo proxecto da obra de ampliación da ponte para adaptala a situación actual –unha parte da obra xa está feita– e que quedara en suspenso pola quebra da empresa encargada dos traballos.
Desde unha perruquería canina móbil ata unha clínica de acupuntura, así de variopintos e singulares son os novos negocios nacidos en Mos en tempos de pandemia, moitas veces nada convencionais pero que cubren un oco importante nestas épocas complexas. O nexo común de todos eles é ter sido titorizados desde o Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Axencia de Colocación do Concello de Mos e que os seus creadores son veciños de idade moza da localidade mosense.
Mayra Adón, de 35 anos e veciña da parroquia de Dornelas, é a creadora de FurgoCan, unha perruquería canina móbil que foi o primeiro dos negocios innovadores mosenses desta pandemia. Botou a andar ao comezo da crise sanitaria.
Mayra asegura estar “moi contenta coa boa acollida que estou a ter, moito mellor do que esperaba, aínda que a conciliación da vida familiar e laboral dificúltame traballar en horario de tarde, estou atendendo unha media de 15 citas semanais; o que fan 60 servizos ao mes. Polo que non me podo queixar”, dí esta emprendedora que destaca que os tratamentos caninos máis demandados na súa perruquería móbil a domicilio son baño e corte de cans pequenos, sobre todo yorkshires.
Pola súa banda Iago Troncoso, con 34 anos de idade, decantouse por unha clínica de terapias alternativas e o pasado 1 de febreiro de 2021 abriu as portas de ‘Acupuntura y Terapias Manuales Iago Troncoso’ en Estrada As Pozas 2 A.
Iago Troncoso na súa clínica de Acupuntura e Terapias Manuais
Ao igual que Mayra, Iago está “satisfeito co resultado que polo de agora está a ter a clínica. Concerto unha media de entre 10 e 15 citas á semana, o que está moi ben nos tempos que corren e cando fai pouco máis dun mes que estamos abertos. Entre o 70 e o 80% do meu traballo céntrase na acupuntura, aínda que tamén ofrezo osteopatía estructural e quiromasaxe”, explica, ao tempo que comenta que os clientes que tiña de antes, doutros municipios, non se animan a desprazarse ata aquí para realizar os seus tratamentos, se ben alédase da boa acollida que está a ter entre a veciñanza mosense, na que percibe un progresivo ascenso.
Aínda que lonxe de ser orixinal ou innovador, un negocio que demostra unha gran valentía por parte da emprendedora que decidiu poñela en marcha é o Bar Miro Pereira en Petelos. Nun momento no que a hostalería é un dos sectores máis castigados pola crise sanitaria, a valente Asunción Ríos, abre en decembro de 2020 o seu bar cafetería na Rúa da Autovía 84.
Dadas as circunstancias excepcionais que atravesa a hostalería, Asun a diferencia de Mayra e Iago, comenta que “a afluencia de clientela é aínda frouxiña”, aínda que con optimismo asegura que “espero que a situación se recupere e o público aumente pouco a pouco”. Respecto do cumprimento das medidas anti COVID por parte dos seus clientes explica que “os habituais son os máis cumpridores, os esporádicos reláxanse máis”.
Ademais destes 3 proxectos de emprendemento durante esta crise sanitaria abríronse outros 4 novos negocios, unha peixería en Peinador, un proxecto de formación infantil e innovación pedagóxica que inclúe educación en arquitectura para a infancia e a adolescencia, un Centro Holístico Chi, un centro especialista en Nutrición e Dietoterapia e unha empresa de informática e programación. 7 novos negocios no último ano en Mos aos que se suman os 6 emprendedores que están a traballar nestes intres nos seus respectivos proxectos da man do Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Axencia de Colocación de Mos para poder poñelos en marcha nun futuro.
