10.8 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaGonzalo Caballero afirma na clausura do congreso de Unións Agrarias que "apostar...

    Gonzalo Caballero afirma na clausura do congreso de Unións Agrarias que “apostar por Galicia é apostar polo noso rural”

    O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu o venres na clausura do congreso de Unións Agrarias no que foi reelixido Roberto García como secretario xeral. Dende alí, o líder dos socialistas galegos subliñou que “falar do medio rural é falar do 90 % do noso territorio”, polo que recalcou que “apostar por Galicia é apostar polo rural”. En concreto, reclamou “os mesmos dereitos” para quen vive nas cidades galegas e para quen vive nos pobos e vilas.

    Precisamente por iso lamentou Gonzalo Caballero que os anos de goberno de Feijóo caracterizáronse polo “abandono, o despoboamento e o desequilibrio territorial” de Galicia. En fronte, garantiu que “o PSdeG será un aliado de UU.AA. na tarefa de construír a Galicia do futuro contando co medio rural”.

    Ao fío disto, o máximo responsable do PSdeG puxo o foco nas necesidades dos sectores primarios e das dificultades que están atravesando. De feito, sinalou que “cada ano pechan en Galicia unhas 600 explotacións” e que Galicia “ten só o 21% do territorio como superficie agraria útil mentres España ten máis do dobre, o 46%”.

    Así, esixiu á Xunta mecanismos que garantan que os gandeiros cobren “un prezo xusto” polo leite e que traballe por “unha boa PAC” para Galicia, máxime logo de que deixara sen investir 56 millóns de euros doutros períodos da PAC por non ser quen de executalos en tempo.

    “O goberno de España conseguiu en Bruxelas un acordo razoable”, apuntou Gonzalo Caballero, para chamar a que se teña en conta agora a estrutura territorial de Galicia e a súa falla de superficie agraria. Ademais, advertiu de que “a PAC ten que ser para quen traballa a terra e non para gandeiros de salón”.

    Datos reais sobre a poboación de lobos

    En paralelo, requiriu ao goberno galego “datos reais” sobre as poboacións de lobos en Galicia e sobre a caza desta especie.

    Tras sinalar que “somos ecoloxistas” e por iso “defendemos a conservación das especies”, deixou claro que os gandeiros non poden ver “ameazado” o seu xeito de vida. Así é que sinalou que calquera cambio na regulación deberá facerse con “consenso” entre as partes e poñendo “fondos” que compensen eventuais perdas dos sectores primarios.

    ENCE

    En paralelo, Gonzalo Caballero abordou a situación de ENCE, e instou a Feijóo a “condenar” o ocorrido porque “nós respectamos a defensa pacífica dos dereitos dos traballadores, pero non é aceptable tentar intimidar ou usar a violencia”. “O PP non pode ser o paraugas que ampare a extorsión contra o goberno de España”, remachou.

    Canto á situación da planta, recordou que “o goberno de Mariano Rajoy firmou unha prórroga da concesión que está xudicializada”, pola que “debera desculparse”, de xeito que será unha sentenza a que “aclare o futuro da factoría”.

    Mentres, profundou o líder socialista, “a Xunta ten competencias en materia industrial”, polo que “ten que traballar para garantir a viabilidade da actividade e do emprego” en Galicia. “É hora de que a Xunta faga política industrial”, incidiu, para esixir que o goberno galego “sume” na mesa convocada polo executivo estatal para dar solucións de futuro a Ence. “Ten que ser parte da solución e non do problema”, concluíu.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.