14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas pon en marcha un proxecto para recoller toda a toponimia do...

    Ponteareas pon en marcha un proxecto para recoller toda a toponimia do concello

    O Concello de Ponteareas vén de iniciar o proxecto de  recuperación da toponimia no seu territorio. O goberno local botou a andar este ambicioso proxecto, que iniciou na parroquia de Xinzo, e percorrerá todas as parroquias ponteareás co obxectivo de recoller e recuperar os nomes que identifican os lugares e para evitar a perda desta gran riqueza patrimonial.

    Na presentación do proxecto, xunto ao persoal do Departamento de Lingua, participaron a alcaldesa en funcións Cristina Fdez. Davila e o concelleiro de Lingua, Fernando Groba Bouza, así como os vicedirectores do Instituto de Estudos Miñoráns, Xilberte Manso de la Torre e Xosé Lois Vilar Pedreira, expertos en Toponimia que colaboran de forma altruísta no asesoramento desta iniciativa.

    A necesidade de levar a cabo este proxecto, segundo informou o edil de Lingua, “nace perante o perigo de desaparición de microtopónimos, tanto no medio rural coma no urbano, tal como se constata desde a Comisión de Toponimia da Real Academia Galega”. “Moitos nomes de lugares só existen na fala ou na memoria das persoas de máis idade e, cando estas desaparecen, ao non ser usados nin coñecidos estes topónimos pola poboación máis nova, esta riqueza patrimonial desaparece”, indica Groba. “A transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. No entanto, aínda estamos a tempo de frear e evitar tal deterioro”, subliña o concelleiro nacionalista.

    Por iso, cómpre, desde a Administración local, pór os medios necesarios para a recuperación dos topónimos para así salvagardar este riquísimo patrimonio cultural, gravemente ameazado e que corre o risco de perderse, unha vez que as persoas coñecedoras deste patrimonio desaparezan.

    “A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva”, concluíu Fernando Groba.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.