Desde o Concello, a alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego felicitan “a todos estes emprendedores e emprendedoras por quedar en Mos e apostar por Mos para asentar os seus negocios, por contribuir ao crecemento empresarial e económico do noso municipio” e danlle as grazas “pola valentía de emprender en tempos de COVID, de crise sanitaria e económica, en tempos de incertidume nos que a súa aposta decidida polo emprendemento demostra que son uns auténticos valentes e un orgullo e unha honra para este Concello”
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui necesita máis voluntarios para continuar co seu labor altruísta. Para iso ten en marcha unha campaña de captación de voluntarios, xa que na actualidade e tras unha actualización da lista de persoas pertencentes a este colectivo, contan só con 12 voluntarios/as en activo.
O obxectivo é captar novos integrantes voluntarios e así poder formar un retén que serva de apio, axuda e colaboración en situacións de emerxencias a bombeiros, sanitarios, policía, … durante as 24 horas.
As persoas voluntarias deben ser maiores de 18 anos, tamén poden colaborar con 17 anos con autorización dos pais /nais. A idade máxima para colaborar coa agrupación é 65 anos. Os novos voluntarios deben facer un curso básico de iniciación e grazas a súa integración na agrupación poden optar a facer algún dos diferentes cursos que ofrece a Academia Galega de Seguridade Pública. Os interesados poden solicitar máis información no teléfono da asociación, 619 455 963, ou no correo electrónico [email protected].
O Plan Revitaliza da Deputación vai colaborar esta fin de semana nunha nova actividade de reforestación de monte, neste caso no Concello de Salceda de Caselas e organizada pola Sociedade Galega de Historia Natural e a Asociación de Veciños de San Xurxo. A iniciativa vaise realizar nunha parcela de monte pertencente a comunidade de Montes de San Xurxo e pretende dotar de entramado vexetal a zonas afectadas pola vaga de incendios que asolaron a zona no 2017 e que que pouco a pouco van repoboándose de vida.
As árbores que se plantarán son especies autóctonas que foron doadas pola Sociedade Galega de Historia Natural e proveñen do viveiro que ten a Escola de Capataces de Lourizán.
O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra e o Concello de Salceda de Caselas colaborarán achegando o compost que se vai utilizar para fertilizar a plantación e dando soporte con medios materiais. O compost provén dos centros de compostaxe comunitarios situados no centro urbano do municipio.
A actividade vaise celebrar mañá domingo día 14 de marzo, no barrio da Bouzavedra en Salceda de Caselas. Para inscribirse ou recibir información as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa asociación a través dos correos electrónicos [email protected] e [email protected].
O Concello de Nigrán humanizará por completo a rúa Gaivota que discurre polo centro de Panxón para crear un espazo de mobilidade amable acorde cos principios da rede ‘Ágora’ de Deputación de Pontevedra que, precisamente, subvenciona a execución deste tipo de obras. Deste xeito, o proxecto do goberno local calcula un investimento de 232.600 € a cargo do Remanente de Tesourería (restando a parte que finalmente resulte subvencionable) para dar un xiro radical na imaxe desta rúa chea de socavóns, tramos sen aglomerado e infinidade de tendido aéreo. O obxectivo é crear un núcleo urbano cunha estética homoxenea e coidada, xa que pasada a tempada estival a zona de tráfico rodado do paseo marítimo (paralelo a Gaivota, a escasos metros) tamén será acondicionado con adoquinado (os traballos posporanse ao verán para non interferir con ese momento de gran afluencia de visitantes).
“Trátase dunha rúa que discorre polas antigas casas dos mariñeiros, no núcleo de Panxón, e que se atopa nun estado calamitoso, polo que queremos humanizala por completo cunha nova imaxe moi coidada e acorde á contorna na que se atopa”, explica o alcalde, Juan González.
Así, o proxecto contempla o troco do pavimento de aglomerado asfáltico por adoquinado en pedra, diferenciándose visualmente en cada lado a zona peonil da de tránsito de vehículos e mantendo un ancho de calzada fixo de 2,5 metros. Ademais, renovarase por completo a rede de saneamento e abastecemento e trocarase o alumbrado mediante tecnoloxía LED en novos báculos e luminarias (actualmente a rede está baseada en puntos de luz ancorados en fachadas ou postes da rede aérea de electricidade, afeando moito a contorna a presencia de múltiple tendido aéreo). Grazas ao empredo de LEDs aumentará a eficiencia enerxética e o aforro grazas a súa longa vida e escaso mantemento. Finalmente, reporanse as sinais verticais e engadirase unha de ‘Rúa Pacificada’ no punto de acceso do tráfico rodado.
“Esta rúa residencial dará, sen dúbida, un salto en calidade ao emprenderse unhas obras consecuentes coa súa singularidade e acordes coas que despois do verán se levarán precisamente no paseo de Panxón, a escasos metros”, resume o alcalde, Juan González. Así, o Concello iniciará despois da tempada estival o acondicionamento da zona de rodadura do paseo marítimo de Panxón tamén mediante adoquinado e orzamentada en 122.300 € (incluída no Plan Concellos 2020). “É un tramo que se atopa nun estado calamitoso, provocando caídas contínuas de peóns, polo que tras anos e anos realizando parches compre dar solución definitiva a este problema que existe practicamente desde a orixe do empedrado co conseguinte malestar veciñal; é ademais un dos principais escaparates de Nigrán e presenta unha imaxe negativa que ao fin se solucionará “, explica. A actuación comprende o levantamento das lousas dispostas (moitas delas rotas e descolocadas provocando non só as caídas de peóns, se non tamén ruído no tránsito de vehículos e dificultade na conducción) repoñéndoas por adoquinado de pedra de 15 cm de espesor (13x13x10 cm). Esta obra de mantemento e conservación de firme comeza no entronque do paseo marítimo coa rúa Mariñeiro e finaliza na Travesía Ciudad de Vigo no encontro con Camiño do Regueiro.
Todos os concellos de Galicia sitúanse no nivel medio de restricións, agás A Mezquita, Boborás, Vilardevós, Pontecesures e Paradela que quedan no nivel máximo e Sobrado, Soutomaior, Arteixo e Chantada que están no nivel alto.
Así o anunciou onte o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ven de informar en rolda de prensa celebrada na Coruña, das conclusións ás que chegou o subcomité clínico, logo da xuntanza mantida esta mañá. Ademais concretou que os concellos de Bóveda, Castroverde, Carballeda de Avia, Coles, Leiro e Maside van estar en especial vixilancia.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado por Cristina Pérez, xefa territorial da Consellería de Sanidade na Coruña, e do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, incidiu na situación preocupante da área sanitaria coruñesa, que aínda así mantén a súa actividade asistencial, realizando máis de 500 intervencións cirúrxicas nos últimos días.
García Comesaña destacou, o elevado número de cribados que se están a levar a cabo na cidade, coas máis de 2.000 PCR realizadas onte ou co cribado específico de mostras de saliva procesadas por PCR ao que se vai convocar moi pronto a unha pare importante da poboación.
O máximo responsable da sanidade pública galega anuncio así mesmo que, á maior brevidade posible, e en colaboración con AENA, comezarán a facerse tests de antíxenos no aeroporto de Alvedro aos viaxeiros que así o desexen. Posteriormente estas probas tamén se lles ofrecerán aos viaxeiros que cheguen por tren á Coruña.
Continuando coas medidas que se van poñer en marcha na área sanitaria da Coruña e Cee, o conselleiro informou da participación das oficinas de farmacia da provincia da Coruña nas probas de detección por saliva da covid dende a semana que ven.
Galicia continúa como primeira comunidade no número de probas
Como ven sendo habitual, tamén participou na rolda de prensa a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Segundo referiu, continúa o descenso da incidencia da covid, cunha diminución, na incidencia a sete días, do 19%, e do 29% de descenso a 14 días. Na actualidade, a incidencia acumulada a 7 días en Galicia sitúase en 35 casos por 100.000 habitantes e a 14 días en 83 casos por 100.000 habitantes.
Durán Parrondo recordou que Galicia segue a ser a comunidade autónoma que máis probas diagnósticas está a realizar cun total de 3.365 por 100.000 habitantes respecto da media española que se sitúa nas 1.660. Nos sete primeiros días de marzo fíxeronse un total de 93.545 probas, das que máis de 44.000 foron test de antíxenos.
O xerente do Sergas, José Flores Arias, informou pola súa banda, que a ocupación das camas de hospitalización sitúase está nun 3,7% cunha caída do 16% nunha semana A ocupación das camas de críticos é do 14,2 %, cunha caída do 20% nunha semana. Subliñou tamén que o 061 recibe unha media de 2.700 chamadas diarias, da que aproximadamente un 10% están relacionadas coa covid-19.
O membro do comité clínico, Pedro Rascado, quixo facer un chamamento ao cumprimento das medidas de seguridade básica incidindo de xeito especial nas vindeiras semanas. Segundo dixo, hai que continuar mantendo a prudencia no referido a mobilidade, restrinxíndoa ás situacións imprescindibles e reducindo na medida do posible as relacións sociais fóra do ámbito dos conviventes.
O Concello de Ponteareas vén de iniciar o proxecto de recuperación da toponimia no seu territorio. O goberno local botou a andar este ambicioso proxecto, que iniciou na parroquia de Xinzo, e percorrerá todas as parroquias ponteareás co obxectivo de recoller e recuperar os nomes que identifican os lugares e para evitar a perda desta gran riqueza patrimonial.
Na presentación do proxecto, xunto ao persoal do Departamento de Lingua, participaron a alcaldesa en funcións Cristina Fdez. Davila e o concelleiro de Lingua, Fernando Groba Bouza, así como os vicedirectores do Instituto de Estudos Miñoráns, Xilberte Manso de la Torre e Xosé Lois Vilar Pedreira, expertos en Toponimia que colaboran de forma altruísta no asesoramento desta iniciativa.
A necesidade de levar a cabo este proxecto, segundo informou o edil de Lingua, “nace perante o perigo de desaparición de microtopónimos, tanto no medio rural coma no urbano, tal como se constata desde a Comisión de Toponimia da Real Academia Galega”. “Moitos nomes de lugares só existen na fala ou na memoria das persoas de máis idade e, cando estas desaparecen, ao non ser usados nin coñecidos estes topónimos pola poboación máis nova, esta riqueza patrimonial desaparece”, indica Groba. “A transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. No entanto, aínda estamos a tempo de frear e evitar tal deterioro”, subliña o concelleiro nacionalista.
Por iso, cómpre, desde a Administración local, pór os medios necesarios para a recuperación dos topónimos para así salvagardar este riquísimo patrimonio cultural, gravemente ameazado e que corre o risco de perderse, unha vez que as persoas coñecedoras deste patrimonio desaparezan.
“A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva”, concluíu Fernando Groba.
A executiva do PSDeG-PSOE A Guarda presentou onte no Concello unha moción sobre a gratuidade da AG-57 e o tramo de Puxeiros da AP-9, para mellorar as comunicacións do municipio guardés coa súa cidade de referencia, Vigo. A secretaria seral da agrupación guardesa, Montserrat Magallanes, explicou que “na moción solicitamos a gratuidade das dúas peaxes que nos permiten chegar con maior premura a Vigo, a do tramo da AP-9 en Puxeiros e a AG-57 do Val Miñor, asi como a finalización, dunha vez por todas, da VAC entre A Guarda e Tui”.
As e os socialistas esixen a gratuidade do tramo da AP-9 Tui–Vigo “xa que por traballo, estudos ou calquera outra necesidade, moita xente recurre a el para chegar antes, debido tamén a falta de seguridade no tramo gratuito que discorre en paralelo. Este tramo da AP-9, do que esiximos a gratuidade, é o terceiro máis caro en €/km percorrido.”
Por outra banda, no caso da AG-57, que pasa polo Val Miñor “é unha vía de referencia para chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro, nun tempo razonable e en mellores condicións de seguridade viaria, polo que entendemos que tamén debería ser gratuito.”
Por último, a moción tamén volve recoller a finalización, sen máis atrasos por parte da Xunta de Galicia da Via de Alta Capacidade entre A Guarda e Tui, “unha demanda histórica da nosa agrupación, como pilar do desenvolvemento social e económico da nosa vila e contorna. Levamos máis de cinco anos reclamándolle á Xunta de Nuñez Feijoo que remate dunha vez esta infraestructura”
O Concello de Tui continua coa aposta pola compostaxe tanto comunitaria coma doméstica. Hai un días recibíronse 50 composteiros individuais que van ser distribuídos entre as persoas que tiñan solicitado este material nos últimos meses e que estaban en lista de agarda. Deste xeito serán xa máis de 200 as vivendas tudenses que conten cun composteiro individual. Este ano o concello ten previsto adquirir 300 novos composteiros individuais grazas á subvención en materia de residuos orgánicos concedida pola Xunta de Galicia con fondos Feder. En concreto esta é unha das accións previstas para este 2021 grazas a esta achega, que en 2020 financiou xa a adquisición dunha biotrituradora, e a campaña de comunicación do Plan de Compostaxe Municipal coa creación do logotipo, imaxe corporativa e paneis informativos para os centros de compostaxe comunitarios.
Os 50 novos composteiros recibidos hai uns días serán entregados en charlas técnicas nas que a veciñanza coñecerá as claves para realizar correctamente a compostaxe. A entrega dos composteiros realízase en termos de cesión de uso do composteiro para que tanto a administración local como as/os usuarias/os se corresponsabilicen do correcto uso do mesmo.
Por outra parte dende o Concello estase realizar unha campaña de recuperación de datos daqueles composteiros que pode ter a veciñanza e que non están rexistrados na base de datos actual. Por este motivo faise un chamamento a aquelas persoas que conten cun composteiro non rexistrado para que se poñan en contacto coa mestra composteira no teléfono 687 24 99 53 ou no correo [email protected]. Deste xeito poderase contar cos datos actualizados de xestión por compostaxe o que permitirá demostrar que Tui é un concello que recicla. Amais as persoas que se rexistren contarán con asistencia e apoio técnico por parte da mestra composteira municipal.
Dende o Concello de Tui tense constatado nos últimos meses un aumento na demanda de composteiros individuais. Aquelas persoas que desexen solicitar un poden cubrir a solicitude dispoñible no apartado de Medio Ambiente na web municipal tui.gal.
Na actualizade estímase que nos composteiros individuais rexistrados na base de datos do concello están a xestionar por compostaxe 140 toneladas de residuos orgánicos.
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño reuniu, este venres por videoconferencia, con cinco eurodeputados de Portugal e Galicia para presentar la dinámica da fronteira do Alto Miño/Galicia e dando a coñecer os impactos e as preocupacións subxacentes á restrición de libre circulación de persoas, provocada polo peche de fronteiras debido á pandemia Covid-19. Manifestándose sensíbeis coa problemática, os eurodeputados consideraron xustas as reivindicacións deste territorio transfronteirizo e mostraron dispoñibilidade para expor o asunto ao Parlamento Europeo, en particular a cuestión das compensacións económicas e de estímulo á reactivación das actividades empresariais, comerciais e turísticas.
Convocada polo AECT Río Miño, a reunión contou coa presenza do director do AECT do Río Miño e alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira; do vicedirector e deputado delegado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez e dos representantes portugueses no Parlamento Europeo, –José Manuel Fernandes, (PSD) e João Ferreira, (PCP)–; e de Galicia –Francisco Millán Mon, do PP; un representante de Nicolás González Casares, do PSOE; Ana Miranda en representación do grupo Os Verdes ALE e Maria Manuel Rola, deputada nacional en representación das eurodeputadas do BE–.
O director e vicedirector do AECT Río Miño fixeron un exposición da intensa e permanente cooperación transfronteiriza entre os territorios do Alto Miño e Galicia a nivel sociocultural, pero sobre todo económico. Fernando Nogueira e Uxío Benítez salientaron os prexuízos contabilizados polo profesor da Universidade de Vigo, Xabier Cobas, no seu estudo referente ao primeiro confinamento, e apelaron á importancia da Comisión Europea a ter en conta este este exemplo e debater solucións compensatorias, como mecanismos para evitar a repetición deste escenario inexplicábel para traballadores transfronteirizos e de empresarios.
Entre as accións acordadas, os cinco eurodeputados expresaron total disposición para presentar unha iniciativa no seo do Parlamento Europeo para que a Comisión Europea poida transmitir aos estados membros a singularidade das zonas transfronteirizas, e as consecuencias do peche de fronteiras. Unha das peticións é a necesidade de estabelecer mecanismos de compensación a través dos fondos europeos e dos planos de resiliencia aos territorios que están a ser dobremente afectados pola pandemia e polo peche de fronteiras.
Coa intención de acompañar a evolución desta situación, os intervenientes manifestaron interese en volver a reunirse, creando unha canle de comunicación permanente entre AECT Río Miño e os eurodeputados; tamén colocouse sobre a mesa a posibilidade dunha comitiva composta polos europarlamentarios para visitar os concellos do Alto Miño/Galicia, coñecer in situ a realidade e contactar con algúns dos testemuños de persoas afectadas.
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o xoves día 25 de marzo.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o xoves 25 en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:30h a 21:00h.
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e distribución.
Nos seguintes enlaces encontrará información sobre a doazón de sangue e os requisitos de saúde para participar, que rogamos difundan polos seus canles de comunicación. Cada día os hospitais galego precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade, e a súa colaboración é fundamental.
Para maior seguridade, pide a túa cita previa para doar no 900 100 828.
Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas
Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar
Informe ao médico se está a tomar algún medicamento
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana as datas para a realización dos exames ordinarios teóricos e prácticos para obter os títulos que permiten manexar embarcacións de lecer e motos náuticas en Galicia. As titulacións para as que se convocan os exames son patrón para a navegación básica, patrón de embarcación de lecer, patrón de iate, capitán de iate e patrón de motos náuticas A e B. Para optar a elas realizaranse exames teóricos e prácticos nos centros oficiais de ensino pesqueiro da Consellería do Mar.
No caso de patrón para a navegación básica, os exames teóricos realizaranse o 10 de maio e o 6 de setembro; as probas teóricas de patrón de embarcación de lecer serán o 11 de maio e o 7 de setembro; e as de patrón de iate realizarase os días 12 de maio e 8 de setembro. Os exames prácticos destas tres titulacións realizaranse o 14 de maio e o 10 de setembro e todas estas probas terán lugar no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e nas Escolas Oficiais Náutico-Pesqueiras de Ferrol e Ribeira.
En relación aos exames de capitán de iate, o teórico realizarase o 13 de maio e o 9 de setembro, e o práctico terá lugar o 14 de maio e o 10 de setembro. Os exames teórico e práctico de patrón de moto náutica A e B serán o 13 de maio nunha única convocatoria. Estas probas de capitán de iate e de patrón de moto náutica A e B realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.
As persoas interesadas en presentarse aos exames teóricos e prácticos deberán solicitar a súa admisión mediante unha solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde realizará o exame. O modelo de solicitude figura como anexo I da resolución que publicou o xoves desta semana o DOG. Ademais na resolución poderán consultar os requisitos necesarios e a documentación complementaria que debe presentar coa solicitude. Para a convocatoria de maio poderán inscribirse do 5 ao 16 de abril, ambos incluídos, e para a de setembro o período de matrícula é do 12 ao 23 de xullo, ambos incluídos.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro nomeará os tribunais para a realización das probas, e indicará as horas dos exames no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.
Dada a situación sanitaria derivada da covid-19, e no caso de que nun ou en varios dos centros de ensino exista un número elevado de persoas inscritas para algunha das probas convocadas, poderase realizar o exame en varias quendas. Neste caso, unha vez publicada a lista definitiva de admitidos/as no portal web de formación da Consellería do Mar e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino, comunicaráselle ás persoas interesadas as quendas nas que se realizarán as probas.
A continuación móstranse as datas dos exames e os centros onde se efectuarán, tanto na súa convocatoria de maio coma na de setembro. Cabe recordar que, no caso de patrón de moto náutica A ou B, non hai convocatoria de setembro.
Convocatoria de maio de 2021
Titulacións
Exame teórico
Exame práctico
Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos
Patrón/Patroa para Navegación Básica
10 de maio
14 de maio
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Avda. Beiramar, 55, 36202-Vigo Teléf. 886110825 / 886110826 Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (R/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405-Ferrol. Teléf. 881938212 / 881938213) Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (R/ dos Estudantes, 7, 15960-Ribeira. Teléf. 881866317 / 881866324)
Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer
11 de maio
14 de maio
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Patrón/Patroa de Iate
12 de maio
14 de maio
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Capitán/Capitá de Iate
13 de maio
14 de maio
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo
Patrón/Patroa de Moto Náutica “A” ou “B”
13 de maio
13 de maio
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo
Convocatoria de setembro de 2021
Titulacións
Exame teórico
Exame práctico
Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos
Patrón/Patroa para Navegación Básica
6 de setembro
10 de setembro
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Avda. Beiramar, 55, 36202-Vigo Teléf. 886110825 / 886110826 Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (R/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405-Ferrol. Teléf. 881938212 / 881938213) Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (R/ dos Estudantes, 7, 15960-Ribeira. Teléf. 881866317 / 881866324)
Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer
7 de setembro
10 de setembro
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Patrón/Patroa de Iate
8 de setembro
10 de setembro
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Capitán/Capitá de Iate
9 de setembro
10 de setembro
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo
Exames extraordinarios
Esta semana tamén se publicaron no DOG as datas para a realización dos exames extraordinarios teóricos das titulacións para o goberno de embarcacións de lecer. Estas probas extraordinarias son as que están destinadas ao alumnado matriculado nas escolas de navegación de lecer homologadas. Neste caso hai tres convocatorias e son estes centros os que se encargan dos trámites para poder presentar ao seu alumnado aos exames.
Para a convocatoria de abril destas probas as escolas de navegación de lecer poden inscribir ao seu alumnado desde o pasado venres ata o 16 de marzo, incluído; para a de xullo entre o 31 de maio e o 11 de xuño, ambas datas incluídas, e para a de decembro, o período de matrícula é do 25 de outubro ao 8 de novembro, ambos incluídos.
A continuación achéganse as datas destes exames teóricos e os centros onde se efectuarán:
Convocatoria de abril de 2021
Titulacións
Exame teórico
Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos
Patrón/Patroa para Navegación Básica
12 de abril
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Avda. Beiramar, 55, 36202-Vigo. Teléf. 886 110 825 / 886 110 826 Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol R/19 de Febreiro, 30-34, 15405-Ferrol. Teléf. 881 938 212 / 881 938 213 Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira R/ dos Estudantes, 7, 15960-Ribeira. Teléf. 881 866 317 / 881 866 324
Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer
13 de abril
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Patrón/Patroa de Iate
14 de abril
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Capitán/capitá de iate
15 de abril
As persoas interesadas terán que dirixir as solicitudes o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo. O exame realizarase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) Rúa Madrid, 2-4, Fontiñas 15707 -Santiago de Compostela.
Convocatoria de xullo de 2021
Titulacións
Exame teórico
Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos
Patrón/Patroa para Navegación Básica
5 de xullo
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Avda. Beiramar, 55, 36202-Vigo. Teléf. 886 110 825 / 886 110 826 Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol R/19 de Febreiro, 30-34, 15405-Ferrol. Teléf. 881 938 212 / 881 938 213 Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira R/ dos Estudantes, 7, 15960-Ribeira. Teléf. 881 866 317 / 881 866 324
Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer
6 de xullo
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Patrón/Patroa de Iate
7 de xullo
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Convocatoria de decembro de 2021
Titulacións
Exame teórico
Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos
Patrón/Patroa para Navegación Básica
29 de novembro
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Avda. Beiramar, 55, 36202-Vigo. Teléf. 886 110 825 / 886 110 826 Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol R/19 de Febreiro, 30-34, 15405-Ferrol. Teléf. 881 938 212 / 881 938 213 Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira R/ dos Estudantes, 7, 15960-Ribeira. Teléf. 881 866 317 / 881 866 324
Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer
30 de novembro
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Patrón/Patroa de Iate
1 de decembro
Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
Capitán/Capitá de Iate
2 de decembro
Os interesados terán que dirixir as solicitudes ao Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo. Escola Galega de Administración Pública (EGAP) Rúa Madrid, 2-4, Fontiñas 15707 -Santiago de Compostela
A concellería de Formación e Emprego e a concellería de Promoción Económica e Turismo, dirixidas pola socialista Vanesa Fernández Soage e pola nacionalista Eva Gil Solla respectivamente, veñen de poñer en coñecemento de todos os interesados e interesadas que a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa vén de publicar no Boletín Oficial de Pontevedra Núm. 44 a convocatoria pública de axudas para o desenvolvemento de plans de mellora da competitividade do sector turístico no marco do Programa de Competitividade Turística, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
As beneficiarias serán pemes, micropemes e persoas rexistradas no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, da demarcación territorial da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, que se atopen dadas de alta no Censo do IAE, nalgún dos seguintes epígrafes:
SECCIÓN PRIMEIRA: Epígrafes 67, 68, 72, 73, 755 E 98.
SECCIÓN SEGUNDA: Epígrafes 52, 59, 882 e 883.
O texto completo desta convocatoria está ao dispor das empresas na sede da Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Ademais, pode consultarse a través da web www.camarapvv.com. Na devandita dirección poderá descargarse, xunto coa convocatoria, a documentación necesaria para realizar a solicitude.
Segundo informan as concelleiras, a contía das axudas económicas a outorgar con cargo a esta convocatoria é de 84.000 euros, sendo o orzamento máximo por empresa de 7.000 €, que será prefinanciado na súa totalidade pola empresa beneficiaria e cofinanciado por FEDER ao 70%, polo que a contía máxima de axuda por empresa será de 4.900 €.
Estas axudas forman parte do Programa Competitividade Turística, cuxo orzamento máximo de execución é de 104.424 euros no marco do “Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020” e que inclúe os servizos gratuítos de diagnóstico e seguimento.
O prazo para a presentación de solicitudes ábrese o 15 de Marzo ás 09:00 h, ata as 14:00 h do día 31 de xullo de 2021, aínda que o prazo poderá acurtarse no caso de esgotarse o orzamento.
Para calquera información e asesoramento adicional, a concellería de Formación e Emprego pon a disposición a dirección de correo electrónico [email protected] e o teléfono 986 64 0000, ext. 1106.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.